* O "dolmen" de Vilouta (Becerreá)

O Dolmen de Vilouta ou Pedra Cobertoira atópase na parroquia de Vilouta, na ladeira da Serra da Pena do Pico, a 850 metros de altitude. É o enterramento prehistórico máis coñecido do concello de Becerreá e un dos máis interesantes da comarca dos Ancares. 

 

Aínda que popularmente se coñece como "O Dolmen", cremos que se trata dunha cista adscrita cronoloxicamente á Idade do Bronce, cunha antigüidade aproximada de 4.000 anos. A diferencia dos enterramentos do Neolítico (mámoas) que tiñan cámara poligonal, composta por cinco ou máis pedras fincadas no chan e estaban ubicados en lugares chairos e dominantes, este de Vilouta posúe cámara cadrada e está situado na ladeira dun monte.

A cámara está formada por tres esteos fincados no chan (dous laterais e paralelos e un terceiro que a pecha pola parte posterior) sobre os que pousa a pedra cobertoira ou tampa. Se todas as pedras de xisto e cuarzo que compoñen o enterramento son impresionantes, a que máis chama a atención é a tampa cunhas medidas na parte máis longa de case 2 metros e un espesor de 0,70 metros e cun peso superior a unha tonelada. A cámara funeraria ten unhas medidas de 1,5 metros cadrados. Apréciase o que puido ser un túmulo, practicamente desaparecido polos labores agrícolas que se efectuaron e aínda se efectúan no lugar.

O estado de conservación deste enterramento é relativamente bo, a pesares de que a tampa e un esteo perderon unha parte. Tamén observamos que, dende a última visita, un dos esteos foi danado.  

Segundo a lenda, a tampa cobertoira foi transportada por unha moura dende un monte próximo que, curiosamente, recibe o nome de A Moura.

 

Ao contrario das mámoas do Neolítico que en Galicia cóntanse por miles, estas cistas da Idade do Bronce son moi escasas, as rara avis da arqueoloxía galega. Ao longo do territorio galego o seu número non chega ni con moito ás cen, e na provincia de Lugo non supera a decena. 

Aínda que na ficha obrante no Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo consta como un dolmen, nós seguimos a crer que se trata dunha cista, e así llo fixemos saber nunha conversa que recentemente mantivemos con eles. Despois diso volveron a estudar o asunto e non desbotan que, en efecto, se trate dun enterramento da Idade do Bronce e non do Neolítico, o único que os fai dubidar é o grosor das pedras en comparación coas doutras cistas do país. Nós argumentamos que iso non ten porque ser significativo xa que non é o mesmo traballar as pedras de granito que as de xisto e cuarzo. 

A pesares de ser moi coñecido no municipio, non foi recollido no rexistro de xacementos arqueolóxicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural ata o mes de febreiro de 2013, coa clave de identificación GA27006037, despois de que dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares nos interesaramos polo temaTamén llo comunicamos ao Concello de Becerreá para que o incluíra no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) xa que non figuraba no mesmo. Nese mesmo ano 2013, guiamos a un numeroso grupo de cativos e cativas, ensinantes e integrantes da Anpa do Ceip de Becerreá ata o enterramento.
 
 

E por último, este elemento patrimonial, entre outros, vai a ser sinalizado, proposta feita polo noso colectivo que foi aceptada polo órgano rector da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses do que formamos parte.


* Unha publicación do noso colectivo

No mes de agosto de 2017, a Deputación Provincial de Lugo editou Historias, lendas e tradicións do concello de Cervantes, unha recompilación feita polo noso colectivo. Aínda que levamos recollidas arredor de 400, no libro achegamos unhas 100. Se ben inserimos as máis coñecidas, a maioría son inéditas e que fomos recollendo da xente nos últimos seis anos.

A primeira edición, de case medio cento de exemplares, agotáronse en dous días, durante o mercado de artesanía celebrado en San Román e a Festa da Involución Educativa que tivo lugar en Doiras, xornadas promovidas e organizadas pola Anpa do CPI de Cervantes.

A Deputación xa quedou en facer unha segunda edición.

 

* Unha vila romana inédita nas Nogais

No pasado mes de maio de 2017, un home (omitimos o seu nome porque así nolo pediu) amosounos unha moeda que hai uns 50 anos lle regalaran uns homes de Ponferrada que andaban a buscar "cousas antigas" pola zona. Contounos que os viu, ao menos, noutras dúas ocasións e sempre marchaban cargados, segundo lembra, con restos de pezas de cerámica, moedas, etc. En arqueoloxía, as moedas son un elemento de moita importancia polo que poidan achegar para datar o contexto onde aparecen. Lamentablemente, a peza que nos amosou o noso informante, ademais de incompleta, tanto no anverso como no reverso as figuras e inscricións apenas se aprecian debido ao forte desgaste. Malia isto, daquelas xa conxecturamos que podería tratarse dunha moeda de bronce de época romana. Tamén nos contou que non moi lonxe apareceran tumbas feitas con laxas descubertas (e destruídas) ao arar a terra. 

Ao longo deste tempo, en varias ocasións os integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares peiteamos a zona onde, segundo o noso informante, os furtivos de Ponferrada atoparan o material, zona que xa non é o que era hai medio século, partes que se adicaban a cultivo son agora terras comidas pola maleza. A que si se continúa a utilizar en parte como terras de labor é onde apareceron as tumbas pero, a pesares de percorrelas metro a metro, non demos con indicio algún. Decidimos seguir coas nosas pescudas nunha área duns 200 metros cadrados, a máis chaira, situada preto dun curso de auga e protexida dos ventos do norte, susceptible de acoller algún tipo de asentamento. E a sorte sorriunos.

Entre a matogueira comezaron a aparecer anacos de tégula, pezas de barro cocido utilizada para cubrir os tellados. O nome de tegulae aplícase principalmente ás pezas deste tipo relativas á época romana, de forma plana cos bordos realzados para diferencialas dos ímbrices (tella de barro curva, alongada e acanalada). En total recollimos máis de 100 anacos (ningunha tella completa) esparexidas polo lugar, ademais de tres anacos de recipientes cerámicos distintos. E a poucos metros do regueiro a base dun muíño circular elaborado en granito. Os muíños circulares compoñíanse dunha base (como a que atopamos) cunha parte superior cónica, denominada meta, sobre a que se colocaba unha peza superior, chamada catillus, de forma bitroncocónica. Facíase funcionar de forma manual facendo rotar a moa sobre a base a través dunha peza de madeira colocada nun engarce tallado no bordo da peza superior. O cereal era introducido polo orificio da moa que era triturado e expulsado por entre ambas as dúas pezas. Aínda que xa era coñecido na Gallaecia, o seu uso espallouse despois da chegada dos romanos.

 

Polo de agora, e para evitar actuacións non desexadas por parte de posibles desaprensivos, non facemos pública a ubicación exacta do xacemento, só o poremos en coñecemento de Patrimonio a quen tamén lle faremos entrega de todo o material atopado. O que si podemos adiantar é que está no concello das Nogais, pero só a uns poucos centos de metros dos concellos de Becerreá e Cervantes e a menos dun quilómetro da vía romana XIX que atravesaba este último municipio e a pouco máis de 1,5 quilómetros das Pontes de Gatín, en Becerreá, onde, segundo o Itinerario de Antonino (redactado entre o 196 e o 217 d. C. onde aparecen 372 rutas do Imperio Romano das que tres corresponden a Galicia: vías XVIII, XIX e XX) podería estar ubicada a mansión romana de Ponte Neviae. A mansión, mansio viarium, era unha construción situada a intervalos regulares nas vías ou calzadas; utilizábase como lugar de descanso, relevo de cabalos, correos, etc., marcando o final dunha etapa. O citado Itinerario nomea dúas mansións na comarca dos Ancares, esta de Ponte Neviae e a de Timalinus, en Baralla.

Cremos que este asentamento que vimos de localizar podería tratarse dunha vila agrícola de época romana. Cando os romanos comezan a asentarse militarmente no territorio, obrigan aos habitantes dos castros a abandonalos e a establecerse nos vales que é cando aparecen as villae ligadas ás explotación agrícolas. 

 

Descoñecemos se aínda se conserva algún tipo de estrutura habitacional, pode que as pedras que formaran a construción ou construcións se atopen tapadas ou que foran reaproveitadas posteriormente, como adoita acontecer, en muros ou casas. Cando lle entreguemos o informe e as pezas a Patrimonio ímoslle solicitar que nos permita realizar unhas catas para localizar posibles restos. 

O que tamén nos chama a atención é que os furtivos de Ponferrada buscaran neste sitio polo que é probable que algún veciño os informara previamente da aparición de distintos restos arqueolóxicos, máis tendo en conta que o sitio, como dixemos máis arriba, atópase a tiro de pedra da vía romana XIX e de Ponte Neviae onde, teoricamente, estaría a ata o de agora non atopada mansión do Itinerario de Antonino, sería o que os levaría a buscar nas zonas próximas.

Na comarca dos Ancares apareceron restos de vilas romanas no Agro de Pedreda (desparecida) e Quintela (Baralla), en estado total de abandono. En Vilarín, na parroquia de Ouselle (Becerreá), tamén desaparecida, atopouse un friso do século II d. C. onde aparecen en relevo unha vaca, un touro e un cuxo que se custodia no Museo Provincial de Lugo.

En Navia de Suarna, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares temos localizadas outras dúas posibles vilas de época romana onde apareceron varios muíños circulares e fragmentos cerámicos. Pero disto aínda queda moito por facer.