* 20 anos do relevo de Vilarín (Becerreá)

Hai vinte anos, a raíz das obras da autovía A6, atopouse na finca Vilarín, parroquia de Ouselle, no concello de Becerreá (non confundir coa aldea de Vilarín, na parroquia de Penamaior), un relevo realizado en granito no que se representan, de perfil e camiñando un detrás do outro, un touro coa cabeza ergueita, unha vaca e un tenreiro. A peza foi reutilizada na construción dun forno dunha olería datada no século III d.C. O relevo semella de finais do século I ou da primeira metade do II d.C. Crese que formaría parte dun friso dun edificio que podería ter relación cun culto oriental adicado á divindade Mitra. O xacemento, como lle aconteceu á vila romana do Enciñal situada non moi lonxe, quedou debaixo das obras.
Á relixión tradicional romana uníronse outras crenzas chegadas dos confíns do Imperio. Exipto, coa súa tradición milenaria, exportou varias divindades. Os seus enormes complexos relixiosos impactaron en Roma, que os imitou. Dos cultos chegados de Oriente, pola súa singularidade e exotismo, salienta o mitraismo, relixión que foi ganando adeptos. Este culto estaba asociado a caracteres mistéricos, e acompañábase de luces, cores, olores e sons musicais. A escea da xove divindade montando ao touro, Tauroctonía, compoñía a imaxe central de calquera Mitreo, a xeito de retábulo no fondo dos seus espazos de culto. Na relixión mitraica non existen textos sagrados que narren a liturxia. As imaxes actuaban como vehículo de transmisión de ideas dunhas comunidades a outras. A práctica da relixión mitraica realizábase nos Mitreos, construcións baixo terra que imitaban a apariencia dunha cova mediante elementos arquitectónicos e decorativos. Os seguidores de Mitra entraban na comunidade mediante a iniciación, un proceso longo no que debían superar probas que incluían tanto aspectos simbólicos como físicos, demostrando a súa idoneidade e a ruptura co mundo anterior para iniciar así o novo camiño de salvación que Mitra prometía aos seus devotos.

 

No ano 2000, debido a unhas obras no edificio do Vicerreitorado da Universidade en Lugo, descubriuse o templo a Mitra máis occidental do Imperio, culto implantado en Lucus Augusti polo centurión Gaio Victorio Victorino segundo figura nunha ara, cuxo texto, traducido do latín, di: “"Ao nunca conquistado deus Mitra, Gaius Victorius Victorino, centurión da Lexión VII Gemina Antoniana, pío, feliz, devoto e leal, con moito gusto erixiu esta ara en honra do posto de control militar de Lucus e dos dous libertos Victorius Secundus e Victorius Victor".
 

Quizais ao mesmo templo pertencería unha peza atopada na Praza de Santa María de Lugo, dada a coñecer por J. Trapero Pardo no ano 1961. Trátase dun baixorrelevo en granito que representa un bucranio ou taurobolio enmarcado por un funículo liso. Asociado a ritos onde se degolaba ao touro e logo o iniciado bañábase no seu sangue. Vinculado a edificacións onde se realizaban cultos orientais a Mitra.
O relevo de Vilarín e o Mitreo de Lugo non son os únicos exemplos do culto a Mitra en Galicia. 

Na aldea de Tomonte, no concello de Vilardevós, saíron á luz uns relevos en granito de dúas cabezas de touro ou bucranios que logo foron empotrados na parede dunha fonte pública, quizais tamén relacionados co culto a Mitra.  

Na arte, un bucranio, do grego bukranion, palabra composta polo sufixo bu (boi, touro) e kranion (cabeza, cranio), é un ornamento que reproduce o cranio dun boi, por veces adornado con  grilandas e cintas.