OS ROMANOS NA COMARCA DOS ANCARES

A presenza de Roma supuxo o final da cultura dos castros, dando paso ao período coñecido como Cultura Galaico-Romana. A comarca dos Ancares, como veremos a continuación, non foi allea ao proceso romanizador: castros romanizados, campamentos, vilas, calzadas, miliarios, mansións, aras, explotacións mineiras...

 

No ano 19 a. C. encomézase a construción dunha rede viaria que, ademais de asegurar o control político e militar do Imperio romano, facilitaba a explotación dos recursos económicos de Galicia. Cómpre salientar que en non poucas ocasións os romanos aproveitaron os camiños prerromanos xa existentes, por veces abeirados con túmulos megalíticos. O coñecemento das vías romanas debémosllo, principalmente, ao chamado Itinerario de Antonino, redactado a principios do século III d. C., á Segunda Tábula de barro de Astorga e ao Anónimo do Rávena, obra do século X pero baseada en textos dos séculos IV e V. Con 299 millas, a Vía XIX era a máis longa e unía as capitais dos tres conventos xurídicos da Gallaecia: Bracara Augusta (Braga), Lucus Augusti (Lugo) e Asturica Augusta (Astorga). A Vía XIX inaugurouse no ano 11 d. C. Ademais desta calzada, pola provincia tamén pasaba a Vía XX, coñecida como Per Loca Maritima (se ben de marítima só tiña dous tramos costeiros na provincia da Coruña), de época tardía e que estaría formada con tramos doutras. As vías son un dos elementos fundamentais no proceso de romanización xa que permitía artellar o territorio e moldealo segundo os intereses dos conquistadores. Poucos vestixios quedan dos camiños romanos (principal e secundarios) que discorrían pola comarca debido, priincipalmente, á contrución das modernas vías de comunicación.

CONCELLO DE BARALLA 

CASTRO DE CARBALLEDO
Apareceu unha ara romana, hoxe en día perdida, que Felipe Arias, que puido vela, descifrou as últimas liñas: EX VO/TO. Ao seu pé pasa a Vía XIX. 

ASENTAMENTO DE POUSADA
Flanqueábao un ramal da vía XIX. F. Arias sitúa aquí a mansio Timalinus. 

A MANSIÓN TIMALINO
Hai autores que identifican Timalinus, antigo núcleo prerromano logo romanizado, coa Talamina de Ptolomeo, o xeógrafo grego do século II que, na súa Xeografía, tentou situar milleiros de lugares coas súas coordenadas xeográficas pero que, trasladadas ás actuais, causan problemas. O único que sabemos verbo de Timalino é polo Itinerario de Antonino onde se di que se atopaba a XXII millas de Lucus (Lugo), dirección Asturica (Astorga). Nun principio situouse en Campo de Árbol (de Arborius, non da Árbore) e Vilartelín, logo en Constantín, despois en Papín, e tamén en Pousada. Mais, como aclara Rodríguez Colmenero, a milla empregada neste sector é a de 9 estadios, uns 1.630 metros, multiplicando esta cantidade por 22 daríanos 36 quilómetros, distancia á que habería que situar a mansión.
Segundo Hübner, no seu Corpus Inscriptionum Latinarum, de Timalino poden ser os restos de dúas lápidas que dá como atopadas en Aranza, das que falamos máis abaixo.     
Nun documento do ano 1179, na venta dunha propiedade entre Baralla e Constantín, alúdese ao camiño da seguinte forma: "Loco nominato Aer de Abadessa... per terminum de ipsa via antiqua".
Hai investigadores que tentan localizar esta mansión botando man da toponimia. Plinio, seguindo a Teofrasto e Dioscórides, dicía que o terceiro xénero das durmideiras silvestres é o tithymalon ao que outros chaman mécon e outros paralion, que daría o topónimo Baralla. Paralia/Baralla sería un lugar onde hai esta planta. Tithimalum ou tithymalis, segundo Nicandro Ares, ben podería dar Timalino. Mais, que nos saibamos, non se conservan referentes.  

O AGRO DE PEDREDA
No mes de febreiro de 2012, cando iamos visitar o castro de Todón de Abaixo, na parroquia de Cascallá, municipio de Becerreá, un veciño de Todón de 88 anos de idade mostrounos a base dunha columna de época romana que tiña na súa casa e que atopara no lugar coñecido como O Agro de Pedreda, nas proximidades da Ponte de Neira e do castro da Condomiña, en Baralla. A peza saíu á luz no ano 1932 ao realizaren os movementos de terra para facer unha estrada; xunto con outras columnas, tamén apareceran outros materiais construtivos como ladrillos, tégulas, fragmentos cerámicos, anacos de mosaicos e algunhas moedas de ouro e prata. Vázquez Seijas (1967) fala de restos romanos consistentes en materiais de construción, ladrillos, fragmentos cerámicos e algunhas moedas de ouro e prata. Polas inmediacións pasaba a vía romana XIX que comunicaba Lucus Augusti con Asturica Augusti. En Ponte de Neira, no xardín da antiga escola, hai un cruceiro que nos chamou a atención. A cruz, moderna, asenta sobre un fuste de cemento e dunha base, sen dúbida, de época romana, atopados no mesmo lugar ca o anterior. Noutras casas tamén vimos grandes anacos de tégula. Cremos que no Agro de Pedreda estaría a mansión de Timalino.

  
  

A MANSIO CARANICO
Verea y Aguiar empraza a estación de Caranico en Vilartelín, a mansio coñecida tamén polos nomes de Caranicum ou Coroniom que Madoz sitúa en Guldriz (Friol) e que Monteagudo e Taboada trasladan a Trasparga (Guitiriz). Malia o dito, cómpre ser cautos, o Itinerarium provinciarum Antonini Augusti, coñecido como o Itinerario de Antonino, que recolle 372 vías terrestres coas súas mansións repartidas por todo o Imperio Romano, 34 das cales pertencen á Península Ibérica e tres delas (XVIII, XIX e XX) a Galicia, continúa a achegar moitas controversias.  

VILA ROMANA DE QUINTELA   
Situada na mesma aldea de Quintela, na parroquia de Arroxo. 
Totalmente abandonada. Nun camiño que a semicircunda, que estragou gran parte do xacemento, pódense ver a simple vista infinidade de tégulas. Moitas pedras de boa feitura que había no lugar foron reaproveitadas noutras construcións modernas. Nas fincas próximas tamén teñen aparecido restos de tégula. 
No ano 2008, os veciños denunciaron publicamente e presentaron alegacións contra o trazado da liña eléctrica proxectada por Fenosa que, ademais doutros bens de interese patrimonial, afectarían ao castro que hai preto da aldea e causarían un impacto negativo sobre a vila romana, denuncia e alegacións que quedaron en papel mollado.

 

LÁPIDAS DE ARANZA
Atopáronse dúas lápidas votivas catalogadas por Hubner no seu Corpus inscriptiorum latinarum (1869). O epigrafista e arqueólogo alemán identifica Aranza con Aranz de Sanz, lugar aínda non localizado. Nunha lese: "IOV.OPT.MAX/Q.PV(BLIUS)/DIONYSIUS/EX VOTO", ("A Xúpiter Óptimo Máximo, moi bo e moi grande, Quintus Publius Dionisius en cumprimento dun voto"). A outra, hoxe en día desaparecida, dicía: "TUTELAE/L. ANTONIUS/AVITUS.CVN/FILIS. ET.ZOSIMA.L/EX VOTO", ("A Tutela, Lucius Antonius Avitus cos seus fillos e Zosima, liberta, en cumprimento dun voto"). Verbo desta última deidade, Tutela, semella ter contado no Imperio romano con moitos seguidores entre os libertos e os escravos, identificando as súas funcións coas dun deus gardián. Canto ao sexo, crese que é feminino, mais existen exemplos de varias inscricións votivas nas que se menciona domo deus. 

LÁPIDA DE LEXO
Vázquez Saco, no Boletín de la Comisión de Monumento de Lugo (1948), deu a coñecer unha lápida funeraria atopada na muralla romana de Lugo, custodiada no Museo Provincial, cunha inscrición bastante deteriorada polo paso do tempo, encadrada nunha moldura baquetonada de 0,62 metros de altura por 0,88 de ancho. Posteriormente, en colaboración con Vázquez Seijas, publicáronna en Inscripciones Romanas de Galicia II. Provincia de Lugo (1954) onde propoñen unha lectura achegada por A. D´Ors e que cualifican como moi difícil. No ano 1979, Arias Vilas, Le Roux e Tranoy logo dun minucioso estudo, publican o resultado na colección Inscriptions Romaines de la Province de Lugo, aínda que seguen a presentala como moi problemática. Malia os atrancos anteditos, Nicandro Ares Vázquez, no Boletín do Museo Provincial de Lugo, tendo en conta as lecturas anteriores e os seus propios estudos ofrece o seguinte texto: "Martialis an (norum) X, Loveus an (norum) IX, Paternus an (nourum) III, s (ervi) e (x) C (invertido) (castro vel casa) castro Laedie (n) s (i); Gemel (l) inus Flori filiis" ("Marcial de 10 anos, Lovio de 9 anos, Paterno de 4 anos, servos do castro Laediense; Xemelino de Floro, aos Fillos"). Trataríase, pois, dunha estela adicada polo pai dunha familia de escravos, provenientes dun castro, a tres nenos defuntos de moi pouca idade, que levan nomes latinos. Remata Nicandro Ares que o nome do castro está escrito Laedies, polo que se podería aventurar a ubicación do Castro Laediense, identificado, quizais, co castro de Lexo. 

   

ARA DE PAPÍN
Atopada en Papín no ano 1906 polo párroco de Penarrubia don Antonio Correa Fernández. Pódese ler: "LARIBV(S)/VIALIB(VS)/PLACID(I)/NA EX/(V)OTO P(O)/SUIT", ("Aos Lares Viais por Placidinia en cumprimento dun voto"); na actualidade atópase no Museo Provincial de Lugo. Ao pé do castro de Penarrubia atopouse outra ara, hoxe en día desaparecida.

 

CASTRO DA CONDOMIÑA
Nas inmediacións apareceron restos de construcións, tégulas, cerámicas e moedas de ouro e prata de época romana. 

PONTE DOS MAZOS
Sobre o río Neira. Ponte de cadeirado e xisto, alombado cun arco de medio punto. Está considerada como romana se ben non existen indicios claros que o confirmen. Hai autores que lle atribúen unha cronoloxía do século XVIII. Xulio Pardo de Neira (1998) di que na ponte hai un sillar coa inscrición: "FACERE IVSIT/AVGVSTVS/IMPER ANNO CXII". Despois de peitear a ponte non atopamos a epígrafe, e consultados os veciños nada sabían dela. Javier Gómez Vila (2005) tampouco atopou pegadas da mesma, engadindo que en calquera caso é imposible adscribila a Augusto xa que non posúe a fórmula imperial de inicio nin desprega posteriormente a titulatura parcial; como tamén resulta inusual a datación que presenta, xa que esta realizábase tanto pola vía da indicación do consulado como pola potestade tribunicia.

  

PONTE DE ARROXO
Sobre o río Guimarei. Ponte de posible orixe romana construída en cadeirado e xisto cun arco rebaixado de medio punto. Ao longo do tempo fixéronse varias reparacións e reformas. 

CALZADA EN ARROXO E CONSTANTÍN
Pavimento en Arroxo en aceptable estado de conservación que Gómez Vila di que son romanos. Cómpre aclarar que a gran maioría de camiños empedrados que se tiñan como de época romana foron feitos nos séculos XVI e XVII, mesmo hai casos coñecidos a mediados do século XX. Murguía fala de restos na Serra de Constantín que Murguía na súa Historia de Galicia que cualifica como cartaxineses ou fenicios.

 

UNHA CARTA DO ANO 1935
Carta que o avogado Estanislao Pinacho Aresti enviou ao presidente da Academia da Historia no ano 1935 informando de varios achados de época romana no concello de Baralla.
(Fonte: Antigua, Historia y Arqueología de las civilizaciones, da Biblioteca virtual Miguel de Cervantes).




CONCELLO DE BECERREÁ 

XACEMENTO DO ENCIÑAL
O poboado, fortemente romanizado, foi descuberto cando as obras da A6. Segundo nos contaron os veciños de Cadoalla, apareceron estruturas habitacionais de forma circular, cadrada e rectangular e unha muralla pétrea. Tamén saíron á luz varios obxectos, moitos dos cales foron mesturados cos cascallos e trasladados en camións para non se sabe onde. As intervencións de urxencia limitáronse a constatar a existencia do xacemento, dando paso á destrución do castro por medio das palas e da dinamita a finais do ano 1999. O camiño que pasaba a carón do castro era coñecido como Camiño da Antiga, topónimo que nada ten que ver, no presente caso, cun paso que existiu dende hai moito tempo ou servidume de paso a través de fincas alleas, senón coa calzada romana da que aínda se poden ver algún tramo.

 

CASTRO DE FONTES  
Atopamos un fragmento cerámico decorado realizado con terra sigillata, unha cerámica fina de orixe romana. 

CASTRO DE VILAR DE OUSÓN
Cara o río Narón hai varios aterrazamentos onde, segundo nos contaron, apareceron nos anos setenta do pasado século dúas tumbas rectangulares feitas con laxes e cuberta con pranchas de lousa que acubillaban esqueletos humanos en bo estado de conservación; segundo as referencias, podería tratarse de tumbas de inhumación de época romana. Preto do río atopamos un fragmento de tégula, a tella realizada con barro cocido usada para cubrir os tellados en época romana. Tamén apareceron muíños circulares de man. 

PONTE NEVIAE
Segundo recollen Rodríguez Colmenero, Ferrer Sierra e Álvarez Asorey en Miliarios e outras inscricións viarias romanas do noroeste hispánico (2004), Ponte Neviae estaría situado na aldea das Pontes de Gatín onde se conserva unha ponte que podería ter orixe romana. Nos seus arredores apareceron tégulas e cerámica de clara filiación romana. Ademais, a distancia marcada no Itinerario de Antonino entre Lucus Augusti e Ponte Neviae (34 millas) aproxímase moito á distancia real entre Lugo e As Pontes de Gatín (56 km), o que corroboraría a utilización dunha milla de 1.647 metros. A identificación de Ponte Neviae coas Pontes de Gatín xa foi defendida por A. Blázquez no ano 1923, que fala do miliario anepígrafo que se ergue na parte superior da ponte, reutilizado logo para gravar unha inscrición viaria nos tempos de Carlos III que di: "El edifico/este puente/por orden del/protector/de los caminos/del pueblo/[...] roto/[...]". O etimólogo Juan J. Moralejo Lasso (2009) di que "es evidente que en IA Ponte Neviae tenemos el actual río Navia, pero el posible *Ponte (de) Navia ha cedido ante Pontes de Gatín".

PONTE DAS PONTES DE GATÍN
Alvarado Blanco, Manuel Durán e Carlos Nárdiz din que se trata dunha ponte, realizada en xisto, do século XVIII, cun arco lixeiramente apuntado e aliviadoiro de medio punto, non achegando ningunha referencia á orixe romana.

 

PONTE DE MADEIRA EN CRUZUL
Citado por Gómez Vila (2005). Sobre o río Cruzul. Ao parecer trátase dunha ponte de madeira con estribos de cadeirado de granito. Non se conserva a estrutura de madeira. Localízase preto da ponte de Cruzul, construída durante o reinado de Carlos III que servía de paso ao Camiño Real. Di que puído formar parte da antiga vía romana.

20 ANOS DO BAIXORRELEVO DE VILARÍN
No ano 1999, a raíz das obras da autovía A6, atopouse na finca Vilarín, parroquia de Ouselle, no concello de Becerreá (non confundir coa aldea de Vilarín, na parroquia de Penamaior), un relevo realizado en granito no que se representan, de perfil e camiñando un detrás do outro, un touro coa cabeza ergueita, unha vaca e un tenreiro. A peza foi reutilizada na construción dun forno dunha olería datada no século III d.C. O relevo semella de finais do século I ou da primeira metade do II d.C. Crese que formaría parte dun friso dun edificio que podería ter relación cun culto oriental adicado á divindade Mitra. O xacemento, como lle aconteceu á vila romana do Enciñal situada non moi lonxe, quedou debaixo das obras.
Á relixión tradicional romana uníronse outras crenzas chegadas dos confíns do Imperio. Exipto, coa súa tradición milenaria, exportou varias divindades. Os seus enormes complexos relixiosos impactaron en Roma, que os imitou. Dos cultos chegados de Oriente, pola súa singularidade e exotismo, salienta o mitraismo, relixión que foi ganando adeptos. Este culto estaba asociado a caracteres mistéricos, e acompañábase de luces, cores, olores e sons musicais. A escea da xove divindade montando ao touro, Tauroctonía, compoñía a imaxe central de calquera Mitreo, a xeito de retábulo no fondo dos seus espazos de culto. Na relixión mitraica non existen textos sagrados que narren a liturxia. As imaxes actuaban como vehículo de transmisión de ideas dunhas comunidades a outras. A práctica da relixión mitraica realizábase nos Mitreos, construcións baixo terra que imitaban a apariencia dunha cova mediante elementos arquitectónicos e decorativos. Os seguidores de Mitra entraban na comunidade mediante a iniciación, un proceso longo no que debían superar probas que incluían tanto aspectos simbólicos como físicos, demostrando a súa idoneidade e a ruptura co mundo anterior para iniciar así o novo camiño de salvación que Mitra prometía aos seus devotos.

 

No ano 2000, debido a unhas obras no edificio do Vicerreitorado da Universidade en Lugo, descubriuse o templo a Mitra máis occidental do Imperio, culto implantado en Lucus Augusti polo centurión Gaio Victorio Victorino segundo figura nunha ara, cuxo texto, traducido do latín, di: “"Ao nunca conquistado deus Mitra, Gaius Victorius Victorino, centurión da Lexión VII Gemina Antoniana, pío, feliz, devoto e leal, con moito gusto erixiu esta ara en honra do posto de control militar de Lucus e dos dous libertos Victorius Secundus e Victorius Victor".
 

Quizais ao mesmo templo pertencería unha peza atopada na Praza de Santa María de Lugo, dada a coñecer por J. Trapero Pardo no ano 1961. Trátase dun baixorrelevo en granito que representa un bucranio ou taurobolio enmarcado por un funículo liso. Asociado a ritos onde se degolaba ao touro e logo o iniciado bañábase no seu sangue. Vinculado a edificacións onde se realizaban cultos orientais a Mitra.
O relevo de Vilarín e o Mitreo de Lugo non son os únicos exemplos do culto a Mitra en Galicia. 
Na aldea de Tomonte, no concello de Vilardevós, saíron á luz uns relevos en granito de dúas cabezas de touro ou bucranios que logo foron empotrados na parede dunha fonte pública, quizais tamén relacionados co culto a Mitra.   
Na arte, un bucranio, do grego bukranion, palabra composta polo sufixo bu (boi, touro) e kranion (cabeza, cranio), é un ornamento que reproduce o cranio dun boi, por veces adornado con  grilandas e cintas.

EXPLOTACIÓNS MINEIRAS
No municipio temos restos de explotacións auríferas de época romana en Vilar de Frades (Ouselle), Buisán (Quintá), Vilachá (Vilachá) e Fraián (Vilaiz). Entre os montes do Cancelo e da Reboleira documentáronse tres explotacións auríferas, consérvandose aínda dúas bocas de minas no primeiro; a primeira mina foi tapada ao facer unha estrada; dise que se comunicaban por debaixo do castro de Vilar de Ousón e do río Narón. 

CRUZUL 
Javier Gómez Vila asegura ter atopado restos dunha calzada.

OUSELLE
Rodríguez Colmenero (2007) fala das explanadas de Ouselle coas súas fendas laterais na rocha e a súa situación resaltada sobre un camiño lateral posterior que se encaixou nelas, en alusión ao paso dunha vía romana. En Ouselle, na finca coñecida como Vilarín, localizouse o relevo citado máis arriba. Antes da construción do Camiño Real, en Ouselle situábase o xulgado, a feira e a antiga xurisdición do Val de Ouselle. Logo, o centro da comarca pasou a Becerreá que xurde e se desenvolve ao redor das vías de comunicación.

CANDO ROMA SUCUMBIU EN BECERREÁ   
O poboado do Enciñal, en Cadoalla (Becerreá), foi descuberto cando as obras da A-6 a finais dos anos noventa do pasado século. As intervencións de urxencia limitáronse a constatar a existencia dun importantísimo xacemento arqueolóxico, dando paso á súa destrución por medio de pas escavadoras e a dinamita a finais do ano 1999.

 

Alfredo González Ruibal, en Brigantium (2006): Galaicos, poder y comunidad en el Noroeste de la Península Ibérica (1200 a.C. - 50 d.C.), recolle unha tese, inédita, realizada por V. Caramés Moreira no ano 1999, baixo o título Informe de valoración. Proyecto de intervención arqueológica. Excavación arqueológica del yacimiento Monte da Travesa. Cadoalla, Becerreá (Lugo). O motivo de traer eiquí este sitio arqueolóxico débese a que, sen dúbida, correspóndese co do Enciñal. 
Apareceron murallas e vivendas de pedra circulares que convivían con outras cadradas coas esquinas en ángulo. Estaban dotadas dun fogar complexo e en ocasións dispoñían de dous pisos. Existirían edificios básicos, a vivenda e o almacén-graneiro, se ben en moitos semella que un só edificio cumpriría ambas as dúas funcións. Cremos que mesmo podería contar cunha sauna. e canles para levar a auga. Os materiais cerámicos son na súa maioría tardíos (séculos I e II d.C. e incluso posteriores), así como sigillata, aínda que tamén hai materiais feitos a man de clara tradición prerromana, seguramente do século II-I a.C. Tamén saíron á luz obxectos que revelan actividades de cantería (cuña, pico, mazo, compás), metalúrxico (tenaces), ou de carpintería (broca, gubia, martelo). 
O poboado do Enciñal atopábase nunha zona clave, a carón da vía romana XIX (camiño coñecido aínda hoxe en día como Camín da Antiga) que unía Lucus Augusti (Lugo) con Asturica Augusta (Astorga). Na parte máis elevada localizouse un gran edificio rectangular cuberto de tégula e con abundante material romano que actuaría como turris (torre) para controlar a vía.
Non moi lonxe, na finca Vilarín, en Ouselle, situada a pouco máis de 1,5 quilómetros en liña recta, apareceu un relevo de Vilarín (ver máis arriba). 
Postos en antecedentes, a continuación achegamos uns documentos fotográficos inéditos, quizais as únicas imaxes que se conservan, xunto con outras que hai uns anos nos cedeu amablemente Manuel González Vilela. 
As fotos que achegamos a continuación rescatounas da súa fototeca o noso compañeiro Xosé Manuel Rodríguez Fernández (o "tolo das covas", non hai unha que se lle resista), un documento excepcional que nos da unha idea de como era o poboado do Enciñal, un sitio arqueolóxico que, lamentablemente, foi tragado polo "progreso", impedindonos coñecer unha parte fundamental da historia da comarca e de Galicia. Dous séculos máis tarde de que os romanos se instalaran na zona, unha parte da poderosa Roma sucumbiu ante as máquinas en Becerreá.

 
     










 

CONCELLO DE CERVANTES  

CASTRO DE SANTA MARÍA DO CASTRO
Séculos I a. C.-II d. C. Orientado cara a explotación mineira de Roma. Ver a entrada adicada aos castros do concello de Cervantes.

 

CAMPAMENTO DO CAMPO DO CIRCO OU DA CORTIÑA DOS MOUROS
O Campo do Circo ou Cortiña dos Mouros atópase na serra dos Ancares, a cabalo entre as parroquias de Balboa (O Bierzo) e Vilarello (Cervantes). A parte máis elevada do monte, situada a 1.294 metros de altitude, presenta unha morfoloxía practicamente achairada, cun bo dominio visual sobre as cabeceiras dos ríos Navia e Balboa, actuando como divisorio de augas.
No ano 1998, Mañanes Pérez é o primeiro en situar aquí un posible asentamento, indicando a existencia dun muro, se ben non se comprobou sobre o terreo. O propio topónimo, O Circo (latín circus), que en principio denunciaría un terreo de forma circular ou semicircular nun monte, tamén podería facer alusión (ademais de a un círculo lítico prehistórico) a un circo romano pola súa forma alongada. No ano 2000, a empresa Terra Arqueos redactou unha ficha para a Carta Arqueolóxica de Balboa designándoo como "lugar de habitación indeterminado" pero consierándoo como un antigo asentamento que podería estar relacionado coas mámoas dos Forniños (Vidal Encinas, 2015). En efecto, ao sur deste posible xacemento, distante uns 550 metros, nunha paraxe de monte baixo pertencente ao Bierzo, documéntanse tres túmulos do Neolítico (o Inventario de Patrimonio da Xunta de Galicia ubica a mámoa número 1, erradamente, en territorio galego). 

 

Aínda que os restos sobre a superficie apenas son perceptibles, a utilización das novas tecnoloxías (fotografías aéreas, LIDAR, etc.) evidencian a existencia dun posible campamento de cronoloxía altoimperial romana. Tomando como referencia as fotos aéreas históricas, o recinto, de forma tirando a trapezoidal, tería unhas 4 hectáreas. Na actualidade só se aprecia de forma case imperceptible, debido á mesta vexetación, un parapeito ou cerco en ángulo recto (uns 160 x 85 metros) na parte do Bierzo; no lado galego as repoboacións forestais e a apertura de cortalumes e camiños arrasáronno na súa totalidade.

 

Este campamento da Cortiña dos Mouros, xunto co da Serra da Casiña, en Valverde (Balboa), gardan certa relación co trazado da vía XIX do Itinerario de Antonino a través do porto do Portelo ou cos pasos naturais existentes con anterioridade á calzada romana (Menéndez Blanco et al., 2015), en cuxas proximidades se localiza a aldea do Comeal onde se documentou un agger da vía. Entre ambos os dous campamentos hai pouco máis de seis quilómetros. Por outra parte, no extremo occidental, a uns vinte quilómetros do Campo do Circo, descubríronse no ano 2010 os campamentos romanos da Recacha (Navia de Suarna) e a Granda das Xarras (Ibias, Asturias-Candín, León) que dominaban os pasos de montaña que unen os Ancares e Ibias. Sen esquecermos do da Huerga de Frades, en Villazala.

 

As características destes sitios arqueolóxicos indican que se trata duns castra aestiva de cronoloxía altoimperial romana, uns campamentos temporais construídos polo exército romano no decurso das campañas militares durante as Guerras Astur-Cántabras (29-19 a.C.). Estas construccións actuaban como base de operacións onde se acuartelaban as tropas, onde se abastecían ás que estaban no frente, lugar de retirada no caso de seren fustrigados polas forzas locais, exploración dunha zona con recursos mineiros (só no concello de Cervantes están documentadas preto de 60 explotacións auríferas), infraestrutura de apoio á construción de camiños, etc.

 

Nos meses de febreiro e marzo de 2017, integrantes do noso colectivo peiteamos a zona removida polas máquinas (cortalumes) e as gabias feitas para a plantación de piñeiros (a parte mellor conservada, a do Bierzo, está cuberta por unha densísima matogueira) na procura dalgúns restos; a busca resultou infrutuosa, se ben é certo que neste tipo de asentamentos non é doado atopalos.

 

No ano 2011, uns veciños de San Miguel de Vilarello, de avanzada idade, contáronnos que no lugar había tres fornos de pedra para facer o cal que logo se utilizou na construción do castelo de Doiras. Cremos que estes "fornos" son as tres mámoas que se atopan nas inmediacións. Daquí, tamén nos dixeran, os mouros levaban o ouro para agochalo na coñecida como Pena dos Mouros, situada non moi lonxe, preto da aldea de Riamonte de Baixo.

 

Para coñecer a cronoloxía do momento de ocupación do campamento do Campo do Circo (e do resto) é preciso emprender unhas serie de prospeccións e escavacións arqueolóxicas que nos poden amosar o protagonismo que tivo a serra dos Ancares no período de conquista e dominación romana de Galicia, e unha visión distinta das coñecidas como Guerras Astur-Cántabras, denominación que cremos pouco atinada e que máis ben debera ser a de Guerras Astur-Cántabro-Galaicas.



VÍA ROMANA
Polo concello, procedente do Bierzo, documéntase a Vía romana XIX que unía Asturica Augusta (Astorga) con Lucus Augusti (Lugo). Os autores que defenden o paso desta vía polos concello das Nogais basean a súa hipótese nunha carta dirixida polos xuíces de Doncos e Noceda o día 22 de setembro de 1767, suplicando que se trace o Camiño Real de acceso a Galicia pola antiga vía romana entre As Nogais e Pedrafita. A resposta foi enviada polo enxeñeiro xefe Carlos Lemaur o día 2 de decembro de 1767. Pero estes autores descoñecen ou omiten un informe elaborado no ano 1769 polo substituto de Lemaur, Balthasar Ricaud, dirixido ao ministro de Facenda Conde de Croix, queixándose da mala calidade das obras dirixidas por enxeñeiro militar. Hai un parágrafo que resulta significativo: "Esta porción de camino desde Ruytelan al término de Piedra Fita y Noceda es de 13562 varas, avierto en la falda mui pendiente en la falda de una cordillera, dirigido exactamente por las repetidas revueltas que forman los montes en las entradas de los barrancos...", o que significa que o trazado dende Ruitelán a Pedrafita é de nova planta. Isaac Moreno Gallo (2006) aclárao á perfección: "Y en efecto, en el valle de Ransinde y la Braña, al norte de Ruitelán, bañado por el arroyo del Real, en alusión al más viejo de los caminos, se conoce desde siempre el trazado de la vieja vía romana. Se la llama expresamente Carretera de los Romanos y aún se conservan trozos de su plataforma visibles en los prados o devorados por la vegetación que esconden restos de infraestructura pendientes de sacar a la luz. Supera el collado en el límite de la provincia de Lugo por el pueblo de Comeal. Allí se conservan, además de un magnífico terraplén de la vía, otros interesantes restos constructivos tales como tajeas de drenaje transversal, muros de contención, etc.". Todos os documentos consérvanse no Arquivo Xeneral de Simancas. O agger do Comeal é o único tramo da vía romana XIX ao seu paso pola comarca dos Ancares catalogado por Patrimonio da Xunta de Galicia. 
Andrés Menéndez Blanco, David González Álvarez e Jose Manuel Costa García (2015), nun seu traballo sobre o campamento romano da Serra da Casiña (O Bierzo) din que o campamento temporal de época romana da Cortiña dos Mouros, entre Balboa e Cervantes, ao igual que o da Serra da Casiña, garda certa relación co trazado da vía XIX o Itinerario de Antonino a través do porto do Comeal, en Cervantes, ou cos pasos naturais que antecederían en uso a esta vía.
 
 
 

ARA DE SAN ROMÁN DE CERVANTES 
O primeiro que cita a peza, antes de 1959, é don Justiniano Rodríguez, e coas súas fotos publicouna de novo García y Bellido en 1966. Uns anos máis tarde os editores do corpus epigráfico da provincia de Lugo revisáronna de novo. A ara foi descuberta antes do ano 1959, "A kilómetro y medio de distancia de San Román de Cervantes (Lugo), sobre la ladera septentrional sobre la ladera del llamado valle del Oulivar y a un kilómetro del río Navia, enquistada en el muro que cierra por el suroeste, frontero del camino de Vilar de Cancelada a Seixas, la finca de D. Antonio del Río, vecino de Vilarello. Al tiempo de su descubrimiento, ya hace algunos años, estaba unida a una pila", escribiu Justiniano Rodríguez Fernández no ano 1959. Nese ano atopábase "a la intemperie, colocada sobre el rellano de una escalera exterior" na vivenda de D. José Antonio García, na Casa da Queitana, en San Román. No 1979 foi vista de novo debaixo dunha árbore, nunha propiedade do anterior. Segundo nos contou don José, antes de seren levada para actuar como peche estaba na capela de Santiago, hoxe en día desaparecida. É de pedra de granito e as súas dimensións totais son 78 x 45 x 35 cm. Trátase dun prisma rectangular apoiado nunha basa con tres molduras. Carece de coroamento, e na parte alta só presenta unha perforación moderna. Na cara principal mostra a inscrición romana. Na cara menor dereita ten outra inscrición baixomedieval na que se le: ERA/(M)CXX/FROI/LA PSR/FECI. A romana foi lida e interpretada, nun primeiro momento, de forma pouco crible. Novos informes (Abascal Palazón) permiten rectificar a súa lectura deste xeito: [---] AE/[SACRVM]M/C(AIVS) VALERIVS/CARVS/MILES L(EGIONIS X [G(EMINAE)]/V(OTVM) S(OLVIT) L(IBENS) M(ERITO). É dicir: Caius Valerius Carus miles Legionis Decimae. Estaría datada no século I d.C. Trataríase dun soldado indíxena romanizado; como se sabe, os habitantes dos castros foron incorporados ao exército despois da conquista o que serviría para debilitar a capacidade de rebelión das poboacións indíxenas.   
O día 5 de xuño de 2014, cando a vimos por primeira vez, a ara estaba no baixo dunha casa, con caixas de mazás por riba e xunto un saleiro que estaba a deteriorar a pedra. Dende aquelas pedímoslle aos donos, infrutuosamente, que a donara ao Museo, ademais de que mentres a colocaran noutra parte, lonxe do sal e da humidade. O día 6 de febreiro de 2016, en compañía do Juan Manuel Abascal Palazón e María P. González Conde, vímola de novo, a ara estaba a mellor recaudo, colocada nunha esquina do salón da casa sobre unha peana.   
A aparición desta ara pode implicar un certo poboamento romano na zona, situado nunha primaria rede de comunicación relacionada coa explotación mineira. 
Arias Vilas (1979) cita unha inscrición en San Román de Cervantes da que só se len as dúas últimas letras dun posible teónimo, e que interpreta: NAVI.AE/SACRU.M. 

EXPLOTACIÓN AURÍFERAS
Mina dos Fócalos: Na parroquia do Castro. Trátase de dúas cortas de explotacións auríferas a ceo aberto de grandes dimensións, asociadas a mineralizacións de ferro, coñecidas como Fócalo Dacó e Fócalo Dalí. No seu lado leste documentouse tamén un depósito de explotación.
Mina da Franqueira: Na parroquia do Castro. Explotación aurífera a ceo aberto asociada á mineralización de ferro.
Mina do Ribadón: Na parroquia do Castro. Explotación aurífera a ceo aberto. Tamén se documentou a existencia de dous depósitos de explotación no seu lado leste e na cabeceira.
Mina da Viña da Moura: Na parroquia do Castro. Explotación aurífera a ceo aberto de grandes dimensións. Tamén se documentaron tres depósitos no seu lado leste situados a diferentes niveis que falan das distintas fases da mina.
Mina da Fornolleda: Na parroquia do Castro. Pequena corta de explotación a ceo aberto para ao beneficio de mineral aurífero.
Mina da Pataqueira: Na parroquia do Castro. Pequena corta a ceo aberto para explotación de ouro.
Mina da Ferrada: Na parroquia do Castro. Trátase dunha corta de explotación a ceo aberto para a extracción de ouro. A rede hidráulica esta baseada nunha infraestrutura de canles.
Mina da Trincheira do Val da Curuxas: Na parroquia do Castro. Pequena trincheira de explocación a ceo aberto. A rede hidráulica pasa ao pé do Castrillón, procedente do regueiro de Castelo.
Mina do Cavanín: Na parroquia de Cereixedo. Corta de explotación a ceo aberto para o beneficio de mineral aurífero primario asociado a mineralizacións de ferro.
Mina do Calangrón: Na parroquia de Cereixedo. Conxunto de dúas explotacións auríferas, de ferro e sulfuros de chumbo e zinc que foi levado a cabo mediante un sistema de explotación primario, que forma conxunto con outras catro situadas nas inmediacións, e unha explotación a ceo aberto de considerables dimensións.
Mina da Pasada das Trabas: Na parroquia de Cereixedo. Conxunto de tres explotacións de ouro en galería.
Mina de Barreiros: Na parroquia de Cereixedo. Explotación aurífera a ceo aberto, sobre mineralización de ferro e cobre que forma conxunto coa mina da Pasada das Trabas.
Mina do Fócaro: Na parroquia de Cereixedo. Explotación de ouro en galería.
Mina da Granda da Airiña: Na parroquia de Cereixedo. Explotación aurífera en galería asociada a mineralizacións de ferro, e sulfuros de chumbo e zinc que foi levado a cabo mediante un sistema bastante primario.
Mina do Casín: Na parroquia de Cereixedo. Explotación aurífera en galería. A construción dunha pista tapou a galería.
Mina da Volta do Val: Na parroquia de Cereixedo. Explotación aurífera en galería. Unha pista afecta á entrada.
Mina do Ouro Vello: Na parroquia de Donís. Explotación aurífera en galería.
Mina do Teso do Prado: Na parroquia de Donís. Explotación aurífera en galería sobre mineralizacións de ferro.
Mina da Braña Nova: Na parroquia de Noceda. Conxunto de tres explotacións en galería sobre mineralizacións auríferas, de ferro e cobre que foi levado a cabo mediante un sistema de explotación moi primario e que forma conxunto coas explotacións a cea aberto do Camín e Madre Dauga.
Mina do Camín: Na parroquia de Noceda. Conxunto de pozos e trincheiras, explotadas sobre mineralizacións auríferas de ferro e cobre.
Mina da Madre Dauga: Na parroquia de Noceda. Conxunto de dúas explotacións auríferas en galería e trincheira.
Mina da Furada do Corvo: Na parroquia do Pando. Explotación aurífera a ceo aberto, con mineralizacións de ferro e sulfuros de chumbo e zinc.
Mina das Raposeiras: Na parroquia de Quindous. Corta de explotación a ceo aberto, para o beneficio de mineral aurífero primario. Alterada por cultivos e algunhas pistas.
Mina do Souto: Na parroquia da Ribeira. Corta de explotación aurífera a ceo aberto para o beneficio de mineral, sobre un xacemento secundario, en aluvión que contén ouro libre, situada na marxe esquerda do río Navia, nun pequeno meandro. Consta de tres zonas de extracción.
Mina das Pedregulleiras: Na parroquia da Ribeira. Mina aurífera de explotación a ceo aberto, sobre un xacemento secundario, en aluvión que contén ouro libre, situada na marxe dereita do ría Navia nun pequeno meandro bastante pronunciado. Consta de dúas zonas de estracción dispostas en dous niveis.
Mina do Val das Mestas: Na parroquia da Ribeira. Corta de explotación aurífera a ceo aberto, sobre xacemento secundario, en aluvión que contén ouro libre, situado na marxe esquerda do río Navia, nun pequeno meandro. Consta de dúas zonas de extracción dispostas en dous niveis.
Mina de Cabanas: Na parroquia da Ribeira. Explotación aurífera a ceo aberto sobre xacemento secundario, en aluvión que contén ouro libre, con dúas zonas principais de extracción situadas na marxe esquerda do río Navia.
Mina de Monel: Na parroquia da Ribeira. Explotación aurífera a ceo aberto de grandes dimensións sobre xacemento secundario en aluvión que contén ouro libre, situado na marxe esquerda do río Navia, con dúas zonas de extracción.
Mina da Viña: Na parroquia da Ribeira. Pequena explotación aurífera a ceo aberto sobre un xacemento secundario en aluvión que contén ouro libre, situado nun meandro da marxe dereita do río Navia.
Mina de Requeixo: Na parroquia da Ribeira. Explotación aurífera a ceo aberto en aluvión que contén ouro libre, situada na marxe esquerda do río Navia. Consta de dúas zonas de corta.
Minas da Veiga: Na parroquia da Ribeira. Cortas de explotación aurífera a ceo aberto para beneficio de mineral en aluvión que contén ouro libre, situada na marxe esquerda do río Navia.
Mina da Ponte da Burra: Na parroquia da Ribeira. Corta de explotación aurífera a ceo aberto en aluvión que contén ouro libre situada na marxe esquerda do río Navia. Consta de dúas zonas de extracción dispostas en dous niveis, chegando a máis baixa case ata o río Navia. Vense acumulacións de cantos rodados. Alterada por unha pista.
Mina da Ribeira de San Martín: Na parroquia da Ribeira. Explotación aurífera a ceo aberto, en aluvión que contén ouro libre, na marxe dereita do río Navia. Alterada por cultivos.
Mina Val do Espino: Na parroquia da Ribeira. Explotación aurífera de grandes dimensións, en aluvión que contén ouro libre, na marxe dereita do río Navia. Consta de dúas zonas principais de extracción. Alterada por cultivos. 
Mina dos Pedregais: Na parroquia da Ribeira. Pequena explotación aurífera a ceo aberto, en aluvión que contén ouro libre, na marxe dereita do río Navia. Consta de dúas zonas de extracción, chegando a primeira case ata o río.
Mina da Coroa de Rellaos: Na parroquia da Ribeira. Pequena explotación aurífera a ceo aberto, en aluvión que contén ouro libre. Restos de cantos rodados de considerables dimensións. Alterada polas roturacións forestais.
Mina dos Grovos: Na parroquia da Ribeira. Corte de explotación aurífero a ceo aberto. Na cabeceira foi afectada pola estrada que vai de San Martín a Quindous.
Mina da Furada: Na parroquia de San Román. Pequena explotación aurífera a ceo aberto, en aluvión que contén ouro libre, na marxe dereita do río Navia. Vense os restos dalgunha estrutura de lavado feito a base de seixos.
Mina da Pena Tallada: Na parroquia de Santo Tomé de Cancelada. Gran corte de explotación a ceo aberto para o beneficio de mineral aurífero primario, asociado a mineralizacións de ferro.
Mina das Furadas: Na parroquia de Santo Tomé de Cancelada. Pequena corta de explotación aurífera a ceo aberto.
Mina do Caborco: Na parroquia de Santo Tomé de Cancelada. Gran corte de explotación aurífera a ceo aberto, asociado a mineralizacións de ferro e sulfuros de chumbo e zinc. Alterada por unha pista que cruza o xacemento.
Mina da Cova dos Penedos: Na parroquai de Vilapún. Explotación aurífera en galería, asociada a mineralizacións de ferro e sulfuros de chumbo e zinc. 
A Cova da Moura: Na parroquia de Vilaquinte. Explotación en galería de posible orixe romana.  
Mina do Bronzo: Na parroquia de Vilarello. Trátase dunha explotación aurífera a ceo aberto de época romana que tamén foi explotada en época moderna.
Mina de Carbedos: Na parroquia de Vilarello. Explotación aurífera a ceo aberto sobre mineralizacións de estaños e sulfuros de chumbo e zinc. Tamén puído ser utilizada para extraer pedra calcária.
Mina dos Vidais: Na parroquia de Vilarello: Corta de explotación aurífera a ceo aberto.
Mina da Reboleira: Na parroquia de Vilarello: Explotación aurífera a ceo aberto de considerables dimensións, cun volume de material removido e vaciado directamente a un pequeno regato que conflúe no río Toural.
Mina da Cabaniña: Na parroquia de Vilarello. Explotación aurífera a ceo aberto.
Mina da Fonte da Cova: Na parroquia de Vilarello. Explotación aurífera a ceo aberto de pequenas dimensións, con material removido e vaciado directamente no río Toural.
Mina dos Cavorcos: Na parroquia de Vilarello. Explotación aurífera a ceo aberto de considerables dimensións. O material removido foi vaciado directamente ao río Toural.
Mina de Sieiriño: Na parroquia de Vilasante. Corta de explotación aurífera a ceo aberto directamente relacionada co asentamento da Pena Tallada e que actuaba como foxo.
Mina de Carballo Naregos: Na parroquia de Vilasante. Corta de explotación aurífera a ceo aberto.
Mina de Vilasante: Na parroquia de Vilasante. Gran corte de explotación aurífera a ceo aberto. Alterado por cultivos e algunhas casas de Vilasante.
Mina da Furada: Na parroquia de Vilasante. Explotación aurífera a ceo aberto sobre pequenas bandas cuarcíticas do Ordovicico Inferior intercaladas no contacto das lousas e cuarcitas do Cámbrico.
Mina do Grovo da Valiña: Na parroquia de Vilasante. Corte de explotación aurífera a ceo aberto.
Pala da Capela: Na parroquia de Vilasante: Posible galería de prospección situada nunha banda de mineralización que foi explotada noutos puntos.    

UNHA PONTE ROMANA E UN CASTELO  
O día 9 de agosto de 2019, dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares comunicamos ao Servizo de Xestión Cultural da Consellería de Cultura en Lugo a existencia dunha antiga ponte, sen catalogar, no concello de Cervantes. Atópase nas inmediacións da acea das Pontes, salvando o río do mesmo nome, na parroquia de Donís. Construída en lousa, pola súa tipoloxía é máis que probable que sexa de orixe romana, con arco de medio punto e plataforma horizontal. Coñécese como a Ponte Romana ou Pontevella. Cremos que pode tratarse da ponte máis antiga, non só do concello de Cervantes, senón da comarca dos Ancares. Cuberta totalmene pola maleza apenas resulta visible. Non se lembra cando deixou de utilizarse, de feito, o camiño que embocaba nela desapareceu na súa totalidade debido a enchentas, derrubes do terreo, construción de novos camiños, etc. Para cruzar o río utilízase na actualidade unha ponte de formigón que substituíu a outra de madeira que asentaba sobre alicerdes de pedra. 


    

Por riba da Ponte Romana, a uns 650 metros de altitude, nun pequeno outeiro situado entre o citado río das Pontes e do rego da Ponte de Bous, existen os restos dun asentamento de pequenas dimensións, cunhas medidas aproximadas de 55 por 35 metros. Coñécese popularmente co evocativo nome de Pena do Castelo. Na parte alta apréciase claramente que  as rochas foron cortadas para nivelar o terreo. Nalgunhas obsérvanse uns buratos artificiais utilizados, posiblemente, para encaixar as vigas de madeira dunha construción. Segundo a tradición, os romanos construíron eiquí unha torre para protexer o paso pola primitiva ponte. Na actualidade hai unha ouriceira utilizada antano para gardar as castañas e varias colmeas. 

   

Cómpre destacar que a pegada romana no municipio de Cervantes é a máis importante da comarca dos Ancares, documentándose máis de 60 explotacións auríferas, varios asentamentos, epígrafes latinos, un campamento temporal, e tamén por Cervantes discorría a Vía Romana XIX que, procedente da Veiga de Valcarce, Ransinde e A Braña (O Bierzo), entraba en Galicia polo Comeal (Cervantes), tal como nolo testemuñan os clarísimos tramos de calzada, o máis recente documentado na zona da Braña despois dos incendios acontecidos no ano 2018 en que saíu á luz un impresionante tramo de varios centos de metros (ademais de anacos de recipientes cerámicos e tégulas) que enlazaba co do Comeal, único tramo de vía romana catalogado na comarca dos Ancares pola Xunta de Galicia. A calzada, despois de atravesar o concello cervantego, entraba en Becerreá polas Pontes de Gatín onde se ubicaba a mansión romana de Ponte Neviae citada no Itinerario de Antonino. Sobre a ponte das Pontes de Gatín hai un miliario reutilizado posteriormente en época de Carlos III. 
Dende tempos inmemoriais e ata ben entrado o século XX, o camiño que discorre por este sitio foi usado para o paso do gando (vacas, ovellas e cabras), ademais das cabalerías utilizadas polas persoas que as guiaban. Contáronnos que de Galicia para León adoitaban levar o gando lanar e caprino, e á inversa o vacún, frecuentando, sobre todo, os pasos existentes polas zonas de Poso e Piornedo. O motivo de trasladar o gando a través desta agreste orografía debíase, en gran parte, a evitar a vixilancia que sobre este tráfico exercían as autoridades.
Moi preto da Ponte Romana e da Pena do Castelo está a Acea das Pontes, empregada polos veciños da parroquia de Donís para moer o gran. O propietario actual contounos que na acea funcionou unha taberna, lembrando que era habitual atopar máis de vinte cabalos atados á vez esperando polos seus propietarios por ser, como xa apuntamos, un sitio de paso obrigado para o gando e para as persoas, ademais de para moer o gran. Ata a instalación do tendido eléctrico hai uns trinta anos, os habitantes da acea alumábanse cunha dinamo que aínda se conserva.
 
ASENTAMENTOS 
Ademais dos castros romanizados, no concello localízanse outros asentamentos.  
A Froxa: Na parroquia do Castelo. Situado na ladeira oeste dunha das dosais que saen cara o norte na Serra da Treitoira, ocupando unha pequena ruptura da pendente.
Castro dos Suchavos ou A Borruga: Na cima dunha dorsal que é divisoria entre os ríos Quindous e Valgos, ocupando un pequeno rechán que domina unha zona entre ambos ríos e parte da cabeceira do río Navia. Componse de dous núcleos separados de habitat. Foi reocupado na Idade Media.
A Cubeliña: Na parroquia de San Román. Nunha dorsal divisoria entre os ríos Quindous e Seixas, ocupando un pequeno rechán que domina unha zona do alto. Documentouse material romano.
O Penedo da Cama: Na parroquia de San Román. Na cima dunha dorsal divisoria entre os ríos Quindous e Seixas, ocupando unha valgada entre dous pequenos outeiros.
Tras da Reboleira: Na parroquia de Vilapún. Situado no alto NO da Serra de Grandalonga, ocupando un sector da divisoria de augas dos ríos Pontorrón e Cancelada, dominando un sector de ambos cursos.
A Puída: Na parroquia de Vilarello. Situado na ladeira oeste da Serra de Grandalonga, ocupando unha pequena ruptura de pendente, onde o terreo describe un afloramento calcário. Alterado por cultivos e camiños.  

NECRÓPOLE
Na parroquia do Castro, no lugar coñecido como Castijuelo, situado entre as aldeas de Vilaluz e A Barra. A necrópole romano-medieval, con sepulturas de inhumación antropomorfa, sitúase a media ladeira dun monte, nunha pequena chaira, preto dun regato. As nove sepulturas, tapadas na actualidade, localizáronse na década dos anos sesenta do pasado século XX.

  
UNHA LENDA: A FONTE DOS ROMANOS E O CIRCO 
A principios do mes de xullo de 2018 achegámonos ata o Comeal, ou Cumial, en Cervantes, para comprobar se a vía romana XIX está transitable para as andainas que temos previstas. O único atranco é a maleza. Dende o Concello dixéronnos que van a limpala.  Cando chegamos, un home de 81 anos que ía cunha gadaña saudounos. Natural do Comeal, marchou para Cataluña cando era mozo pero todos os anos volve para pasar os meses de verán na súa terra. Contounos que ía rematar de limpar o camiño que leva ata un manancial. Preguntámoslle, entón, se a auga da fonte que hai na mesma aldea non era boa. Contestounos que si, pero a mellor a da fonte “dos romanos”. Dos romanos? Foi a que utilizaron os veciños dende sempre, hai outro manancial un pouco máis arriba, pero sempre foi esta a súa preferida. Acondicionáronna hai uns dez anos. “Si viñan os romanos a por ela dende o Circo por algo sería”, respondeu. O Circo? “Si, onde tiñan o castelo, lembro que os meus bisavós e tamén os meus avós aínda lembraban algúns muros. Ali, os mouros, gardaban un tesouro”, díxonos.  Hai uns poucos anos localizouse no coñecido como Campo do Circo ou Cortiña dos Mouros, un monte situado a 1.294 metros de altitude entre O Bierzo e Galicia e a uns tres quilómetros en liña recta do Comeal, os restos dun campamento temporal construído polo exército romano no decurso das Guerras Galego-Astur-Cántabras. Con esta testemuña queda claro que os veciños xa sabían da existencia do campamento romano (“o castelo”) dende tempos inmemoriais.



CONCELLO DE NAVIA DE SUARNA 

DOUS CAMPAMENTOS ROMANOS NA SERRA DOS ANCARES: A GRANDA DAS XARRAS E A RECACHA
As características destes xacementos, descubertos no ano 2010, indican que se trata duns castra aestiva, uns campamentos temporais construídos polo exército romano no decurso das campañas militares durante as coñecidas como Guerras Cántabras, que nós preferimos denominar como Guerras Astur-Cántabro-Galaicas (29 a. C.-19 a. C.). Estas construcións, xunto cos castra hiberna, servían como base de operacións para acuartelarse e de onde se abastecían ás tropas que estaban no frente. Nestes campamentos concentraríanse as unidades militares antes de lanzar un ataque e, tamén, actuarían como lugar de retirada no caso de seren frustigadas polas forzas locais.

 

Ambos os dous campamentos, situados por riba dos 1.200 metros de altitude sobre o nivel do mar, distan entre si, en liña recta, pouco máis de 1.500 metros e emprázanse entre os municipios de Ibias (Asturias), Navia de Suarna (Galicia) e Candín (León), nas divisorias dos ríos Ibias e Balouta, tributarios do Navia, nun paso natural entre montañas. Como asentamentos temporais que eran, a súa pegada no terreo non é moi vistosa. En liñas xerais, constaban dun recinto de non moi grandes dimensións protexidos por foxo -fosso- e un talude -agger-, que se complementaba cunha cerca de madeira -vallum- e con liñas de estacas ramificadas -cervoli- que os soldados recollían durante a marcha.
As dimensión do recinto da Granda das Xarras, entre os concellos de Ibias e Candín, son de aproximadamente 305x185 metros e encerran unha superficie interior dunhas 5,5 ha, o que permite estimar o número de soldados que podería acoller. A media de superficie proposta para aloxar unha lexión móvese entre 17 e 28 ha, polo que este campamento acollería algunha unidade auxiliar ou ben a unha vexillatio formada por unhas poucas cohortes (Andrés Menéndez Blanco et al., 2011). Unha vexillatio era un destacamento que podía comprender unha ou varias cohortes -cohors- dunha lexión, mandada por un centurión e que estaba formada por tres manípulos, con 160 soldados cada un. 

 

O xacemento da Recacha atópase dentro dos límites administrativos do municipio lucense de Navia de Suarna, na parroquia de Rao e lindeiro co concello de Ibias (Asturias). No seu momento, o inventario arqueolóxico da Xunta de Galicia xa fala dunha cerca que arrodearía un aterrazamento no cume de A Recacha, aínda que non precisa de que tipo se trata. O recinto sitúase nun esporón a 1.264 metros de altitude sobre o nivel do mar, cunhas dimensións aproximadas de 150x60 metros, arrodeado por un parapeito terreiro, cunha altura máxima dun metro na parte máis vulnerable, que encerra unha superficie de 0,7 ha que, de forma irregular, se adapta á topografía do terreo, mantendo, ata onde é posible, a traza característica dos castra aestiva, con trazos rectos e esquinas curvas, non apreciándose, a simple vista, outras estruturas defensivas, agás no lado NO onde si se aprecia o que puído ser un pequeno foxo apegado ao exterior do recinto (Andrés Menéndez Blanco et al., 2011). Cómpre precisar que os lugares que ocupan estes xacementos foron aproveitados para uso agrícola e gandeiro polo que, seguramente, foron algo alterados.
Dende o xacemento da Granda das Xarras, ubicado nunha parte chá do terreo e unha boa posición defensiva, mantíñase un control da zona máis próxima, dominando as principais vías de comunicación e as zonas de acceso ao campamento e que actuaría como un castra aestiva de avance de tropas. Canto ao da Recacha, de menores dimensións (castra minora), situado nun esporón sobre o río Balouta, actuaría máis como un posto de control militar, como un punto de observación para vixiar o paso de montaña da serra de Penarrubia, fóra do control visual do da Granda das Xarras, asegurando esta zona desprotexida e comunicándose co campamento principal por medio de sinais ou polo envío de mansaxeiros no caso de perigo. En definitiva, o campamento da Granda das Xarras actuaría como o enclave principal e o da Recacha como secundario, complementando a visibilidade do primeiro.

 

Polo tanto, cobra forza a hipótese de que os dous asentamentos cumprirían unha función de control desta ruta de montaña para asegurar o tránsito militar e o transporte de subministros, mantendo aberta a liña de abastecemento das tropas que actuaban no frente, á vista do cal ben se poden relacionar estes campamentos con algunha acción bélica levada a cabo durante as Guerras Astur-Cántabro-Galaicas na conquista romana do Noroeste, comprobándose así algo que xa se sospeitaba: que Galicia tamén se viu envolta nestas guerras, localizándose na Serra dos Ancares a liña de avance máis occidental do exército romano cara a costa coñecida ata o momento.
Diante deste achádego, cómpre agora que as administracións públicas protexan estes enclaves, primeiro mediante a súa inclusión no correspondente inventario e logo promovendo as escavacións arqueolóxicas que permitan documentar en detalle as estruturas dos recintos e a busca de materiais (que adoitan ser reducidos neste tipo de asentamentos) para así achegar un pouco máis de luz sobre a conquista romana da Gallaecia en xeral e de Galicia en particular.
No mes de setembro do ano 2012, os concellos de Candín, Ibias e Navia de Suarna comprometéronse a poñelos en valor. No da Recacha, cuberto por abundante matogueira, o alcalde de Navia de Suarna xa anunciou que se ía proceder a desbrozar o terreo, recuperar as vías de comunicación e a sinalizar o xacemento, o que permitirá achegar os visitantes a este importante enclave. Aclarar que o xacemento de A Rechaba, aínda que inventariado pola Xunta de Galicia, non estaba identificado como un campamento romano.
No outono de 2013, investigadores do CSIC, dirixidos por Javier Sánchez e Almudena Orellas, realizaron as primeiras catas na Granda das Xarras onde confirmaron a existencia do campamento. O estudo de ambos os dous asentamentos enmárcase nunha investigación sobre as estratexias de control do territorio e dos recursos por parte de Roma, en particular das minas de ouro. No verán de 2014 continuaron os traballos. 

CASTROS CON PEZAS DE ÉPOCA ROMANA
Mera (Barcia); Os Vilares (Barcia); Cabanela e Cantón (Cabanela); Folgueiras (Folgueiras); Sinada (Mosteiro); Larxentes (Muñís); Vilarantón (Muñís); Liñares ou da Corola (Queizán); Aigas (Rao); Meda (Rao); Santa Mariña (Ribón); Casas do Río (Son); Teso do Castro (Vilela-Son); Acevedo (Vilarpandín). 

VÍA ROMANA
Blázquez (1923), despois de aclarar que polas Nogais non pasaba a vía XIX, di que esta unía as mansións recollidas no Anónimo de Rávena de Ponte Abei (Santiso, na Fonsagrada) e Uttaris (Ruitelán, no Bierzo) a través de Navia de Suarna.

XACEMENTO DE SANTA MARIÑA
O sitio arqueolóxico de Santa Mariña queda na aldea do mesmo nome, na parroquia de Ribón. O día 27 de marzo de 2016, integrantes do noso colectivo localizamos nun derrube do muro perimetral un anaco cerámico decorado, escouras de mineral de ferro, un anaco de tégula e unha moeda romana de bronce, posiblemente do emperador Crispo, datada arredor do ano 320 d. C. Ademais, tamén atopamos dúas fouces e unha copa de vidro sen pé de cronoloxía incerta. Os achados xa foron comunicados ao Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia en Lugo e ao Concello de Navia de Suarna. As pezas depositámolas o día 29 de marzo no Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga para o seu estudo e custodia. 

 
 

EXPLOTACIÓNS MINEIRAS
Abeleda (Mera-Barcia): Explotación aurífera a ceo aberto.
A Arroxiña (A Arroxiña-Penamil): Explotación aurífera a ceo aberto.
Barcia (Barcia-Mera): Explotación aurífera a ceo aberto na marxe esquerda do río Navia.
A Barrela (Embernallas-Muñís): Explotación aurífera a ceo aberto.
A Barria (Abrente-Mosteiro): Na marxe esquerda do río Navia. Explotación aurífera a ceo aberto.
O Calexón do Cuedo (Embernallas-Muñís): Complexo mineiro para desviar as augas do río cunha ampla zona de extracción.
O Carballal (Abrente-Mosteiro): Explotación aurífera a ceo aberto.
O Carballal da Veiga (A Pobra de Navia): Explotación aurífera a ceo aberto na marxe dereita do río Navia.
O Cemiterio (A Pobra de Navia): Explotación aurífera a ceo aberto practicamente destruída.
A Cerrada (Vilagoncide-Pin): Explotación aurífera a ceo aberto.
Cobertoirada (Mera-Barcia): Explotación aurífera a ceo aberto na marxe dereita do río Navia. 
Cova de Castañedo: Explotación aurífera situada no curso medio do río Navia. 
Cova dos Mouros (Abrente-Mosteiro): Cova natural situada en terreo calizo, a media ladeira do Altodo Piquillo. Posible galería de prospección de época romana.
Cova da Pena dos Mouros (Ribón): Pequeno abrigo sobre cuarcita a media ladeira do monte de Ribón, na marxe dereita do regueiro de Cantorcia. Posible galería de prospección de época romana. 
A Farrada (Vilagoncide-Pin): Explotación aurífera a ceo aberto.
O Fontallón (As Covas-Castañedo): Explotación aurífera na marxe esquerda do rego de Castañedo, rapidamente abandonada.
A Fontela (Muñís): Explotación aurífera a ceo aberto, con aluvión procedente de xacementos primarios que contaba cun único sector de extracción.
Furada dos Mouros (Sinada-Mosteiro): Galerías na parte alta da Valiña, na marxe esquerda do río Vilares. Posible galería de prospección de época romana.
A Garduñeira (Vilarantón-Muñís): Explotación aurífera a ceo aberto, cunha única zona de extracción, nun meandro da marxe dereita do río Navia.
As Grileiras (Prebello-Rao): Dúas trincheiras e un pozo a ceo aberto.
Maiseiro (A Arroxiña-Penamil.): Explotación aurífera a ceo aberto.
O Mede (Penamil): Explotación aurífera a ceo aberto.
Meduas ou Escanarega (Penamil): Explotación aurífera a ceo aberto. 
Pena do Corvo (Vallo): Explotación aurífera a ceo aberto.
Pena da Cova (Pin de Abaixo-Pin): Explotación aurífera a ceo aberto.
Pena Furada (Folgueiras): De época indeterminada. 
Pena dos Mouros (Ribón): Trátase dun pequeno abrigo cuxa parte posterior foi traballado a pico. Posible galería de prospección de época romana.  
Pena de Murias (Murias-Rao): Gran afloramento de cuarcita, a media ladeira da Serra do Brañal, na marxe dereita do río Murias.
O Pandelo (Arcón-Son): Explotación aurífera a ceo aberto.
Pedredo (Vilagoncide-Pin): Explotación aurífera a ceo aberto. 
Penas Enteiras (Vilagoncide-Pin): Explotación aurífera a ceo aberto.
A Preira (Penamil): Explotación aurífera a ceo aberto.
A Ramalleira (A Arroxiña-Penamil): Explotación aurífera a ceo aberto.
A Reboleira (Mera-Barcia): Explotación aurífera a ceo aberto.
O Remuín (Pin de Abaixo-Pin): Explotación aurífera a ceo aberto.
Río de Pé (Abrente-Mosteiro): Exploación aurífera a ceo aberto.
Sagradelo (Freixís): Explotación aurífera a ceo aberto na marxe dereita do río Navia.
Seara da Veiga (Pin de Abaixo-Pin): Explotación aurífera a ceo aberto.
Terras Rubias (Vilarguende-Queizán): A media ladeira, na marxe esquerda do rego Cabanela. Trincheira a ceo aberto cunha rede hidráulica procedente do río de Cabanela.
Teso do Cortín (Trigal-Galegos): Explotación aurífera a ceo aberto na ladeira do Pico do Seixo. 
As Torres (Penamil): Aproveita un outeiro testemuña da explotación aurífera na parte baixa da Serra de Pedruñais, na marxe esquerda do río Navia.
Vales (A Arroxiña-Penamil): Explotación aurífera a ceo aberto.
A Veiga (Embernallas-Muñís): Explotación aurífera a ceo aberto.
A Veiga da Fragua (Embernallas-Muñís): Explotación aurífera a ceo aberto.
Veiga de Lastras (Freixís):  Explotación aurífera a ceo aberto na marxe dereita do río Navia. 
Veiga do Pomar (Embernallas-Muñís): Explotación aurífera a ceo aberto.
Veiga da Volta (Robledo-Son): Explotación aurífera a ceo aberto.
A Viña (Trigal-Galegos): Explotación aurífera a ceo aberto.
A Viña da Penasinceira (Penasinceira-Galegos): Explotación aurífera a ceo aberto.

 



O HORTO DOS MOUROS OU PENAS DE MONTERRÍO
Nas Ferreirúas, parroquia de Cabanela. Xacemento situado no cumio dun outeiro arrodeado por un afloramento rochoso, cuberto por piñeiros de repoboación e monte baixo. Trátase dunha grande explanada alongada. Descoñecemos se se trata dun castro, un asentamento romano ou medieval. Non se observan estruturas. Referencias orais. 

XÚPITER E O TESOURO CARLISTA  
O día 15 de xuño de 2019, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares documentamos unha inscrición gravada en pedra onde se ve a palabra latina IOVI, clara referencia ao deus Xúpiter, a deidade principal do panteón romano que na mitoloxía era considerado como o pai dos deuses. A súa localización foi posible grazas á información dun veciño que hai tempo nos falou dunhas "penas con letras" existentes no sitio. 

 

Atopámola na Pena de Murias, na parroquia de Rao, concello de Navia de Suarna, un gran afloramento de cuarcita situado a media ladeira da Serra do Brañal, a 1.125 metros de altitude, asociado a unha explotación mineira de época romana que se levanta na marxe dereita do río de Murias, a carón do camiño que vai cara a Braña do Pandozarco e do Porto de Ancares. 

 

A singularidade desta inscrición estriba en que está gravada sobre unha pedra non traballada previamente. A maioría das epígrafes de época romana gravábanse sobre as coñecidas como aras, pedras consagradas á unha divindade que ten unha forma aproximada de paralelepípedo rectangular. Que nós saibamos, en Galicia, gravadas en pedras sen traballar, o número de exemplares de época romana limitábase, ata o presente, a tres exemplares na provincia de Ourense: unha inscrición en Nogueira de Ramuín onde se le "Sicenata Pacata", outra nos cóvados do Larouco xunto o río Bibei, e outra máis no castro de San Cibrán de Las, en San Amaro; nestas últimas tamén figura o nome de IOVIS e IOVI respectivamente. Por outra parte, nas aras as inscricións facíanse para pedir ou agradecer algo á divindade (aras votivas) ou para lembrar a unha persoa falecida (aras funerarias). Pero eiquí o nome da deidade aparece só, o mesmo que no castro de San Cibrán de Las.
O profesor Marco García Quintela aclara que Xúpiter é o deus dos ceos, dos trebóns, o equivalente a Zeus, polo tanto é normal que sexa a montaña a canle de comunicación con el, encubrindo, en moitos casos, divindades anteriores. O culto romano a Xúpiter estendeuse polo territorio a partir do século II d. C., pero neste caso hai unha salvedade, non é o mesmo atopoar unha inscrición nunha ara en aldeas romanizadas do fondo dos vales que neste tipo de espazos remotos, nos que hai un contexto especial. A inscrición IOVI, ademais da citada de San Cibrán de Las, ten paralelismo con outras inscricións dedicadas a deuses indíxenas do noroeste e mesmo estatuas. A García Quintela lémbralle directamente ás epígrafes DIVI de Campo Lameiro. Trátase de dúas inscricións sobre pendos que miran o val e que foron publicadas polo propio profesor e Manuel Santos Estévez no ano 1998. As inscrición amosan unha palabra, DIVI, "Aos deuses", que como noutras ubicadas no norte de Portugal están escritas en horizontal, para ser lidas dende arriba, como se fosen ofrecidas directamente para que as leran os deuses. Continúa Marco García Quintela que pon de manifesto o seu carácter especial xa no seu tempo, nunha época que a escrita era excepcional en Galicia, e ela mesma podía ter un carácter sagrado. Eiquí obsérvase tamén este factor: a ofrenda a Xúpiter podería ser a escrita do seu propio nome.

 

 

A presenza romana nesta zona de Navia de Suarna debeu de ser moi importante. A uns 2,5 quilómetros atópase o campamento temporal de época romana da Recacha. Hai uns anos uns veciños de Murias amosáronnos varios muíños circulares, tamén romanos, que atoparon en dúas leiras ao arar a terra situadas a uns 800 metros da inscrición. E non moi lonxe da Pena de Murias (a uns 600 metros en liña recta) tamén está o afloramento rochoso coñecido como a Pena dos Garabatos, clara referencia a algún tipo de gravados que, aínda  que polo de agora non demos localizado, as informacións orais que recollemos falan de símbolos e letras insculpidos. Cómpre lembrar que só nos concellos de Navia de Suarna e Cervantes documéntanse máis de 120 explotacións mineiras de época romana, a maioría destinadas á extracción de ouro, máis da metade situadas nas inmediacións da Vía Romana XIX. 

 

Por último, a Pena de Murias está asociada, ademais de a tesouros custodiados polos mouros, a unha lenda acontecida durante as Guerras Carlistas do século XIX. A presenza carlista durante a primeira guerra (1833-1840) foi relativamente importante no concello de Navia de Suarna e na comarca dos Ancares xa que contaban co apoio dos fidalgos e dos cregos do rural, producíndose varios soados episodios que aínda perduran na memoria da xente. Cóntase que cando unha partida carlista fuxía das forzas liberais, e por medo a que estas se apoderaran do tesouro que levaban, decidiron agochalo na Pena de Murias. A pesares de que posteriormente foron moitos os que o buscaron, ninguén logrou dar con el. Iso si, asegúrase que o tesouro está escondido no único lugar da pena dende onde se divisa o campanario da igrexa parroquial de Santa María de Rao.

 

A inscrición, ao estar gravada nunha pedra durísima, a cuarcita, consérvase en bastante bo estado. O achado xa foi comunicado a Patrimonio. 


CONCELLO DE AS NOGAIS 

Aínda que as últimas investigacións apuntan a que a mansión de Ponte Neviae se ubicaría nas Pontes de Gatín, en Becerreá, hai autores que sosteñen que quedaría en As Nogais. Así temos a Saavedra (1862), Monteagudo (1951) ou Gómez Vila.  
En Santo André, na faldra meridional do monte Redondo, na zona coñecida como O Carballal, a ambas as dúas marxes do regueiro de Santo André, disque apareceron restos cerámicos, tégula e pequenos fragmentos de opus caementicium.  

EXPLOTACIÓN AURÍFERA
Explotación a ceo aberto de mineral de ouro do Lavadoiro ou Banzado de Golmar, situada entre os límites de As Nogais e Pedrafita do Cebreiro. Todo apunta a que a explotación apenas si comezou a funcionar cando foi abandonada definitavamente. 

PONTE DE BALARGANTES
Sobre o río Navia. Ponte de madeira con estribos de pedra de xisto e granito sobre o río Navia. Javier Gómez Vila (2005) di que se acusan varias reparacións, sendo a última na primeira metade dos anos oitenta do pasado século XX. Asegura que por eiquí pasaría a vía romana XIX.

MOEDAS
Amor Meilán, en Lugo y su provincia (1929) di: "En Los Nogales fueron hallados dos pequeños bronces de Constantino I el Magno; de los que uno tiene en el anverso el busto del emperador, a la derecha, con casco y corona y la leyenda IMP. CONSTANTINVS.MAX.AUG y en el reverso las victorias de pie, una frente a la otra colocando sobrer un cipo un escudo en el que se lee VOT XX, leyenda VICTORIAE LAETAE PRINC. PERP., al exergo S.T. El otro pertenece a Crispo, hijo de Constantino I. También fue hallado un denario de Augusto, cuyo anverso aparece la cabeza de Octavio Augusto con corona de laurel y la leyenda CAESAR AVGVSTVS DIVI F. PATER PATRIAE y en el reverso los Césares Cayo y Lucio nietos de Augusto con lanza y escudo apoyado en el suelo. En el campo el símbolo y el lituo. Leyenda C.L. CAESARE AVGVSTI F. COS. DESG. PRINC. INVENT". En ningún dos casos indica onde se atoparon as moedas.

DOCUMENTOS
Carta remitida polos xuíces de Doncos e Noceda o día 22 de setembro de 1767, suplicando que se trace o Camiño Real de acceso a Galicia pola antiga vía romana entre As Nogais e Pedrafita. A resposta foi enviada polo enxeñeiro xefe Carlos Lemaur o día 2 de decembro de 1767. Nesta carta baséanse algúns autores para defender o paso da vía romana XIX polo concello das Nogais pero omitindo por descoñecemento ou de forma premeditada un informe elaborado no ano 1969 polo seu substituto, Balthasar Ricaud, dirixido ao ministro de Facenda Conde de Croix, queixándose da mala calidade das obras dirixidas por Lemaur. Hai un parágrafo que resulta significativo: "Esta porción de camino desde Ruytelan al término de Piedra Fita y Noceda es de 13562 varas, avierto en la falda mui pendiente en la falda de una cordillera, dirigido exactamente por las repetidas revueltas que forman los montes en las entradas de los barrancos...", o que significa que o trazado dende Ruitelán a Pedrafita é de nova planta. Isaac Moreno Gallo (2006) aclárao á perfección: "Y en efecto, en el valle de Ransinde y la Braña, al norte de Ruitelán, bañado por el arroyo del Real, en alusión al más viejo de los caminos, se conoce desde siempre el trazado de la vieja vía romana. Se la llama expresamente Carretera de los Romanos y aún se conservan trozos de su plataforma visibles en los prados o devorados por la vegetación que esconden restos de infraestructura pendientes de sacar a la luz. Supera el collado en el límite de la provincia de Lugo por el pueblo de Comeal. Allí se conservan, además de un magnífico terraplén de la vía, otros interesantes restos constructivos tales como tajeas de drenaje transversal, muros de contención, etc.". Todos os documentos consérvanse no Arquivo Xeneral de Simancas. O agger do Comeal é o único tramo da vía romana XIX ao seu paso pola comarca dos Ancares catalogado por Patrimonio da Xunta de Galicia.

UNHA VILA ROMANA NAS NOGAIS
No pasado mes de maio de 2017, un home (omitimos o seu nome porque así nolo pediu) amosounos unha moeda que hai uns 50 anos lle regalaran uns homes de Ponferrada que andaban a buscar "cousas antigas" pola zona. Contounos que os viu, ao menos, noutras dúas ocasións e sempre marchaban cargados, segundo lembra, con restos de pezas de cerámica, moedas, etc. En arqueoloxía, as moedas son un elemento de moita importancia polo que poidan achegar para datar o contexto onde aparecen. Lamentablemente, a peza que nos amosou o noso informante, ademais de incompleta, tanto no anverso como no reverso as figuras e inscricións apenas se aprecian debido ao forte desgaste. Malia isto, daquelas xa conxecturamos que podería tratarse dunha moeda de bronce de época romana. Tamén nos contou que non moi lonxe apareceran tumbas feitas con laxas descubertas (e destruídas) ao arar a terra. 
Ao longo deste tempo, en varias ocasións os integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares peiteamos a zona onde, segundo o noso informante, os furtivos de Ponferrada atoparan o material, zona que xa non é o que era hai medio século, partes que se adicaban a cultivo son agora terras comidas pola maleza. A que si se continúa a utilizar en parte como terras de labor é onde apareceron as tumbas pero, a pesares de percorrelas metro a metro, non demos con indicio algún. Decidimos seguir coas nosas pescudas nunha área duns 200 metros cadrados, a máis chaira, situada preto dun curso de auga e protexida dos ventos do norte, susceptible de acoller algún tipo de asentamento. E a sorte sorriunos.
Entre a matogueira comezaron a aparecer anacos de tégula, pezas de barro cocido utilizada para cubrir os tellados. O nome de tegulae aplícase principalmente ás pezas deste tipo relativas á época romana, de forma plana cos bordos realzados para diferencialas dos ímbrices (tella de barro curva, alongada e acanalada). En total recollimos máis de 100 anacos (ningunha tella completa) esparexidas polo lugar, ademais de tres anacos de recipientes cerámicos distintos. E a poucos metros do regueiro a base dun muíño circular elaborado en granito. Os muíños circulares compoñíanse dunha base (como a que atopamos) cunha parte superior cónica, denominada meta, sobre a que se colocaba unha peza superior, chamada catillus, de forma bitroncocónica. Facíase funcionar de forma manual facendo rotar a moa sobre a base a través dunha peza de madeira colocada nun engarce tallado no bordo da peza superior. O cereal era introducido polo orificio da moa que era triturado e expulsado por entre ambas as dúas pezas. Aínda que xa era coñecido na Gallaecia, o seu uso espallouse despois da chegada dos romanos.

 

Polo de agora, e para evitar actuacións non desexadas por parte de posibles desaprensivos, non facemos pública a ubicación exacta do xacemento, só o puxemos en coñecemento de Patrimonio. O que si podemos adiantar é que está no concello das Nogais, pero só a uns poucos centos de metros dos concellos de Becerreá e Cervantes e a menos dun quilómetro da vía romana XIX que atravesaba este último municipio e a pouco máis de 1,5 quilómetros das Pontes de Gatín, en Becerreá, onde, segundo o Itinerario de Antonino (redactado entre o 196 e o 217 d. C. onde aparecen 372 rutas do Imperio Romano das que tres corresponden a Galicia: vías XVIII, XIX e XX) podería estar ubicada a mansión romana de Ponte Neviae. A mansión, mansio viarium, era unha construción situada a intervalos regulares nas vías ou calzadas; utilizábase como lugar de descanso, relevo de cabalos, correos, etc., marcando o final dunha etapa. O citado Itinerario nomea dúas mansións na comarca dos Ancares, esta de Ponte Neviae e a de Timalinus, en Baralla.
Cremos que este asentamento que vimos de localizar podería tratarse dunha vila agrícola de época romana. Cando os romanos comezan a asentarse militarmente no territorio, obrigan aos habitantes dos castros a abandonalos e a establecerse nos vales que é cando aparecen as villae ligadas ás explotación agrícolas. 

 

Descoñecemos se aínda se conserva algún tipo de estrutura habitacional, pode que as pedras que formaban a construción ou construcións se atopen tapadas ou que foran reaproveitadas posteriormente, como adoita acontecer, en muros ou casas. 
O que tamén nos chama a atención é que os furtivos de Ponferrada buscaran neste sitio polo que é probable que algún veciño os informara previamente da aparición de distintos restos arqueolóxicos, máis tendo en conta que o sitio, como dixemos máis arriba, atópase a tiro de pedra da vía romana XIX e de Ponte Neviae onde, teoricamente, estaría a ata o de agora non atopada mansión do Itinerario de Antonino, sería o que os levaría a buscar nas zonas próximas.


CONCELLO DE PEDRAFITA DO CEBREIRO 

EXPLOTACIÓNS AURÍFERAS
Mina do Lavadouro ou Banzado de Golmar (Foxos-O Cebreiro): No límite dos concellos de Pedrafita do Cebreiro e As Nogais. Explotación a ceo aberto de mineral aurífero. Todo apunta a que a explotación apenas si comezou a funcionar cando foi deida definitivamente.
Mina do Couso (A Lagúa-OCebreiro): Explotación aurífera da ceo aberto.
Mina da Toca (Paparón-Lousada): Explotación aurífera a ceo aberto. Na beira dunha escarpada falla sobre o regueiro de Vilela, na desembocadura do río Lor.
Mina de Torubio (Paparón-Lousada): No límite dos concellos de Folgoso do Courel e Pedrafita do Cebreiro. Explotación aurífera a ceo aberto. Obsérvanse uns impresionantes desmontes. O sistema de subministro hidráulico, fundamental para este tipo de explotacións, componse dun mínimo de seis canles principais, coas súas respectivas canles secundarias de ataque.
Mina dos Buracois (Lousada): No límite entre os concellos de Folgoso do Courel e Pedrafita do Cebreiro. Mina a ceo aberto para a explotación de ouro.
Mina de Tras as Torres (Riocereixa): Explotación aurífera a ceo aberto. Na zona máis baixa da explotación utilizaron o sistema de arugiae.

Colectivo Patrimonio dos Ancares
Os romanos na comarca dos Ancares