* Agresión a unha mámoa da Pena dos Mouros

O día 20 de maio de 2017, alertados por un veciño, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares achegámonos ata a necrópole megalítica da Pena dos Mouros, nos montes de Savane, parroquia de Dorna (Cervantes), formada por catro enterramentos. Puidemos comprobar que a mámoa número 1, catalogada co código GA27012085, sufriu recentemente unha escavación furtiva. Na parte superior, onde xa tiña un pequeno cráter de violación, practicaron un burato 2 metros de longo, un de ancho e 0,50 de profundidade, deixando á vista un esteo da cámara funeraria. Esta mámoa, duns 18 metros de diámetro e 1,5 de altura xa padecera outra agresión hai anos ao anchear unha pista, afectando a 1/3 da masa tumular.

 

As mámoas deste cemiterio prehistórico, a solicitude do noso colectivo, foron limpadas polo Concello no mes de setembro de 2016.

 

A agresión foi comunicada ao Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo.