ARQUIVO APÉNDICES II

En primeiro lugar, as entradas máis recentes.

> Novas mámoas en Cervantes
> Novos petroglifos en Moreira (Cervantes)
> Petroglifos inéditos en Navia de Suarna
> Mámoas inéditas en Becerreá
> Valorización dunhas mámoas en Cervantes
> Nova mámoa e máis petroglifos en Cervantes
> Un novo castro en Baralla
> O petroglifo a maior altitude de Galicia
> Xornadas da Asociación Galega de Pastos e Forraxes
> Coa Asociación Teenses pola Igualdade
> Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses
> Con Roxín Roxal pola Campa do Barreiro  
> Máis mámoas en Cervantes
> Un novo castro en Becerreá
> Novos petroglifos en Cervantes
> Solicitude ao Concello de Cervantes sobre a posta en valor dunhas mámoas
> Unha moeda romana en Navia de Suarna. E máis...
> Novas mámoas en Cervantes
> Sinalizamos o patrimonio da comarca
> A destrución do patrimonio en Vtelevisión

NOVAS MÁMOAS EN CERVANTES
Localizadas por integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares o día 28 de xaneiro de 2017. Sitúanse a 1.280 metros de altitude, entre as aldeas de Porcís, na parroquia de Noceda, e O Portelo, na parroquia de Vilarello, no monte coñecido como Golada do Campo do Circo. Trátase de dúas mámoas de 19 e 15 metros de diámetro, e unha altura de 1,30 e 1,05 metros, respectivamente. Ambas presentan cráter de violación. Atópanse a uns 500 metros das mámoas dos Forniños, e  a uns 50 metros do límite coa provincia de León.
Segundo os nosos datos, trátase, ata o momento, das mámoas situadas a maior altitude da provincia de Lugo, ocupando o terceiro posto de Galicia, despois das mámoas do Marco Cavado e do Sistil Branco, entre os concellos ourensáns de Chandrexa de Queixa e Manzaneda, situadas a uns 1.700 metros de altitude.
 

NOVOS PETROGLIFOS EN MOREIRA (CERVANTES)
O día 18 de outubro de 2016, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares documentamos uns novos petroglifos no concello de Cervantes. Foi no Penedo Grande, un monte situado a 1.164 metros de altitude sobre o nivel do mar, pertencente á aldea de Moreira, na parroquia de Donís.
Trátase de catro penas sobre as que se distribúen nove pías e coviñas de factura claramente artificial, cunhas medidas que van dende os 16 aos 7 centímetros de diámetro e unha profundidade que oscila entre os 6 e 2 centímetros.
Coma no resto dos petroglifos localizados no municipio de Cervantes, estes do Penedo Grande caracterízanse tamén por atoparse preto de lugares adicados dende tempos inmemoriais ao cultivo e ao pastoreo, e preto de centenarios camiños. Todas as estacións descubertas tamén posúen a singularidade de ser os que están situados a maior altitude de Galicia, por riba dos 1.000 metros. 
Os petroglifos continúan a ser os grandes descoñecidos da arqueoloxía galega, tanto é así que ata hoxe en día non existe acordo entre os especialistas sobre a súa función. Na comarca dos Ancares, ata o momento, só atopamos coviñas, motivos que, lamentablemente, apenas mereceron a atención dos investigadores. As coviñas ou cazoletas ancaresas non están asociadas, como acontece noutras partes de Galicia, a outros motivos o que lle confire unha especial importancia, que nos fala dunha sociedade ben definida culturalmente, que insculpían estas coviñas por algo. Para que? Dada a diversidade onde aparecen, temos que pensar que non terían un único significado: recipientes para ofrendas, lugares para recoller a auga que sería utilizada nalgún tipo de ritual, receptáculos para sacrificios, calendarios solares e lunares, símbolos de carácter sexual feminino relacionados coa fertilidade, mapas terrestres e celestes, delimitadores de espazos sagrados ou lugares máxicos, etc. Malia o anterior, ao tratarse dunha arte simbólica, son para nós, en principio e como acontece co resto das representacións, de natureza inintelixible e co único que xogamos son con hipóteses xa que este sistema de comunicación desapareceu xunto coas persoas que os xeraron, incluso cabe a posibilidade de que o seu significado só sería comprensible a determinados membros daquela sociedade. Canto á súa adscrición cronolóxica e cultural, abranguería, cando menos, dende o Neolítico ata a Idade Media. No que respecta a estas gravuras do Penedo Grande, e tomando como referencia outras de similares características esparexidas ao longo de Galicia e da propia comarca, cremos que hai que encadralas nalgún momento da Idade do Bronce, hai uns 4.000 anos.
Ata o presente, na comarca dos Ancares levamos documentadas, con esta, catorce estacións con petroglifos, doce no Concello de Cervantes
Os achados xa foron comunicados ao Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e ao Concello de Cervantes.
A localización deste grupo de petroglifos foi grazas á información achegada por David Mourelo.
PETROGLIFOS INÉDITOS EN NAVIA DE SUARNA
A principios do mes de setembro de 2016, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares localizamos máis petroglifos na comarca. Foi na coñecida como Pena dos Cubelos, un monte que se atopa a 1.202 metros de altitude. Está dentro dos límites da aldea do Penedo, na parroquia de Vallo, concello de Navia de Suarna, preto do límite co concello de Cervantes.
Para achegarnos ata o lugar tivemos en conta o nome do topónimo xa que o étimo cubelo fai alusión a unha forma redonda, atopándoo en Galicia como diminutivo de cova, oco ou burato. Como puidemos comprobar, no presente caso o topónimo non era ambiguo xa que na parte alta do outeiro conseguimos documentar catro coviñas feitas por man humana, distribuídas en dúas penas de xisto, cuns diámetros que oscilan entre os 7 e os 9 centímetros. Polas súas características foron feitos na Idade do Bronce.
 

Este é o primeiro petroglifo documentado no concello de Navia de Suarna. Segundo nos contaron, no antigo camiño que comunicaba Savane con Vilarpandín, no lugar coñecido como A Canceliña, había tres penas insculpidas con ferraduras e coviñas, pero foron destruídas no ano 1969 por unha máquina que estaba a ampliar o camiño.
 

Con este, o número de estacións con petroglifos documentados na comarca dos Ancares elévase a 15, correspondendo 12 ao municipio de Cervantes.
Os achados xa foron comunicados ao Concello de Navia de Suarna e ao Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo. 
MÁMOAS INÉDITAS EN BECERREÁ
Documentadas polo Colectivo Patrimonio dos Ancares o día 24 de agosto de 2016 na Serra de Vilamane, no monte coñecido como O Marco, a 966 metros de altitude.  Toda a información na entrada deste mesmo blog Mámoas e castros do concello de Becerreá.


VALORIZACIÓN DUNHAS MÁMOAS EN CERVANTES
Durante a penúltima semana do mes de outubro de 2016, unha brigada do Concello de Cervantes procedeu á limpeza da maleza que cubría varias mámoas da necrópole megalítica de Pena dos Mouros-Savane. En total limpáronse de forma manual, para non danalos, nove túmulos que entre os meses de febreiro e xullo deste ano, coa axuda inestimable do compañeiro, o axente forestal da zona Severino Orozco Carro, documentamos o Colectivo Patrimonio dos Ancares.  
Este cemiterio prehistórico atópase na Serra da Cortella, en montes comunais das aldeas de Folgueiroa e Savane, e que acollen un total de 13 mámoas (unha máis localizada por Severino durante os labores de limpeza) o que o converte nun dos grupos máis numerosos da provincia de Lugo, só detrás da necrópole de Lousada, en Xermade.  
Despois da limpeza puidemos comprobar que algunhas mámoas que críamos sen cámara, si a teñen, así a como restos da coiraza de pedra que protexía os túmulos.  
Dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares queremos amosar o noso agradecemento ao Concello de Cervantes polo seu interese en valorizar estes monumentos, e tamén aos comuneiros propietarios dos montes que están a facilitar a recuperación duns vestixios do noso máis remoto pasado. Agora estamos en conversas co Concello para proceder á súa sinalización.   
O día 14 de novembro de 2016, dende o Servizo do Patrimonio Cultural comunicáronnos que das seis mámoas localizadas no pasado mes de xuño, dúas xa foron catalogadas. O resto dos túmulos, debido á leña e a matogueira que os cubre, esperan a contar con mellores condicións.
 
 
 
NOVA MÁMOA E MÁIS PETROGLIFOS EN CERVANTES
O día 6 de agosto de 2016, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares localizamos unha nova estación con petroglifos no concello de Cervantes. Foi no lugar coñecido como A Pena do Oso, un outeiro situado a 1.161 metros de altitude sobre o nivel do mar, a pouco máis de 1,5 quilómetros da aldea do Piornedo, na parroquia de Donís, en plena Serra dos Ancares, e non moi lonxe dos altos picos que dividen Galicia da provincia de León (Agulleiro, Penalonga, Mostallar...).
 

Trátase dun afloramento granítico onde documentamos unha pena con catro cazoletas, tres delas aliñadas; e dúas penas máis cunha coviña cada unha. As medidas oscilan entre os 3 e os 7 centímetros de diámetro, e unha profundidade de entre 0,5 e 3 centímetros.
 

Este novo achado fai o número 13 das estacións que levamos localizadas no concello dende que descubrimos o primeiro grupo a finais do mes de agosto de 2013.
 

Cómpre salientar que as gravuras da Pena do Oso, coma o resto das que levamos documentadas no municipio, atópanse próximas a pequenas correntes de auga, vellos camiños e ás coñecidas na comarca como brañas ou campas. As brañas eran lugares altos, pero situados en penichairas, onde se levaba o gando e se sementaban os cereais, actuando en moitos casos como asentamentos temporais dende finais da primavera ata finais do verán. É por isto polo que a presenza de gravados nestes lugares adquire unha especial relevancia, amosando que xa dende a Idade do Bronce eran utilizados para o desenvolvemento de actividades agrícolas e gandeiras que se foron perpetuando ao longo dos séculos.
 

A finais do pasado mes de xullo, o compañeiro Severino Orozco localizou unha cuarta mámoa na necrópole megalítica da Pena dos Mouros, a 1.180 metros de altitude, situada na Serra de Palmeán, por riba das aldeas de Folgueiroa e Savane, parroquia de Dorna. Debido a que está totalmente cuberta pola matogueira as medidas que achegamos son aproximadas: trátase dun túmulo duns 11 metros de diámetro e unha altura dun metro que presenta un cráter de violación de 2 metros de diámetro do que sobresaen un par de esteos da cámara megalítica; tamén se observan restos de coiraza pétrea.
As outras tres mámoas xa foron catalogadas.
UN NOVO CASTRO EN BARALLA
Localizado polo Colectivo Patrimonio dos Ancares no mes de xuño de 2016. Toda a información na entrada correspondente Mámoa, petroglifos e castros do concello de Baralla. 


O PETROGLIFO A MAIOR ALTITUDE DE GALICIA
O día 22 de novembro de 2015, antes das primeiras nevaradas, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares localizamos dúas novas rochas con petroglifos no concello de Cervantes.
A primeira pena atópase preto dun camiño que vai cara a Mallada do Mostallar, a uns 1.700 metros de altitude. Trátase dunha rocha granítica con cinco coviñas de entre dous e catro centímetros de diámetro. Non moi lonxe localizamos unha cruz de factura moderna gravada na cara vertical doutra pena.
O segundo petroglifo localizámolo a 1.800 metros de altitude, nunha ladeira do Pico Mostallar, preto dun vello sendeiro que baixa cara unha campa onde antigamente levaban o gando e onde aínda se conserva un curro feito con pedras. Trátase dunha pena de xisto situada case a nivel do chan onde escavaron nove coviñas que oscilan entre os dous e seis centímetros de diámetro. Este petroglifo ten a singularidade de ser o que se atopa a maior altitude de Galicia. Sitúase case no límite coa provincia de León. Segundo os datos que manexo, ata o momento obstentaba a "distinción" o petroglifo das Arcas, no concello de Manzaneda, a 1.770 metros de altitude, e tamén formado por coviñas.
Ata o presente, contando estes dous, son doce os grupos de penas con petroglifos que levamos localizadas na comarca dos Ancares (10 en Cervantes, 1 en Baralla e 1 nas Nogais).


XORNADAS DA SOCIEDADE GALEGA DE PASTOS E FORRAXES
Os días 25 e 26 de novembro, celebráronse unhas xornadas en San Román de Cervantes organizadas pola Sociedade Galega de Pastos e Forraxes. O noso colectivo foi invitado, impartindo unha charla baixo o título de "A importancia do Patrimonio Arqueolóxico na montaña lucense".
  
 

COA ASOCIACIÓN TEENSES POLA IGUALDADE
O día 12 de novembro de 2016, integrantes da asociación Teenses pola Igualdade, de Teo, achegáronse ata a comarca dos Ancares. Lamentablemente, a mesta néboa impediulles disfrutar como sería de desexar da expléndida paisaxe. Á anoitecida, no salón do Hotel Residencia Os Ancares de Becerreá, Xabier Moure faloulles da impresionante pero pouco coñecida riqueza monumental, así como do pouco valorado e do estado de abandono en que se atopa o patrimonio da comarca.   
Ao día seguinte, o compañeiro Jordi Ráfols, historiador que vai para un ano está a recompilar información sobre o castelo de Doiras, guiou ás visitantes pola fortaleza medieval. 
Teenses pola Igualdade aproveitaron para queixarse do trato recibido cando visitaron as pallozas do Museo Etnógrafico de Cervantes, a persoa que enviou o Concello, ademais de non darlle a máis elemental información, amosou en todo momento unha actitude que queda moi lonxe de seren cordial. O luns xa falamos co alcalde para trasladarlle a queixa, cominándoo a que tome medidas para que isto non se repita.
 

RESERVA DA BIOSFERA OS ANCARES LUCENSES
O día 27 de outubro de 2016, con motivo do décimo aniversario da declaración dos Ancares Lucenses como Reserva da Biosfera, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares, invitados pola Deputación de Lugo, asistimos á reunión deste órgano do que forman parte a propia Deputación, os Concellos de Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna, as Anpas e as asociacións e colectivos da zona. Previamente a esta xuntanza, a responsable da Área de Medio Ambiente da Deputación púxose en contacto con nos para que participaramos neste órgano. Daquelas manifestámoslle a nosa colaboración sempre que isto non se limitara a celebrar aniversarios e gabarse das medallas para saír na foto, e ata a próxima. A verdade é que saímos esperanzados da reunión ao ver que, ao menos dende a Deputación, a súa disposición a involucrarse na dinamización da zona vai máis alá de simples declaracións de intencións. Tanto daquelas como hoxe mesmo, dende Patrimonio dos Ancares comprometémonos a participar, de forma desinteresada, no órgano. Non vou a enumerar aquí todas as nosas peticións nin as do resto das compañeiras e compañeiros (haberá tempo), pero tanto a Deputación como os alcaldes dos Concellos de Cervantes e de Navia de Suarna (de Becerreá, descoñecemos porque motivos, non asistiu ninguén) pedíronnos, pola parte que nos toca, que confeccionaramos unha guía para dar a coñecer a súa riqueza monumental, así como facer unha proposta para, pouco a pouco, valorizar e sinalizar aqueles monumentos máis significativos. Tamén lle achegamos a nosa proposta sobre a Vía Romana XIX. 
A non tardar anunciaremos as publicacións de dous libros, que ademais dos concellos que forman parte da Reserva da Biosfera tamén inclúen os do resto da comarca, sobre “Historias, lendas e tradicións da comarca dos Ancares” e “Mámoas, petroglifos e castros da comarca dos Ancares”.   
No noso colectivo tivemos un pequeno debate sobre a conveniencia de participar ou non neste órgano institucional, gostamos de andar á nosa bóla, sen demasiadas normas. Pero pola nosa banda que non quede. De saír sempre estamos a tempo. 
Seguiremos informando.
 

CON ROXÍN ROXAL POLA CAMPA DO BARREIRO
O día 22 de outubro de 2016, máis de 60 persoas da Asociación Roxín Roxal, da comarca de Betanzos, e do Colectivo Patrimonio dos Ancares achegámonos ata a Campa do Barreiro, no concello de Cervantes, situada a 1.100 metros de altitude, onde visitamos os primeiros petroglifos descubertos na comarca ancaresa, a lendaria Fonte dos Namorados e outro patrimonio etnográfico relacionado con antigas formas de vida dos seus habitantes. 
Esta andaina forma parte dos “Roteiros de outono” que baixo a denominación de “Escrito na pedra” permitiron coñecer as gravuras rupestres da Idade do Bronce de Vilarmaior, Oia e esta última da Campa do Barreiro.
Dende eiquí queremos manifestar o noso agradecemento á xente de Roxín Roxal por agasallarnos coa súa presenza, ademais de felicitalos pola súa frutífera andaina na defensa e divulgación do patrimonio de Galicia dende a súa constitución como asociación da que pronto se van a cumprir 10 anos. 
 
 

MÁIS MÁMOAS EN CERVANTES
O día 7 de xuño de 2016, dende o Servizo do Patrimonio Cultural comunicáronnos que os seus técnicos xa visitaron e catalogaron as dúas mámoas que os do noso colectivo localizamos o pasado mes de febreiro no concello de Cervantes. Inventariáronnas cos nomes de Savane 1 e Savane 2 por atoparse nos montes de Savane, parroquia de Quindous.
Ese mesmo día, o axente forestal da Consellería do Medio Rural, Severino Orozco Carro, informounos da existencia doutros posibles enterramentos na mesma zona. Ao día seguinte, guiados por Seve, achegámonos  ata o lugar. Estes montes, totalmente cubertos pola maleza e con plantacións de árbores (rebolas e piñeiros), son comunais. Nun radio aproximado duns 450 metros puidemos comprobar a existencia de ata seis enterramentos megalíticos non documentados ata o presente. As mámoas teñen unhas medidas que van dos 10 aos 12 metros de diámetro e unha altura que varía entre 1,5 e 0,50 metros. Catro túmulos están gravemente alterados, todos con cráter de violación e coa masa tumular moi espallada; nun par deles observamos restos de pedras de cuarzo que puideron formar parte dunha coiraza pétrea, e outro está cortado por un vello camiño, na actualidade en desuso. No quinto, tamén moi alterado, vense algunhas pedras de bo tamaño esparexidas pola mámoa que, sen dúbida, formaban parte da cámara funeraria.
Pero a sorpresa levámola cando Severino nos mostrou o sexto enterramento. A mámoa, duns 11 metros de diámetro e 1,5 de altura, conserva no seu interior gran parte da cámara megalítica de forma poligonal composta por sete ortostatos verticais, algúns cortados, e que ten unhas medidas de máis de dous metros cadrados da que semella partía un corredor pouco desenvolvido orientado cara o sur-leste. A tampa cobertoira desapareceu, posiblemente destruída cando profanaron o enterramento para buscar "tesouros". O túmulo está cuberto de maleza e rebolas.
Hai moitos anos, buldozer do antigo ICONA levantaron gran parte do monte que, xunto coas posteriores plantacións de árbores, foron os responsables do estado en que se atopan estes enterramentos.
Con estas seis novas mámoas, o conxunto ascende a once. Tres, coñecidas como da Pena dos Mouros, xa estaban catalogadas, e as outras dúas foron as que documentamos no mes de febreiro. Sen moito marxe para o erro, cremos que con estes novos achados, esta necrópole atópase entre as que conservan un maior número de mámoas da provincia de Lugo, só detrás das da Lagoela (Paradela), Monte das Tenzas (Lugo) e Lousada (Xermade).
Na comarca dos Ancares é a segunda localizada con cámara megalítica. A outra é o dolme de Ferreirúas onde recentemente denunciamos unha agresión á tampa cobertoira. Hai outra con cámara funeraria no Alto do Restelo, no límite con Navia de Suarna, se ben esta xa pertence ao concello de Baleira, na comarca da Fonsagrada.
Solicitamos unha entrevista co alcalde de Cervantes para que, á vista da importancia desta necrópole megalítica, inicie as conversas cos comuneiros para poñela en valor. O custo que suporía facer visitables as mámoas, situadas moi cerca unhas das outras, limítase á limpeza da zona e á colocación duns paneis informativos. Ademais, cóntase coa vantaxe de que se atopan case a carón dunha estrada comarcal e con bos sitios para aparcar.
Os achados xa llos comunicamos ao Servizo do Patrimonio Cultural e ao Concello de Cervantes. 


UN NOVO CASTRO EN BECERREÁ
A mediados do mes de maio de 2016, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares localizamos un castro en Pumarín de Riba, parroquia da Veiga (Becerreá), a 624 metros de altitude. Ata este momento, o sitio figuraba só como topónimo, O Castrillón, tanto no Servizo de Patrimonio Cultural en Lugo como no Pxom inicial do Concello de Becerreá.  Máis información na entrada Mámoas e castros do concello de Becerreá.


NOVOS PETROGLIFOS EN CERVANTES
O Carrilón é un monte situado a 1.300 metros de altitude que se atopa na aldea de Poso, na parroquia do Pando (Cervantes), a menos dun quilómetro do límite co concello de Navia de Suarna e pouco máis de dous quilómetros coa provincia de León
O día 30 de abril de 2016, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares, grazas a informacións facilitadas por veciños e veciñas de Poso, documentamos 19 rochas graníticas con medio cento de cazoletas, feitas por man humana, cunhas medidas que oscilan entre os cinco e os dez centímetros de diámetro. 
O monte do Carrilón atópase entre o Pico da Legua e o Teso de Acevedo. No mes de marzo de 2014 localizamos no Pico da Legua unha pena con nove coviñas, e no mes de xuño do mesmo ano documentamos no Teso de Acevedo cinco rochas con máis de cen coviñas.
Estas penas con petroglifos atópanse en lugares de pastoreo, preto de antigos camiños e ao seu pé discorren os ríos de Poso e Xunquiñas e o regueiro da Campoa. 
Dende que no mes de agosto de 2013 descubrimos os primeiros petroglifos da comarca dos Ancares na Campa do Barreiro, levamos documentadas no concello de Cervantes 11 estacións con gravuras rupestres ao aire libre, incluída a situada a maior altitude de Galicia (1.800 metros). Ata o momento, o número de rochas con petroglifos ascendían a 17, pero cos descubertos no monte do Carrilón o número increméntase en 19 rochas máis, é dicir, que agora o número elévase a 36 penas con petroglifos o que dá idea da importancia deste novo grupo. A súa antigüidade podémola situar hai uns 4.000 anos, na Idade do Bronce.
Dos 67 concellos da provincia de Lugo, con este novo achado o concello de Cervantes pasa a ocupar o sétimo lugar canto ao número de estacións con petroglifos, só detrás de Antas de Ulla, Friol, O Incio, Pantón, Sarria e Sober. E en canto ao occidente de Galicia, dende a fronteira con Portugal ata Ribadeo, ocupa o primeiro lugar, coa singularidade de que todos os petroglifos se atopan en altitudes que superan con moito os 1.000 metros. 
As coviñas son ocos de planta redonda e sección semiesférica escavadas na superficie da rocha, sendo as representacións máis sinxelas da arte rupestre ao aire libre, aínda que quizais as máis enigmáticas dentro do repertorio das insculturas galegas. Poden aparecer illadas, formando agrupacións como no presente caso, e asociadas a outros motivos. Dada a diversidade onde aparecen, temos que pensar que non terían un único significado: recipientes para ofrendas, lugares para recoller a auga que sería utilizada nalgún tipo de ritual, receptáculos para sacrificios, calendarios solares e lunares, símbolos de carácter sexual feminino relacionados coa fertilidade, mapas terrestres e celestes, delimitadores de espazos sagrados ou lugares máxicos, etc. Malia o anterior, ao tratarse dunha arte simbólica, son para nós, en principio e como acontece co resto das representacións, de natureza inintelixible e co único que xogamos son con hipóteses xa que este sistema de comunicación desapareceu xunto coas persoas que os xeraron, incluso cabe a posibilidade de que o seu significado só sería comprensible a determinados membros daquela sociedade.
No Rexistro Xeral da Xunta de Galicia xa presentamos os escritos avisando dos achados ao Concello de Cervantes e ao Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo para que se cataloguen e se protexan xa que, ao tratarse de gravuras rupestres, teñen a condición de Ben de Interese Cultural (BIC).
SOLICITUDE AO CONCELLO DE CERVANTES SOBRE POSTA EN VALOR DUNHAS MÁMOAS
Dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares enviámoslle un escrito ao alcalde do Concello de Cervantes solicitanto a posta en valor da necrópole megalítca de Savane-Folgueiroa.
O día 13 de xuño falamos con el, amosándonos a colaboración total do Concello para limpar a maleza que hai sobre os túmulos e a contorna e sinalizar as necrópoles. Vai concertar unha reunión entre o propio Concello, os comuneiros e o noso colectivo para poñernos canto antes mans á obra. 
 

***

Colectivo Patrimonio dos Ancares 
Castelo, 15 (27640-Becerreá) 
arqueoancares@gmail.com 
Inscrición no rexistro: 2015/1934-1

Estimado alcalde:

O motivo da presente é para solicitar do Concello que preside a valorización da zona arqueolóxica que, provisionalmente, denominaremos como de Savane-Folgueiroa.
Ata hai poucos meses, na área de referencia estaba catalogada só unha necrópole megalítica formada por tres túmulos, máis un probable, coñecida como Pena dos Mouros. No mes de febreiro pasado, dende o noso colectivo comunicámoslle a localización de dúas novas mámoas nun monte comunal de Savane e que xa foron visitadas e catalogadas recentemente polos técnicos do Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. O día 8 de xuño do mes en curso, dende o noso colectivo volvemos a informalo sobre a localización doutros seis enterramentos non catalogados situados entre as dúas necrópoles citadas máis arriba, nos montes comunais de Savane-Folgueiroa, ambos nas parroquias de Quindous e Dorna respectivamente.
Como se pode ver no Anexo que achegamos, o estado de conservación destes enterramentos neolíticos é, en liñas xerais, de regular a malo, produto de actuacións incontroladas que se viñeron efectuando na zona ao longo dos anos, principalmente os producidos polo antigo ICONA con maquinaria pesada e posteriores plantacións de piñeiros sobre os monumentos.
No noso colectivo cremos que o patrimonio cultural é de todos e, polo tanto, as administracións públicas deben facilitar o acceso ao mesmo. Non concordamos cos que defenden que o patrimonio canto máis oculto menos probabilidades ten de sufrir agresións, por desgraza está sobradamente comprobado que agochalo só beneficia aos agresores cuxos actos quedan, na meirande parte dos casos, impunes.
A nosa proposta de valorización destes cemiterios megalíticos é facilmente realizable, sen apenas custo para as arcas do Concello. As tres necrópoles, próximas á estrada LU-P-0702, atópanse situadas a carón de camiños. As actuacións limitaríanse a facelos visibles, coa limpeza da maleza nalgúns túmulos e a limpeza da maleza e a tala dunha ducia de piñeiros nos restantes, que se completaría co desbroce da contorna e os camiños de acceso e a colocación de tres paneis informativos. Todas as mámoas atópanse nunha liña que non sobrepasa un quilómetro, distancia que se pode facer a pé, tendo ademais a vantaxe de contar con dous lugares que se poden utilizar como aparcadoiros de coches, incluídos autobuses.
Como ben coñece, o artigo 3 da Lei 5/2016 do patrimonio cultural de Galicia, di que os Concellos teñen a obriga de protexer, difundir e fomentar o valor do patrimonio cultural que se atope dentro do seu ámbito territorial, debendo adoptar, ademais e se fose o caso, as medidas cautelares necesarias para salvagardar os bens que visen a súa integridade ou valor ameazados. O artigo 32 fala tamén da obriga das persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias, etc. de conservalos, mantelos e custodialos debidamente e evitar a súa perda, destrución ou deterioración. Calquera ameaza, perturbación ou dano debe ser comunicada á Xunta de Galicia.
Polo dito, solicitamos do Concello de Cervantes que o antes posible se poña en contacto cos comuneiros para informalos da necesidade de valorizar os túmulos pedíndolles, ademais, que se involucren de forma activa no proxecto.
Dende o noso colectivo queremos sinalar que revalorizar os bens patrimoniais nun momento en que a nosa comarca se debate entre o despoboamento e o desmantelamento do medio rural, pode ser unha alternativa para dinamizala. Somos conscientes de que isto só é unha medida sectorial que por si mesma non vai a solucionar os problemas das áreas rurais xa que a despoboación e a precariedade económica precisa doutras actuacións globais, mais tamén é certo que o turismo pode ofrecerse coma un piar en que apoiar a rehabilitación social e económica.
Dende este mesmo momento, dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares ofrecémos a colaborar desinteresadamente na posta en marcha desta iniciativa.

Un cordial saúdo.

***

ANEXO

ZONA ARQUEOLÓXICA DE SAVANE-FOLGUEIROA 

NECRÓPOLE DA PENA DOS MOUROS 

Mámoas situadas no Monte veciñal en man común: 
Zona: 0 - Polígono: 137 - Parcela: 11 

Túmulo 1 
Código no catálogo: GA27012085
Coordenadas: x: 663.276 – y: 4.744.806
Mámoa cunhas dimensións aproximadas de 18 metros de diámetro e 1,5 de altura. No corte producido polo camiño obsérvanse pedras de xisto que segue a cota superior do túmulo. Cuberto de xestas. 

Túmulo 2 
Código no catálogo: GA27012086
Coordenadas: x: 663.289 – y: 4.744.825
Mámoa cunhas medidas aproximadas de 12 metros de diámetro e 1 de altura. Obsérvase un cráter de violación. Cuberto de maleza e rebolas.  

Túmulo 3 
Código no catálogo: GA27012087 
Coordenadas: x: 663.274 – y: 4.744.840
Mámoa cunhas medidas aproximadas de 10 metros de diámetro e 1,40 de altura. Cráter de violación do que afloran dúas pedras de bo tamaño, unha de xisto e a outra de seixo que puideron formar parte da cámara megalítica. Na superficie afloran algunhas pedras de xisto que puideron pertencer a unha coiraza. Obsérvanse actuacións furtivas. Cuberta de maleza. Afectada polas repoboacións no ano 2006. 

Túmulo 4 
Código no catálogo: GA27012089
Coordenadas: x: 663.343 – y: 4.744.775
Posible construción de planta circular e alzado en forma de esfera que semella corresponderse cunha estrutura tumular. A mesta maleza impide saber as dimensións. 

NECRÓPOLE DE SAVANE 

Localizada polo Colectivo Patrimonio dos Ancares o día 21 de febreiro de 2016. O día 7 de xuño dende o Servizo do Patrimonio Cultural comunicáronnos que, despois da visita dos seus técnicos, as dúas mámoas foron catalogadas. 

Mámoas situadas no Monte veciñal en man común:
Zona: 0 - Polígono: 142 - Parcela: 15 

Túmulo 1 
 Código no catálogo: GA27012093
Coordenadas: x: 663.964 – y: 4.744.114
Mámoa de 8,5 metros de diámetro e 0,70 de altura. Cráter de violación. Cuberta de maleza e con algúns piñeiros plantados sobre o túmulo. 

Túmulo 2 
Código no catálogo: GA27012094
Coordenadas: x: 663.944 – y: 4.744.150
Mámoa duns 9 metros de diámetro e 0,75 de altura. Cráter de violación. Cuberta de maleza e con algúns piñeiros plantados sobre o túmulo. 

NOVAS MÁMOAS INÉDITAS 

Documentadas polo Colectivo Patrimonio dos Ancares o día 8 de xuño de 2016. A súa localización foi posible grazas ao axente forestal da Consellería do Medio Rural Severino Orozco Carro. Os achados foron comunicados ao Concello de Cervantes e ao Servizo do Patrimonio Cultural para a súa catalogación.
Mámoas situadas no Monte veciñal en man común:
Zona: 0 - Polígono: 142 - Parcela: 4 

Túmulo 1 
Coordenadas: x: 663.610 – y: 4.744.567
Mámoa duns 11 metros de diámetro e 1,5 de altura que conserva no seu interior gran parte da cámara funeraria de forma poligonal composta por sete ortostatos verticais, algúns cortados, cunhas medidas de máis de dous metros cadrados. Da cámara semella que partía un corredor pouco desenvolvido coa entrada situada cara o sur-leste. A tampa cobertoira desapareceu, posiblemente destruída cando profanaron o enterramento para buscar “tesouros”. Cuberta pola maleza e por rebolas. 

Túmulo 2 
Coordenadas: x: 663.592 – y: 4.744.574
Preto da anterior, mámoa duns 12 metros de diámetro e unha altura de 1 metro. Cráter de violación. Cortada nun terzo por un camiño, hoxe en día en desuso. Cuberta pola maleza, rebolas e algún piñeiro. A mesta matogueira impide saber se no interior do cono conserva algún tipo de estrutura megalítica. 

OUTRAS MÁMOAS 

O mesmo 8 de xuño localizamos nesta zona outros catro túmulos gravemente alterados, primeiro hai anos polos buldozer do antigo ICONA e posteriormente polas repoboacións forestais de piñeiros. A súa masa tumular está moi espallada. Nalgunhas vense pedras de xisto e cuarzo que puideron formar parte da coiraza; noutra vense pedras de xisto de bo tamaño que foron partidas por maquinaria pesada e que puideron formar parte da cámara funeraria. 

UNHA MOEDA ROMANA EN NAVIA DE SUARNA. E MÁIS... 
O día 27 de marzo de 2016 achegámonos de novo ata Santa Mariña, aldea da parroquia de Ribón, no concello de Navia de Suarna, situada a 580 metros de altitude.
A poboación acolle pouco máis de media ducia de edificios, incluída a pequena e modestísima igrexa parroquial co seu cemiterio. Na actualidade só está habitada unha casa cuxos propietarios se adican á actividade agrícola e gandeira. A casa parroquial, en ruínas, un alpendre e unha corte para o gando están construídos sobre un espazo catalogado pola Xunta de Galicia coma un castro.
O xacemento está situado no cumio dun esporón, na marxe dereita do regueiro de Cantorcia, cun amplo dominio da contorna e visible tamén dende todos os puntos. Ten forma ovalada, cunhas medidas aproximadas de 80 por 50 metros. A parte interior ten forma de gran túmulo. En todo o seu perímetro estaba arrodeado por un muro de contención de pedra de máis dun metro de altura e outro metro de ancho que podería ter a orixe nos muros (nótese que falamos de muros, non de murallas) do primitivo recinto (hoxe en día só se conserva parte do muro, o resto foi destruído). Apréciase o que puideron ser os restos duns foxos polo oeste e polo leste que en orixe estarían unidos. O lugar está totalmente protexido polas serras de Murias, Vilarpandín, Larxentes e da Pruída. Dende aquí divísase o castro de Virigo, a máis altura, situado a 1.100 metros de distancia en liña recta. O recinto está ocupado, ademais de polas construcións anteditas, por terreos adicados á agricultura.



 

Despois de solicitar o permiso de Luis, o actual propietario, para entrar nos terreos, peiteamos o sitio na procura dalgún resto material xa que cremos que non se trata dun castro da Idade do Ferro, senón que o lugar, ou máis ben as inmediacións, foron utilizadas polos romanos para o control da actividade mineira da zona. Moi cerca daquí está a coñecida como A Cova da Pena da Moura, un abrigo de cuarcita situado a media ladeira no monte de Ribón, usada como galería de prospección de ouro. No concello de Navia de Suarna localízanse arredor de 50 explotacións auríferas o que indica a importancia que esta zona tiña para os romanos. A maioría dos 31 castros documentados no concello son de época romana ou foron ocupados polos romanos posteriormente.
 

A pesares de preguntar en varias ocasións e este mesmo día a veciños de Ribón e a Luis, nunca escoitaran falar de que se atoparan estruturas habitacionais ou doutro tipo no xacemento, si tiñan oído que algunha vez apareceran pedras "raras" pero non souberon identificalas. Despois de inspeccionar, sen resultado, o interior do recinto, arado nunha boa extensión, arrodeamos a muralla pola parte de fóra, observando varios tramos que co tempo se foron derrubando. Foi nun deses derrubes cando recollimos entre as pedras escouras de mineral de ferro que se utilizaban para eliminar os residuos na fundición do metal. Na mesma zona atopamos un anaco decorado dun recipiente de terra sigillata, cerámica romana de cor vermella que se diferencia da cerámica común porque está cuberta por unha especie de verniz; elaborábase a partir de moldes e mantivo a súa produción dende o século I d.C. En Galicia atópase en abundancia nos xacementos baixoimperiais (o Baixo Imperio esténdexe dende o ano 284 ata a caída do Imperio romano de Occidente no 476).
 

A poucos metros, noutro derrube, recollimos un anaco de tégula (tella) romana e unha peza que resultou ser o achado estrela do día: unha moeda que ao principio confundimos cun anaquiño de lousa. Pero non, era unha moeda. Retiramos a terra con suavidade pero decidimos chegar á casa para limpala, aínda que os trazos que presentaba xa nos alertou de que se trataba dunha moeda romana. Entre outras pedras demos cunha copa de vidro á que lle falta o pé e dúas follas de fouces oxidadas e moi deterioradas das que descoñecemos a data de fabricación.
 

A MOEDA

Ao chegar á casa, despois de limpala só con auga para non danar a superficie, puxémonos a indagar nos seus elementos figurativos e nas inscricións. A moeda, de bronce, ten unhas medidas duns 17 milímetros e un peso de 4 gramos. Aínda que incompleta, conseguimos averiguar algúns datos. No anverso presenta un busto laureado do César mirando cara a dereita. Tamén lemos parte do nome do emperador, posiblemente Crispo, seguido da inscrición NOB (que significa nobilísimo) e que iría seguido na parte rota pola letra C ou CAES (César). No reverso figura a lenda CAESARVM NOSTRORVM, e unha coroa de loureiro coa inscrición VOT, coa letra V debaixo. VOT seguido dun numeral, V neste caso, indica o número de anos que o emperador prometeu (fixo votos) de fidelidade. A lenda VOT utilizárona a maioría dos emperadores, votos que realizaban con motivo de acontecementos importantes: vodas imperiais, vitorias do exército, solicitudes de saúde, etc. A letra V (quinquennalia, igual a 5) é o maior número de anos que levaba gobernando. Se figura un X (decennalia) serían 10 anos; se XX (vicennalia), 20 anos. A moeda podemos datala arredor do ano 320 d.C.
 

Cremos que é a primeira moeda romana atopada en Navia de Suarna. Na comarca dos Ancares sabemos dalgunha na Condomiña (Baralla), nas proximidades das Pontes de Gatín (Becerreá) e no castro de Santa María (Cervantes). Fálase doutras moedas atopadas en castros por buscadores furtivos pero das que non existen noticiais ademais da oral.

Caio Flavio Xulio Crispo era o fillo primoxénito de Constantino I o Grande e de Minervina. Naceu no ano 305 e morreu no 326. Foi nomeado César polo seu pai no ano 317. No 326 foi acusado de seducir á segunda muller de Constantino, Fausta, polo que o pai mandou axustizalo (uns meses despois tamén mandou executar a Fausta). Constantino I rematou coas persecucións aos cristianos, se ben o seu culto continuou a ser para as divindades romanas.
 

Ademais dos castros romanos ou romanizados, no concello de Navia de Suarna temos outros asentamentos utilizados polos invasores. O máis coñecido é o campamento temporal da Recacha, situado na parroquia de Rao, no límite de Galicia, Asturias e León. Hai algúns anos localizamos unha casa na aldea de Murias que gardaba varios muíños de man e restos cerámicos romanos procedentes dos montes coñecidos como O Treitoiro e As Pereiras, non moi lonxe da Recacha e de varias explotacións mineiras.
 

Os achados xa foron postos en coñecemento do Concello de Navia de Suarna e do Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia en Lugo. O día 29 de marzo depositamos todas as pezas no Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga para o seu estudo e custodia.

UN CASTRO, UN ASENTAMENTO ROMANO, OU OUTRA COUSA? 

Nas liñas precedentes deixamos entrever as nosas dúbidas canto a que o xacemento de Santa Mariña fose en orixe un castro ou un asentamento romano. En que fundamentamos esta hipótese? Mire por onde se mire, o xácigo de Santa Mariña forma un enorme túmulo (a xeito das mámoas, pero en xigante, co seu enorme anel peristalítico incluído), se lle quitáramos as pedras do muro de "contención" pasaría totalmente desapercibido, semellaríanos unha pequena elevación do terreo como outras tantas que podemos ver por Galicia onde pace o gando ou se plantan cereais. Cando o vimos por primeira vez hai anos, a nosa cabeza voou cara a Roda de Reinante, en Barreiros (catalogado en principio coma un castro), con muro arredor e foxo e que escavacións recentes están a demostrar que se podería tratar dun lugar onde se xuntaba a sociedade prehistórica para reunións de tipo político, social ou relixioso, a semellanza dos henge das Illas Británicas. Pero no que máis teimamos foi no túmulo funerario e ritual de Coeses, en Lugo, case destruído polo Ministerio de Fomento para construír unha estrada o que nos privou de acadar unha información valiosísima. Debemos ter en conta que o túmulo de Santa Mariña ten unha altura mínima, na actualidade, de dous metros, pero debemos considerar que ao longo dos séculos foi moi rebaixado, tanto polas construcións como polos labores agrícolas polo que a súa altura tiña que ser, por forza, moito maior. Se así fose, o sitio arqueolóxico de Santa Mariña de Ribón estaría entre os 4.000 e 4.500 anos de antigüidade. Sería, ademais, un achado excepcional se nos atemos á escaseza deste tipo de estruturas. 

Polo de pronto non nos resta máis ca esperar e facer os posibles para que nalgún momento se acometan os traballos arqueolóxicos para saírmos de dúbidas. 
 

NOVAS MÁMOAS EN CERVANTES
O día 21 de febreiro de 2016, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares localizamos unha necrópole megalítica integrada por dúas mámoas non coñecidas ata o presente. A descuberta foi posible grazas a que non hai moitos meses talaron parte dos piñeiros que había xunto a estrada local CP 07-02, pouco antes da pista asfaltada que baixa cara a aldea de Vilar de Mouros (parroquia de San Pedro de Cervantes) e, sobre todo, a que a intensa nevada dos últimos días achandou a maleza, tanto a que cubría os túmulos funerarios como da contorna, facéndoos perfectamente visibles. No mes de xuño do mesmo ano foron catalogadas polo Servizo do Patrimonio Cultural Máis información na entrada Mámoas, petroglifos e castros do concello de cervantes. 
SINALIZAMOS O PATRIMONIO DA COMARCA
Ante as agresións que están a sufrir determinados bens patrimoniais da comarca, dende Patrimonio dos Ancares comezamos unha campaña para limpalos e sinalizalos.
Na comarca galega dos Ancares temos localizados 72 túmulos megalíticos, 11 petroglifos e 138 castros. Só un castro, o de Santa María, no concello de Cervantes, está sinalizado.
Nun informe que elaboramos hai uns meses, comprobamos que son as mámoas as máis expostas ás agresións debido aos traballos agrícolas e ás explotacións forestais, con actuacións que carecen do máis mínimo control.
Na última semana do mes de outubro de 2015 sinalizamos as necrópoles megalíticas do Chao do Marco e dos Lagorzos, en Becerreá, a da Pena dos Mouros, en Cervantes, e limpamos o entorno e sinalizamos o primeiro petroglifo localizado polo noso colectivo na comarca situado nos Montes de Robledo, en Cervantes.

A DESTRUCIÓN DO PATRIMONIO EN VTELEVISIÓN
O sábado, 26 de marzo de 2016, ás 22 horas, emitiuse un documental en VTelevisión sobre o lamentable estado en que se atopa o patrimonio monumental en Galicia. Todos os intervenientes coincidimos en subliñar o desleixo ao que está sometido por parte das administracións pública.