* As covas de Valdavara (Becerreá)

Malia que o primeiro xacemento de Valdavara foi descuberto a finais dos anos cincoenta do pasado século por don Carmelo Alonso, veciño de Becerreá, non será ata o ano 2007 cando comecen as escavacións grazas á súa filla, Susana Alonso, estudante na Universitat Roviri i Virgili de Tarragona que mostrou os materiais atopados a Eduald Carbonell, profesor da Universidade e codirector das escavacións de Atapuerca. Ademais das coñecidas como Valdavara 1 e 2, as sucesivas campañas puxeron ao descuberto máis fósiles de fauna e industria lítica na canteira da empresa Canpesa (Valdavara 3). A cuarta campaña de escavacións desenvolvida no verán do 2010 formou parte do proxecto de investigación Ocupacións humanas durante o Pleistoceno na conca media do Miño que, baixo a dirección do profesor Ramón Fábregas, levaron a cabo o Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste Ibérico da Universidade de Santiago e o Institut Catalá de Paleoecologia Humana i Evolució Social da Universitat Rovira i Virgili. Ademais de Valdavara, integraron o proxecto varias intervencións arqueolóxicas realizadas na Depresión de Monforte, Cova de Eirós (Triacastela) ou na Cova do Xato (Folgoso do Courel).

 

Os xacementos de Valdavara, como dixemos máis arriba, constan de varias cavidades que abranguen unha secuencia completa de ocupacións do Pleistoceno Superior, dende hai 110.000 anos. O sistema cárstico ábrese nas calizas de Vegadeo, do Cámbrico Inferior-Medio. Diferéncianse dúas localizacións: as cavidades 1 e 2, a media ladeira, e na parte máis alta o xacemento de Valdavara 3, descuberto nunha parte da explotación mineira. A partires do Neolítico, como acontece noutras cavidades galegas (Pala da Vella ou Cova de Eirós, entre outras), as covas utilizadas como hábitat convértense en lugar de enterramento.

  

Nunha abertura de Valdavara 2 localizáronse cranios e outros restos óseos de ao menos tres nenos duns 6-9 meses e outro de tres anos. Aínda que non se atoparon restos materiais ao seu redor, as datacións sitúan este enterramento na Idade do Bronce (II Milenio a.C.). Nos niveis superiores de Valdavara 1, os numerosos restos humanos de pequeno tamaño (falanxes e dentes pertencentes a varias persoas) indican o uso desta cavidade como lugar de enterramento durante o Neolítico Final-Calcolítico (III Milenio a.C.).

 

No ano 2009 comezaron as intervencións de urxencia na explotación mineira, atopándose un bo número de restos fósiles. Datado nos inicios do Pleistoceno Superior (110.000 anos), é o de maior diversidade específica de todo o Noroeste, documentándose a presenza de máis de 40 especies de vertebrados. Segundo os estudos da microfauna, as condicións ambientais eran temperadas e húmidas, coa presenza de masas de auga nos arredores da cavidade.

 

Entre os grandes mamíferos salienta a presenza de rinoceronte (Stephanorhinus hemitoechus), bisonte (Bison priscus), cabalo (Equus ferus), oso das cavernas (Ursus spelaeus), hiena (Crocuta crocuta), leopardo (Panthera pardus), león (Panthera spelaea), rebezo (Capreolus capreolus) e outros. A peza mellor conservada é a de leopardo, descuberta no ano 2009, atopada casualmente a uns 500 metros das covas.

 

Tamén se recuperou un escaso conxunto lítico en cuarcita e seixo de características musterienses. A presenza de ferramentas e de marcas de corte sobre algún dos ósos descubertos indican a presenza de grupos de neandertais no interior desta cavidade que, probablemente, funcionaba como unha trampa natural onde caían os animais que os humanos aproveitaban.

  

A uns 250 metros do río Cruzul, tributario do Navia, localízase Valdavara 1. Trátase dunha pequena cavidade duns 5 metros de profundidade que ofrece un reducido espazo de abrigo. Na secuencia estratigráfica distínguense dous conxuntos: o superior correspóndese coa Prehistoria recente (Niveis 1-3); o inferior contén unha sucesión de ocupacións do Magdalenense inferior-medio, cunha antigüidade entre 16.800 e 18.700 anos, cunhas condicións paleoambientais máis frescas cas actuais (Niveis 4-6). Documentáronse restos de ocupacións reiteradas, con numerosos instrumentos líticos, laminiñas fabricadas en sílex e seixo de orixe local, restos de industria ósea (azagaias decoradas) e elementos de adorno, salientando a presenza de cunchas Dentalium de orixe mariño, o que indica a mobilidade destes grupos de cazadores ao longo dun amplo territorio ou a existencia de contactos cos da costa cantábrica. Entre os achados destaca un dente de leite duns 17.000 anos de antigüidade, o resto humano máis antigo de Galicia coñecido ata o presente, pertencente a un neno duns 10 anos de idade e que sería uns 7.000 anos máis antigo que os restos atopados na Serra do Courel. No talude exterior da cavidade atopáronse as ocupacións Mesolíticas de inicios do Holoceno (hai 8.000 anos), con industrias en lascas de seixo e cuarcita.

 

Na campaña do ano 2012, os investigadores atoparon, entre outros materiais, un óso, posiblemente de paxaro, gravado con incisións con múltiplos de sete para medir as fases da lúa, datado no Magdalenense. 

 

O estudo xenético dos fósiles humanos descubertos nos últimos anos no Courel e Becerreá, analizados na Universidade británica de York pola investigadora Gloria González Fortes, poden achegar valiosa información sobre o proceso e expansión da agricultura e gandaría na Europa prehistórica. 


No mes de xullo de 2012, o Concello de Becerreá anunciou a intención de adquirir un edificio, coa axuda da Deputación Provincial de Lugo, para convertelo en Museo e expoñer as pezas. Malia, ao día de hoxe, o anuncio segue a ser só iso, e os traballos en Valdavara paralizados, din, por falta de fondos (máis ben de interese).

Mágoa que na exposición aberta a raíz da II Xornada de divulgación científica do patrimonio arqueolóxico lucense celebrada en Lugo o día 22 de marzo de 2019 e organizado polo Museo Provincial, As Covas: portas a outros mundos (interviñeron como ponentes: Ramón Fábregas Valcarce, César Llana, Ignacio Martín Lerma, Carlos Fernández Rodríguez e Arturo Lombera; ao remate houbo un debate moderado por Aurelia Balseiro), só achegaran materiais atopados nas covas de Eirós e da Valiña, as de Valdavara, malia reunirse nas distintas intervencións preto de 1.500 pezas pertencentes a diversas épocas (algunhas desaparecidas da Península Ibérica), houbo que contentarse cun panel explicativo. As pezas atópanse depositadas no Institut Catalá de Paleoecologia Humana i Evolució Social. Certo que leva tempo estudalas, pero unha mostra... 

Por Xervasio Quintana e Xabier Moure
Colectivo Patrimonio dos Ancares