AS VIAS XIX-XX POLOS ANCARES

Na primavera do ano 137 a.C. chegaba ao temido Finisterrae a primeira expedición romana. Ás ordes de Decio Xuño Bruto, atravesou o mítico Lethes, o Limia, o río do Esquecemento. Para asegurar o control do novo territorio, no ano 19 a.C. comeza a construción dunha rede viaria que tiña como obxectivo asegurar o control militar e administrativo, ademais de facilitar a explotación mineira. As vías son un dos elementos máis importantes no proceso de romanización.

Un dos documentos máis importantes para coñecer o trazado das vías romanas é o Itinerarium provinciarium Antonini Augusti, coñecido como o Itinerario de Antonino ou de Antonio Augusto Caracalla, redactado, probablemente, entre os anos 196 e 217 e que chegou ata nós por medio de copias medievais dos séculos VII ao XV. Malia súa importancia, e sen entrar nas controversias que leva suscitado (autor, cronoloxía, trazados, situación das mansións, etc.), chaman a atención, como sinala Javier Gómez Vila, algunhas omisións como, por exemplo, que non sinale unha vía directa entre as capitais conventuais de Lucus Augusti (Lugo) e Asturica Augusti (Astorga) e, pola contra, se deteña nalgúns camiños, en teoría, menos importantes.

O Itinerario recolle 372 vías terrestres repartidas polo Imperio, correspondendo 34 a Hispania e tres (a XVIII, XIX e XX) a Galicia. Segundo a información proporcionada polas inscricións dos miliarios na parte portuguesa, a Via XIX data do ano 11 d.C., sendo, polo tanto, a máis antiga das tres vías galegas, así como a máis longa, con 299 millas (uns 500 quilómetros).

Aquí imos tratar das vías XIX e XX entre Lugo e Astorga que, segundo o Itinerario, discorrerían polo mesmo trazado dende a capital do convento lucense.

A grandes trazos, a vía XIX, ou Item a Bracara Asturicam, unía as capitais dos tres conventos xurídicos fundados por Roma na Gallaecia, discorrendo por Bracara Augusti (Braga), Tude (Tui), Turoqua (Pontevedra?), Aquis Celenis (Caldas de Reis), Iria (Padrón), Lucus Augusti (Lugo) e Asturica Augusti (Astorga). A XX, ou per loca maritina (que de marítima ten pouco), composta con tramos doutras e articulada en época tardía, unía Braga e Astorga, bordeando o litoral atlántico e pasando por Brigantium e Lucus Augusti, sendo este o tramo mellor documentado.

Dende o século XIX distintos autores teñen teorizado sobre os percorridos seguidos por estas vías e a situación das mansións, se ben case todos coinciden en unir o seu trazado a partires de Lugo.

Para Saavedra (1862), dende Lugo ía cara Baralla onde estaría a mansión Timalinus, As Nogais, onde sitúa a mansión Ponte Neviae, e Ruitelán, no Bierzo, onde se erguería a antiga Uttaris.
Trazados das vías XIX e XX do Itinerario de Antonino
(Fonte: Raúl Villanueva, 2006)

Barros Silvelo (1875), facíaa pasar por Recemil e Castrillón (O Corgo), na marxe dereita do río Tórdea, montes de Santa Cruz, Vilartelín (situando aquí a mansión Timalinus), atravesaba o val de Xusá, continuando pola cara oriental da Pena do Pico, Tortes e Ferreiros de Valboa, en dirección ao nacemento do río Cruzul, Doncos e Ponte Neviae, Noceda, San Pedro, e entrando na provincia de León por La Faba e Lindoso, para tomar o curso do río Valcarce en Ruitelán (Uttaris).

Blázquez (1923) descrebe un trazado dende a capital conventual ata Timalinus (cuxos restos estarían preto do Campo da Árbore), As Pontes de Gatín, onde ubica a mansión Ponte Neviae, Estrada, Vilafrial, Queirogal, San Martiño das Canadas, O Fabal, Pontorrón, Rionaval, Vilaspasantes, Monte do Fedo, O Comeal e Uttaris. Este autor rexeita o trazado polas Nogais pola ausencia de restos romanos e a existencia na ponte das Pontes de Gatín dun posible miliario do que falamos máis adiante.

Monteagudo (1951) plantexa dúas rutas, unha coincidente coa de Blázquez, e outra por Teiguín (Samos) e As Nogais que identifica con Ponte Neviae.

Estefanía Álvarez (1960) di que pasaría por Papín, Campo da Árbore, onde con certas reservas ubica Timalinus, As Pontes de Gatín (Ponte Neviae), e tras cruzar o río Navia continuaría por Estrada, San Martiño das Canadas e Vilarello.

Ferreira Priegue (1988), ao referirse á Serra de Constantín, di que foi unha zona camiñeira pola que discorrían tanto o camiño medieval  como o Camiño Real, non desbotando que estes camiños reaproveitaran a primitiva vía romana. Dende Becerreá iría, a través de Ouselle, polas Pontes de Gatín, Estrada, Santo Tomé de Cancelada (onde estaba o desaparecido mosteiro de San Salvador), San Martiño das Cañadas, San Pedro de Cervantes, Ponte de Doiras (por baixo do castelo medieval), Alto da Croa, O Portelo (límite con Asturias), Valverde e Ambasmestas, xa no Camiño Francés de Vilafranca do Bierzo.

Amor Meilán (1991), seguindo a Murguía, di que a calzada viña de Castela, baixaba ao Campo da Árbore para logo continuar polo cume da Serra de Constantín, identificando esta ruta comoa a per loca maritina que cruzaba a provincia de Lugo polo interior, sinalando só os lugares de Guitiriz, Lugo, Becerreá, Navia de Suarna, etc. Tamén se refire á ruta que pasa polas Pontes de Gatín como de prerromana. 

Arias Vilas (1992) cre que dende Lucus Augusti dirixíase a Asturica Augusti por lugares mal documentados pero que non se afastarían moito do trazado do Camiño Real de Carlos III, agás, quizais, en Ponte Neviae onde se coñecen obras de reparación e de conservación xa no século I, e logo con Hadriano e Caracalla. Desta arteria principal partirían outras secundarias, seguramente máis numerosas pero peor documentadas. Con anterioridade (1976), Felipe Arias propoñía o seguinte itinerario para a Via XIX: Sairía dende Lugo pola Porta Toledana, dirixíndose cara Santa María de Bóveda e San Lourenzo de Recimil e Arxemil, cruzando o río Chamoso pola ponte dos Galiñeiros, Pedrafita e Pedradeita ata chegar ao río Tórdea. Dende aquí proseguiría por Franqueán, Santa Cruz do Picato e Vilartelín. Dubida en situar a mansión Timalinus no Campo da Árbore, levándoa para o castro de Pousada.

Nárdiz Ortiz (1992) sinala dous posibles itinerarios, un polo Porto de Pedrafita, continuando logo pola Serra do Rañadoiro ata as depresións de Sarria e o paso do Miño en Portomarín, e outro polo porto de Pedrafita que descendería ata As Nogais por Castelo e Doncos, sinalando que a mansión Ponte Neviae se situaría nas inmediacións do río Navia nas Nogais, e Timalinus nos arredores do río Neira en Baralla.

Para Sáez Taboada (2002), a vía saía de Lugo pola Porta de San Pedro (antes Porta Toledana), Santa María de Bóveda, Recimil e Arxemil (O Corgo) onde se atoparon uns miliarios, cruzando o río Chamoso pola ponte de Galiñeiros, Pedrafita, Bergazo, Rioseco, Pedradereita (O Corgo) e Val. Dende aquí arrodearía o monte das Medorras, ascendendo por Eirexe, Vilarello, Pacios, Seoane, Airexe, Recesende, Santa Marta e Basille onde a vía ascendería ata Senra, flanqueada polos castros de Ferreiros e o romanizado de Pousada, atravesaría o río Neira por onde está a ponte medieval, e entraría en Baralla, situando aquí a mansión Timalinus, continuando logo cara Constantín, Monte do Base, Gundián, Liñares e Acevo, vía controlada polos castros de Sixirei, Lexo, Pol e Vilouta. En Acevo baixaría en zigue-zague ata o Cereixal, Carballín e Castelo ata Becerreá, proseguindo cara as Ventas de Cruzul, atravesaría o río Narón, acadando o cume do monte Adrao e chegando a Chao da Vila. Logo superaría o monte Valderroxo e descendería cara As Nogais ou Ponte Neviae onde, ao parecer, se atoparon moedas de Augusto, Constantino I e Crispo. A calzada sairía da vila das Nogais cara Espariz, Doncos e Noceda, por onde o enxeñeiro Lemaur deseñou o Camiño Real de Galicia no ano 1763, utilizando a vía romana ata Pedrafita do Cebreiro, e de aquí ata Ruitelán.
Restos de calzada en Cruzul
(Fonte: Javier Gómez Vila)

Gómez Vila (2005), di que despois de superados Franqueán, Santo Estevo e o castro de Sobrado, a vía zigzagueaba a media ladeira pola serra de Pena Agudo e a serra do Galo, para cruzar o regueiro pequeno polo seu punto máis doado. Alcanzada a cota dos 680 metros, continuaba por unha penichaira ata Vilachambre, deixando na súa marxe norte o castro de Lamas. Sería aquí onde o trazado daría un xiro de noventa grados en dirección sur para salvar o abrupto val que se abre entre os montes de Ferreiros e do Rañadoiro, iniciando un trazado en dirección surleste pola penichaira elevada. No castro de Ferreiros a vía descendería cara o val de Vilachambre, ascendería ata Arroxo, atravesando o río Vilachambre a través dunha ponte de cadeirado dun van de medio punto, e iniciaría unha nova subida cara o monte do Rañadoiro (898 m) pola faldra surleste para encarar a Condomiña onde sitúa a mansión Timalinus. Dende Furco bordearía o río do mesmo nome ata O Cereixal pola estrada local que enlaza a NVI, e logo cara Cadoalla, Saa e Ouselle. Dende Ouselle continuaría ata as Ventas de Cruzul e Cruzul, atravesando o río Narón por unha pontella situada uns 200 metros río arriba da ponte de Cruzul construída cando o Camiño Real de Galicia no ano 1778. O Camiño Real compartiría o mesmo trazado da vía romana, para despois abandonalo e salvar a serra de Valdavara polo norte, discorrendo ata Horta (xunto a capela do San Bieito). Sen perder o trazado a media ladeira do Pico de Adrao, a vía continuaría paralela á NVI, atravesando os lugares da Valiña e Cela onde se poden ver restos de pedra da calzada, xirando logo en dirección leste para descender suavemente cara o río Navia, aproveitando o Camiño Real, onde pasaría o curso fluvial no lugar coñecido como O Marco (ponte de madeira coñecida como de Balargantes) e en cuxas cercanías podería erguerse a mansión Ponte Neviae. O mesmo investigador atopou na vertente surleste de Agüeira, entre as aldeas de Lama da Vila e Santo André, restos de ergoloxía, material tegulario e cerámica común romana, anacos de ladrillo e de opus caementicium. No último tramo da vía XIX-XX pola provincia de Lugo, despois de pasar As Nogais, o primeiro accidente xeográfico é o monte Xirondo que a vía salvaría a media ladeira pola vertente oriental, dixando o pobo de Castelo a man dereita, dirixíndose cara as Casas da Serra a través dunha penichaira, ascendendo logo suavemente ata a Pena do Carromato e a serra Longa que, unha vez salvada, iniciaría un lixeiro descenso cara Pedrafita do Cebreiro, xusto por debaixo do colexio público, atravesando a localidade pola rúa denominada Vía Romana, e adentrándose no Bierzo polos montes do Curisco e da Valiña, e de aquí ata Hospital, val do río Valcarce, Ruitelán e Astorga.  

Rodríguez Colmenero e Álvarez Asorey (2008), din que dende Lugo a vía discorría por Conturiz, Viador, Arxemil, Capela das Virtudes, Campelo, Chavín, Rubial (O Corgo), Tórdea, Miranda, Mirandela, Furís de Abaixo, Pereira, A Abelleira (Castroverde), Barrosa, Val, A Pena (nas inmediacións sitúan a mansio Timalinus), Carballedo, Ponte de Neira, A Lagúa, O Casar (polo antigo camiño dos Arrieiros), O Cereixal, Penas do Enciñal e a Reboleira, Ouselle (seguindo o Camín da Antiga), estrada de Navia de Suarna, A Borquería, As Pontes de Gatín (mansión Ponte Neviae), A Chá, A Estrada, O Mosteiro,, Santo Tomé de Cancelada, O Queirogal, San Martiño das Canadas, O Lameiro, Soutelo, Santa Xuta, O Fabal (polo Fabal, segundo información que nos achegou Tito Fernández de Témez, documentos do século XVI a XIX denomínanno como Camiño Real e Camiño Francés), Ponte da Pruída, Casa de Riande, Muíño de Suvila, pasando á outra beira do río pola ponte das Veigas, Vilanova, ponte do Ribón, Casas do Río, A Ponte de Doiras, Casas dos Paxaros, Vilarello do Río, San Miguel, Campo do Couso, Xestoso e O Comeal (agger).  
Fito Via XIX en Cervantes
(Foto: Colectivo Patrimonio dos Ancares)

Sen dúbida, desta vía principal (ou vías) partirían varios camiños, dos que apenas temos coñecemento, que comunicarían as máis de 100 explotacións auríferas, castros romanizados e outros asentamentos.  Polo momento, e ante a falla de evidencias escritas ou arqueolóxicas, non imos entrar nas informacións subministradas por persoas que, sen criterio algún, fan pasar unha vía romana polo sitio que máis lle convén, sobre todo atendendo á proximidade xeográfica do seu domicilio.

O CAMÍN DA ANTIGA

O escritor e investigador Luis López Pombo achegounos o nome de Camiño da Antiga ou dos Romanos (coñecido tamén como Rudeira da Antiga) que transcorría por terras das Nogais e Pedrafita do Cebreiro. Citado nun documento do ano 1757, no deslinde das parroquias de Fonfría e Nullán. Luis dinos que partía de Vega de Valcarce, pasando por Pedrafita do Cebreiro, Padornelo, Alto do Lago, Casa de Chancia, As Cruces, Albela, Furco da Meda, Ponte de Carracedo, O Corgo e Lugo. Luis recolleu o dato do libro segundo de Fábrica da igrexa parroquial de Fonfría, que di: "De junto el riego al Camino Real, en otro tiempo llamado Antigua o Camino de los Romanos; va el termino por toda la Antigua dejando la mayor parte de la cocina de la Casa de Chancia en donde avia antes un marco dentro de este curato".
Camiño da Antiga ou dos Romanos (As Nogais)
(Foto achegada por Luis López Pombo)

O seguemento da "antiga vía militar", denominada así por Lemaur, foi obxecto dunha desputa entre este e os xuíces de Doncos e Noceda. O día 22 de setembro de 1767 os xuíces enviaron unha carta ao enxeñeiro xefe Carlos Lemaur suplicando que se trazara o Camiño Real de Acceso a Galicia pola antiga vía romana entre As Nogais e Pedrafita do Cebreiro: "Desde el puente llamado de la Herrería (Ferrería de Bois), que se está fabricando sobre el río Navia, prosiguiese la dirección por el camino antiguo existente", pasando por As Nogais, Doncos, ventas da entrada de Castelo, Casas da Serra, Campa do Colmo e Pozas. En contestación de Lemaur do día 2 de decembro do mesmo ano, dille que dende Pedrafita do Cebreiro ata Castelo non vai variar o trazado xa que "ofreciendo este camino antiguo gran comodidad en la execución del nuebo, he pensado, como entonzes insinué a vs. dirigirlo sobre ella (alusión á antiga vía romana)". Ao final, o camiño definitivo trazouse segundo os desexos dos xuíces de Doncos e Noceda.

A tradición oral fala de que dende Cadoalla (Becerreá) partía un camiño histórico cara Navia de Suarna, coñecido co nome de Camiño da Antiga, ruta confirmada  polas prospeccións arqueolóxicas levadas a cabo cando a construción da autostrada A-VI. Segundo Gómez Vila (2005), o camiño, dende Saa, comeza a descender en dirección Ouselle, pasando preto do castro da Coroa, baixando cara a estrada actual de Navia de Suarna (Camiño de Navia).

Durante a construción da A-VI no ano 1999 ao seu paso por Cadoalla, no lugar coñecido como O Enciñal ou Monte das Travesas, saíron á luz estruturas habitacionais  de forma circular, cadrada e rectangular e unha muralla pétrea. Tamén se atoparon varias pezas, moitas das cales foron mesturadas cos cascallos e trasladadas en camións para non se sabe onde. Logo das intervencións arqueolóxicas de urxencia, o xácigo foi destruído por medio das pas escavadoras e a dinamita. O camiño que pasaba ao seu carón aínda se denomina Camín da Antiga.
 Xacemento do Enciñal (Becerreá) no ano 1999
(Foto cedida por Manuel González Vilela)

En San Pedro (Pedrafita do Cebreiro), está o coñecido como Camiño de Connavia. Segue o curso do río Navia. Hai quen cre que por aquí pasaba a Via XIX. 

AS MANSIÓNS ROMANAS NA COMARCA DOS ANCARES

Todos os autores consultados identifican Timalinus, antigo núcleo prerromano logo romanizado, coa Talamina de Ptolomeo, o xeógrafo grego do século II quen, na súa Xeografía, tentou situar milleiros de lugares coas coordenadas xeográficas pero que, trasladadas ás actuais, causan problemas. O único que sabemos verbo de Timalinus é polo Itinerario de Antonino onde se di que se atopaba a XXII millas de Lucus Augusti, dirección Asturica Augusti, situándoa os distintos investigadores no Campo da Árbore, Vilartelín, Papín, Pousada e A Condomiña. Como aclara Rodríguez Colmenero, a milla empregada neste sector é a de nove estadios, uns 1.630 metros; multiplicando esta cantidade por 22 daríanos 36 quilómetros, distancia á que habería que situar a mansión.

Segundo Hübner, no seu Corpus Inscriptiorum Latinarum (1869), de Timalinus poderían proceder os restos de dúas lápidas votivas (unha adicada a Xúpiter Óptimo Máximo e a outra a Tutela, esta última desaparecida) que dá como atopadas en Aranza, lugar que o epigrafista e arqueólogo alemán identifica con Aranz de Sanz que non foi localizado

Nun documento do ano 1179, na venta dunha propiedade entre Baralla e Constantín, alúdese ao camiño da seguinte forma: "Loco nominato Aer de Abadessa... per terminum de ipsa via antiqua". Mais falta por determinar onde queda este "Aer de Abadessa".

Cando as obras de construción, no ano 1932, da estrada que vai ata Baleira, na Condomiña, no lugar coñecido como o Agro de Pedreda, saíron á luz columnas, ladrillos, tégulas, fragmentos cerámicos, anacos de mosaicos e algunhas moedas de ouro e prata (Vázquez Seijas, 1967). No ano 2012 vimos xunto o muro exterior dunha casa de Todón de Abaixo (Becerreá) unha base de columna romana, e non moi lonxe, na Ponte de Neira, nun xardín particular, unha base e un fuste da mesma época que na actualidade serve de soporte a unha cruz moderna. Ambas as pezas, segundo nos contaron, proceden do Agro de Pedreda, onde Gómez Vila sitúa a mansión de Timalinus.
Base e columna romana reaproveitadas nun cruceiro (Baralla)
(Foto: Colectivo Patrimonio dos Ancares

Hai investigadores que tentan localizar esta mansión botando man da toponimia. Plinio, seguindo a Teofrasto e Dioscórides, dicía que o terceiro xénero das durmideiras silvestres é o tithymalion ao que outros chaman mécon ou paralion, que daría o topónimo Baralla. Paralia/Baralla sería un lugar onde hai esta planta. Tithimalum ou tithymalis, segundo Nicandro Ares Vázquez, ben podería dar Timalinus. Mais, que nos saibamos, non se conservan referentes. O que está claro é que o topónimo ten unha raíz indíxena máis o sufixo latino e que sinalaría un castro prerromano onde logo se ergueu a mansión (Rodríguez Colmenero e Álvarez Asorey, 2008).

Felipe Arias, como xa sinalamos máis arriba, sitúa a mansión no castro romanizado de Pousada, asociado á explotación mineira.

Segundo recollen Rodíguez Colmenero, Ferrer Sierra e Álvarez Asorey, en Miliarios e outras inscricións viarias romanas do noroeste hispánico (2004), Ponte Neviae estaría situado na aldea das Pontes de Gatín onde se conserva unha ponte con posibles vestixios romanos, aínda que do que si temos constancia é de que aquí había unha ponte romana como nolo achega o Itinerario; Ponte Neviae evolucionaría a Pontes Catinii porque habería máis dunha ponte (Rodríguez Colmenero e Álvarez Asorey). Nos seus arredores apareceron tégulas e cerámica de clara filiación romana. Ademais, a distancia marcada no Itinerario de Antonino entre Lucus Augusti e Ponte Neviae (34 millas) aproxímase moito á distancia real entre Lugo e As Pontes de Gatín (56 quilómetros), o que corroboraría a utilización dunha milla de 1.647 metros.

A identificación de Ponte Neviae coas Pontes de Gatín xa foi defendida por A. Blázquez no ano 1923, que fala do miliario anepígrafo que se ergue na parte superior da ponte, reutilizado logo para gravar unha inscrición viaria nos tempos de Carlos III. Alvarado Blanco, Manuel Durán e Carlos Nárdiz din que se trata dunha ponte do século XVIII, realizada en xisto, cun arco lixeiramente apuntado e aliviadoiro de medio punto, non achegando ningunha referencia á orixe romana da mesma. 

Como xa deixamos rexistrado, Estefanía Álvarez tamén defende a ubicación de Ponte Neviae nas Pontes de Gatín.
No Agro de Pedreda (Baralla) puído ubicarse a mansión Timalinus
(Foto: Colectivo Patrimonio dos Ancares

OS MILIARIOS

A escaseza de miliarios na provincia de Lugo, onde non contabilizamos máis dun par de ducias (algúns dubidosos), queda reflectida na Via XIX-XX dende Lucus Augusti ata a entrada no Bierzo. Os únicos fitos do itinerario documentados ata o momento atópanse en Arxemil, Castrillón e Franqueán, parroquias do concello do Corgo. Dende Baralla ata Pedrafita do Cebreiro a súa ausencia é total, sexan indicadores de distancias, honoríficos ou anepígrafos. Os citados Blázquez e Estefanía Álvarez din que o fito que podemos ver no medio da ponte das Pontes de Gatín, en Becerreá, é un miliario romano, tese que non comparten, entre outros, Alvarado Blanco, Manuel Durán, Carlos Nárdiz e Javier Gómez Vila. Estes autores datan a construción da ponte no século XVIII, crendo que a inscrición (incompleta) que figura no monolito fai alusión á construción da mesma en tempos de Carlos III: "SE REDIFICO/ESTE PUENTE/POR ORDEN DEL/S PROTECTOR/DE LOS CAMINOS/DEL RO DE GALICIA/SIENDO DIRECTOR/DEL R C D S M/JOSEPH RICO?/DE ARA..." (indescifrable (Rodríguez Colmenero e Álvarez Asorey), se ben tamén cabe a posibilidade de que se trate dun miliario reutilizado, aínda que non necesariamente tería que estar no lugar orixinal.

Malia esta inexistencia de miliarios podería explicarse, como acontece en multitude de casos ao longo de toda Galicia, na execución dos camiños que posteriormente aproveitaron gran parte da vía romana (camiño antigo, Camiño Real, N-VI...), causando a súa destrución ou enterramento, ou que foran reaproveitados noutras construcións (casas, muros de fincas...), causándolle mutilacións o que os faría practicamente irrecoñecibles a simple vista.
 Fito na ponte das Pontes de Gatín (Becerreá)
(Foto: Colectivo Patrimonio dos Ancares)

AS VILAS

A vila é o tipo de asentamento máis característico de época romana. No interior de Galicia está asociada, polo xeral, coa explotación agropecuaria (villae rusticae).

Ata o presente, na comarca dos Ancares, deixando á marxe os castros romanizados, documéntanse con seguridade a villae de Quintela, en Arroxo (Baralla) onde aínda se poden ver infinidade de tégulas no corte producido por un camiño e pedras reaproveitadas en construcións modernas. En Santo André das Nogais, na faldra meridional do monte Redondo, na zona coñecida como O Carballal, apareceron restos cerámicos, tégula e pequenos fragmentos de opus caementicium.

Na comarca apareceron distintas pezas que poden sinalar a presenza de villae, mais a falla de prospeccións arqueolóxicas só nos permite aventurar algunhas hipóteses. 

Na finca coñecida como Vilarín, na parroquia de Ouselle (Becerreá), apareceu un baixorelevo de finais do século I ou de mediados do século II d.C., que foi reutilizado na construción do forno dunha olería do século III e que se cre que puído formar parte dun friso de carácter procesional o que levaría a pensar nun importante edificio. Segundo referencias orais tamén se atoparon ladrilos, tégulas e restos óseos, cabendo a posibilidade da existencia dun asentamento rural romano.

Na parroquia do Castro (Cervantes) no lugar coñecido como Castijuelo, nunha pequena chaira situada preto dun regato e a media ladeira do monte, saíron á luz tumbas de inhumación atropomorfa. No mesmo concello tamén puideron existir outros asentamentos na Froxa (Castelo), A Borruga (O Castro), A Cubeliña e O Penedo da Cama (San Román), Tras da Reboleira (Vilapún) e A Puída (Vilarello).

No mes de agosto de 2011, o amigo José de Vilarín falounos de dous sitios pertencentes á aldea de Murias, na parroquia de Rao (Navia de Suarna), coñecidos como O Treitoiro e As Pereiras onde apareceron restos cerámicos e muíños circulares.

A principios do ano 2015, Sergio e Miguel, da Asociación de Veciños de Torés, leváronnos ata o lugar coñecido como Os Arrexós onde apareceu unha moeda de Crispo e que, a simple vista, cumpre os esquemas de situación típicos das vilas romanas. A tradición oral di que alí houbo un asentamento romano.
Vila romana de Quintela (Baralla)
(Foto: Colectivo Patrimonio dos Ancares)

A EPIGRAFÍA

En relación a outras partes de Galicia e da mesma provincia de Lugo, na comarca dos Ancares a produción epigráfica limítase a unhas poucas pezas, e non en todos os casos se pode asegurar a súa pertenza a esta zona. Como xa sinalamos máis arriba, descoñecemos epígrafes en miliarios pola total ausencia destes. 

De Aranz de San son dúas lápidas votivas catalogadas por Hübner no seu Corpus inscriptiorum latinarum (1869). O epigrafista e arqueólogo alemán identifica Aranza (Baralla) con Aranz de Sanz, lugar aínda non localizado. Vázquez Seijas (1967), cre que as inscricións poderían proceder do Agro de Pedreda, na Condomiña, onde sitúa a mansión Timalinus. Nunha lese: "IOV.OPT.MAX/Q.PV(BLIUS)/DIONYSIUS/EX VOTO", ("A Xúpiter Óptimo Máximo, moi bo e moi grande, Quintus Publius dionisius en cumprimento dun voto"). A outra, hoxe en día desaparecida, dicía: "TUTELAE/L. ANTONIUS/AVITUS.CVN/FILIS. ET.ZOSIMA.L/EX VOTO", ("A Tutela, Lucius Antonius Avitus cos seus fillos e Zosima, liberta, en cumprimento dun voto"). Verbo desta última deidade, Tutela semella ter contado no Imperio romano con moitos seguidores entre os libertos e os escravos, identificando as súas funcións coas dun deus gardián. Canto ao sexo, crese que é feminino, mais existen exemplos de varias inscricións votivas nas que se menciona como deus.   

Vázquez Saco, no Boletín de la Comisión de Monumento de Lugo (1948), deu a coñecer unha lápida funeraria atopada na muralla romana de Lugo, custodiada no Museo Provincial, cunha inscrición bastante deteriorada polo paso do tempo, encadrada nunha moldura baquetonada de 0,62 metros de altura por 0,88 de ancho. Posteriormente, en colaboración con Vázquez Seijas, publicáronna en Inscripciones Romanas de Galicia II. Provincia de Lugo (1954) onde propoñen unha lectura achegada por A. D´Ors e que cualifican como moi difícil. No ano 1979, Arias Vilas, Le Roux e Tranoy logo dun minucioso estudo, publican o resultado na colección Inscriptions Romaines de la Province de Lugo, aínda que seguen a presentala como moi problemática. Malia os atrancos anteditos, Nicandro Ares Vázquez, no Boletín do Museo Provincial de Lugo, tendo en conta as lecturas anteriores e os seus propios estudos ofrece o seguinte texto: "Martialis an (norum) X, Loveus an (norum) IX, Paternus an (nourum) III, s (ervi) e (x) C (invertido) (castro vel casa) castro Laedie (n) s (i); Gemel (l) inus Flori filiis" ("Marcial de 10 anos, Lovio de 9 anos, Paterno de 4 anos, servos do castro Laediense; Xemelino de Floro, aos Fillos"). Trataríase, pois, dunha estela adicada polo pai dunha familia de escravos, provenientes dun castro, a tres nenos defuntos de moi pouca idade, que levan nomes latinos. Remata Nicandro Ares que o nome do castro está escrito Laedies, polo que se podería aventurar a ubicación do Castro Laediense, identificado, quizais, co castro de Lexo (Baralla). 
 Epitafio do castro de Lexo

No ano 1906, o párroco de Penarrubia, don Antonio Correa Fernández, atopou en Papín (Baralla) unha ara que di: "LARIBV(S)/VIALIB(VS)/PLACID(I)/NA EX/(V)OTO P(O)/SUIT", ("Aos Lares Viais por Placidinia en cumprimento dun voto"); na actualidade atópase no Museo Provincial de Lugo. Ao pé do castro de Penarrubia, tamén en Baralla, atopouse outra ara, hoxe en día desaparecida. 
 Ara de Papín (Baralla)

O coñecido como relevo de Vilarín atopouse na finca coñecida co mesmo nome, situada na parroquai de Ouselle (Becerreá). Trátase dun relevo en granito no que se representa un touro, unha vaca e un cuxo, de perfil e aliñados. A peza foi reutilizada na construción dun forno dunha olería, datada no século III d.C., aínda que o relevo parece de finais do século I ou da primeira metade do século II d.C. Crese que formaría parte dun friso de posible carácter procesional o que levaría a pensar nun importante edificio que algúns investigadores poñen en relación cun culto oriental adicado ás divindades Serapis ou Mitra. Publicado por Rodríguez Otero, custódiase no Museo Provincial de Lugo. 
 Relevo de Vilarín
(Foto: Colectivo Patrimonio dos Ancares)

Don Justiniano Rodríguez atopou no muro que pechaba a finca de don Antonio del Río, fronteiro co camiño de Vilar de Cancelada (Becerreá) a Seixas (aldea da parroquia de San Román de Cervantes) unha ara romana. Hoxe en día atópase en poder de don José Antonio García, da Casa da Queitana, en San Román, gardada no baixo da vivenda. Segundo nos contou don José, antes de seren levada para actuar como peche estaba na capela de Santiago, hoxe en día desaparecida. É de pedra de granito e mide 76 centímetros de altura. Trátase dun prisma rectangular apoiado nunha basa con tres molduras. Na cara principal mostra a inscrición romana. Na cara menor dereita ten outra inscrición baixomedieval na que se le: ERA/(M)CXX/FROI/LA PSR/FECI. A romana foi lida e interpretada, segundo este autor, de modo pouco crible. Novos informes permiten rectificar a súa lectura deste xeito: C. VALERIVS/CARVS/MIL. LEG. X./V. S. L M. É dicir: Caius Valerius Carus miles Legionis Decimae. Estaría datada no século I d.C. Trataríase dun soldado indíxena romanizado; como se sabe, os castrexos foron incorporados ao exército despois da conquista o que serviría para debilitar a capacidade de rebelión das poboacións indíxenas. A aparición desta ara pode implicar un certo poboamento romano na zona, situado nunha primaria rede de comunicación relacionada coa explotación mineira. A inscrición da ara atópase en regular estado de conservación debido a que durante moitos anos permaneceu xunto un saleiro o que provocou, ao seren de granito fino, o seu deterioro. Foi estudada por Caamaño Gesto e Meijide Cameselle.
 Ara de San Román de Cervantes
(Foto: Colectivo Patrimonio dos Ancares)

Arias Vilas (1979) cita unha inscrición en San Román de Cervantes da que só se len as dúas últimas letras dun posible teónimo, e que interpreta: NAVI.AE/SACRU.M. 

A TOPONIMIA

Gómez Vila (2005) di que hai que ter en conta a toponimia á hora de desenvolver a investigación camiñeira, mais matiza, coincidindo con Elisa Ferreira Priegue, que isto hai que tomalo con cautela xa que os topónimos viarios e camiños son tan abundantes que resulta imposible, a priori, sacar ningunha conclusión, resaltando que hai que ter coidado coas interpretacións realizadas con pouco rigor científico por investigadores locais cuxo único obxectivo é situar as vías ou mansións no lugar que a eles lles interesa.

POR ONDE DISCORRÍA A VÍA XIX-XX A PARTIRES DE BECERREÁ?

Con certas variantes, todos os autores consultados semellan coincidir no decurso da vía XIX-XX ata Becerreá. O problema xurde a partires daquí, onde se barallan dous tramos substancialmente distintos e que en ambos os casos partirían, aproximadamente, dende Ouselle, preto da igrexa parroquial, na estrada que vai a Navia de Suarna, un cara Cruzul e outro cara As Pontes de Gatín.

Os que defenden o trazado polo concello das Nogais levan a vía, con algúns matices, por Cruzul (atravesando o río Narón por unha ponte que se situaría non moi lonxe da actual Ponte de Cruzul), abas da Serra de Valdavara, A Horta, A Valiña, ladeira do monte Adrao, Cela, O Marco, inmediacións de Santo André, abas do monte Xirondo, Ferrería de Bois, Doncos, O Couso (preto do Castelo), Pena do Carromato, ao pé do Alto do Carballón e Pedrafita do Cebreiro.
 Castro da Conca dende o camiño As Casas da Serra (As Nogais)
(Foto: Colectivo Patrimonio dos Ancares)

Os que se inclinan polo trazado a través do concello de Cervantes, fanna pasar, a grandes trazos, polas Pontes de Gatín (mansión Ponte Neviae), A Estrada, O Mosteiro, O Fabal, Vilanova, A Ponte de Doiras, Vilarello do Río, San Miguel, Xestoso e O Comeal (agger).  
A vía romana polo Comeal (Cervantes)
(Foto: Colectivo Patrimonio dos Ancares)

Á vista dos datos achegados e polos indicios atopados en ambos os dous traxectos, só nos cabe preguntar por onde discorría a Via XIX-XX a partires de Ouselle. Por Cervantes? Polas Nogais? Bifurcábase a partires de Ouselle? Ou unha delas actuaba como secundaria da principal?

Os/as integrantes do colectivo Patrimonio dos Ancares comezamos a peitear polo miúdo ambas as dúas rutas, coa esperanza de identificar uns vestixios o suficientemente claros que nos poidan axudar a desentrañar as incógnitas que aínda agocha este itinerario. Tamén imos solicitar que a Via XIX sexa declarada BIC. 

BIBLIOGRAFÍA

Amor Meilán, M. (1991): Historia de la provincia de Lugo.
Ares Vázquez, N. (1995): Un epitafio de escravos do castro de Lexo.
Arias Vilas, F; Le Roux, P; Tranoy, A. (1979): Inscriptions romaines de la province de Lugo.
Barros Silvelo, R. (1875): Antigüedades de Galicia.
Estefanía Álvarez, M. (1960): Vías romanas de Galicia.
Ferreira Priegue, E. (1988): Los caminos medievales de Galicia.
Gómez Vila, J. (1993): As vías romanas na actual provincia de Lugo. Achegamento á súa problemática.
Gómez Vila, J. (2005): Tese de doutoramento: Vías romanas de la actual provincia de Lugo.
Nárdiz Ortiz, C. (1992): El territorio y los caminos de Galicia. Planos históricos de la red viaria.
Pardo de Neira, X. (1998): Historia do Concello de Baralla. Pazos e fortalezas de Neira de Xusá.
Rodríguez Colmenero, A; Ferrer Sierra, S; Álvarez Asorey, R. (2005): Miliarios e outras inscricións viarias do Noroeste Peninsular (conventos Bracarense, Lucense e Asturicense). 
Rodríguez Colmenero, A. e Álvarez Asorey, R.D. (2008): Via romana XIX: unha viaxe dende Lugo aos Ancares, seguindo as pegadas de Roma
Sáez Taboada, B. (2002): Aportaciones al trazado de la vía 19 del Itinerario de Antonino a su paso por Galicia.
Sáez Taboada, B. (2004): As vías romanas na provincia de Lugo.