* Castro de Santa María, a un paso do BIC

A mediados do pasado mes de outubro de 2018, o Colectivo Patrimonio dos Ancares e a Anpa do CPI de Cervantes presentamos conxuntamente ante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a solicitude como BIC do castro de Santa María, en Cervantes.

  

A raíz da solicitude, a Dirección Xeral promoveu a redacción dunha memoria técnica que recibiu o informe favorable dos seus arqueólogos, ademais de solicitar outros informes aos órganos asesores e consultivos en materia de patrimonio cultural (Comisión Territorial de Lugo, Consello da Cultura Galega e Real Academia de Belas Artes) que se pronunciaron favorables á declaración. 

Pois ben, no DOG do día 20 de decembro de 2018 publícase a resolución da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural pola que se incoa o procedemento para declarar BIC, coa categoría de zona arqueolóxica, o castro de Santa María de Cervantes, ordenando que xa se anote esta incoación de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se comunique ao Rexistro de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado, e se aplique de forma inmediata a máxima protección do sitio arqueolóxico.  A publicación no BOE saíu o día 28 de febreiro de 2019.

Agora, antes da declaración definitiva, ábrese o prazo legal dun mes para facer, se se estima conveniente, as alegacións que se consideren.

O castro de Santa María é de grande interese dende o punto de vista científico xa que pode achegar moitos datos sobre a investigación no período de transición das culturas prerromanas ao mundo romano nunha zona, ata o de agora virxe, que podería servir de contraste e complemento a outros estudos realizados en zonas mineiras. Esta declaración vai a supoñer un importantísimo avance no seu estudo, ademais de se converter nun referente patrimonial de primeira orde. Dos preto de 1.300 castros existentes na provincia de Lugo, 140 na comarca dos Ancares, só teñen a consideración de BIC os castros de Fazouro (Foz) e o de Viladonga (Castro de Rei).

Antes de coñecer esta boa nova, o Colectivo Patrimonio dos Ancares e a Anpa do CPI de Cervantes, coa colaboración da Deputación Provincial de Lugo, xa tiñamos programadas para o próximo mes de maio unhas xornadas adicadas a este importantísimo ben arqueolóxico. Si xa estabamos animados, esta declaración dános azos para acometer as xornadas, se cabe, con máis ilusión.