MÁMOAS, PETROGLIFOS E CASTROS DO CONCELLO DE CERVANTES

MÁMOAS 

MACHADO NEOLÍTICO
Durante anos, a única referencia ao megalitismo no concello de Cervantes estaba nos topónimos O Monte da Medorra, na parroquia de Lamas, O Chao da Arquela, en Quindous, e O Monte da Medorra da Prida ou Pena do Castelo, na parroquia de Vilaquinte. Mais, un machado neolítico atopado a mediados dos anos sesenta do pasado século e dado a coñecer no mes de marzo de 2012, abría a posibilidade á existencia dalgún tipo de xacemento adscrito a este período. O machado foi localizado nunha pedreira da aldea de Padornelo, na parroquia da Ribeira, e dende aquelas estivo en mans de don José Luis González, veciño de Valgos. De feito, don José Luis asegura que cando se empezou a utilizar a maquinaria no campo "desfixéronse moitas tumbas de pedra". No lugar tamén apareceran outras pezas, entre elas unha posible punta de frecha, que non se conservan. O seu propietario cedeu o achado ao museo etnográfico de Cervantes para a súa exposición. Semella que está realizado nunha rocha coñecida como anfibolita (orixe metamórfica); tamén podería ser outra rocha similar de orixe plutónica: diorita ou granolita. Ten 23 cm de longo, 8 cm de ancho e 7,5 cm no fío lixeiramente curvado. Bo estado de conservación.
 

NECRÓPOLE MEGALÍTICA DA PENA DOS MOUROS
Está formada por catro enterramentos. Atópase xunto unha pista, na Serra de Palmeán, nunha penichaira a 1.180 metros de altitude, entre as aldeas de Folgueiroa (Dorna) e Chan de Lagares (San Pedro de Cervantes).
O primeiro túmulo ten unhas medidas aproximadas de 12 metros de diámetro e 1,5 de altura. Ten un cráter de violación pouco profundo do que sobresaen dous esteos de xisto. Non conserva a pedra cobertoira. Sobre a súa superficie hai unha laxe partida que debeu formar parte da cámara funeraria, ademais de varias pedras de xisto e cuarzo que corresponderían á coiraza pétrea. Polo oeste ten un profundo suco de seis metros de longo realizado por unha máquina que vai dende a base ata o cráter. O resto atópase moi estragado polas roturacións e posibles actuacións furtivas. Cuberto pola matogueira.


 

 

O segundo enterramento, a poucos metros do anterior, ten 12 metros de diámetro e unha altura aproximada de 0,90 centímetros. Do cono de violación, pouco profundo, sobresae un esteo de xisto. Non conserva a pedra cobertoira. Sobre a mámoa hai unha gran laxe que puido corresponder a un dos esteos fincados da cámara ou á tampa. Debido ás roturacións do terreo perdeu boa parte da masa tumular. Cuberto pola matogueira.



A mámoa nº 3 ten unhas medidas aproximadas de 18 metros de diámetro e unha altura de 1,5 metros. Foi cortada pola pista. O cono de violación que xa presentaba semella que foi reaberto. Sobre o túmulo e no corte realizado polo camiño vense abundantes pedras de xisto que  puideron formar parte da coiraza que recubría o monumento. Cuberta pola matogueira.
 

A finais do mes de xullo de 2016, o compañeiro Severino Orozco localizou unha cuarta mámoa, próxima ás anteriores. Cuberta totalmente pola maleza, ten unhas medidas aproximadas de 11 metros de diámetro e un de altura. Presenta un cráter de violación de 2 metros de diámetro do que sobresaen un par de esteos da cámara megalítica. Tamén se observan restos de coiraza pétrea. 
A necrópole tiña un quinto enterramento que foi totalmente destruído. En principio crin que se trataba dun pozo para unha mámoa que logo non se chegou a facer, mais ao examinar o lugar apréciase con claridade que si houbo un túmulo que foi, literalmente, arrasado. Pódense ver varias pedras de xisto e cuarzo que formarían parte da coiraza e o anaco dun esteo medio soterrado.
   

Non moi lonxe obsérvase un montículo artificial de planta circular que semella corresponderse cunha mámoa.
En definitiva, a necrópole atópase en regular estado de conservación, moi afectada polas roturacións do terreo, camiño e actuacións furtivas. Chamoume poderosamente a atención que os veciños das aldeas próximas descoñeceran practicamente estas medorras, a primeira voz de alarma, que eu saiba, deuna hai anos un axente da Consellería do Medio Rural cando advertiu a un dos propietarios de que tivera coidado cos enterramentos ao roturar o terreo. Malia o suposto descoñecemento, no lugar existe o folclore da presenza dun tesouro. Foron inventariadas polo Servizo de Patrimonio en Lugo no ano 2007.
O día 23 de maio de 2017 comunicamos ao Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo unha escavación furtiva na mámoa número 1. 

MÁMOA DOS FORNIÑOS 
Situadas entre a Golada do Campo do Circo e o Monte Odreiro, na parroquia de Vilarello, nunha divisoria de augas dos concellos de Cervantes e Balboa, este último na provinicia de León, e a unha altitude de 1.256 metros. Está formada por tres túmulos, dous deles no concello de Balboa (León). A medorra ubicada na parte galega ten unhas dimensións de 20 por 16 metros e unha altura de dous metros. A cámara megalítica foi arrasada no ano 2009 por unha máquina que estaba a realizar unha escavación furtiva.

MÁMOS DA GOLADA DO CAMPO DO CIRCO
Localizadas por integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares o día 28 de xaneiro de 2017. Sitúanse a 1.280 metros de altitude, entre as aldeas de Porcís, na parroquia de Noceda, e O Portelo, na parroquia de Vilarello, no mone coñecido como Golada do Campo do Circo. Trátase de dúas mámoas de 19 e 15 metros de diámetro, e unha altura de 1,30 e 1,05 metros, respectivamente. Ambas presentan cráter de violación. Atópanse a uns 500 metros das mámoas dos Forniños, e  a uns 50 metros do límite coa provincia de León.
 
 

MÁMOA DO CIRCO
O día 25 de febreiro de 2017, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares localizamos unha nova mámoa no Concello de Cervantes, non moi lonxe doutras dúas que documentaramos o pasado 28 de xaneiro de 2017. Sitúase a uns 1.280 metros de altitude sobre o nivel do mar, entre as aldeas de Porcís, parroquia de Noceda, e O Portelo, parroquia de Vilarello, no monte coñecido como O Circo. Ten un diámetro de 17 metros e unha altura de un metro. Sobre o túmulo obsérvanse algunhas pedras de cuarzo o que pode indicar que estaba cuberta por unha coiraza pétrea. Atópase no medio dunha plantación de piñeiros, mesmo algunhas árbores foron plantadas sobre a mámoa. Este enterramento, metro arriba metro abaixo, sitúase na mesma liña divisoria coa provincia de León. Moi preto, pero xa no concello de Balboa (León), hai outras tres mámoas coñecidas como Os Forniños. 
 

MÁMOAS DE SAVANE  
O día 21 de febreiro de 2016, integrantes do noso Colectivo Patrimonio dos Ancares localizamos unha necrópole megalítica integrada por dúas mámoas non coñecidas ata o presente. A descuberta foi posible grazas a que non hai moitos meses talaron parte dos piñeiros que había xunto a estrada local CP 07-02, pouco antes da pista asfaltada que baixa cara a aldea de Vilar de Mouros (parroquia de San Pedro de Cervantes) e, sobre todo, a que a intensa nevada dos últimos días achandou a maleza, tanto a que cubría os túmulos funerarios como da contorna, facéndoos perfectamente visibles. Esta necrópole, que bautizamos co nome de Mámoas de Vilar de Mouros, atópanse na Serra da Cortella, a 1.179 metros de altitude, nunha penichaira dende onde se observa unha ampla panorámica. Esta necrópole está a uns 800 metros en liña recta das mámoas da Pena dos Mouros, inventariadas no ano 2007. A mámoa número 1 ten unhas medidas de 8,5 metros de diámetro e 0,50 de altura. A mámoa número 2 mide 9 metros de diámetro e 0,60 de altura. Ambas as dúas posúen cráter de violación duns dous metros de diámetro e sobre elas teñen plantados piñeiros. A simple vista non semella que no seu interior acollan cámara funeraria de pedra, se ben haberá que esperar a que desapareza a neve para comprobar se do cono de violación sobresae algún esteo. 
O día 7 de xuño, dende o Servizo do Patrimonio Cultural comunicáronnos que os seus arqueólogos xa realizaron a inspección correspondente ás dúas mámoas, comprobando que, en efecto, se trata "de dous xacementos arqueolóxicos tipo túmulo". Catalogados cos códigos: GA27012093 e GA27012094, identificándoos cos nomes de Túmulo 1 de Savane e Túmulo 2 de Savane. Tamén llo comunicaron ao Concello de Cervantes.

 

O mesmo día 7, o axente forestal da Consellería do Medio Rural, Severino Orozco Carro, informounos da existencia doutros posibles enterramentos na mesma zona. Ao día seguinte, guiados por Seve, achegámonos  ata o lugar. Estes montes, totalmente cubertos pola maleza e con plantacións de árbores (rebolas e piñeiros), son comunais. Nun radio aproximado duns 450 metros puidemos comprobar a existencia de ata seis enterramentos megalíticos non documentados ata o presente. As mámoas teñen unhas medidas que van dos 10 aos 12 metros de diámetro e unha altura que varía entre 1,5 e 0,50 metros. Catro túmulos están gravemente alterados, todos con cráter de violación e coa masa tumular moi espallada; nun par deles observamos restos de pedras de cuarzo que puideron formar parte dunha coiraza pétrea, e outro está cortado por un vello camiño, na actualidade en desuso. No quinto, tamén moi alterado, vense algunhas pedras de bo tamaño esparexidas pola mámoa que, sen dúbida, formaban parte da cámara funeraria. Pero a sorpresa levámola cando Severino nos mostrou o sexto enterramento. A mámoa, duns 11 metros de diámetro e 1,5 de altura, conserva no seu interior gran parte da cámara megalítica de forma poligonal composta por sete ortostatos verticais, algúns cortados, e que ten unhas medidas de máis de dous metros cadrados da que semella partía un corredor pouco desenvolvido orientado cara o sur-leste. A tampa cobertoira desapareceu, posiblemente destruída cando profanaron o enterramento para buscar "tesouros". O túmulo está cuberto de maleza e rebolas.  Hai moitos anos, buldozer do antigo ICONA levantaron gran parte do monte que, xunto coas posteriores plantacións de árbores, foron os responsables do estado en que se atopan estes enterramentos. 
Con estas seis novas mámoas, o conxunto ascende a once. Tres, coñecidas como da Pena dos Mouros, xa estaban catalogadas, e as outras dúas foron as que documentamos no mes de febreiro. Sen moito marxe para o erro, cremos que con estes novos achados, esta necrópole atópase entre as que conservan un maior número de mámoas da provincia de Lugo, só detrás das da Lagoela (Paradela), Monte das Tenzas (Lugo) e Lousada (Xermade). Na comarca dos Ancares é a segunda localizada con cámara megalítica. A outra é o dolme de Ferreirúas onde recentemente denunciamos unha agresión á tampa cobertoira. Hai outra con cámara funeraria no Alto do Restelo, no límite con Navia de Suarna, se ben esta xa pertence ao concello de Baleira, na comarca da Fonsagrada. Solicitamos unha entrevista co alcalde de Cervantes para que, á vista da importancia desta necrópole megalítica, inicie as conversas cos comuneiros para poñela en valor. O custo que suporía facer visitables as mámoas, situadas moi cerca unhas das outras, limítase á limpeza da zona e á colocación duns paneis informativos. Ademais, cóntase coa vantaxe de que se atopan case a carón dunha estrada comarcal e con bos sitios para aparcar. Os achados xa llos comunicamos ao Servizo do Patrimonio Cultural e ao Concello de Cervantes.
O día 14 de novembro de 2016, dende o Servizo do Patrimonio Cultural, comunicáronnos que dous dos enterramentos localizados en xuño xa foron catalogados. Para o resto, debido á espesa maleza e a leña que os cubre, haberá que esperar a que melloren as condicións.
     

MONTE DA MEDORRA   
Na parroquia de Lamas. Á dereita da estrada que vai de San Román a Catroventos, no cruce que baixa cara Lamas. Trátase dunha penichaira situada a 883 metros de altitude sobre o nivel do mar dende onde se divisa unha ampla panorámica. Despois de peitear todo o monte, non atopei vestixios. No lugar, moi alterado, instaláronse antenas de telefonía e de televisión e tamén está adicado a labores agrícolas. Se non houbo ningunha mámoa, quizais deba o nome á forma de meda ou túmulo que presenta o monte. Os veciños non conservan memoria de ningún enterramento.

O CHAO DA ARQUELA
Recibe o nome un monte situado na parroquia de Quindous, por riba da cabeceira parroquial e das aldeas de Estremar de Baixo e Estremar de Riba. Trátase dunha penichaira dende a que se domina toda a contorna. Uns veciños informáronme de que tiñan escoitado que en tempos había unha medorra que fora achandada hai moitos anos polos labores agrícolas. Eu, polo momento, non atopei ningún vestixio.
Segundo a tradición, nese mesmo lugar houbo un mosteiro que dependía do de Carracedo do Bierzo, polo que estaría baixo a protección da orde do Císter.

MONTE DA MEDORRA DO PENEDO DA PRIDA OU PENA DO CASTELO
Situado por riba da aldea de Vilaquinte, a 714 metros de altitude sobre o nivel do mar. Altura rochosa visible dende lonxe. Como nos casos anteriores, non atopei pegada algunha dun enterramento. Aínda que polo xeral en Galiza o nome medorra adoita facer alusión a un enterramento megalítico, en ocasións tamén pode referirse a lugares elevados. 
 

PETROGLIFOS 

PETROGLIFO DOS MONTES DE ROBLEDO
O día 25 de agosto de 2013, a documentalista Pilar Carpente máis eu demos a coñecer os primeiros petroglifos situados na comarca galega de Os Ancares. Localizámolos preto dun sendeiro que sobe cara a Campa do Barreiro, nos Montes de Robledo, parroquia de Donís, a uns 1.100 metros de altitude sobre o nivel do mar. Trátase de, ao menos, 28 coviñas insculpidas nunha rocha lixeiramente inclinada cara a posta do sol, cara o oeste. As medidas das coviñas, algunhas bastante erosionadas, van dende os tres aos sete centímetros de diámetro. Un grupo, situadas no centro do panel, forman un semicírculo. Na parte inferior da pena hai unha pía de forma ovalada que mide 14 centímetros na parte máis longa e 10 centímetros na menor, e cunha prfundidade de 5 centímetros. Dúas coviñas están unidas por un suco, apreciándose outros dous sucos, un duns 14 centímetros de longo. A carón da pena principal hai outra pena que en tempos formou parte desta onde se observan dous pequenos puntos moi erosionados.


As coviñas son ocos de planta redonda e sección semiesférica escavadas na superficie da rocha, sendo as representacións máis sinxelas da arte rupestre ao aire libre (aínda que quizais as máis enigmáticas) dentro do repertorio das insculturas galegas. Poden aparecer illadas, formando agrupacións como no presente caso, e asociadas a outros motivos, tanto de temática naturalista como xeométrica, atopándose, en maior ou en menor medida, na maioría dos complexos rupestres. Dada a diversidade onde aparecen, temos que pensar que non terían un único significado: recipientes para ofrendas, lugares para recoller a auga que sería utilizada nalgún tipo de ritual, receptáculos para sacrificios, calendarios solares e lunares, símbolos de carácter sexual feminino relacionados coa fertilidade, mapas terrestres e celestes, delimitadores de espazos sagrados ou lugares máxicos, etc. Malia o anterior, ao tratarse dunha arte simbólica, son para nós, en principio e como acontece co resto das representacións, de natureza inintelixible e co único que xogamos son con hipóteses xa que este sistema de comunicación desapareceu xunto coas persoas que os xeraron, incluso cabe a posibilidade de que o seu significado só sería comprensible a determinados membros daquela sociedade. Canto á súa adscrición cronolóxica e cultural, abranguería, cando menos, dende o Neolítico ata a Idade Media, tendo en conta, ademais, que algunhas coviñas poden ter unha orixe natural a causa da alteración superficial das rochas. No que atinxe a estas gravuras dos Montes de Robledo, e tomando como referencia outras de similares características esparexidas ao longo de Galiza, coido que hai que encadralas nalgún momento da Idade do Bronce.


A respeito do seu emprazamento (ao igual que as outras gravuras do concello que temos localizadas) a pena está situada a carón dunha vía de tránsito (un sendeiro), nas proximidades dunha penichaira, no que aquí se coñece como campa, único espazo dunha orografía montañosa apto para pacer o gando e sementar o cereal, por onde discorre un curso de auga; estes sitios, como acontece coas alzadas, tamén se utilizaban como poboados estacionais (aínda se conservan as ruínas dunha rexa cabana de pedra), dato a ter en conta xa que é posible que os autores dos gravados viviran no lugar ou desenvolveran aquí a súa actividade agrícola e gandeira. 
O día 26 de outubro de 2015, dende o noso colectivo procedemos a sinalizar a necrópole (Ver o apartado Apéndices). 
 

PETROGLIFOS DA CAMPA DE CAMPO REDONDO
Unha semana despois da localización do petroglifo dos Montes de Robledo, documentamos máis gravuras no concello. Foi o día 31 de agosto de 2013 na campa de Campo Redondo, situada a 1.300 metros de altitude. Trátase dun pequeno val, entre a aldea de O Piornedo e o Pico Mostallar, atravesado polo río de Veiga Cimeira e protexido polos montes de Pena Longa, Os Penedois e a Serra do Agulleiro. No lugar aínda se ven os restos dunha vella cabana onde se refuxiaban os pastores, así como os dunha morrena glaciar.

A rocha, situada no medio da campa, resulta moi visible dende os camiños que acceden á mesma. Trátase dunha pena granítica cunhas medidas dun metro de alto, 2,60 de longo e 2,15 de ancho. Os motivos están insculpidos na parte superior da rocha que presenta unha lixeira inclinación cara o sur-oeste. As gravuras están formadas por 12 coviñas redondas cunhas medidas que van dende os tres aos nove centímetros de diámetro e cunha profundidade máxima dun centímetro, e por nove coviñas de forma ovalada onde a de maior tamaño acada unhas medidas de 11 por 7 centímetros e unha profundidade de 2,5. As coviñas redondas están máis erosionadas ca as ovaladas.

Como sinalo máis arriba, chama a atención a ubicación da rocha, situada a xeito de "altar" no medio da campa.

PETROGLIFOS DE O PIORNEDO
O mesmo día 31 de agosto, cando regresabamos de atopar os petroglifos da campa de Campo Redondo, localizamos na aldea de O Piornedo outras gravuras insculpidas sobre dúas pedras graníticas que forman parte dun muro, non moi lonxe da capela do San Lourenzo. As dúas rochas presentan varias coviñas, nunha delas hai unha cruz latina gravada posteriormente. Todo apunta a que estas rochas formaban parte dunha ou máis penas que foron cortadas para facer o peche. A cruz pode ser unha posible cristianización dun lugar considerado como pagano ou como marca divisoria dunha herdade.

PETROGLIFOS DA BOCA DO CAMPO
Na parroquia de Donís, nas inmediacións do Corno Maldito ou Pico do Corno, a unha altitude duns 1.500 metros.
Segundo me informou Iago López Fuenteseca, tratáse de tres penas con coviñas de distintos tamaños situadas nunha campa onde aínda se poden ver as ruínas de varias construcións onde, ata non hai moito tempo, se instalaban os veciños que dende comezos ata o final do verán se trasladaban ata o lugar co gando. Tamén se conserva unha estrutura pétrea de forma circular (corro), a xeito de círculo lítico que, supoño, se utilizaba para gardar os animais. Nas inmediacións hai máis penas con coviñas.


PETROGLIFOS DA GOLADA DA BOCA DO CAMPO
Iago López tamén me informou de máis rochas con coviñas na Golada da Boca do Campo, non moi lonxe da campa do mesmo nome.

PETROGLIFOS DA BRAÑA DOS ESTREMEÑOS
Nas inmediacións do Pico Mostallar. Trátase dunha rocha granítica con, ao menos, unha decena de coviñas. As dúbidas que tiña canto á súa situación foron aclaradas por Trota Leiras foro e por Manolo G. Trabada que me confirmaron que se atopa na parte galega do Mostallar, e non na de León.

PETROGLIFOS DA MALLADA DO MUSTALLAR
O día 22 de novembro de 2015, antes das primeiras neves, integrantes do noso colcectivo localizamos unha rocha granítica, situada a uns 1.700 metros de altitude, con cinco coviñas de entre dous e catro centímetros de diámetro. Non moi lonxe localizamos outra pena gravada cunha cruz moderna.
  
PETROGLIFOS DO MUSTALLAR
O día 22 de novembro de 2015, integrantes do noso colectivo localizamos a uns 1.800 metros de altura, nunha ladeira do Pico Mustallar, unha pena de xisto, rente ao chan, con nove covinas gravadas que oscilan entre os dous e sete centímetros de diámetro. Este petroglifo ten a singularidade de ser, ata o presente, o máis alto de Galicia. Ata o momento obstentaba esta "distinción" o petroglifo das Arcas, a 1.770 metros de altitude, no concello de Manzaneda, tamén con coviñas. O achado xa foi comunicado ao Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e ao Concello de Cervantes.
 

PETROGLIFOS DA PENA DO OSO
Trátase dun outeiro situado a 1.161 metros de altitude sobre o nivel do mar, preto dunha campa a pouco máis de 1,5 quilómetros do Piornedo. Foron localizados polo noso colectivo o día 6 de agosto de 2016. No afloramento granítico documentamos unha pena con catro cazoletas, tres delas aliñadas, e dúas penas máis cunha coviña cada unha. As medidas oscilan entre os 3 e os 7 centímetros de diámetro, e unha profundidade de entre o,5 e 3 centímetros.

 
 

PETROGLIFOS DE POSO
O día 8 de marzo de 2014, a documentalista Pilar Carpente máis eu localizamos outras gravuras inéditas no concello. Foi na aba do Pico da Legua, na aldea de Poso, parroquia do Pando. Trátase dunha pena granítica con nove cazoletas de entre nove e once centímetros de diámetro e unha profundidade de entre medio e un centímetro. O achado comunicámosllo ao Servizo de Patrimonio en Lugo e ao Concello de Cervantes o día 12 de marzo.
 

PETROGLIFOS DO TESO DO ACEVEDO
En Poso, parroquia de O Pando. Localiceino o día 5 de xuño de 2014 grazas á axuda do amigo José de Vilarín, de Murias (Navia de Suarna). Atópanse a 1.364 metros de altitude sobre o nivel do mar. Cinco penas graníticas polas que se distribúen máis de cen coviñas. A maior, horizontal, duns 15 x 15 metros, ten arredor de medio cento. As medidas van dende os 4 aos 8 centímetros de diámetro, e unha profundidade que oscila entre os 0,5 e 2 centímetros.
 

PETROGLIFOS DO CARRILÓN
O día 30 de abril de 2016, integrantes do noso colectivo localizamos 19 penas con coviñas e dous círculos simples no montes do Carrilón, en Poso, parroquia do Pando, a 1.300 metros de altitude. As súas dimensións oscilan entre cinco e dez centímetros de diámetro e unha profundidade que vai de 0,5 a 1 centímetros. Sitúanse xunto antigos camiños e en lugares de pastoreo, entre tres correntes de auga.
   

PETROGLIFOS DO PENEDO GRANDE
O día 18 de outubro de 2016, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares documentamos uns novos petroglifos no concello de Cervantes. Foi no Penedo Grande, un monte situado a 1.164 metros de altitude sobre o nivel do mar, pertencente á aldea de Moreira, na parroquia de Donís.
Trátase de catro penas sobre as que se distribúen nove pías e coviñas de factura claramente artificial, cunhas medidas que van dende os 16 aos 7 centímetros de diámetro e unha profundidade que oscila entre os 6 e 2 centímetros.
Coma no resto dos petroglifos localizados no municipio de Cervantes, estes do Penedo Grande caracterízanse tamén por atoparse preto de lugares adicados dende tempos inmemoriais ao cultivo e ao pastoreo, e preto de centenarios camiños. Todas as estacións descubertas tamén posúen a singularidade de ser os que están situados a maior altitude de Galicia, por riba dos 1.000 metros.
A localización deste petroglifos foi grazas á información achegada por David Mourelo.

 

PETROGLIFOS DE CAMPO FORMOSO
O día 25 de febreiro de 2017, integrantes do noso colectivo localizamos unha nova pena con gravuras. Nesta ocasión foi no lugar coñecido como Campo Formoso, a uns 1.525 metros de altitude sobre o nivel do mar, debaixo do Pico dos Tres Bispos (1.798 m) e o Pico das Charcas (1.800 m) e que fan límite coa provincia de León. Trátase dunha rocha situada nunha campa onde se ven tres coviñas de 3, 4 e 5 centímetros de diámetro respectivamente, aliñadas de este a oeste. Nas proximidades nace o río do Ortigal. 
 

CAMPA DO BARREIRO  
Baixo o título, Altar prehistórico na Campa do Barreiro?, achego en Apéndices a hipótese dun posible monumento adscrito, quizais, ao período do que falo máis arriba
 

PETROGLIFOS DE GRANDAS LONGAS 
O día 22 de maio de 2017, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares localizamos unha nova estación con petroglifos no concello de Cervantes. Foi na parroquia do Pando, no monte de Grandas Longas situado a 1.364 metros de altitude, entre os ríos de Poso e Xunquiñas. Documentamos dúas rochas cunha cazoleta cada unha, unha con dúas cazoletas, e unha terceira con oito cazoletas. Esta última ten a particularidade de que dalgunhas coviñas parte unha canle, e dúas cazoletas comunícanse entre si. As súas medidas oscilan entre os 5 e 10 centímetros de diámetro e unha profundidade de entre 2 e 4 centímetros.
Este novo grupo de petroglifos atópase entre os do Teso de Acevedo e o Penedo Grande, localizados polo noso colectivo nos anos 2014 e 2016 respectivamente. Con esta nova estación son xa 16 as descubertas no concello de Cervantes.
Os achados foron comunicados ao Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo para que proceda á súa catalogación.
  
CASTROS 

CASTRO DE SANTA MARÍA DO CASTRO 
Preto da aldea de Sabadelle, na parroquia do Castro. A 561 metros de altitude sobre o nivel do mar. 
Habitado durante un breve espazo de tempo, entre o 50 a.C. e o século II d.C., no período de transición do mundo prerromano ao romano. Orientado, durante a dominación romana, cara á explotación mineira. Foi descuberto no ano 1994, cando as obras de acondicionamento do acceso á igrexa de Santa María. Escavado parcialmente nos anos 1995, 1996 e 1999, localízase nun estreito val de montaña, nun pequeno saínte de ladeira orixinado polo río Quindous, tributario do Navia. A súa situación na cunca do Navia, rica en recursos auríferos, explica a existencia do mesmo castro e a ocupación en época romana o que evidencia a categoría económica do poboado. Presenta un recinto principal e dous aterrazamentos polo sector sur, nun único nivel de ocupación. O recinto superior presenta unha planta de forma ovalada, bastante ben delimitada no seu perímetro por unha muralla de aterrazamento, realizada na súa parte norte a modo de parapeito, separada da ladeira por tres liñas de foxos executados aproveitando a forza hidráulica proporcionada polas canles de auga que se dirixían cara as minas auríferas próximas. Na zona sur hai un espazo máis baixo que puido estar adicado a explotacións agrícolas e gandeiras relacionadas co castro.

A maior parte das 23 vivendas de uso doméstico que ata o de agora saíron á luz, moi xuntas para aproveitar o espazo ao máximo, son de planta redonda, separadas por pequenas rúas enlousadas, canles de desaugue entre elas, escaleiras, muros de nivelación e de descarga e sistemas de drenaxe. Nalgunhas casas aínda se poden apreciar restos de muros revocados e pequenas despensas de pedra, así como os marcos de madeira das portas. Nunha documentouse a existencia de dous andares, o superior a modo de faio. Sobre o castro construíuse unha igrexa e un cemiterio (cristianización dun lugar pagano) o que provocou a alteración do asentamento dende a Idade Media.

No ano 1994 tamén se descubriu unha necrópole cristiana baixomedieval, documentándose 56 enterramentos. Trátase de sepulturas antropomorfas realizadas con pedra de lousa. Nalgúns casos reutilizáronse parte dos muros das construcións do castro como paredes das sepulturas; estaban tapadas con grandes laxas. Algúns corpos atopáronse inhumados con sudario. Nun dos enterramentos apareceu unha moeda datada entre os séculos XIII-XIV.

Entre os achados están uns bloques graníticos coa superficie lisa, con rebordo en resalte e coviñas, que puideron servir para triturar ou pulverizar algunha materia dura. Durante as escavacións apareceron muíños, algunhas moedas de época romana, unha folla de coitelo de ferro, un machado, un martelo e restos de cravos.

No ano 2006 determinouse a realización dunha actuación en relación coa mellora e acondicionamento de exteriores e o acceso ao conxunto que consistiu na limpeza e consolidación puntual das estruturas, a retirada da escaleira de acceso á igrexa para a construción dunha nova e a dotación dunha pasarela elevada anexa aos restos arqueolóxicos para conseguir unha nova visión dos restos. 
Ao NO do castro atópase a explotación aurífera de época romana da Viña da Moura.
Nun lateral da igrexa de Santa María pódese ver a escultura dunha cabeza que, posiblemente, foi reaproveitada nunha das moitas remodelacións que sufriu o templo, mais ignoro a súa procedencia. Presenta unha inscrición ilexible que foi repicada.
Segundo a lenda, debaixo da igrexa hai un túnel que vai dar ao río.

O CASTRILLÓN
Na parroquia de Castelo Monte situado a 627 metros de altitude sobre o nivel do mar. Na marxe esquerda do río Quindous e a pouco máis de medio quilómetro do castro de Santa María. Consta dun recinto delimitado por un muro de aterrazamento. No pé do monte pasaba a infraestrutura hidráulica dunha explotación mineria de época romana coñecida como Val das Curuxas.

Hai quen cre que o monte Castrillón puido acoller unha garita de vixiancia do castro de Santa María.
Algunha guía fala de que preto daquí se atopou unha ara, mais a información non é de todo correcta. De feito, foi descuberta por don Justiniano Rodríguez nun muro que pechaba unha finca de don Antonio del Río, lindante co camiño de Vilar de Cancelada (Becerreá) a Seixas (aldea da parroquia de San Román de Cervantes). As últimas noticias que tiña sobre ela é que estaba en poder de don José Antonio García, da Casa da Queitana, en San Román, feito que confirmei a principios do mes de xaneiro de 2014 no que don José Antonio tivo a xentileza de amosarma, alumándome, ademais, a historia da súa descuberta. En efecto, como sinalo máis arriba, a ara formaba parte do peche dunha leira, mais ao parecer con anterioridade estivera na capela de Santiago (O Noso Señor Santiago, dicían os veciños), en San Román, e hoxe en día desaparecida (na ermida tamén se localizou unha pedra onde se podía ler a data de 1081 e o nome Froyla). Segundo Antonio García y Bellido, no seu artigo Nuevos documentos militares de la Hispania romana, é de pedra de granito e mide 76 cm de altura. Trátase dun prisma rectangular apoiado nunha basa con tres molduras. Na cara principal mostra a inscrición romana. Na cara menor dereita ten outra inscrición baixomedieval na que se le: ERA/(M)CXX/FROI/LA PSR/FECI. A romana foi lida e interpretada, segundo este autor, de modo pouco crible. Novos informes permiten rectificar a súa lectura deste xeito: C. VALERIVS/CARVS/MIL. LEG. X./V. S. L M. É dicir: Caius Valerius Carus miles Legionis Decimae. Estaría datada no século I d.C. Trataríase dun soldado indíxena romanizado; como se sabe, os castrexos foron incorporados ao exército despois da conquista o que serviría para debilitar a capacidade de rebelión das poboacións indíxenas. 
O día 5 de xuño de 2014, cando a vimos por primeira vez, a ara estaba no baixo dunha casa, con caixas de mazás por riba e xunto un saleiro que estaba a deteriorar a pedra. Dende aquelas pedímoslle aos donos, infrutuosamente, que a donara ao Museo, ademais de que mentres a colocaran noutra parte, lonxe do sal e da humidade. O día 6 de febreiro de 2016 vímola de novo, a ara estaba a mellor recaudo, colocada nunha esquina do salón da casa.     

CASTRO DOS SUCHAVOS OU A BORRUGA
Na parroquia do Castro. Situado nunha dorsal divisoria entre o río Quindous e o río de Valgos, ocupando un pequeno rechán que domina zonas e ambos cauces así como parte da zona da cabeceira do río Navia. Formado por dous núcleos separados de habitat. Romanizado, tamén foi ocupado durante a Idade Media. 
 

CASTELO DE FRADES 
Parroquia de Cereixedo.
A aldea é citada nun documento do mosteiro de Samos no ano 1091: "in Castello de Frs, cella integra". No ano 1262, os frades de Carracedo do Bierzo  posuían herdades en Castello de Fratibus. No ano 1310 é nomeado  como Castello de Frades. Hai quen sitúa aquí un castro e un castelo, mais polo de agora non existen datos escritos nin arqueolóxicos que confirmen tal teoría. Quizais a confusión veña dada porque no catálogo de Bens de Interese Cultural (BIC) si figura unha inexistente fortaleza.

CASTRO DE CELA
Na parroquia de Cereixedo. A 815 metros de altitude sobre o nivel do mar, entre o río da Vara e o regueiro Castelo de Frades.
Érguese sobre un esporón encaixado nunha depresión montañosa formada polas correntes de auga citadas. Polo leste, a parte menos protexida, escaváronse cinco foxos consecutivos en cuxas zonas intermedias obsérvanse derrubes de muros que poderían estar relacionados co acceso ao castro.
Segundo a lenda, un bo día chegaron os mouros a Cela para apoderarse da aldea, mais os habitantes fixéronlles fronte e conseguiron expulsalos para o lugar onde logo construíron o castro.
 

A COROA DO COTO
Situado nun pequeno saínte da cara oeste da ladeira do monte Ricobo, na parroquia de Cereixedo, que domina parte da cabeceira do río Cancelada. Ten un só recinto de forma ovalada, bastante ben delimitado polo pronunciamento do terreo no sector norte e oeste, sendo máis accesible polos lados leste e sur. No se aprecian construcións de foxos nin parapeitos.  

O CASTRO DE CORNEANTES
Entre as aldeas de Corneantes, parroquia de Donís, e Olmos, na parroquia de Vilaquinte, a uns 550 metros de altitude sobre o nivel do mar e a unha distancia aproximada de ambos os dous lugares duns 400 metros en liña recta.
O posible xacemento atópase encaixado na depresión que forma o río Ser, nun pequeno meandro. Conta cun recinto tirando a oval, bastante ben delimitado polo pronunciamento do terreo no sector norte, sur e oeste, sendo a parte máis accesible polo leste. Na actualiade non se observan estruturas defensivas, só o que semella un foxo. Non moi lonxe érguense as capelas de Santiago (Corneantes) e San Pedro (Olmos).
 

A surpresa leveina cando me contaron que xunto a ermida de Corneantes apareceran unhas tumbas ao ampliar a estrada local que discorre ao seu carón. Un dos veciños, armado de petola, rascou no muro de terra e, en efecto, alí apareceron os restos dun dos enterramentos construído con lousas. Dixéronme que saíran á luz varias tumbas e que no seu interior había esqueletos humanos completos. Cando lle preguntei se tiñan coñecemento de quen as fixeran, non o dubidaron: foran feitas polos celtas! Mais todo apunta a enterramentos medievais.
E unha lenda. Nas proximidades do posible castro hai un lugar coñecido como A Franxoeira ou A Franxueira, un terreo pino e pedregoso que cae cara o río Ser. Dicíase que aí se xuntaban co demo as bruxas da zona.

TESO DO CASTRO ou CHAO DO CASTRO
En O Chao, parroquia de Dorna.
A pouco máis de 1.000 metros de altitude sobre o nivel do mar. Situado a uns 300 metros da aldea, érguese sobre o río Quindous que no lugar coñecen como de Dorna. De forma ovalada, ten unhas medidas aproximadas de 150 metros no eixo máis longo e de 100 metros no menor. Está ben delimitado pola disposición do terreo e unha muralla de contención. Polo oeste obsérvase unha muralla-parapeito. Romanizado.

Uns veciños contáronme que, segundo a tradición oral, no século XIX había xente que vivía no recinto polo que non se pode desbotar que reaproveitaran, ao menos parcialmente, os restos das primitivas vivendas castrexas; de feito, o veciño de máis idade aínda lembraba ter visto restos de muros.

Ao castro precédeo o lugar coñecido como A Corola do Castro, un terreo hoxe en día adicado a cultivo se ben non se aprecian restos de estruturas, quizais achandadas polos labores agrícolas que se desenvolveron no lugar ao longo do tempo; sería por aquí por onde se accedería ao recinto. 

CASTRO DE DRADA
Na parroquia de A Ribeira. Situado nun esporón que domina un tramo da bacia baixa do río Ser, cun desnivel de pouco máis de dez metros sobre o cauce do río. Presenta numerosos afloramentos rochosos. Polo leste vense tres foxos consecutivos. Entre os foxos unhas estruturas a base de muros quizais relacionados coa entrada ao recinto. A continuación do último foxo levantouse un muro de contención. O punto máis alto atópase rematado por unha torre de considerables porporcions que completa o sistema defensivo. Polo norte está delimitado de forma natural por medio dun afloramento, reforzado por un parapeito ou muralla. Na parte sur e oeste está delimitado mediante aterrazamentos e a disposición do terreo que dotan o castro dun certo espazo interior. Romanizado.     

A COROA DO CASTRO
Entre Padornelo e Valgos, na parroquia de A Ribeira.
Sobre o regueiro de Valgos. Castro romanizado. Consta dun único recinto tirando a circular de pequenas dimensións. Polo oeste tiña un foxo ocupado actualmente por unha pista. Detrás do foxo, ao comezo do asentamento, hai unha especie de muralla escalonada. Unha veciña orixinaria de O Padornelo e que na actualidade vive en Lugo, de 76 anos de idade, contoume que de nena, cando ía co gando, víanse unhas estruturas pétreas e que un seu avó lle dicía que eran sepulturas.
 

CASTRO DE VILARTATÍN
En Vilartatín, na parroquia de A Ribeira.
Todas as persoas consultadas negaron a existencia dun castro en terras da aldea, a única referencia da que dispoño é  a do inventario publicado no Diario Oficial de Galicia do 12 de xullo de 1991. 

CASTRO DA BARCIA
Na parroquia de San Tomé de Cancelada. Situado na parte alta da ladeira leste da Serra da Treitoira, nunha zona onde se aprecia unha pequena ruptura da pendente que foi acondicionada como habitat. Consta dun recinto case circular delimitado por un terraplén de aterrazamento. Alterado por unha torreta de alta tensión. 
 

OS CASTROS DE DUMIA
En Dumia, na parroquia de Santo Tomé de Cancelada. Situado na ladeira sur da Serra da Cortella. Ten un recinto principal con dous aterrazamento pola parte oeste. O sistema defensivo está formado por unha sucesión de foxos e caballóns. Tralo último foxo ten un reforzo na muralla. Romanizado. Obsérvanse actuacións furtivas. 
 

CASTRO DO TESO DA VELLA ou PENA DOS MOUROS
Na parroquia de Santo Tomé de Cancelada. Domina a desembocadura do río Cancelada. Situado no remate dunha dorsal en forma de saínte que domina a desembocadura do río Cancelada. Consta dun recinto principal de forma tirando a ovalada. Polo nordeste obsérvase un profundo foxo que separa o castro dos terros máis elevados. Romanizado.  

CASTRO DE PENA TALLADA ou de SANTA CATARINA 
Na aldea do Fabal, no lugar coñecido como a Reboleira de Pena Tallada e Santa Catarina, na parroquia de Vilasante. A 628 metros de altitude sobre o nivel do mar.

Segundo información achegada por Tito Fernández de Témez, o castro, logo romanizado, foi cristianizado coa construción dunha capela posta baixo a advocación de Santa Catarina; a imaxe foi trasladada á capela do Pazo do Fabal no ano 1726, ao seren derrubada a primitiva ermida.

A Pena Tallada, cunha fenda de máis de 15 metros de altura e que segundo a tradición foi cortada polos primitivos moradores, protexe o castro polo N-L, a xeito de gran defensa natural. Unha serie de aterrazamentos distribuén o seu espazo. Protexido por varios foxos e parapeitos. Atopei o que semella a soleira dunha porta, cun burato onde iría o couzón que a faría xirar. Dende o castro divísase todo o val fluvial dende a Serra de San Pedro ata o Monte Redondo, por riba de Santo Tomé e o val do regueiro do Pontorrón.
Segundo a lenda existe un túnel polo que baixaban os mouros ata o río para que bebesen as cabalarías e para fuxir eles mesmos cando había liortas; abaixo no río hai un gran barcal feito na pena para que bebesen sen ser vistos.

Para acceder ao castro dende O Fabal hai que cruzar o fermoso río das Casas por unhas pontellas de madeira. Xunto a segunda pontella podemos admirar un impoñente muíño e unha pequena seimeira, e logo seguir o costento camiño que, despois duns 400 metros de percorrido, nos leva ata o cume. O  carballo é a árbore dominante. O Concello ten habilitada unha ruta de sendeirismo.

 

CASTRO DO CHAO DO MUÍÑO
Situado nun pequeno meandro do regueiro de Riamonte, na cabeceira do río Cancelada, na parroquia de Vilarello. Presenta un único recinto de forma ovalada, resultado dos traballos mineiros que orixinaron un foxo de considerables dimensións e que separa o asentamento da ladeira. Polo leste ten un terraplén. Romanizado. Obsérvanse intervencións furtivas. 

Mámoas, petroglifos e castros do concello de Cervantes
Colectivo Patrimonio dos Ancares