* Foi Doncos (As Nogais) o Desoncos dos zoelas?

A tabula dos zoelas é un Pacto de Hospitalidade, dividido en dúas partes, acordado entre os Desonci/Desoncos e os Tridiavi/Tridiavos, dúas gentilitas do pobo dos Zoelae/Zoelas, pobo prerromano famoso polo seu traballo do liño, que di:

"Sendo cónsules Marco Licinio Craso e Lucio Calpurnio Pisón (27 d.C.), o 4 das calendas de maio, a gentilitas dos Desoncos, da gens dos Zoelas, e a gentilitas dos Tridiavos, da mesma gens dos Zoelas, renovaron o seu antigo e vetusto pacto de hospitalidade e todos eles, os uns aos outros, recibíronse na súa fe e clientela e na dos seus fillos e descendentes. Actuaron: Arausa, fillo de Blaceno; Turanio, fillo de Clouto; Dacio, fillo de Elaeso; Magilo, fillo de Clouto; Bodecio, fillo de Burralo; Elaeso, fillo de Clutano, por medio de Avieno, fillo de Pontilo, maxistrado dos Zoelas, feito en Curunda".

"O 5 dos idus de xullo do ano en que foron cónsules Blabrión e Hómulo (152 d.C.) a mesma gentilitas dos Desoncos e a gentilitas dos Tridiavos recibiron na mesma clientela e na mesma alianza a Sempronio Perpetuo Orniaco, da gens dos Avolgigoros, a Antonio Arquio da gens dos Visáligos, a Flavio Frontón Zoelas, da gens dos Cabruagénigos. Actuaron: Lucio Domicio Silo e Lucio Flavio Severo, en Asturica".

   
Como se pode apreciar, o texto fala da renovación duns pactos, dentro dun pacto anterior (de data non precisada), entre gentilitas da mesma gens, incluíndo, na súa segunda parte, a individuos doutras gens diferentes pero do mesmo pobo; un feito en Curunda, localidade que podería ser a citada nunha inscrición atopada no castro preto de Rabanales de Alcañices (Zamora), e outro en Asturica (Astorga), lugar onde se atopou a tabula.

Este texto xurídico está inserido nunha prancha de bronce de 32 x 24 cm, coroada por un frontón triangular en cuxo interior aparece a data consular.  O orixinal atópase no Staaliche Museem de Berlín e unha copia no Museo Romano de Astorga.

O motivo de traer aquí este hospitium é porque hai quen, sen base algunha, sitúa a gentilitas dos Desoncos en Doncos ou en Duancos. García de la Riega, en Galicia Antigua. Discusiones acerca de su geografía y de su historia (1904), di que, aínda que a maior parte dos escritores identifican aos Desoncos co Doncos das Nogais, trátase dun erro debido á analoxía de ambas as dúas voces, pois os Desoncos pertencían á xente dos zoelas, mentres que Doncos era localidade dos Seurros. Pero este mesmo autor, tamén de forma errada, lévaos para Duancos, parroquia do concello de Castro de Rei.

Schulten, Bosch Gimpera, López Cuevillas, Hübner e Monteagudo, entre outros, sitúan aos zoelas cara Bragança, en Portugal (son mencionados en altares do castro de Avelães), tese da que participan as últimas investigacións que amplían a área cara o leste, ata a Terra de Aliste, na provincia de Zamora, e Miranda do Douro. A súa capital, Curunda, estaría entre Bragança e a provincia de Zamora.

Tamén, sen fundamento algún, hai quen sitúa en Ouselle (Becerreá) o pobo dos zoelas (ver:  O mito zoela de Ouselle).