GLOSARIO DE TERMOS


Acubillo: En arqueoloxía, conxunto de pezas agachadas nun determinado lugar.

Anel peristalítico: Anel feito con pedras que delimita a masa da mámoa.

Anepígrafo: Dise dunha moeda, miliario, ara, etc. que non ten inscrición ou texto.

Anta: Construción megalítica de carácter funerario formada por varios ortostatos verticais cubertos por un ou varios horizontais a xeito de tampa.

Antecastro: Área fortificada engadida ao castro. Se non dispón de restos de construccións estaría destinado a gardar o gando ou para aproveitamento agrícola dentro do recinto.

Antracoloxía: Disciplina que estuda os restos de madeiras e plantas, por veces carbonizados, que apareden nos depósitos arqueolóxicos e que permite conseguir a súa identificación.

Antrópico: Relativo ao que resulta alterado ou modificado pola actividade humana.

Antropomorfo: Con forma humana e que se aplica á escultura, motivos decorativos, etc.

Ara: Pedra consagrada á divindade.

Arqueoloxía: Ciencia que estuda a Antigüidade a través dos restos materiais deixados polo home, aplicable tamén a outras épocas.

Arqueozooloxía: Disciplina que estuda os restos da fauna aparecida nos depósitos arqueolóxicos.

Arracada: Peza da ourivería para adorno das orellas.

Arte rupestre: Arte en que os motivos foron gravados ou pintados en superficie rochosa, xeralmente ao aire libre.

Artefacto: En Arqueoloxía, obxecto que foi utilizado, realizado ou modificado polo home (armas, adornos, etc.).

Basa: Parte inferior da columna, sobre a que descansa o fuste.

Biface: Peza lítica tallada polas dúas caras para lograr un fío cortante.

Caetra: Escudo redondo característico da Cultura Castrexa. Por extensión, denomínase á moeda de bronce que leva representado no seu reverso este escudo.

Calcolítico: Do grego calcos, cobre, e lithos, pedra. Período da Prehistoria na que se inicia a metalurxia, sendo o cobre o primeiro material traballado. En Galiza xurde arredor do 2300 a.C.

Campamento romano: Instalación que albergaba ás forzas do exército e cuxa disposición influíu enormemente nas concepcións urbanísticas posteriores. Nos primeiros momentos da invasión non eran permanentes. Co paso do tempo sitúanse en lugares ben comunicados, ás beiras das vías principais, e dótanse dunha serie de estruturas defensivas e habitacionais de carácter permanente.

Campanense: Denominación que se dá a un tipo de cerámica pola súa forma de campá invertida e decorada con bandas. Aparece ao final do Megalitismo.


Capitel: Elemento colocado sobre o fuste da columna que sostén directamente a arquitrabe, arco, etc.

Carpoloxía: Disciplina que estuda os restos de sementes e froitos que aparecen nos depósitos arqueolóxicos e que permite conseguir a súa identificación.

Castro: Asentamento ou recinto xeralmente fortificado, situado a maioría das veces no cumio dos outeiros pero tamén presentes en esporóns costeiros, ladeiras de montañas, illas e chairas.

Ceca: Centro no que se cuña e emite moeda.

Celtas: Grupo de pobos centroeuropeos que chegaron á Península Ibérica entre os séculos VIII e VI a.C. Para os románticos galegos do século XIX marcou as orixes da etnia galega.

Cerámica: Obxecto fabricado con arxila húmida que se endurece por cocción ou secado.

Círculo lítico: Construción megalítica formada pola disposición, en círculo, de pedrafitas. Cromlech.

Cista: Estrutura funeraria individual de forma cadrada ou rectangular, xeralmente megalítica, que en Galiza se asocia á Idade do Bronce.

Coiraza pétrea: Revestimento de pedras que protexen ás mámoas parcialmente ou na súa totalidade, tanto para protexela da erosión como de facela visible na paisaxe.

Colmo: Teito formado por vexetais entretecidos co que cubrían as vivendas castrexas.

Columna: Soporte vertical que serve para soster cubertas ou outras partes dunha construción.

Conquista romana: Xa dende a primeira expedición de Décimo Xullo Bruto no 137 a.C., o interese dos romanos por Galiza non só era militar, senón, sobre todo, económico tal como o demostran expedicións posteriores. No ano 96 a.C., Publio Craso busca as Illas Cassitérides, famosas polas súas minas de estaño; Xullo César chega ao golfo Ártabro (rías de Betanzos, A Coruña e Ferrol) no 61 a.C. na procura de botín e comprobar, in situ, as riquezas mineiras, ademais de deixar aberta unha ruta comercial por mar. Expedicións que non se interromperon (Perpena no 74 a.C., Fabio Máximo no 47 a.C.) ata a conquista definitiva da Gallaecia durante as chamadas Guerras Cantábras (episodio do Medulio incluído) que obrigaría ao propio Augusto a intervir persoalmente rematando definitivamente coa derradeira resistencia peninsular (ano 16 a.C.).

Contexto arqueolóxico: Alusión a todo o que arrodea un achado arqueolóxico.

Conventus iuridicus: Denominación que Roma daba ás subdivisións administrativas das provincias. Na Gallaecia hou tres que tiñan por capitais a Lucus Augusti (Lugo), Asturica Augusta (Astorga) e Bracara Augusta (Braga).

Corredor: Paso que emboca na anta.

Coviña: Pequena concavidade de forma semicircular moi abundante na arte rupestre ao aire libre (petroglifos).

Croa: É a parte máis elevada do castro, xeralmente amurallada.

Cronocultural: Referencia á unión do tempo e a cultura.

Cronoloxía: Ciencia que fixa a orde e a data en que sucedeu un feito. en Arqueoloxía trabállase habitualmente con dúas dimensións: Cronoloxía absoluta e Cronoloxía relativa. Para datar os achados arqueolóxicos existen varios medios que permiten establecer unha cronoloxía máis ou menos exacta.

Cultura Castrexa: Baixo esta denominación englobaríanse todas as formas culturais que se desenvolveron nos castros dunha área xeográfica determinada que comprende o Noroeste peninsular. Con distintas matizacións, a Cultura Castrexa abrangue dende o século VI a.C. ata finais do século I d.C., coincidente maiormente coa Idade do Ferro.
Cultura material: Alusión a todos os obxectos que fan posible a vida humna nunha contorna determinada.
Cuncheiro: Vertedoiro composto pola presenza de cunchas e espiñas de peixes.
Datación: Método para atribuír unha data a un obxecto ou período. Para datar os achados arqueolóxicos existen varios métodos.
Denario: Moeda de prata que estivo en circulación no final da Idade do Ferro e que continuou en circulación en cuñaxes de época romana.
Dendocronoloxía: Método de datación absoluta de materiais para a obtención de datas que se aplica sobre restos dos troncos de madeira, baseado nos aneis de crecemento das árbores que presentan distintos grosores por mor das variacións climáticas de cada ano.
Diadema: En arqueoloxía, adorno masculino ou feminino consistente nunha cinta metálica decorada.

Enxoval funerario: Conxunto de elementos, tanto de tipo utilitario coma votivo, que acompaña ao defunto. En Galiza son particularmente importantes e numerosos os enxovais megalíticos.

Epigrafía: Ciencia que estuda as inscricións, clases, variedades, etc. no aspecto xurídico, votivo, funerario...

Epipaleolítico: Período intermedio entre o Paleolítico e o Neolítico.

Escavación arqueolóxica: Método consistente en desenterrar os obxectos realizados polo home en épocas pasadas.

Estela: Pequeno monumento, xeralmente monolítico, erixido en conmemoración ou lembranza dalgún acontecemento.


Esteo: Pé ou soporte vertical ou oblicuo, de pedra ou madeira, que se coloca para estear. Ortostato.

Estratigrafía: Estudo da secuencia dos estratos nun xacemento arqueolóxico que permite a asignación dunha cronoloxía relativa aos diferentes restos materiais de cada un dos estratos.

Etnoarqueoloxía: Disciplina desenvolvida dende a Arqueoloxía para a información de sociedades actuais que se aproveita para a interpretación arqueolóxica das sociedades do pasado e que comparte métodos da antropoloxía.

Exvoto: Ofrenda á divindade en cumprimento dunha promesa.

Falcata: Arma en forma de espada curta de folla curvada e ancha empregada polos guerreiros galaicos e lusitanos.

Fibela: Peza de metal de forma circular que se empregaba para axustar cintos ou correas que pasaban a través da peza. En Galiza salientan as de época castrexa.

Fíbula: Broche a modo de imperdible utilizado para suxeitar a roupa.

Folclore: Conxunto de tradicións, lendas e crenzas populares expresados en proverbios, contos, etc.

Fósil: Substancia ou materia orgánica en orixe que logo quedou petrificada e incluída nas capas da cortiza terrestre.

Foxo: Escavación profunda realizada para a defensa dos castros.

Fuste: Parte principal dunha columna, entre a base e o capitel.

Galaicos: Termo aplicable aos pobos que habitaban o Noroeste peninsular que abranguían a Galiza actual, norte de Portugal e o occidente de Asturias e León.

Galaico-romano: Aplícase a todo o relacionado coa cultura de época romana no Noroeste.

Gallaecia: Nome que Roma lle deu ao Noroeste peninsular, do que deriva Galiza.

Gentilitas: Grupo formado por un conxunto de familias unidas por un lazo de parentesco, caracterizadas por ter o mesmo culto relixioso e o mesmo dereito. Integrábanse dentro dun grupo de parentesco máis amplo, a gens ou tribo, que descendían dun antepasado común.

Idade do Bronce: Período da Prehistoria que vai dende o 1800 ata o 600 a.C., caracterizado por importantes cambios sociais, económicos e políticos e a aparición da metalurxia coa fabricación de armas e xoias de cobre e ouro. Apoxeo dos petroglifos. Sociedade precursora da Cultura Castrexa.

Idade do Ferro: Período protohistórico caracterizado pola aparición da metalurxia do ferro, e que en Galiza se data entre os séculos VI a.C. e o século I d.C.

Ídolo: Así se coñece ás pequenas figuras, lixeiramente antropomorfas, aparecidas nalgunhas mámoas. Os de forma troncocónica e aspecto de canto rodado reciben o nome de betilos.

Incineración: Rito funerario no que se queima total ou parcialmente o cadáver, depositando as cinsas en urnas cerámicas que logo se enterran ou depositan en calquera outro lugar (ríos, ao aire, etc.).

Inhumación: Ritual funerario que consiste en depositar os cadáveres baixo terra.

Inscultura: Gravura rupestre realizado cunha técnica de piqueteado continuo, que proporciona incisións anchas e profundas.

Lares: Divindades menores da relixión romana que adoptan diferentes variantes e que na Gallaecia aparecen representados na epigrafía, sobre todo na formar dos lares viais ou deuses dos camiños.

Lasca: Anaco desprendido dun núcleo que moitas veces se retocaba para ser utilizado como útil.

Lenda: Inscrición. Tamén narrativa escrita ou oral de sucesos fantásticos, imaxinarios ou históricos elaborados ao longo do tempo.

Lítico: Do grego lithos, pedra. Referido á pedra.

Machado: Ferramenta de pedra ou de metal enmangada para cortar ou fender.

Madalenense: Período do Paleolítico Superior, ao que lle dá nome o xacemento francés de La Madeleine.

Mámoa: Túmulo artificial feito de terra ou de terra e pequenas pedras, case sempre de forma próxima á semiesfera, que sinala e garda o lugar dun ou varios enterramentos. No seu interior pódense atopar estruturas pétreas (antas).

Mansio: Mansio viarum, construción situada a intervalos regulares nas vías ou calzadas. Utilizábase como lugar de descanso, relevo de cabalos, correos, etc. Marcaba o final dunha etapa.

Megalítico: Do grego megas, grande, e lithos, pedra. Etapa prehistórica caracterizada pola construción con grandes pedras destinadas, fundamentalmente, a usos funerarios que implica unha primeira monumentalización da paisaxe.

Metodoloxía: Método empregado pola Arqueoloxía como disciplina da Historia.

Microcarbóns: Partículas de carbón vexetal presentes no substrato arqueolóxico que son arrastradas en suspensión no aire quente e que se depositan de novo ao arrefriarse este.

Microlito: Peza de recorte xeométrico de pequenas dimensións.

Miliario: Fito das calzadas romanas, de gran tamaño, que marcaba as distancias, en millas (millia passum) ao punto de orixe ou destino. O miliario cumpre unha dobre condición de monumento e documento.

Milla: Medida itineraria romana que equivale aos 1.500 metros, aínda que en medicións realizadas en vías romanas de Galiza os seus valores son superiores. Di o profesor Rodríguez Colmenero que non existe consenso canto ao valor métrico da milla romana. Están os que defenden un valor constante para a milla utilizada en todas as vías da Península, coincidente coa de oito estadios (1.481 metros); os que lle dan valores distintos para vías diferentes, mais de lonxitude invariable ao longo de cada unha delas; e os que non só sosteñen esta última posibilidade senón, incluso, lonxitudes miliarias diversas dentro da mesma ruta.

Mineiría: Explotación das minas, principalmente de ouro en época romana. Mais na Gallaecia prerromana destaca a minería do ouro que permite a esistencia dunha rica ourivería castrexa.

Moeda: Peza metálica, xeralmente de forma circular, usada en transacións comerciais.

Mouros/as: Personaxes lendarios que vivían nas covas, mámoas e castros e que nada teñen que ver cos moros que invadiron a Península Ibérica no século VIII.

Muíño: En Arqueoloxía hai varias clases de muíños. O naviforme, tamén coñecido como barquiforme, está formado por unha base de pedra alisado na súa parte superior e o pisón, peza de pedra arredondada pola parte superior e lisa, plana, pola inferior que actúa por frición sobre a base; son característicos do mundo galaica prerromano. O muíño circular de dúas pezas funciona mediante o xiro e frición circular da parte superior sobre a inferior; aínda que xa eran coñecidos con anterioridade, na Gallaecia o seu uso espallouse despois da conquista romana.

Muralla: Elemento defensivo dun poboado feito de pedra, terra ou ambas as dúas.

Musteriense: Período do Paleolítico Medio, chamado deste xeito polo xacemento francés de Moustier. Tamén, técnica paleolítica de talla da pedra.

Naviforme: En arqueoloxía aplícase aos muíños manuais de pedra planos.

Necrópole: Lugar de enterramento de carácter colectivo. En Galiza sobresaen as mámoas e antas megalíticas.

Neolítico: De neos, novo, e lithos, pedra. Período da Prehistoria caracterizado pola existencia da agricultura, da sedentarización e xerarquización da sociedade. En Galiza aseméllase ao Megalitismo.

Numismática: Ciencia que estuda as moedas (nummus).

Oppida: Poboado fortificado de época prerromana ou romana. Na Cultura Castrexa aplícase a grandes poboados cun certo urbanismo.

Ortostato: Cada unha das pedras fincadas verticalmente no chan, empregadas na construción da cámara megalítica.

Ourivería: Arte ou técnica de facer obxectos artísticos con metais preciosos. En Galiza está moi ben representada, tanto na Idade do Bronce como na Cultura Castrexa.

Pacto de Hospitalidade: Ou hospitium. Era un acordo mediante o cal unha comunidade consideraba aos membros doutra como se pertenceses a ela mesma.

Paleoambiente: Significa medioambiente antigo.

Paleobotánica: Significa botánica antiga, referido ao estudo das plantas na antigüidade.

Paleoclima: Signifca clima antigo.

Paleolítico: De paleo, vello, e lithos, pedra. Período da Prehistoria que comprende dende a aparición dos primeiros homes ata o Neolítico e que se caracteriza pola fabricación de útiles de pedra tallada: croios, sílex, granito, xisto, etc.

Palinoloxía: Disciplina que estuda os restos de pole que aparecen nos depósitos arqueolóxicos e que permite conseguir a súa identificación.

Parapeito: Cavorco ou muro que serve de defensa e protección dos castros.

Pedrafita: Elemento de carácter megalítico formado por unha pedra monolítica chantada verticalmente no chan. Correspóndese co termo bretón menhir.

Petroglifo: Incisión na pedra. Nome polo que se coñecen as gravuras rupestres ao aire libre.

Prehistoria: Aplícase ás etapas coñecidas fundamentalmente pola Arqueoloxía, é dicir, estuda o período da actividade humana anterior polos restos materiais con ausencia doutras fontes.

Planta: Debuxo arquitectónico dunha obra representada en sección horizontal.

Prospección arqueolóxica: Traballo arqueolóxico destinado a recoñecer ou identificar os xacementos que conleva unha serie de medios e técnicas que facilitan a prospección arqueolóxica.

Protohistoria: Ciencia que ten por obxecto o estudo do período intermedio entre a Prehistoria e a Historia. Adoita aplicarse sobre todo á Idade do Bronce e parte da Idade do Ferro.

Raedeira: Útil paleolítico feito dunha lasca cun gume tallado ao longo de dous bordos utilizado para raer, rapar ou rascar.
Rexistro arqueolóxico: Relativo aos depósitos arqueolóxicos como conxunto, o que aparece nos depósitos arqueolóxicos.
Romanización: Proceso de asimilación ás estruturas políticas, sociais, económicas e culturais do Imperio Romano por parte dos pobos indíxenas conquistados. No Noroeste recibe o nome de Cultura Galaico-Romana.

Ruina montium: Termo empregado por Plinio para describir o proceso da meneiría do ouro na Gallaecia romana que consistía en escavar cámaras soterradas que logo eran destruídas provocando a "caída dos montes" (emprego de auga a presión ou lume).

Rupestre: Feito na pedra ou sobre ela. Aplícase especialmente a pinturas e gravuras prehistóricas. En Galiza este tipo de arte está representado nas cámaras dalgunhas antas e nos petroglifos.

Sílex: Variedade do seixo que permite facer lascas cortantes. Útil prehistórico.

Tardorromano: Período do Imperio Romano que vai aproximadamente do século III d.C. ao V d.C.

Tegula: Na arqueoloxía romana, tella realizada con barro cocido usada para cubrir os tellados.

Terra Sigilata: Tipo de cerámica fina de orixe romana que pode presentar fermosos elementos decorativos. O nome provén de sigillum (selo) que lle poñía o fabricante.

Tessera Hospitalis: Documento dun pacto de hospitalidade escrito nunha placa.

Tegula: Na arqueoloxía romana, tella realizada con barro cocido usada para cubrir os tellados.

Terra Sigillata: Tipo de cerámica fina de orixe romana que pode presentar fermosos elementos decorativos. O nome provén do sigillum (selo) que lle poñía o fabricante.

Tipoloxía: Técnica que ten por obxecto a clasificación de artefactos.

Torque: Colar ríxido semicircular de metal de diversos tipos técnicos e decorativos, que remata de varias formas nos seus extremos. É unha das pezas máis características da Cultura Castrexa.

Tríscele: Roda ou círculo de tres rarios ondulados ou en forma de S xirando á dereita ou á esquerda. Simbolo solar.

Túmulo: Mámoa.

Vasilla: Recipiente, xeralmente de cerámica, utilizado, principalmente, para conter alimentos.

Vía: Calzada construída con lousas graníticas irregulares asentadas sobre pedras máis miúdas e terra. Ademais da construción de vías de novo trazado, os romanos aproveitaron os camiños e pasos utilizados polos primeiros poboadores, reformando os seus trazados e adaptando estas ás súas necesidades e intereses. Ademais de manter a función estratéxico-militar, aseguraban a dominación administrativa e a explotación dos recursos de Galiza.

Vila/Villa: Tipo de asentamento máis característico da época romana. Son grandes mansións configuradas como centros de explotación agropecuaria (villae rusticae) ou como vilas de recreo.

Xacemento arqueolóxico: Lugar onde se documentan pegadas significativas da acción humana no pasado.

Zoomorfo: En forma de animal, aplicado xeralmente á escultura.