* I xornadas de Arqueoloxía e Historia de Ancares

Os días 4 e 5 de maio de 2019, terán lugar as “I xornadas de Arqueoloxía e Historia de Ancares”, organizadas polos Concellos de Balboa e Vega de Valcarce (O Bierzo-León), o Concello de Cervantes (Lugo), a Anpa do CPI de Cervantes e o Colectivo Patrimonio dos Ancares. Colaboran a Deputación Provincial de Lugo, a Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e o IES de Becerreá. 

 

Estas primeiras xornadas versarán sobre “A vía romana XIX e a Época Romana de Ancares”. Celebraranse en dous escenarios. 

O sábado día 4 será na Casa da Cultura de San Román de Cervantes. Pola mañá, despois da presentación das xornadas a cargo de Xabier Moure, do Colectivo Patrimonio dos Ancares, e un representante da Deputación Provincial de Lugo, o profesor D. Antonio Rodríguez Colmenero, unha das maiores autoridades na Época Romana en Galicia, dará unha charla baixo o título “Estado da rede viaria romana no noroeste peninsular: estado da cuestión”. A continuación, alumnos do IES de Becerreá presentarán unha exposición do proxecto “Vía romana XIX”. Acto seguido, o arqueólogo da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, D. Rubén D. Álvarez Asorey, falará sobre as “Características e traza da vía romana XIX do Itinerario de Antonino”. 

Despois de xantar en San Román de Cervantes, os asistentes partirán para o castro de Santa María, onde o arqueólogo e director de Terra Arqueos, D. Luis F. López González falará das “Campañas arqueolóxicas no castro mineiro de Santa María de Cervantes”. Ao remate da charla haberá unha visita guiada ao asentamento. 

 

O domingo día 5, a xornada comezará cunha andaina por uns tramos espectaculares da Vía romana XIX, guiada por Rodríguez Colmenero e Álvarez Asorey, entre San Miguel de Cervantes (Lugo) e A Braña (Vega de Valcarce-O Bierzo). Rematada a camiñada, os asistentes dirixiranse ata Balboa (O Bierzo). Xantarase en Balboa. 

Pola tarde, en La Casa de las Gentes de Balboa, o arqueólogo da Junta de Castilla y León, D. Julio Vidal, falará dos “Campamentos temporais de época romana”. A continuación, o arqueólogo do Instituto Leonés de Cultura, D. Jesús Celis, dará unha charla sobre os “Castros do Bierzo”. Ás sete da tarde clausuraranse as xornadas. 

As xornadas están abertas a todas as persoas interesadas. Para reservar para comer, pódese facer chamando ao teléfono 659552814, ou por correo electrónico a arqueoancares@gmail.com. O último día para apuntarse ás comidas remata o 28 de abril 

Estas xornadas teñen a particularidade de contar coa participación dos tres concellos que forman a comarca natural dos Ancares, dous do Bierzo (León), e outro da parte galega. En Galicia, o único tramo da Vía Romana XIX catalogado pola Xunta de Galicia ata Lugo atópase no Comeal (Cervantes). Na parte do Bierzo, en A Braña (Vega de Valcarce), se ben xa se documentara unha potente caixa da vía, uns lumes acontecidos o pasado ano sacaron á luz un impresionante tramo (agger) de varios centos de metros practicamente inalterado ao longo de 2.000 anos. Ademais, nas inmediacións apareceu gran cantidade de tégula romana o que fai pensar que podemos estar ante unha mutatio (establecemento nas vías romanas para descansar, cambiar os cabalos, etc.).

 

A Vía Romana XIX unía as capitais dos conventos xurídicos de Asturica Augusta (Astorga) e Lucus Augusti (Lugo), é a máis antiga das tres vías principais que artellaban Galicia (xunto coa XVIII e XX), inaugurada no ano 11 despois de Cristo, que ademais das dúas capitais citadas comunicaban tamén coa do convento xurídico de Bracara Augusta (Braga). 

 

Nesta zona dos Ancares, nas proximidades da Vía XIX documéntanse máis de 50 explotacións mineiras, varios castros romanizados, e dous espectaculares campamentos temporais do exército romano: o da Serra da Casiña, en Balboa, e o da Cortiña dos Mouros, entre Balboa e Cervantes. 

Na última reunión celebrada entre os Concellos de Cervantes, Balboa e Vega de Valcarce, a Anpa do CPI de Cervantes, e o Colectivo Patrimonio dos Ancares, acordouse poñer en valor e potenciar esta fundamental vía de comunicación e convertela nun atractivo arqueolóxico de primeira orde, ademais doutros bens patrimoniais que se atopan ao longo do seu percorrido.