LIMIAR

Ata non hai moitos anos, o estudo do patrimonio monumental da que hoxe en día coñecemos como Comarca dos Ancares (concellos de Baralla, Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro) limitábase, mal que ben, ás construcións erixidas dende a Idade Media (pontes, igrexas, mosteiros, castelos, pazos). En troques, atopar algunha referencia a manifestacións culturais anteriores convertíase, agás casos puntuais, nun acto de fe. A pegada humana dende o Paleolítico ata a romanización semellaba, senón inexistente, caseque testemuñal. Feito, polo demais, non exclusivo desta comarca, senón tamén das serras galegas orientais: dende as serras de Queixa e do Eixe, na provincia de Ourense, ata as luguesas do Courel, Ancares, Louxas e Corno do Cervo.

Para atopar as primeiras noticias sobre o Megalitismo no oriente da provincia de Lugo temos que remontarnos a López Cuevillas que, citando a Vázquez Seijas, fai unha referencia á mámoa da Casía da Arquela, en A Fonsagrada. Haberá que esperar ao traballo publicado por Enrique López Fernández no Boletín do Museo provincial de Lugo no ano 1992, e que xa presentara nunha homenaxe a Cuevillas en Ourense no ano 1986,  baixo o título Megalitos y mámoas en el ayuntamiento de Fonsagrada, cando saian á luz preto de 150 enterramentos que o autor distribúe en varias áreas, onde fala da mámoa da Anta de Ferreirúas, no municipio ancarés de Navia de Suarna. No inventario de bens patrimoniais publicados pola Xunta de Galicia en xullo do ano 1991, na comarca só se fai alusión a dúas necrópoles. Cifra, como se pode comprobar neste blogue, moi alonxada da realidade.


Canto aos castros, se ben é certo que o seu reparto espacial en Galiza non é igualitario, as estimacións que hai algúns anos se facían para as montañas orientais quedan moi lonxe da distribución real. O xeógrafo Abel Bouhier na súa obra Galice: Essai geographique d´analyse et d´interpretation d´un vieux complexe agraire (Galiza: Ensaio xeográfico de análise e interpretación dun vello complexo agrario), publicada no ano 1979, sinalaba nos seis concellos da Comarca dos Ancares sete castros, incluídos os dubidosos. E no inventario de bens patrimoniais publicados pola Xunta de Galicia en xullo do ano 1991, nomea corenta e tres. Neste blogue inclúo preto de cento corenta.

A comarca actual dos Ancares estaría habitada polos Seurros Transminienses (para uns unha subdivisión interna dos Seurros, e para outros un pobo distinto), cos núcleos urbanos de Aquae Quintiae (Baños de Guntín) e Timalinus, no concello de Baralla, e polos Susarros que ocuparían as montañas do Courel e do Cebreiro, con capital no Castellum Alobrigiaeco (tabulae do Courel, atopada na Torre da Cabreira). Polo norte terían como veciños aos Egovarros Namarinos que habitarían no Val do Masma e na Serra de Meira, polo sur aos Lemavos cuxa capital, Dactonium, se erguería en Chantada, San Pedro do Incio, San Vicente de Castillón ou no monte de San Vicente do Pino, en Monforte, e polo oeste os Cóporos aos que Ptolomeo lles asigna as localidades de Iria Flavia e Lucus Augusti, que abranguerían, polo tanto, un amplo territorio dende a costa atlántica ata a cidade de Lugo. Os Seurri son mencionados por Ptolomeo, e na forma Seurbi por Plinio, e así constan nas testemuñas epigráficas: Reburrus Ari Seurus (castello) Narelia (Hübner, 1869), Tridiae Modesti f(iliae) Seurr(a)e Transm(iniensi) exs (castello) Serante (Année Epigraphique), Q(uintus) Varius Reburri f(ilius) Maternus Seurrus Transmini(ensis) (Arias Vilas, Le Roux e Tranoy, 1979), Flaci interciso Seuroru(um) [?]itc Susicus (Arias Vilas, Le Roux e Tranoy, 1979). 

Segundo E. R. Luján, no seu Pueblos celtas y no celtas de la Galicia Antigua: Fuentes literarias frente a fuentes epigráficas, a etimoloxía do etnónimo Seurri é escura, mais presenta un sufixo -u(r)rus que se atopa nun conxunto de etnónimos da Galicia occidental e Asturias; di que non semella que poida tratarse dunha formación celta.

Canto os Susarros aparecen citados en varios epígrafes, ao que hai que sumar, segundo Correa (2002), a lenda Susarros/Susarres que se atopa en moedas visigodas coa lenda Arros/Arres. [...] castellanos Paemeiobrigenses ex gente susarrorum [...] castellanis Paemeiobrigensibus ex gente Susarrorum [...] (Anné Epigraphique), Tillegus Ambati f(ilius) Susarrus (castello) Aiobrigiaeco e Clotus Clutami f(ilius)... Susarru(s) domo Curunniace (Hübner, 1869). O Citado E. R. Luján di que non resulta posible establecer a etimoloxía do etnónimo, aínda que semella de raigame celta. 

Sobre varios castros da comarca erguéronse igrexas e ermidas, feito que non é casual. Na Idade Media moitos asentamentos foron cristianizados porque neles seguían a practicarse rituais relixiosos de índole pagana. San Martiño de Dumio, no seu De Correctione Rusticorum, recomendaba: "que se derruben o menor número posible de lugares paganos, que sobre eles se poñan reliquias para que se cambie o seu obxectivo". No ano 1226, o papa Clemente IV di que se prohiba celebrar misa "en castro que estea edificado".

E un apuntamento. Na entrada á aldea de O Piornedo (Cervantes) hai un cartaz que reza: "Aldea prerromana", reclamo máis turístico ca real que adoece de fundamento. Os que ven nas pallozas as herdeiras directas das vivendas castrexas reducen a súa teoría ao uso da planta curva, cando en realidade tanto na morfoloxía como na organización do espazo teñen moi pouco en común.

Ademais dos enterramentos megalíticos e dos castros adícolle unhas entradas ao Paleolítico, aos petroglifos e á Romanización. Ao Paleolítico pola importancia que están a ter as investigacións levadas a cabo nos últimos anos (principalmente en Valdavara, Becerreá, e no Purruñal, en Pedrafita do Cebreiro), á arte rupestre ao aire libre polas penas con gravuras, inéditas, que estamos a documentar nunha comarca que criamos erma neste tipo de representacións, e á Romanización pola transcendencia que tivo a dominación romana, cuxa influencia nos planos económico, social, cultural e relixioso foi determinante no devir histórico de Galiza.
 O motivo que me levou a acometer este traballo, que paseniñamente irei actualizando e completando coa situación, descrición, fotos, etc., é, ademais de facer un inventario/catálogo dos xacementos (ata o de agora inexistente), o de achegar ao público o enorme potencial do descoñecido e abandonado patrimonio arqueolóxico da Comarca dos Ancares e, a un tempo, o de tentar concienciar ás autoridades de que investir no noso patrimonio natural, etnográfico, artístico, arqueolóxico... pode contribuír a frear a imparable decadencia duns concellos condenados ao esquecemento. 
Non quero rematar esta presentación sen agradecerlle aos veciños e ás veciñas a inestimable e desinteresada axuda que me están a prestar, informándome da situación de moitos xacementos e achegándome historias, lendas e tradicións, a maioría non recollidas, que ao longo dos séculos se teceron ao seu redor.
Colectivo Patrimonio dos Ancares