* Máis petroglifos en Cervantes

O día 22 de maio de 2017, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares localizamos unha nova estación con petroglifos no concello de Cervantes. Foi na parroquia do Pando, no monte de Grandas Longas situado a 1.364 metros de altitude, entre os ríos de Poso e Xunquiñas. Documentamos dúas rochas cunha cazoleta cada unha, unha con dúas cazoletas, e unha terceira con oito cazoletas. Esta última ten a particularidade de que dalgunhas coviñas parte unha canle, e dúas cazoletas comunícanse entre si. As súas medidas oscilan entre os 5 e 10 centímetros de diámetro e unha profundidade de entre 2 e 4 centímetros.

 

Este novo grupo de petroglifos atópase entre os do Teso de Acevedo e o Penedo Grande, localizados polo noso colectivo nos anos 2014 e 2016 respectivamente. Con esta nova estación son xa 16 as descubertas no concello de Cervantes.

 

Os achados foron comunicados ao Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo para que proceda á súa catalogación.