MÁMOAS, PETROGLIFOS E CASTROS DO CONCELLO DAS NOGAIS

MÁMOAS E ANTAS 

DOLME DO PENEDO
Nas inmediación da Casa de Chancia, parroquia de Nullán.
Situado no lugar coñecido como Campo do Penedo. O amigo Luis López Pombo cre que pode tratarse dun enterramento megalítico tipo arca. Vense dúas grandes laxes de pedra calcaria, moi inclinadas, que suxeitan unha enorme pedra de forma irregular que actuaría como tampa cobertoira.
O día 22 de marzo de 2015 achegámonos ata o sitio. Segundo o noso criterio cremos que non se trata dun enterramento. A estrutura formou parte dun afloramento calcario que se utilizou como canteira para construír a casa, muros de fincas, etc. As pedras laterais e a que apoia sobre elas son de forma totalmente irregular, sen traballar, carecendo da pedra posterior típica das cistas da Idade do Bronce e que lle daría a forma de caixa cadrada ou rectangular. 
Luis contoume que non moi lonxe está o lugar coñecido como A Medorra, se ben non atopamos vestixios de ningún túmulo.
 

MEDORRA DE CERREDO
Na serra de Vilavexe, entre as aldeas de Vilavexe e a de Lama da Vila, atópase o lugar coñecido como Medorra de Cerredo, unha penichaira que dende tempo inmemorial foi utilizada para pradarías para o gando. As únicas referencias sobre un posible enterramento megalítico veñen da tradición oral, dise que ao arar a terra apareceran unhas grandes laxes das que non coñecemos restos. A pesares de levar peiteado gran parte do monte, polo de agora non atopamos restos da posible medorra. Non moi lonxe, xa en terreos pertencente a Lama da Vila tamén saíron á luz algunhas lápidas, posiblemente medievais e das que tampouco quedan pegadas. 
No monte citado máis arriba está o lugar coñecido como Cruz de Cerredo, onde ata non hai moitos anos había unha cruz de madeira, hoxe en día desaparecida. Contáronme que cando morría alguén de Vilavexe, o defunto era transportado coa cara mirando á aldea, e ao chegar á cruz dábanlle a volta ao cadaleito para que mirara cara a igrexa parroquial de Santo André. Tamén se conta que por aquí transita a Santa Compaña.

MONTE DA MEDORRA
Na aldea de Sinllán. Parroquia de Nullán. A 942 metros de altitude sobre o nivel do mar.   
A pesares do suxestivo cualificativo do monte e onde se ergue o castro do mesmo nome, non atopei, polo de agora, vestixios de ningún enterrramento. A única referencia proporcionouma un veciño que tiña escoitado aos seus antergos que no lugar había "unha tumba moi antiga" que foi destruída polos labores agrícolas.
Nas proximidades da aldea de Vilavexe atópase o castro das Medorras de Cerredo, topónimo que, como no caso anterior, poder facer alusión a un enterramento megalítico.

PEDRAFITAS 

MARCO DA CASA DE CHANCIA
Preto da Casa de Chancia, na parroquia de Nullán. Aínda que non se trata dun fito prehistórico, senón medieval, tráigoo aquí pola curiosidade da súa ubicación. Segundo información achegada polo escritor e investigador Luis López Pombo, onde naceu e viviu ata a mocidade, consérvase un marco que dividía as xurisdicións de Doncos e Torés. Luis mesmo me di que o topónimo Casa de Chancia pode facer referencia a unha "Casa do Chanto" ou "Casa Chantada". Os seus pais tíñanlle contado que o fito non se podía sacar (estaba na cociña), mesmo lle tiñan advertido aos seus antepasados que facelo era un delito. A Casa de Chancia é citada nun documento do mosteiro de Samos do ano 1450, onde os monxes aforan a casa a un veciño de A Alence.

PETROGLIFOS

A principios do mes de setembro de 2013, unha veciña de Doncos contoume que a súa nai lle tiña falado de que cando nenas xogaban xunto unhas pedras, "gravadas con debuxos", que había nas proximidades do Camiño Real que ía de Doncos a Castelo. Quedou de recabar máis información e achegárnola para ver se é posible localizalas.

PENA DAS FERRADURAS
Recibe o nome unha pena que se atopa xunto a Cova da Moura, a pouco máis de 400 metros de distancia en liña recta do castro de Torés, e lambida polo regueiro da Moura. Os informantes foron Sergio e Miguel, da Asociación de Veciños de Torés, o día 14 de febreiro de 2015. Uns meses despois achegámonos ata o sitio e non conseguimos localizar as gravuras, os afloramentos atópanse cubertos totalmente polo lique.

PENA DAS TIXEIRAS
O veciño Abel Iván Arias faloume dunhas penas con posibles gravuras.

PENA DAS MARCAS
O día 6 de marzo de 2015, o veciño Abel Iván Arias levounos ata o monte coñecido como Chao da Canda, a 954 metros de altitude, situado por riba das aldeas de Vilavexe e da Lama da Vila, na parroquia de Santo André das Nogais. Ata finais dos anos setenta ou principios dos oitenta do pasado século XX, a pena onde había varias gravuras foi destruída con dinamita cando se acondicionou o terreo para pradarías. Na actualidade os anacos da desfeita están amoreados nunha beira do prado, a carón dun camiño. Como xa caía a tarde só puidemos distinguir dúas pías nunha das esquinas e o que semellaba a representación da pegada dun animal. Ao día seguinte pola mañá, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares achegámonos de novo ata a Pedra das Marcas. Despois de limpala observamos que a pegada non era tal, senón a inscultura dunha ferradura. A pedra, en total, ten catro ferraduras gravadas, dúas pías de forma tirando a ovaladas e tres pequenas cazoletas. Destas últimas non é doado distinguir se son naturais ou feitas pola man do home. Só neste anaco de rocha de cuarcita, duns 90x50 cm, atopamos restos de gravuras, os efectos da dinamita foron letais para o resto. Os sucos dos gravados non están moi desgastados o que, unido á tipoloxía dos mesmos, fainos pensar nunha cronoloxía medieval. Malia isto si nos chaman a atención as dúas pías, claramente artificiais, asociadas ás ferraduras. Ao parecer esta rocha non actuaba como marco divisorio, nin de aldeas nin de herdades. Hai teorías que manteñen que se unha pedra ten gravadas ferraduras é unha pedra de término, indicando que non moi lonxe hai unha fonte que marcaría o final dese término; nas inmediacións atópase a coñecida como Fonte do Marco de cuxo fito, se algunha vez existiu, non quedan restos. En época romana o símbolo semellante á pegada dun cabalo ou o signo en U utilizábase para sinalar fontes que á súa vez limitaban territorios. Segundo a lenda, aquí había agochado un tesouro, e que a auga da choiva que se depositaba nas pías era utilizada para curar enfermidades relacionadas cos ollos. Estes son os primeiros petroglifos documentados no concello de As Nogais. O día 12 de marzo, xunto co alcalde das Nogais, acompañamos ao arqueólogo do Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo para ver as gravuras, levantar a ficha correspondente e ser inventariadas.
Xa lle propuxemos ao alcalde do Concello de As Nogais que o que queda da Pedra das Marcas sexa trasladada a unha dependencia do Concello para a súa conservación e divulgación. 
O día 17 de marzo, dende o Servizo de Patrimonio comunicáronnos que lle deron o prace á nosa proposta de trasladar a pedra para as dependencias do Concello.

 
CASTROS 

CASTRO DO CASTELO  
Na aldea do Castelo, parroquia de Noceda. A 945 metros de altitude sobre o nivel do mar. 
Levántase sobre un outeiro situado por riba da poboación do Castelo. Trátase dun castro de forma case circular duns 100 por 100 metros. Todo o recinto está protexido por fortes pendentes que actuaban como defensas naturais. Polo sur adivínase un pequeno antecastro. Sobre a croa construíuse unha capela moderna posta baixo o padroado de Santa Olaia e o cemiterio parroquial. Boa comunicación visual co castro da Conca. É probable que eiquí tamén se erguera un castelo medieval; segundo referencias orais estaría arrodeado por unha muralla.
 

A capela actual substiuíu a outra máis antiga que se atopaba no medio do recinto, circundada polo primitivo cemiterio con tumbas de terra. Apareceron enterramentos feitos con lousas dos que non quedan restos. Sobre o castro tamén está o campo da festa.

CASTRO DA CONCA
Na parroquia de Noceda, á dereita do antigo Camiño Real que ía dende Castelo ás Casas da Serra, dirección Pedrafita do Cebreiro. A 1.052 metros de altitude sobre o nivel do mar. Presenta forma ovoidal, cunhas medidas aproximadas de 70 x 65 metros. Ocupa a totalidade do cumio. Definido por unha croa achairada defendida por un terraplén, máis inclinado canto máis ao norte. Complementado por un parapeito do que apenas quedan restos polo oeste. Polo sur-leste adivínase o que podería ser un foxo. Mantiña unha boa comunicación visual co castro do Castelo, situado a menos dun quilómetro en liña recta.
 

Sobre o castro, con leiras pertencentes a varios propietarios, cultivábase, ata non hai moito tempo, pan e avea.
Contáronnos que un túnel comunicaba o castro, "habitado polos celtas ou polos romanos", cun pozo que hai aos pés do monte.

CASTRO DE CABANAS OU DA CHOUSA DO CASTRO
En Cabanas, parroquia de Nullán. A uns 700 metros de altitude sobre o nivel do mar.
O día 14 de febreiro de 2015, Sergio e Miguel, da Asociación de Veciños de Torés, informáronme dun posible castro preto da aldea de Cabanas. En efecto, sobre un outeiro, situado nun fermoso souto e arrodeado polos regueiros da Reteixeira e Reboredo e polo río Boullón, érguese un pequeno castro de forma tirando a elíptica con boas defensas naturais (forte desnivel do terreo) en case toda a súa contorna e protexido polo que se adiviña foi un potente foxo polo sur-oeste, a parte máis vulnerable. Na croa obsérvanse varios amoreamentos de pedras e unha construción circular de pequeno tamaño que, de seguro, trátase dun cortín utilizado para soutar as castañas. Fóra do que sería o recinto principal tamén hai restos doutra construción circular cun rexo muro duns sesenta centímetros de ancho e que, polo de agora, descoñecemos se se trata dos restos dunha casa do primitivo castro ou doutro tipo de edificación. Tamén se observan varios aterrazamentos arredor da croa. Mantiña unha boa comunicación visual co castro de Vilaesteba, ubicado a pouco máis de medio quilómetro en liña recta.
Tamén chama poderosamente a atención outro topónimo cercano: O Castrillón (salvando o río está a coñecida como Ponte do Castrillón), un outeiro situado entre os castros de Cabanas e o de Vilaesteba. O asentamento atópase nalgunhas partes bastante alterado polos traballos efectuados para a extracción de madeira.
O día 12 de marzo de 2015, o alcalde das Nogais máis o que isto escribe acompañamos ao arqueólogo do Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo para ser inventariado. 
     

CASTRO DA COROA
Na parroquia de Nullán. A 916 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Pódese acceder ao castro dende a coñecida como A Casa Grande, por un carreiro que emboca no asentamento. Alterado. Ocupa a totalidade do cumio do monte achairado. A croa está protexida en toda a metade leste por un terraplén natural, mentres que o oeste conserva restos dun parapeito. Polo NO vese unha terraza. Abundante presenza de pedra espallada polo sitio.
 

Ten unhas medidas aproximadas de 140 metros no eixo máis longo e 100 metros no menor. O destino a uso agrícola alterou boa parte do xacemento, destruíndo parte do seu sistema defensivo.                     
 

CASTRO DE SINLLÁN 
Na parroquia de Nullán, no lugar coñecido como O Monte da Medorra. A 942 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Todo o xacemento, muralla incluída, atópase moi achandado polos labores agrícolas e camiños de acceso. Apareceron muíños de man, lousas e restos cerámicos. Practicamente circular, ten unhas medidas aproximadas de 100 por 100 metros.  Ocupaba a totalidade do cume achairado, o que define a morfoloxía da croa. Protexido por terraplén e parapeito polo norte.
A cota inferior polo leste e oeste conserva dúas terrazas illadas do resto do monte por cadanseu terraplén. Completa o sistema defensivo un foxo de norte a oeste moi colmatado polos labores agrícolas. 
Un home, natural de Sinllán, contoume que a mediados do século XX un veciño contratou, a cambio de cama e mantenza, a un descoñecido para que lle coidara do gando. Disque o mozo sempre levaba canda el un libriño que non mostraba a ninguén e que, a miúdo, víanno escavar no castro cunha aixada. Mais un bo día non regresou. No lugar onde o viran por última vez só atoparon a aixada e unha gran focha onde, din, se agochaba un tesouro.
 

O CASTRO 
No Chao do Couso, na parroquia de Quintá. A 739 metros de altitude sobre o nivel do mar.
 

Localízase nun outeiro de pedra calcaria e lousa, xusto por riba da aldea do Chao do Couso. De forma tirando a ovoidal, ten unhas medidas aproximadas de 100 metros no eixo máis longo e de 75 metros no menor. Consta de dous recintos; o superior, que se ergue no centro do castro, é de pequenas dimensións, protexido polo forte desnivel do terreo e unha muralla de terra e pedras. O recinto inferior arrodea case toda a croa. Polo SL está protexido por un potente foxo que vai dende os dous aos seis metros de altura, e una anchura duns dous metros; este foxo foi reaproveitado para abrir un camiño. O resto deste segundo recinto está defendido polo desnivel do terreo e un parapeito, moi achandado, de terra e pedras. Inzado pola matogueira e plantado de árbores, atópase moi alterado pola actividade humana, noutrora adicado a terra de cultivo. En varios lugares obsérvanse varias actuacións furtivas.
 

Amor Meilán, na súa Geografía General del Reino de Galicia (1928), di que se atoparon pequenas barras de ouro, algunha vendida na capital.
 

CASTRO DA CROA 
Na aldea de Vilabol, parroquia de Quintá, a 907 metros de altitude sobre o nivel do mar.  Ten unhas medidas aproximadas de 140 metros no eixo máis grande e de 115 no menor.
Para acceder ao castro hai que coller a primeira pista de terra á dereita ao pasar Vilabol, dirección Vilaesteva. Bastante ben conservado, ocupa a totalidade dun outeiro. Defendido por un terraplén complementado cun parapeito no cumio. Polo norte atópase separado do terreo circundante por un ancho foxo. A croa está complementada, na parte inferior, por unha terraza. Vense numerosas pedras que puideron pertencer ás estruturas defensivas ou habitacionais. 
Segundo a lenda, nel vivían os mouros que custodiaban un tesouro.
 

CASTRO DA FONTE DO CANDO 
No lugar da Fonte do Cando, parroquia de Santo André. A 826 metros de altitude sobre o nivel do mar.
 

De reducidas dimensións, érguese nun pequeno outeiro situado nunha penichaira. O recinto, inzado de matogueira, utilizouse para pasto do gando e labores agrícolas polo que se atopa moi alterado.
 

Presenta un recinto tirando a circular protexido polo NO e SO por unha muralla pétrea, e no resto polo desnivel do terreo. A muralla, cuxas pedras foron reaproveitadas con posterioridade noutras construcións, sobresae do chan pouco máis dun metro. No centro destaca un afloramento rochoso. Divísase unha expléndida panorámica. 
Segundo a lenda, no castro hai soterrado un xugo de ouro.
 

CASTRO DO COTÓN
Non moi lonxe do castro da Fonte  do Cando hai un pequeno outeiro a 797 metros de altitude onde a tradición adoita situar un asentamento castrexo ou romano.
Tanto este lugar como o máis arriba citado da Fonte do Cando atópanse na área de Santo André en cuxo regueiro do mesmo nome había unha ponte da que non se conservan restos pero que puído actuar como paso ata un asentamento en época romana. 

CASTRO DE SANTO ANDRÉ
Onde se ergue a igrexa de orixe visigótica, o cemiterio e algunhas casas do pobo de Santo André dise que houbo un castro.    

A LAMEIRA DOS MOUROS   
Na parroquia de Santo André.
Lugar coñecido tamén como O Lameirón. Traigo aquí este sitio porque hai quen di que houbo un primitivo castro sew ben non existen evidencias. Polo que sabemos, ata o presente só apareceron restos de tumbas que foron destruídas. Dise que hai unha cova ou galería que ía dende eiquí ata o castro da Pena Tallada, en Cervantes.  

CASTRO DE TORÉS  
Na parroquia de Torés. 
Agás a ampla panorámica que domina todo o val de Torés, no lugar onde se levanta o arruinado castelo non se conservan vestixios do que din foi un asentamento castrexo.
Segundo a lenda, o castelo de Torés foi mandado construír pola lendaria raíña Lupa, como tótem, logo de se converter ao cristianismo, aos touros (de aí o topónimo) que transportaron o carro onde os discípulos puxeron o corpo do Apóstolo Santiago. En realidade o nome pode derivar dun antigo posesor agrícola de nome Turinus ou Turenus, ou tamén da base prerromana *tor, altura, montaña, rocha.
   

A principios do ano 2010, ADEGA presentou alegacións ante a Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo contra a modificación do trazado da estrada entre os núcleos de Armesto e a vila das Nogais que atravesa o val de Torés. As obras, ademais de acelerar o derrube da Torre do castelo de Torés, en grave risco de esmoreamento, afectarían, por atoparse dentro do perímetro de protección, á igrexa de Torés, a Casa do Pardo e ao castro. O proxecto non incluía o preceptivo informe da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural sobre o impacto no Patrimonio Histórico. Pola contra, os veciños consideran que non existe tal risco e desbotan tal afección, engadindo, ademais, que o proxecto é fundamental para o desenvolvemento da parroquia. No ano 1991, o Concello construíu preto do castelo e xunto á igrexa parroquial un palco e unha praza de cemento que atenta contra o máis elemental bo gusto. O regueiro que pasaba pola zona foi entubado.
A contorna do castelo e da propia igrexa parroquial foi adecentada polo Concello, coa subvención dun Obradoiro de Emprego da Xunta de Galicia, no ano 2013. 

MONTE DO CASTRO 
Na parroquia de Torés.  A 854 metros de altitude sobre o nivel do mar.  
Érguese a pouco máis de medio quilómetro, dirección oeste, do núcleo de Torés. Alterado polos labores agrícolas, que achandaron gran parte da muralla. Atopáronse muíños de man, pesas e cerámica castrexa.
 

O asentamento ocupa a parte máis elevada do monte. De forma ovoidal, ten unhas medidas aproximadas de 135 metros no eixo máis longo e de 100 metros no menor. Polo S-L conserva restos dunha muralla de terra e lousa e un parapeito que se erguen sobre unha pronunciada pendente. Polo leste está defendido por terrapléns e polo desnivel do terreo.
   

Posúe un grande antecastro que ocupa toda a cara S-O. Na croa obsérvanse restos de pedras de lousa de boa feitura e cuarzo, reaproveitadas, posiblemente, con posterioridade.
 

Cóntase que nel vivían os mouros. A pouco máis de 400 metros en liña recta está a coñecida como Cova da Moura, situada nas inmediacións do regueiro da Moura, que se di comunicaba co castro e co castelo de Torés. Sergio e Miguel, da Asociación de Veciños de Torés, contáronme a seguinte lenda: Un día, unha moza que estaba a coidar as ovellas nas proximidades dunha pena en cuxo bico nace un manancial e que disque foi levada ata alí por unha moura (nesta pena estivemos o día 14 de febreiro de 2015, acompañados por un veciño), dixo: "Moura, dáme a túa riqueza". Foi pronunciar estas palabras e alí se lle apareceu este mítico ser quen lle dixo que se quería ver o seu desexo cumprido tiña que ir para a casa pero que baixo ningún concepto podía ver o que levaba envolto no mandil. Mais á rapaza superouna a curiosidade e polo camiño quixo comprobar o que agochaba o mandil. Nada máis abrilo, o único que viu foron un montón de cagallas de ovella. Desilusionada, sacudiuno para limpalo. Máis cal foi a súa sorpresa que cando chegou á casa viu que un par de cagallas se converteran en moedas de ouro. Ela máis a súa nai volveron a onde sacudira o mandil, pero xa non atoparon nada.
 

CASTRO DE VILAESTEBA 
Na aldea de Vilaesteba, narroquia de Torés. Entre Vilabol (Quintá) e Vilaesteba, a 899 metros de altitude sobre o nivel do mar. 
Atópase a uns 400 metros en liña recta da capela de Santo Estevo en cuxas inmediacións se atoparon varias lousas que corresponderían a uns sártegos dos séculos XII ou XIII. O castro, cunhas medidas aproximadas de 125 metros no eixo máis longo e de 110 metros no menor, conserva restos de muralla de terra e lousa e un foxo pola parte máis accesible. A pequena croa, inzada pola matogueira, está rodeada case en todo o seu perímetro por unha baixa muralla. Ao parecer realizáronse escavacións furtivas.

Polo norte óbservase un pequeno antecastro, na actualidade utilizado como horta. Comunícase visualmente co castro de Sinllán, na parroquia de Nullán.

Uns veciños de Vilaesteba contáronme que no "tempo da fame" (despois da Guerra Civil), ante a escaseza de gando para facer o esterco, o único xeito de fertilizar a terra era con cinsa. Para elo facían "a tola" que consistía en amorear terróns secos mesturados con leña que queimaban e despois esparexían polo campo onde sementaban centeo e avea. Un bo día, ao rematar de queimar os terróns, apareceu unha vasilla de cerámica feita anacos e un po moi brillante que, disque, era ouro.

TABULA DOS ZOELAS
Trátase dun Pacto de Hospitalidade, dividido en dúas partes, acordado entre os Desoncos e os Tridiavos, dúas gentilitas do pobo dos Zoelas, pobo prerromano famoso polo seu traballo do liño, que di:
"Sendo cónsules Marco Licinio Craso e Lucio Calpurnio Pisón (27 d.C.), o 4 das calendas de maio, a gentilitas dos Desoncos, da gens dos Zoelas, e a gentilitas dos Tridiavos, da mesma gens dos Zoelas, renovaron o seu antigo e vetusto pacto de hospitalidade e todos eles, os uns aos outros, recibíronse na súa fe e clientela e na dos seus fillos e descendentes. Actuaron: Arausa, fillo de Blaceno; Turanio, fillo de Clouto; Dacio, fillo de Elaeso; Magilo, fillo de Clouto; Bodecio, fillo de Burralo; Elaeso, fillo de Clutano, por medio de Avieno, fillo de Pontilo, maxistrado dos Zoelas, feito en Curunda".
"O 5 dos idus de xullo do ano en que foron cónsules Blabrión e Hómulo (152 d.C.) a mesma gentilitas dos Desoncos e a gentilitas dos Tridiavos recibiron na mesma clientela e na mesma alianza a Sempronio Perpetuo Orniaco, da gens dos Avolgigoros, a Antonio Arquio da gens dos Visáligos, a Flavio Frontón Zoelas, da gens dos Cabruagénigos. Actuaron: Lucio Domicio Silo e Lucio Flavio Severo, en Asturica".
 

Como se pode apreciar, o texto fala da renovación duns pactos, dentro dun pacto anterior (de data non precisada), entre gentilitas da mesma gens, incluíndo, na súa segunda parte, a individuos doutras gens diferentes pero do mesmo pobo; un feito en Curunda, localidade que podería ser a citada nunha inscrición atopada no castro preto de Rabanales de Alcañices (Zamora), e outro en Asturica (Astorga), lugar onde se atopou a tabula.
Este texto xurídico está inserido nunha prancha de bronce de 32 x 24 cm, coroada por un frontón triangular en cuxo interior aparece a data consular. Atópase custodiado no Staatliche Museem de Berlín.
 

O motivo de traer aquí este hospitium é porque algúns investigadores sitúan a gentilitas dos Desoncos en Duancos, que identifican co Doncos das Nogais. García de la Riega, en Galicia Antigua. Discusiones acerca de su geografía y de su historia (1904), di que, aínda que a maior parte dos escritores identifican o vocábulo Desoncos co Doncos do municipio das Nogais, trátase dun erro debido á analoxía de ambas as dúas voces, pois os Desoncos pertencían á xente dos zoelas, mentres que Doncos era localidade dos Seurros. Polo tanto, este autor inclínase por situalos en Duancos, parroquia do concello de Castro de Rei. Schulten, Bosch Gimpera, López Cuevillas, Hübner e Monteagudo, entre outros, sitúan aos zoelas cara Bragança (Portugal), con capital no castro de Avelaes, tese da que participan as últimas investigacións que amplían a área cara o leste, ata a Terra de Aliste, na provincia de Zamora, e ata Miranda do Douro. 

Mámoas, petroglifos e castros do concello de As Nogais
Colectivo Patrimonio dos Ancares