MÁMOAS E CASTROS DO CONCELLO DE PEDRAFITA DO CEBREIRO

MÁMOAS E ANTAS 

A TORRE
Na aldea de A Torre, parroquia de Lousada. 

MONTE DA MEDORRA
Este topónimo atopámolo en dous lugares do concello. Un está na parroquia de Pacios, a 1.267 metros de altitude sobre o nivel do mar. Utilizado durante xeracións como terras de cultivo, polo de agora non atopamos vestixios de ningún enterramento. 
O outro está en Rubiais, parroquia de Zanfoga, a 1.161 metros de altitude. Como no caso anterior, na actualidade non existen pegadas de mámoa algunha. Nas inmediacións tamén se conservan os microtopónimos de Corgo da Medorra e Rego da Medorra.
En ambos os dous casos os veciños nunca escoitaron falar sobre a existencia nalgún momento destes monumentos. Non se coñece folclore.

 


PETROGLIFOS

O RELEVO DE SALCEDO 
Foi a mediados dos anos noventa cando un de nós viu na hospedaría do Cebreiro unha pedra gravada cuns curiosos motivos. Cando nos interesamos pola peza, contárannos que era a copia dun petroglifo cuxo orixinal fora reaproveitado como lintel dunha palloza na aldea de Salcedo, no concello da Pobra do Brollón. Cando o atoparon graváronlle a data de 1952 que aparece na parte superior esquerda. Ao parecer había algunha copia máis por aí, ao menos unha en Barcelona e outra en Sevilla, dixérannos no Cebreiro. 
Na superficie da pedra, cunhas medidas aproximadas de 80 x 40 centímetros, obsérvanse dous homes montados en cadanseu cabalo. Sobre o ventre dos cuadrúpedes, coas catro patas e o rabo perfectamente marcados e mirando un cara o outro, vense senllas espadas gravadas. Os cabaleiros miran cara o observador da peza, carecen de extremidades inferiores, apreciándose nidiamente o tronco do que saen os brazos extendidos en cruz, cos dedos das mans claramente definidos, e cabeza redonda co nariz e os ollos esculpidos. Sobre o peito dun dos xinetes vese un círculo cruzado por catro liñas, e debaixo do brazo esquerdo un cadrado cunha aspa. Completan o panel outro animal (un can?), unha espada e outros símbolos de difícil interpretación, ademais da data citada.
Sen outros datos ao noso dispor, documentámolo no blog onosopatrimonio e logo neste do noso colectivo.
Sorprendentemente, recoñecemos, non volvemos a interesarme pola peza ata o día 18 de novembro de 2015 (uns vinte anos despois!), grazas a unha chamada de Francisco Albo, de La Voz de Galicia, quen nos preguntou sobre ela.
Dous días despois, para emendar a neglixencia, liscamos cedo para Salcedo, con tan boa sorte que demos coas persoas adecuadas que sabían toda a historia. O noso principal informante foi don José Rivera que ten a casa xusto pegada á do lugar de procedencia da pedra orixinal coas gravuras.
A historia que nos contou defire substancialmente dos escasos datos que posuiamos . Don José díxonos que a pedra apareceu no ano 1951, nos alicerces dun antigo curral cando o estaban a derrubar. Os gravados miraban cara o interior e estaban do revés. Durante un tempo estivo tirada no sitio, ata que ao ano seguinte foi reaproveitada na fachada principal da casa cando foi arranxada. O albanel, para "conmemorar" a restauración da vivenda, gravoulle a data de 1952. Alí permaneceu ata arredor do ano setenta en que os propietarios a venderon por unhas 15.000 pesetas a Elías Valiña Sampedro, o Cura do Cebreiro

 

Cando lle preguntamos a don José se sabía onde fora a parar o orixinal, contestounos que era o que se atopaba no Cebreiro, na hospedaría de San Xiraldo, feito que puído comprobar no ano 1998 cando foi á romaría do Santo Milagre. Non tiña dúbida ningunha, como amigo e veciño dos propietarios da casa (coñecida como Casa dos Currais), axudara a derrubar o antigo curral que, segundo el, tiña centos de anos. O mesmo nos asegurou outra veciña que tamén a vira cando a atoparon e despois no Cebreiro. Don José Rivera contounos que cando trasladaran a pedra para a fachada, o albanel, ademais de gravar a data, "retocara" as gravuras para realzalas.

 

Para aclarar definitivamente o misterio, o día 28 do mesmo mes, un veciño de Barxamaior acompañounos para falar cos actuais propietarios quen nos confirmaron que se trataba da peza que viñera de Salcedo. Contáronnos que o comprador fora o seu tío, don Elías Valiña Sampedro, que xunto con Chamoso Lamas impulsou a restauración do poboado e da igrexa do Cebreiro e recuperou o Camiño Francés de Santiago.
A hospedaría pechou, e a pedra coas gravuras leváronna, como se dunha "herencia" se tratara, os familiares de Valiña Sampedro. 
Canto a se a peza está completa, descoñecémolo, se ben cremos que era sensiblemente máis grande. Sobre a súa procedencia é imposible sabelo, ata que se atopou no ano 1951 ignorábase a súa existencia. O que si dá a impresión é que a pedra foi primeiro cortada, preparada e logo gravada. Non se trataría, polo tanto, duns motivos realizados nunha pedra que formara parte dun afloramento onde adoitaban gravarse os petroglifos galegos. Os motivos de Salcedo difiren substancialmente das representacións ao aire libre da Idade do Bronce en que as esceas de monta son moi esquemáticas; o mesmo acontece coas figuras humanas. En troques, nas representacións de Salcedo móstranse unhas figuras ben definidas, doadas de identificar. A frontalidade das figuras dos cabaleiros con cabeza redonda, onde destacan os ollos globulados, seméllanse moito ao outro tipo de representacións que nada teñen que ver coas dos petroglifos galegos, tal como figura no anverso dunhas postais que vendían no Cebreiro.    
Atendendo á morfoloxía da peza (foi cortada e preparada para logo facer as figuras) e á perfección dos motivos, podemos desbotar que se trate dunha representación da Idade do Bronce, é dicir, non é un petroglifo.
A pesares da deteriorización da peza nalgunhas partes e nos "arranxos" do albanel, vese que se atopa en bastante bo estado, apreciándose a "intervención" só nos cabalos pero non nas cabezas, non observándose un desgaste significativo polo que é probable que non estivera exposta aos axentes meteorolóxicos.
Na Idade Media, este tipo de representacións (homes a cabalo) son abondosas, e se lle engadimos o crismón e a cruz de Santo André, a súa adscrición románica sería bastante clara, quizais do século XI ou principios do XII. Un curto engadido: hai quen mantén que a cruz patada templaria deriva da vella roda do crismón. Na España Sagrada dos PP. Flórez e Risco (1747) cítase un documento do ano 1254 que alude a unha igrexa en Santiorxo, na parroquia de Liñares (A Pobra do Brollón), pertencente aos templarios. 
O arqueólogo André Pena Lembrounos que a cruz de Santo André é un símbolo anterior ao cristianismo, como tamén o é a cruz cristiá, polo que cabe a posibilidade de que sexa tardoantiga, non desbotando que puidera ser galaica, mais tamén que se trate da escea dun duelo popular románico.
Está claro que non resulta doado interpretar a escea, certos elementos do programa iconográfico desconcertan o que fai que esta peza, se cabe, sexa aínda máis singular.


A principios do mes de marzo de 2016, dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares dirixímonos ao Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo para que nos dixeran se o relevo de Salcedo figuraba catalogado. A mediados do mes de abril contestáronnos que non, e que "pola súa tipoloxía non ten a consideración de Ben de Interese Cultural".
Aínda que esperabamos a resposta, non deixou de sorprendernos que tendo coñecemento da existencia do relevo, esta singular peza non figure no inventario de bens patrimoniais da Xunta de Galicia.
O mesmo día da resposta solicitamos á Xunta de Galicia a súa inclusión no catálogo e, ao mesmo tempo, enviamos unha carta ao Bispado de Lugo para informalos, por se o descoñecen, que a peza foi mercada por Elías Valiña Sampedro, "O cura do Cebreiro", arredor dos anos setenta do pasado século para engordar o patrimonio da aldea do Cebreiro. Dende aquelas, o relevo sempre permaneceu na hospedaría-hospital de San Xiraldo. Cando morreu don Elías, uns seus familiares montaron alí un mesón que rexentaron ata hai algúns anos e que na actualidade está ocupado polos monxes franciscáns que atenden o santuario. A peza desapareceu do mesón, os familiares de Valiña Sampedro, como dixemos, leváronna, "como herencia", canda eles. 

 

Un dos motivos que nos empurrou a solicitar a súa catalogación urxente é para evitar que o relevo "desapareza", tal como xa aconteceu, xunto con outras pezas, co Cristo gótico que presidía o presbiterio (o que hai hoxe é, supostamente, unha copia) e cuxo orixinal, segundo nos fixeron crer (así figura aínda na páxina web do Bispado de Lugo) está nun inexistente museo de arte sacra de Madrid. Nin nese ficticio museo nin en ningún outro, mesmo chegaron a asegurar que fora enviado a restaurar no seu momento ao Museo Nacional de Escultura de Valladolid, unha falsedade máis que tamén puidemos comprobar. Cando nos interesamos polo seu paradoiro, pois coma Pilatos, todos se lavaron as mans (que se pasou moito tempo, que se é mellor non remexer no pasado...).


A día de hoxe, a interpretación da peza continúa a crear controversia entre os investigadores que están a estudar as fotos que lles mandamos para ver se, dunha vez por todas, Patrimonio a cataloga. Ademais de polas mans dos arqueólogos do Servizo en Lugo, pasou pola Universidade de Santiago e na actualidade están a estudala no Museo do Castro de Viladonga. 

Esperamos a resposta.

No Colectivo Patrimonio dos Ancares xa tomamos a decisión, se a Xunta de Galicia non cataloga o relevo, imos chegar ata onde sexa preciso, e non só para que pase a formar parte dos bens patrimoniais de Galicia, senón para que se aclare a quen pertence: o conxunto monumental do Cebreiro foi restaurado con cartos públicos, e con cartos públicos se mercaron as pezas para engordar o seu patrimonio. Naqueles anos, no Cebreiro, aconteceron moitas cousas sobre as que se quere correr un tupido veo, uns por interese e outros por medo.

 
 
CASTROS 

CASTRO DA TORRE
Na parroquia de Lousada. A 1.046 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Castro dos chamados de media ladeira, ocupa a parte final dun esporón do río Lor que se adapta á orografía do terreo. Apréciase unha dobre muralla circunvalada por un foxo, tamén dobre. Conserva restos duns muros que puideron pertencer a unha torre de vixiancia. Ten unhas medidas aproximadas de 110 metros no eixo máis grande e de 90 metros no menor. 

CASTRO DE CERRACÍN
Situado nunha impresionante paraxe, entre a aldea de Santalla, na parroquia de Lousada, e a aldea de Os Casares, na parroquia de Zanfoga, sobre o río Lor e o rego das Forcas. Presenta varios aterramentos. Xunto coas murallas dos socalcos que arrodean o castro, o sistema defensivo complétase con dous foxos. A impenetrable matogueira e a mesta arboreda non permite saber se no interior agocha algún tipo de elemento construtivo.
Ao pé do castro hai unha cova onde, segundo a lenda, está agochado un tear de ouro.

 

CASTRO DE CHAN DA PENA OU DA CHAN DO CASTRO
Na aldea de Santalla, na parroquia de Lousada, a 829 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Érguese nun esporón de xisto sobre o río Lor. O esporón está illado do resto do monte por un foxo na parte NO. O resto do recinto está protexido por boas defensas naturais. De difícil acceso, está cuberto pola matogueira. 
Segundo os veciños, a muralla que o arrodeaba foi construída polos mouros.

 

CASTRO DE VILELA
Recibe o nome pola aldea limítrofe de Vilela, no concello de Folgoso do Courel.
Bastante alterado polos camiños de acceso ás fincas inmediatas. Situado sobre un outeiro alongado que domina o val do río Lor, a uns 1.000 metros de altitude sobre o nivel do mar. Consta dun pequeno recinto ou antecastro e un recinto pirncipal no que se distribúe o espazo en distintos niveis, cunha pequena explanada no cume e un segundo nivel de dimensións máis amplas cara o noroeste que se adapta á morfoloxía do terreo. Delimitado no noroeste por unha serie de foxos realizados mediante forza hidráulica, no norte por talude natural e reforzado por aterrazamentos. Polo sureste remata nun forte aterrazamento disposto a xeito de bastión.

 

CASTRO DE LOUZARELA
Na parroquia de Louzarela.
Moi alterado polo núcleo de poboación de Louzarela.
Presenta un recinto protexido por un terraplén. Polo sur ten un parapeito. A súa ubicación, no fondo dun val, fai pensar nun castro agrícola.

 

CASTRO DO PICO DA ESCRITA OU TRALOCASTRO
Na parroquia de Pacios, na estrada que vai de Pacios a Seixo. A 1.114 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Ocupa un outeiro calizo, non moi lonxe dun curso de auga. Ten unhas medidas aproximadas de 120 metros no eixo máis longo e de 70 no menor. Polo sur apréciase o que puido ser un parapeito e un foxo, hoxe en día ocupado por un camiño que circunvala o castro. O resto do asentamento está defendido polo desnivel do terreo.
O día 7 de xullo de 2016 peiteamos o castro polo miúdo, na procura dalgunha pedra cunha inscrición ou con gravuras, non atopando nada que nos puidera dar unha pista sobre o microtopónimo "Escrita". Os afloramentos que hai na parte máis alta foron utilizados para extraer pedra para os peches das fincas, se nalgún momento houbo algo pode que fora destruído. Os veciños descoñecen a que se debe o nome.

 

CASTRO DO PAREDÓN OU DA PENA DAS ABELLAS
En Riocereixa de Riba, parroquia de Riocereixa. A 999 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Situado sobre un outeiro calizo que domina o val do río Lor. De forma ovalada, ten unhas medidas aproximadas de 130 metros no eixo máis longo e de 80 metros no menor. Unha potente muralla de pedra e de pedra e terra arrodea todo o recinto, facendo a función de socalco o que incrementa a verticalidade natural. As defensas complétanse cun foxo polo SL e o desnivel do terreo. 
A croa adicouse a pasto e o resto está ocupado por monte baixo e rebolos. Foi alterado pola estrada local a Riocereixa e por un camiño que bordea parcialmente o xacemento. O castro foi romanizado.

 

CASTRO DAS TORRES OU DE SAN PEDRO
Situado entre as aldeas de San Pedro e de Riocereixa de Baixo, na parroquia de Riocereixa.
Trátase dun reducido asentamento que ocupa un pequeno outeiro xistoso por riba do regueiro do Faro e adaptado ao terreo, construíndose aterrazamentos para conseguir unha pequena superficie horizontal para erguer as vivendas. Os socalcos actúan como límite da muralla defensiva. Polo oeste ten dous foxos escavados na rocha. Inzado pola matogueira. O castro foi romanizado.
Unhas veciñas contáronnos que uns furtivos, dotados cun detector de metais, atoparon varias moedas, ao parecer de época romana. Tamén nos falaron dunha lenda que di que no lugar os mouros soterraron unhas virxes de ouro.

 

CASTRO DO IGREXARIO
Na parroquia de Zanfoga, preto da igrexa.
Moi alterado. Trátase dun castro agrícola que se atopa no fondo dun val, próximo ao río Lor.


Colectivo Patrimonio dos Ancares
Mámoas e castros do concello de Pedrafita do Cebreiro