MOVÉMONOS POLO PATRIMONIO

Ademais do traballo habitual que facemos os do Colectivo Patrimonio dos Ancares, de maneira altruísta damos charlas, facemos rutas, colaboramos con outras entidades, institucións, asociacións, centros de ensino, etc.

> Rutas de historia por Becerreá
> Día do Patrimonio Mundial
> Roteiro e concerto no Incio
> Na I Festa da Conquista en Balboa (O Bierzo)
> Entrevista en Lugo Xornal 
> VI Festa da Involución Educativa 2018
> V Premio do IES de Becerreá
> Mesa polos Camiños de Santiago
> A Vía de Künig no Pleno da Deputación de Lugo
> Charlas sobre a Vía de Künig
> Andainas pola Vía de Künig 
> Premio de Investigación do Concello de Cervantes
> Unha publicación do noso colectivo
> Crónica negra dos Ancares I: Baralla de Becerreá
> Premio de investigación do Concello de Cervantes
> Na V Festa da Involución Educativa
> VI Encontros en Cervantes
> Xornadas da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes
> Coa asociación Teenses pola Igualdade
> Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses 
> Con Roxín Roxal pola Campa do Barreiro
> A destrución do patrimonio en V Televisión
> Celebración do San Cidre en Becerreá
> A Festa das Ánimas do Purgatorio
> Entrevista en V Televisión: Ancares, patrimonio en perigo
> Día do Libro 2015 en Cervantes 
> A festa das Ánimas de Ouselle
> Agradecemento a Antonio Reigosa e a Helena Villar Janeiro
> De fornada en Torés
> Na II festa de involución educativa (no castro de Santa María do Castro, en Cervantes)
> Pregón da IX Feira da Empanada das Nogais
> Museo para Becerreá
> CEIP "San Xoán" de Becerreá
> Charla no CPI "Daniel Monje" de Navia de Suarna
> Viaxe emocional á Porta dos Ancares
> Roteiro por Becerreá
> A comarca dos Ancares no Anuario Fol de Veleno 


RUTAS DE HISTORIA POR BECERREÁ 

O día 7 de outubro de 2018, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares guiamos unha ruta polo concello de Becerreá. Foi dentro do programa Rutas de Historia, organizadas pola web Historia de Galicia.

A andaina, con medio cento de participantes, discorreu pola vila de Becerreá, igrexa de Cadoalla, castro de Saa, igrexa románica de Ouselle (onde tamén visitamos o monolito na honra de Fuco Gómez), ponte de Cruzul, castro e caleiro de Vilar de Ousón e Cova dos Mouros.

 



DÍA DO PATRIMONIO MUNDIAL


ROTEIRO E CONCERTO NO INCIO

O domingo, 30 de setembro de 2018, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares, dentro do Programa Espazos Sonoros dirixido por Belén Bermejo, guiamos a máis de 60 persoas por unha ruta arqueolóxica no concello do Incio. A xornada comezou cunha andaina polo Monte de Santa Mariña onde se atopa unha das maiores necrópoles megalíticas de Galicia, composta por máis de 50 mámoas. A continuación visitamos o castro de Formigueiros e despois a cova de Bermún.
 
 

Despois de xantar, a seguinte visita foi ao antigo balneario da Ferrería do Incio.

 

O punto e final foi na fermosa igrexa románica do Hospital onde 130 persoas asistiron ao concerto do grupo Per-Sont, coa soprano Sabine Lutzenberger e o violinista Baptiste Romain que abordaron a obra musical dunha das personalidades máis complexas e fascinantes do século XII: Hildegard von Bingen, unha monxa da orde beneditina do mosteiro de Rupertsberg, en Alemaña, dotada dunha ampla cultura cuxas obras abranguían temas como a ética, a cosmoloxía ou a música.


NA PRIMEIRA FESTA DA CONQUISTA EN BALBOA
O día 22 de setembro, invitados polo Concello de Balboa (O Bierzo), estivemos na I Festa da Conquista. Primeiro asistimos á presentación de Aguias sobre Bérxidum, de Fernando Cerezales, e despois xantamos no Auditorio situado xunto o castelo, nunha paraxe impresionante. Por ter unha historia común, mantemos unha intensa relación co Concello.



ENTREVISTA EN LUGO-XORNAL 

VI FESTA DA INVOLUCIÓN EDUCATIVA 2018

O día 26 de agosto de 2018 celebramos a VI Festa da Involución Educativa organizada polo CPI de Cervantes, o CDR Ancares e o Colectivo Patrimonio dos Ancares, e coa colaboración da Fundación Xosé Soto de Fión, propietaria do castelo de Doiras. 

 

A xornada comezou ás 10:30 horas cun percorrido duns 10 quilómetros por un tramo da vía romana XIX entre O Comeal e Doiras.

 


 

Xa no castelo de Doiras, deuse unha charla explicativa sobre a vía dende a súa entrada en Galicia ata Lugo, así como dos elementos patrimoniais (castros, minas auríferas, mansións, epígrafes, etc.) que aínda se conservan ao redor desta vía, a máis antiga das tres que discorrían por Galicia, inaugurada no ano 11 d.C. Aos presentes agasallóuselles co libro escrito polo profesor Antonio Rodríguez Colmenero e o arqueólogo Rubén D. Álvarez Asorey: Vía romana XIX, unha viaxe dende Lugo aos Ancares, seguindo as pegadas de Roma. 

Despois do xantar, actuación no patio de armas do castelo de Doiras do mago Antonciño e música de Son de Cores e Os Xardois. 

 

A xornada discorreu nun ambiente lúdico-festivo, reivindicando a defensa do ensino público na Montaña. Aos actos asistiron os alcaldes de Cervantes e de Balboa (O Bierzo) quen amosaron toda a súa disposición para a posta en valor do patrimonio común como é o caso da vía romana XIX e o campamento temporal de época romana da Cortiña dos Mouros.
 
V PREMIO DO IES DE BECERREÁ

Na "V Edición do Premio do IES de Becerreá", ano 2018, a comisión encargada de outorgar este galardón acordou concederllo a FUCO PÉREZ (Fuco de Piornedo) no ámbito de iniciativas privadas relacionadas co tecido produtivo, empresarial e comercial, e ao COLECTIVO PATRIMONIO DOS ANCARES polo labor relacionado coa lingua e cultura propia da comarca dos Ancares.

 

O acto da entrega de premios celebrouse o día 21 de xuño no salón do IES de Becerreá.


Para o Colectivo Patrimonio dos Ancares é unha honra que se nos outorgue este recoñecemento, primeiro porque vén dunha institución da propia comarca, e segundo porque o propio IES de Becerreá e xa de por si todo un referente cultural, non só nos Ancares, senón no resto de Galicia tal como nolo amosan os numeros premios recibidos. Para que disfrutedes do seu traballo, deixamos a continuación a súa páxina web e os seus blogs.

http://www.blogoteca.com/becerreablog/  

MESA POLOS CAMIÑOS DE SANTIAGO 

O día 29 de setembro de 2016 fomos invitados pola Deputación Provicial de Lugo a participar na I Mesa Provincial dos Camiños de Santiago. Ademais das asociacións e colectivos, tamén participaron na xornada a Dirección Xeral do Patrimonio, Turismo de Galicia (Xacobeo), a Deputación de Lugo e os Concellos da provincia por onde pasan os distintos camiños a Compostela. A petición nosa acordouse pular pola variante do Camiño de Santiago (Vía de Künig) polos Ancares. 

As asociacións e colectivos presentes non quixemos deixar pasar a oportunidade para amosar os atrancos que se poñen para valorizar os Camiños, a maior parte das veces causados polo desinterese das propias administracións públicas, ou por motivos que deixan á marxe o seu valor patrimonial. As Administracións presentes comprometéronse a que a Mesa teña continuidade. Nós, polo de agora, queremos ser cautos e non facer xuízos previos de valor, manifestando todo o noso apoio e colaboración.

 

A VÍA DE KÜNIG NO PLENO DA DEPUTACIÓN DE LUGO

O día 31 de maio de 2016, o deputado provincial e alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, presentou no Pleno da Deputación de Lugo unha moción para que o organismo provincial apoiara a nosa proposta para que sexa recoñecida pola Xunta de Galicia.

Votaron a favor os grupos do PSOE  e do BNG. O PP abstívose alegando que hai que esperar a que a Xunta de Galicia se pronuncie.

Sen entrarmos noutras consideracións, cremos que a aprobación desta moción pode ser un paso importante para a resolución favorable do expediente. O que non entendemos moi ben é a abstención do Partido Popular, sabendo ademais que os alcades deste partido na comarca dos Ancares amosaron a súa total colaboración. Por razóns obvias, cando se precisan os apoios é agora, non cando o pan saia do forno.

CHARLAS SOBRE A VÍA DE KÜNIG

O día 4 de decembro de 2015 celebramos na Casa da Cultura de Becerreá un acto para que se recoñeza a variante do Camiño de Santiago polos Ancares.

 
 

O 4 de decembro do mesmo ano celebrámolo no Centro Sociocultural de Baralla. Destas contamos coa inestimable presenza de Xerardo Pardo de Vera quen nos ilustrou cos seus coñecementos sobre os Camiños de Santiago.

 

O 16 de abril de 2016 tivemos o acto nas Nogais. Durante o coloquio houbo momentos con posicións encontradas canto ao discorrer dalgunhas partes do itinerario polo municipio, principalmente co alcalde quen se posicionou con algunha persoa que asegurou dispoñer de documentación que testemuña que a variante pasaba pola cabeceira municipal. Nós invitámolos a que, pola súa importancia, presentaran esa documentación, cousa que non fixeron. E hai máis: no PXOM do Concello, aprobado provisionalmente no ano 2017, os redactores non fan mención por ningures a que a variante pasara pola capital municipal, pola contra, manteñen o itinerario proposto por nós.

 

ANDAINAS POLA VÍA DE KÜNIG

O domingo 5 de novembro de 2017, unhas 100 persoas realizamos unha etapa entre Becerreá e Baralla. Contamos coa presenza da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo. O mosteiro cisterciense de Penamaior atópase na metade do percorrido. En Baralla, o Concello agasallounos cun refrixerio ao remate da andaina.

 
 

O 18 de novembro de 2017 fixemos a andaina entre Torés e Becerreá. Este percorrido, de non moita dificultade, transita entre centenarios castiñeiros e carballos, pasando a carón de castros da Idade do Ferro, castelos medievais, igrexas, fontes e muíños. Ao día seguinte, unha asociación de Cambre comunicounos que estarían encantados de acompañarnos na próxima marcha.

 
 
ALEGACIÓNS AO PLAN BÁSICO AUTONÓMICO

No Diario Oficial de Galicia do día 22 de decembro de 2017, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, por medio da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sacou a información pública o coñecido como Plan Básico Autonómico que ten por obxecto delimitar, entre outros, os bens patrimoniais dos concellos galegos. O período de alegacións para examinar o documento remata o día 22 de febreiro de 2018.

 

A importancia deste plan vén dada porque se pretende identificar, entre outros, todos os bens patrimoniais (arqueolóxicos, relixiosos, arquitectónicos, etnográficos, naturais, etc.) e as afeccións derivadas das distintas leis.

Que acontece se un ben patrimonial catalogado non aparece identificado? Pois, simplemente, non existe, o que pode provocar que sobre este ben ou na súa área de protección pódense acometer actuacións que o danen ou destrúan sen que pase nada.

Dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares vimos de comprobar as covas, mámoas, petroglifos, castros, pontes, castelos e escudos, igrexas e capelas dos seis concellos da comarca, detectando 187 bens que non aparecen, incluídos algún Ben de Interese Cultural. Tamén detectamos que se omiten algúns espazos naturais protexidos. En total revisamos máis de 500 bens patrimoniais.

Ademais da comarca, tamén fixemos a comprobación dalgúns xacementos arqueolóxicos noutros concellos da provincia: Antas de Ulla, O Corgo, A Fonsagrada, Guntín de Pallares, Friol, O Incio, Lugo, Monforte de Lemos, Negueira de Muñiz, Outeiro de Rei, Palas de Rei e Paradela, detectando 82 elementos aqueolóxicos que non figuran ou están mal situados. 

Descoñecemos se os Concellos revisaron o Plan e se van presentar alegacións, a lóxica dinos que si xa que é fundamental para a ordenación do seu término municipal e a protección do patrimonio. Ademais, cremos que terían que ser os Concellos, como partes máis directamente implicadas, quen deberan facer este traballo. Mesmo temos constancia de que hai Concellos co PXOM aprobado dende hai anos que non se actualiza, convertendo os Planeamentos nuns fósiles sen valor práctico.

Dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares presentamos un total de 269 alegacións para que se teñan en conta e se corrixan os erros e omisións detectados.
 
UNHA PUBLICACIÓN DO NOSO COLECTIVO

No mes de agosto de 2017, a Deputación Provincial de Lugo editou Historias, lendas e tradicións do concello de Cervantes, unha recompilación feita polo noso colectivo. Aínda que levamos recollidas arredor de 400, no libro achegamos unhas 100. Se ben inserimos as máis coñecidas, a maioría son inéditas e que fomos recollendo nos últimos seis anos.


PREMIO DE INVESTIGACIÓN DO CONCELLO DE CERVANTES

O día 21 de abril de 2017, o Concello de Cervantes, coincidindo coa celebración do Día do Libro (adiantouse dous días por caer en domingo), fixo entrega do Premio de Investigación "Cervantes Saavedra" que convoca cada dous anos. Esta é a terceira edición. A convocatoria fíxose pública no Boletín Oficial da Provincia de Lugo o pasado 19 de decembro. O prazo para entregar os traballos rematou o 28 de febreiro.

O traballo tiña que incluír, ao menos, a descrición xeográfica e hidrográfica do término municipal de Cervantes, os monumentos megalíticos, petroglifos, castros, asentamentos, minas e vías de época romana, o monacato, o feudalismo, os foros, a desamortización, a Guerra da Independencia, as Guerras Carlistas, o agrarismo, a emigración, a represión da ditadura franquista, a arquitectura civil e relixiosa, etnografía, folclore, lendas, tradicións, toponimia, actividade socio-económica, etc. Moita tea para prazo tan cativo.

Malia dificultade para facer unha Historia de Cervantes (diso se trataba), a documentalista Pilar Carpente máis eu decidimos poñernos mans á obra. Os centos de quilómetros percorridos ao longo de cinco anos polo municipio resultaran frutíferos. 
  
Uns días antes de expirar o prazo rematamos, sorprendidos polos case 500 folios que conseguiramos encher. Non fora unha tarefa fácil, pero aínda que non resultaramos gañadores, merecera a pena. 

O día 11 de abril comunicáronnos que o xurado, por unanimidade, decidira outorgar o premio á obra Cervantes, un concello con historia. O noso traballo. Traballo que quedaría orfo se non for polas persoas que ao longo dos anos nos acompañaron e guiaron ata os sitios, contáronnos historias, facilitáronnos documentación... Vaia para elas o noso agradecemento. 
Nos vindeiros meses publicarase o libro.

  

NA V FESTA DA INVOLUCIÓN EDUCATIVA

Un ano máis (e van cinco), a Anpa do CPI de Cervantes organizou a Festa da Involución Educativa. Unha fermosísima xornada na defensa do rural celebrada no castelo de Doiras (Cervantes) para esixir, nun ambiente festivo pero reivindicativo, un futuro mellor para as vindeiras xeracións, para impedir, en definitiva, que isto morra.

Ás 10 da mañá, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares tivemos a honra de actuar como guías ata o recentemente descuberto asentamento do Teso do Castelo. Ás 12:30, Helena Villar Janeiro falounos de porqué hai que valorar Os Ancares. A partir das 4 da tarde, coa xente de Son de Cores, Os Xardois e Os Gaioleiros cantamos e bailamos. Pecharon a xornada os cantautores Mini e Mero. E cunha frase destes imos quedar: "A resistencia existe, e a proba sodes vos", dirixida a nenas e nenos, veciños e veciñas, ensinantes, xentes de Cervantes e de fóra do concello... alí presentes.

O noso agradecemento e admiración á Anpa e a tod@s @s asistentes pola súa loita. 

A pesar de todos os pesares, RESISTIREMOS!

 






VI ENCONTROS EN CERVANTES

O día 9 de agosto de 2017 celebráronse en San Román de Cervantes os VI Encontros de Artesanía, organizados pola Anpa do CPI que leva anos defendendo un ensino de calidade na montaña. No pavillón do colexio instaláronse postos de artesanía, produtos da terra, exposición de pinturas, etc. Houbo actuacións musicais e xogos de billarda. Os do Colectivo Patrimonio dos Ancares agasallamos aos presentes cun libriño de Historias, lendas e tradicións do concello de Cervantes, editado pola Deputación Provincial de Lugo, que se agotou en pouco tempo. Proximamente recibiremos unha nova fornada para que ninguén se quede sen el. Tamén fixemos uns dípticos cos mapas de situación das mámoas de Savane-Pena dos Mouros e dos petroglifos da Campa do Barreiro, os primeiros localizados na comarca dos Ancares.


XORNADAS DA SOCIEDADE GALEGA DE PASTOS E FORRAXES

Os días 25 e 26 de novembro de 2016, celebráronse unhas xornadas en San Román de Cervantes organizadas pola Sociedade Galega de Pastos e Forraxes. O noso colectivo foi invitado, impartindo unha charla baixo o título de "A importancia do Patrimonio Arqueolóxico na montaña lucense".

  
 

COA ASOCIACIÓN TEENSES POLA IGUALDADE

O día 12 de novembro de 2016, integrantes da asociación Teenses pola Igualdade, de Teo, achegáronse ata a comarca dos Ancares. Lamentablemente, a mesta néboa impediulles disfrutar como sería de desexar da expléndida paisaxe. Á anoitecida, no salón do Hotel Residencia Os Ancares de Becerreá, Xabier Moure faloulles da impresionante pero pouco coñecida riqueza monumental, así como do pouco valorado e do estado de abandono en que se atopa o patrimonio da comarca.
    
Ao día seguinte, o compañeiro Jordi Ráfols, historiador que vai para un ano está a recompilar información sobre o castelo de Doiras, guiou ás visitantes pola fortaleza medieval. 

Teenses pola Igualdade aproveitaron para queixarse do trato recibido cando visitaron as pallozas do Museo Etnógrafico de Cervantes, a persoa que enviou o Concello, ademais de non darlle a máis elemental información, amosou en todo momento unha actitude que queda moi lonxe de seren cordial. O luns xa falamos co alcalde para trasladarlle a queixa, cominándoo a que tome medidas para que isto non se repita.

 

RESERVA DA BIOSFERA OS ANCARES LUCENSES 

O día 27 de outubro de 2016, con motivo do décimo aniversario da declaración dos Ancares Lucenses como Reserva da Biosfera, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares, invitados pola Deputación de Lugo, asistimos á reunión deste órgano do que forman parte a propia Deputación, os Concellos de Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna, as Anpas e as asociacións e colectivos da zona. Previamente a esta xuntanza, a responsable da Área de Medio Ambiente da Deputación púxose en contacto con nos para que participaramos neste órgano. Daquelas manifestámoslle a nosa colaboración sempre que isto non se limitara a celebrar aniversarios e gabarse das medallas para saír na foto, e ata a próxima. A verdade é que saímos esperanzados da reunión ao ver que, ao menos dende a Deputación, a súa disposición a involucrarse na dinamización da zona vai máis alá de simples declaracións de intencións. Tanto daquelas como hoxe mesmo, dende Patrimonio dos Ancares comprometémonos a participar, de forma desinteresada, no órgano. Non vou a enumerar aquí todas as nosas peticións nin as do resto das compañeiras e compañeiros (haberá tempo), pero tanto a Deputación como os alcaldes dos Concellos de Cervantes e de Navia de Suarna (de Becerreá, descoñecemos porque motivos, non asistiu ninguén) pedíronnos, pola parte que nos toca, que confeccionaramos unha guía para dar a coñecer a súa riqueza monumental, así como facer unha proposta para, pouco a pouco, valorizar e sinalizar aqueles monumentos máis significativos. Tamén lle achegamos a nosa proposta sobre a Vía Romana XIX.
  
No noso colectivo tivemos un pequeno debate sobre a conveniencia de participar ou non neste órgano institucional, gostamos de andar á nosa bóla, sen demasiadas normas. Pero pola nosa banda que non quede. 

 
 
 

O día 13 de decembro tivemos unha nova reunión. Aprobouse unha nosa petición de sinalizar varios sitios arqueolóxicos situados nos concellos da Reserva. 

Despois de transcorrido algún tempo, dende o noso colectivo queremos salientar que a pesares das dúbidas iniciais canto á operatividade deste órgano, estamos a constatar que a Deputación Provincial está realmente interesada en que funcione, disposta en todo momento a atender as suxerencias e peticións dos Concellos e asociacións, disposición, debemos confesalo, ao que non estamos habituados por parte das Administracións Públicas.
 
CON ROXÍN ROXAL POLA CAMPA DO BARREIRO 

O día 22 de outubro de 2016, máis de 60 persoas da Asociación Roxín Roxal, da comarca de Betanzos, e do Colectivo Patrimonio dos Ancares achegámonos ata a Campa do Barreiro, no concello de Cervantes, situada a 1.100 metros de altitude, onde visitamos os primeiros petroglifos descubertos na comarca ancaresa, a lendaria Fonte dos Namorados e outro patrimonio etnográfico relacionado con antigas formas de vida dos seus habitantes. 

Esta andaina forma parte dos “Roteiros de outono” que baixo a denominación de “Escrito na pedra” permitiron coñecer as gravuras rupestres da Idade do Bronce de Vilarmaior, Oia e esta última da Campa do Barreiro.

Dende eiquí queremos manifestar o noso agradecemento á xente de Roxín Roxal por agasallarnos coa súa presenza, ademais de felicitalos pola súa frutífera andaina na defensa e divulgación do patrimonio de Galicia dende a súa constitución como asociación da que pronto se van a cumprir 10 anos.  

 

A DESTRUCIÓN DO PATRIMONIO EN VTELEVISIÓN

O sábado, 26 de marzo de 2016, ás 22 horas, emitiuse un documental en VTelevisión sobre o lamentable estado en que se atopa o patrimonio monumental en Galicia. Todos os intervenientes coincidimos en subliñar o desleixo ao que está sometido por parte das administracións pública.


CELEBRACIÓN DO SAN CIDRE EN BECERREÁ

O día 13 de maio de 2016 conmemoramos en Becerreá cun xantar a festa do San Cidre Labrego. Elixiuse o venres porque o propio día, o 15, caía en domingo.

A iniciativa da celebración partiu hai tres anos dos funcionarios e das funcionarias da oficina agraria de Becerreá. O xantar, a base de produtos da comarca (chourizos, empanada, carne de porco e de vaca, queixo, mel, etc) e cociñado in situ, está aberto, non só a labreg@s e gandeir@s senón a todas aquelas persoas que desexen pasar unhas horas en agradable compañía. 

De ano en ano aumenta a asistencia, neste xuntámonos arredor dun cento de persoas.
 

A FESTA DAS ÁNIMAS DO PURGATORIO

Ata finais dos anos sesenta do pasado século XX, cada 15 de xaneiro celebrábase en Ouselle (Becerreá) a Festa das Ánimas do Purgatorio. Se ben dende eses anos xa non se celebra a festa tal como a entendemos (gaiteiros, etc.), non se perdeu totalmente a tradición xa que, o día 15, ademais dos actos relixiosos (misa), familiares, amigos e veciños xúntanse para xantar ou cear a base de cachuchas, chourizos, botelos, etc. dos porcos sacrificados na última matanza. En tempos, as casas mesmo competían por invitar á mesa á xente importante de Becerreá: xuíz, alcalde, médico, cura, etc. para pidirlle algún favor se fose necesario.

Cando nos interesamos pola orixe da festa, ninguén nos soubo contestar con exactitude, asegurándonos só que viña de antigo.

Hai uns meses, cando andabamos a buscar información sobre a Vía de Künig (variante do Camiño Francés a Santiago), chegou ás nosas mans unha tese inédita do ano 1957, que baixo o título Notas sobre el arte en Becerreá, fixera a mestra Guadalupe Pardo González, máis coñecida como dona Lupita, falecida hai poucos anos. Dirixiulle o traballo don Ramón Otero Túñez, que fora catedrático de Historia da Arte na Universidade de Santiago e decano da Facultade de Filosofía e Letras, autor de varias obras sobre a arte galega, entre outras o estudo do coro pétreo do Mestre Mateo da catedral compostelá.

Foi entón cando demos cunha Bula do papa Clemente XI, escrita en latín, en favor da igrexa de Ouselle onde se concedían xubileos e indulxencias á Confraría das Ánimas do Purgatorio. Segundo o documento, a confraría estaba formada por homes e muleres, concedendo (traducimos literalmente o texto latino) "a todos, e calquera fieis de Cristo de ambos sexos, que verdadeiramente arrepentidos e confesados que entraren en dita Confraría... visitaren devotamente a dita igrexa o día quince de xaneiro da Festa principal, dende as primeiras vésperas ata posto o sol de dito día da Festa de cada ano, e nela pidiran... a extirpación das herexías, a conversión dos herexes e infieis, e pola paz, unión e concordia dos Príncipes cristiáns, e pola saúde do Pontífice Romano, indulxencia plenaria e remisión de todos os pecados, e concedémola pola autoridade Apostólica perpetuamente". O texto continúa relatando outras formas de acadar as indulxencias por parte dos integrantes da Confraría: intervir en procesións, asistir aos enterros, acompañar ao cura cando lle ía dar a extremaunción a un moribundo, ao que acollera na súa casa peregrinos pobres, etc.
O documento data do día 13 de xaneiro do ano 1704.

Da Bula despréndese que a Confraría xa levaba anos constituída, e que o día 15 de xaneiro celebrábase a festa que, ao menos, ten unha antiguidade de máis de 300 anos.

A veneración ás ánimas goza de moita tradición na comarca dos Ancares. Críase, por exemplo, que cando unha persoa estaba gravemente enferma escoitábse un sinistro redobre de tambor, o coñecido como "tambor da morte", que anunciaba o pasamento do doente ao Máis Alá. En moitas casas aínda coidan de non varrer a casa pola noite, porque se lles dá para atrás ás Ánimas, impedindo que se quenten xunto o lume. Tamén está a coñecida como Ánima Soila, que é a crenza de que para cada persoa existe unha alma illada ou soa, que esperta oportunamente ao que durme e que ten que cumprir cedo algunha obriga ou emprender unha viaxe, bastando rezarlle un Painoso a véspera; de todos os xeitos, non falta quen asegura que non se lle debe rezar á Ánima Soila porque é o mesmo demo.

É probable que esta festa teña unha orixe pagá, que se celebra despois do solsticio de inverno e pouco antes do Entroido onde a comida xoga un papel fundamental.

Este ano 2016, un grupo de persoas celebrámolo ceando no restaurante Vila de Becerreá.

 

ENTREVISTA EN V TELEVISIÓN: ANCARES, PATRIMONIO EN PERIGO

O día 30 de xuño de 2015, o Colectivo Patrimonio dos Ancares fomos entrevistados nos informativos da noite de V Televisión.



DÍA DO LIBRO 2015 EN CERVANTES 

O 23 de abril, o alcalde de Cervantes, don Benigno Gómez Tadín, invitoume a pregoar o Día do Libro, efeméride que dende hai anos se conmemora neste fermoso concello da comarca galega dos Ancares. Como non podía ser doutro xeito, e en nome do colectivo Patrimonio dos Ancares, aceptei sen dubidalo xa que nos consta que unha das teimas de Benigno é poñer en valor e dar a coñecer o inxente patrimonio cultural do municipio. E abofé que está a conseguilo.

Ao acto, ademais do alcalde e dos representantes das distintas administracións públicas (estado, autonómica, provincial e local), asistiron asociacións, veciños, funcionarios do Concello e o profesorado cos alumnos e alumnas do CPI de Cervantes e do Colexio de Doiras.
Antes do pregón, varios alumnos e alumnas recibiron un agasallo. A miña charla xirou arredor do patrimonio inmaterial: das historias, lendas, ritos e tradicións que ao longo dos séculos protagonizaron e teceron os habitantes destas incomparables montañas.

Vaia dende aquí o noso agradecemento. Só desexamos que dentro de cen anos, tanto no concello de Cervantes coma nos do resto da comarca, continúen a abrollar historias, lendas, ritos e tradicións, sería a proba inequívoca de que esta fermosa terra conseguiu vencer a sangría demográfica que a asola hoxe en día.

As fotos do acto son dun fotógrafo ocasional pero de luxo, dunha das persoas que máis estudos teñen realizado sobre a historia e os monumentos da comarca: o escritor e investigador Luis López Pombo.



 

AGRADECEMENTO A ANTONIO REIGOSA E A HELENA VILLAR JANEIRO

O día 10 de marzo de 2015 tivemos a honra de acompañar a Antonio Reigosa e á ilustradora Noemí López á presentación, na librería Trama de Lugo, do seu libro Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías. De entre as historias e lendas seleccionadas por Reigosa, elixiu unha recollida polo noso colectivo no concello de Cervantes: A Fonte de María de González.



Tamén neste mes de marzo, o blogue Tirar de Fío, de Helena Villar Janeiro, foi nominado para Black Wolf Blogguer Award por Emilio Valadé del Río (Paseante silencioso). Tirar do fío considerou nominar unha quincena de blogues, entre eles o do noso grupo Patrimonio dos Ancares.



Vaia dende aquí o noso máis agarimoso agradecemento para Helena e para Antonio por axudarnos a divulgar o vizoso patrimonio material e inmaterial desta marabillosa comarca.

DE FORNADA EN TORÉS

O día 24 de abril asistimos a unha fornada na casa de Eladio, en Torés (As Nogais). A expericencia foi fermosa. Aínda que debemos de recoñecer que tampouco lle fixemos noxos cando nos sentamos á mesa para dar conta das saborosas viandas: empanada, costela e pan recén cocido adobado con zuce e aceite.




NA II FESTA DE INVOLUCIÓN EDUCATIVA 

O domingo, día 7 de setembro de 2014, tivo lugar no castro de Santa María a II festa de involución educativa, organizada pola ANPA do CPI de Cervantes e coa colaboración do CDR Ancares e o Concello de Cervantes. O motivo da celebración desta xornada lúdico-reivindicativa, que vai pola segunda edición, foi para esixir un ensino público de calidade e contra os recortes en educación e polo futuro da Montaña Luguesa.

A ameaza de choiva (e a propia choiva) non desanimou aos participantes, que comezaron a xornada cunha camiñada dende a capital municipal, San Román, ata o castro de Santa María. Xa no idílico entorno, formado polo xácigo castrexo, a igrexa románica e unha paisaxe de fermosura inigualable, encomezaron os actos dentro do restaurado templo coa actuación duns monicreques que correu a cargo de Monicreques e Títeres. Despois do xantar, continou a festa coas actuacións musicais de Son de Cores de Becerreá, Eudomónicas de Lugo e Os Xardoais de Doiras. De seguido, o que isto escribe, tivo a honra de seren invitado para dar unha charla sobre o patrimonio arqueolóxico da comarca.

Dende o Grupo de Acción Cultural Patrimonio dos Ancares, queremos agradecer ás organizadoras e aos organizadores, ás veciñas e aos veciños e aos cativos e ás cativas esa impagable teima por loitar para poñer en valor unha comarca esquecida, unha terra, en definitiva, que se nega a morrer.

Iniciativas que sempre contarán coa colaboración do noso colectivo.




PREGÓN DA IX FEIRA DA EMPANADA DAS NOGAIS

O día 25 de maio de 2014 celebrouse a IX Feira da empanada das Nogais. O Concello, por medio do seu alcalde, tivo a deferencia de invitarme a ler o pregón, lea na que me meteron mais que lle agradecín por elixirme para pregoar un evento que ano tras ano está a consolidarse como un referente dentro das celebracións lúdico-gastronómicas de Galiza.

 

"Bos días a todos e a todas. En primeiro lugar quero agradecerlle ao Concello das Nogais e ao seu alcalde a deferencia por me invitar a pregoar esta IX Feira da Empanada.

Neste mes de maio, pecisamente, cúmprense tres anos dende a miña chegada á comarca dos Ancares. Aínda que non son natural da comarca, e nin sequera da provincia de Lugo, as miñas andainas por estas terras veñen de vello. Dende principios dos anos noventa do pasado século creo lembrar que non pasou un ano sen que me achegara por aquí, andainas que agora se converteron en case diarias o que me está a permitir coñecer tanto as súas terras como as suas xentes.

Cando o señor alcalde me propouxo ler o pregón deste ano, a miña primeira intención foi a de facer un percorrido pola máis antiga historia do concello, historia, polo demais, que aínda está por escribir. Mais axiña considerei que a plática sobre o tema puidera resultar un chisco tediosa, por non dicir aburrida, nunha xornada de lecer como a de hoxe. Matianando no asunto, pregunteime porque non falar, entón, de gastronomía, ao fin e ao cabo é o que estamos a celebrar.

Cando digo "falar de gastronomía" non me estou a referir a como se preparan as viandas, xa que, ademais dunha ousadía pola miña parte, de seguro que carrexaría as gargalladas dos presentes ao decatárense de que non teño, a pesares do interese que poño cando cociño, nin idea. Outra cousa moi distinta é, claro está, se se trata de comer... aí si me considero un experto.

Falar de gastronomía en Galiza non é só facelo dos numerosos e espléndidos manxares que temos na nosa terra, senón que se trata de toda unha cultura, de algo que vai máis alá de comer por comer. Poucas parroquias hai en Galiza que non teñan a súa festa, ben sexa adicada ao patrón ou para enxalzar algún que outro acontecemento como, no presente caso, a empanada.

Como ben sabemos, non existe romaría no noso país que non teña o seu punto culminante no xantar que ten lugar despois dos actos, relixiosos ou non, que reúnen a centos de persoas arredor das suculentas viandas. Sexan uns ou os outros, a comida e a bebida actúa como eixo vertebrador da convivencia entre os comensales. E non só nos momentos de lecer ou de troula. Ata épocas ben recentes, era habitual ofrecerlle de comer aos que velaban os defuntos nas casas, e tamén despois do enterro.

Non vou a falar eiquí de todos os pratos que deron e dan fama a Galiza, cumprirían moitas horas para enumeralos todos, así que vou a referirme a dous alimentos senlleiros da nosa terra.

Para comezar, permítanme facer unha pequena homenaxe a unha das árbores que identifican tanto a comarca dos Ancares como ao concello das Nogais: o castiñeiro, árbore, pola súa importancia, que ben podería, xunto co carballo, figurar no escudo de Galiza. Que foi importante podémolo comprobar polos nomes de lugar que inzan a nosa xeografía, sen ir máis lonxe, no municipio das Nogais, na parroquia de Santo André, temos a aldea das Castiñeiras, ou o monte coñecido como Teso dos Castiñeiros. Dise que o castiñeiro chegou a Galiza traído polos romanos, se ben investigacións recentes confirman que xa poboaban os nosos montes moito antes, hai máis de 2.500 anos, na época dos habitantes dos castros da Conca, de Nullán, Sinllán, Castelo, Noceda, Chao do Couso, Vilabol, Fonte do Cando, Torés, Vilaesteva ou Vilavexe; o froito, a castaña, nome que deriva de Kastana, cidade grega do Ponto onde se cultivaba, tivo grande importancia antes da chegada da pataca no século XVI procedente de Perú e Chile. Ata ben entrada a segunda metade do século XX, a castaña foi indispensable na subsistencia da maior parte das familias dos Ancares, que se complementaba con carne de xabarín, corzo, porco, etc., e tamén cocidas, con leite ou asadas; as pequenas utilizábanse para o engorde dos animais, e as que caían no camiño non se recollían, deixándoas para os pobres e os peregrinos. 

Non vou a ser eu quen lle dea leccións sobre os castiñeiros á xente da comarca, mesmo, antes de vivir eiquí, ignoraba que hai varios tipos, distinguíndose, ao menos, cinco clases que levan o nome de "o bravo", "da parede", "da coruxa", "marelás" e "de cebola". Así entereime que cando os castiñeiros estaban plantados en terreos comunais, cada propietario, para recoñecer a súa propiedade, facíalles unha marca, ou que cando se compraba ou vendía escriturábase como unha propiedade máis. Canto ao froito, a castaña, din que non se poden deixar caer soas da árbore porque podrecen antes, é preciso varexalas para que se conserven máis tempo e para que o castiñeiro se fortaleza e colla máis forza para a súa reprodución.

Ademais, o castiñeiro actuou, ata non hai moito, como espazo sagrado, vinculado á morte. No cercano municipio de Navia de Suarna, na parroquia de Rao, era costume cravar unha cruz de madeira no coñecido como Castiñeiro das Cruces cando pasaba un enterro polo camiño da igrexa. O mesmo acontecía con outros castiñeiros situados nas aldeas de Murias, Meda e Robledo.

Canto á empanada, pouco se sabe sobre a súa orixe, aínda que si coñecemos que na antiga Persia, varios séculos antes de Cristo, cociñábase un prato que podía ter bastante semellanza coa empanada actual. Segundo documentos árabes, foron os gregos os que deron a coñecer a masa da empanada en Occidente; tratábase dunha especie de pasta, denominada philo, especial para poder introducirlle un recheo coas máis variadas viandas. Esta pasta era moi apreciada pola súa textura, cruxiente e fina unha vez pasada polo forno.

O coñecemento da empanada na Península parece ter a orixe hai un 1.300 anos, coa chegada dos árabes que preparaban unha especie de empanadilla de trigo rechea con carne de cordeiro, así como outros tipos, tanto doces como salgados. Foi tanto o éxito que chegou a evolucionar en infinidade de variantes, entre elas a empanada tradicional galega que nun principio elaborábase con pan de millo e logo con trigo e outros cereais. Segundo a lenda, os peregrinos sabían da súa cercanía a Santiago de Compostela ao ulir o inconfundible aroma a pan, vieiras e empanada. Foron eles os que deron a coñecer a todo o mundo as excelencias da empanada galega. O Meste Mateo, o artífice do inigualable Pórtico da Gloria da catedral compostelá, esculpiu no Pazo do arcebispo Xelmírez, no século XII, unha figura que ten nas mans o que se identifica como a primeira representación dunha empanada galega.

Na Idade Media, a preparación da empanada facíase, sobre todo, para consumo de pastores e peregrinos. Diversos alimentos previamente cociñados como ovos, carnes, mariscos, etc., metíanse nun oco feito nunha bóla de pan bastante grande previamente forneada. Co paso do tempo pasouse a fornear directamente a masa de pan co recheo dentro, como se fai na actualidade, o que lle dá ese sabor tan característico.

A empanada é, en definitiva, un dos símbolos da mellor cociña galega, saborosa e farturenta, sexa de millo, trigo ou outros cereais, rechea de polo, ameixas, bacallau, carne de porco, roxóns, chourizos ou bonito. Daí que estea considerada como o alimento galego máis universal, que se consume en calquera época do ano e imprescindible en toda celebración que se prece.

E para rematar, gustaríame que iniciativas como esta, sirvan para dar a coñecer e dinamizar a comarca dos Ancares galegos e poñela en valor. Unha comarca, que se non o remediamos, está condenada ao esquecemento. 

Moitas grazas a todas e a todos".

MUSEO PARA BECERREÁ

No mes de febreiro de 2011, o Ecomuseo de Arxeriz, en O Saviñao, ante a falla de espazo no Museo Provincial de Lugo, ofreceuse para acoller as pezas atopadas nas escavacións arqueolóxicas realizadas dende o ano 2006 nos xacementos paleolíticos do Val de Lemos, Triacastela e Becerreá. O museo, privado, pertence á Fundación Xosé Soto de Fión.

Segundo anunciaron os responsábeis da fundación non existe ningún impedimento legal para custodiar os materiais e mostralos ao público, só é preciso que a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago se amosen conformes coa iniciativa. De feito, hai museos, tanto de iniciativa pública como privada, que acollen material arqueolóxico de distintas épocas. Ademais do Museo Provincial, temos o Museo Comarcal da Fonsagrada, creado no ano 1984, que custodia pezas do megalitismo, da cultura castrexa e da romanización; o Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba que, ademais de achados doutras épocas, conserva mostras de industrias líticas do Paleolítico atopadas en Vilalba, Guitiriz, Muras, Ourol...

Ademais do museo do Saviñao, no mes de abril de 2011, persoas do futuro Museo Xeolóxico de Quiroga (hoxe xa unha realidade) contactaron con responsábeis de investigación dos xacementos paleolíticos do sur da provincia de Lugo, que coordina a Universidade de Santiago, para tentar expoñer de forma permanente algunhas mostras de material prehistórico atopadas no municipio, entre outros as pezas paleolíticas da parroquia da Ermida.

Segundo os arqueólogos da USC, a iniciativa podería levarse a bo termo se se obtén o permiso da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Se ben é certo (como sinalou o director do proxecto de escavacións, o profesor Fábregas Valcarce) que a musealización dos materiais non poderá ser a curto prazo (hai que esperar a que os investigadores rematen de estudalos), si sería posible seleccionar unha parte das pezas e cedelas aos museos. A respecto disto, o arqueólogo Gonzalo Meijide, da Dirección Xeral do Patrimonio en Lugo, dixo que non existen trabas legais que impidan a súa cesión (La Voz de Galicia do 10 de marzo de 2011).

Visto o anterior, a ninguén se lle escapa que hai concellos interesados en potenciar a oferta turística por medio de iniciativas  que, cada volta, atraen a máis público. Fuxindo de arcaicas patrimonializacións de algo que é de todos, non sería moi normal que o material extraído de Valdavara, por exemplo, fose exposto nunha área xeográfica tan alonxada como poden ser O Saviñao ou Vilalba. Ademais do Paleolítico, no municipio contamos con outras mostras culturais que poden completar o museo: Megalitismo, Cultura Castrexa, Romanización, material etnográfico...

A respecto do anterior, o Partido Popular (PP), o día 22 de setembro presentou un escrito no Pleno do Concello, na parte de Rogos (creo que debera ir como Moción xa que deste xeito non compromete a nada), para a creación dun museo municipal. Aínda que todos os grupos políticos estiveron de acordo, o voceiro do Partido Socialista (PSOE) dixo, e non sen razón, que montar unha instalación destas características é moito máis complexo do que poida parecer (conservación dos materiais, mantemento...). O voceiro do Bloque Nacionalista Galego (BNG) entregou un escrito na liña do que reflicto máis arriba, sinalando o interese doutras entidades de fóra de Becerreá para musealizar os achados do xacemento paleolítico de Valdavara. O mesmo voceiro pediu que ao escrito do PP se lle engadise a participación da Xunta de Galicia (en realidade é a única que ten competencias no tema) xa que no mesmo só figuraba solicitar o apoio da Deputación Provincial. 

Se ben é certa a argumentación manifestada polo representante do PSOE, tamén o é que na provincia de Lugo e no resto de Galiza hai concellos que contan con museo propio, e que funcionan e atraen a centos de visitantes. Coido que merece a pena.

CEIP "SAN XOÁN" DE BECERREÁ

A petición da ANPA do CEIP, realizamos un pequeno artigo titulado Percorrido histórico polas terras de Becerreá onde falamos do vizoso, aínda que descoñecido, patrimonio arqueolóxico, nomeadamente mámoas e castros, esparexido polo municipio.

 

CHARLA NO CPI "DANIEL MONJE" DE NAVIA DE SUARNA

No mes de maio de 2013, invitados polo CPI "Daniel Monje" de Navia de Suarna, tivemos a honra de participar cunha charla sobre a riqueza arquelóxica do concello no trimestre adicado aos países celtas e á cultura prehistórica, achegando tamén un artigo na publicación Sendiñela sobre O Megalitismo no concello de Navia de Suarna, editada polo propio centro.

 

VIAXE EMOCIONAL Á PORTA DOS ANCARES

Proposta encamiñada a pór en valor os saberes e os valores tradicionais vencellados ao medio rural. A iniciativa, posta en marcha por algunhas profesoras do CEIP de Becerreá (que contaron coa colaboración de colegas chegados doutras partes de Galiza) e por un bo número de nais e pais de alumnas e alumnos, desenvolveuse durante o mes de xullo de 2013 onde os cativos coñeceron as formas de vida das xentes de Eixibrón, Guilfrei, Armesto e Vilouta e no que os veciños se involucraron activamente achegando todo o seu (enorme) saber. Tamén houbo tempo para retroceder ao máis remoto pasado. Nas covas de Valdavara contaron coa inestimable presenza dos investigadores Manuel Vaquero e Susana Alonso (Susana, filla do descubridor alá polos anos sesenta do pasado século das covas, foi a que impulsou, non sen poucos esforzos, as escavacións), e en Vilouta, o que isto escrebe, tivo o pracer de falar dos enterramentos megalíticos e dos castros que poboan o concello de Becerreá. O interese amosado polos cativos, impresionante, o dos pais e ensinantes, un auténtico exemplo.


ROTEIRO POR BECERREÁ

O día 24 de novembro de 2013, organizado por ADEGA, fixemos un roteiro por Becerreá. Como ocasional cicerones, os do Colectivo Patirmonio dos Ancares tivemos o pracer de guiar a medio cento de persoas pola Cova dos Mouros, o castro de Vilar de Ousón, aldea do mesmo nome, pola ponte de Cruzul e algún outro lugar. A xente, a maioría de fóra, quedou encantada e co desexo de repetir.


 

A COMARCA DOS ANCARES NO ANURARIO FOL DE VELENO 

No anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza 2013, Fol de Veleno, publicado pola Sociedade Antropolóxica Galega, escribimos un artigo sobre as Tradicións e lendas sobre a morte na comarca dos Ancares. Ademais pódese desfrutar doutros quince traballos achegados por especialistas e investigadores.