* O misterio do relevo de Salcedo

  

Foi a mediados dos anos noventa cando vin na hospedaría do Cebreiro unha pedra gravada cuns curiosos motivos. Cando me interesei pola peza, contáranme que era a copia dun petroglifo cuxo orixinal fora reaproveitado como lintel dunha palloza na aldea de Salcedo, no concello da Pobra do Brollón. Cando o atoparon graváronlle a data de 1952 que aparece na parte superior esquerda. Ao parecer había algunha copia máis por aí, ao menos unha en Barcelona e outra en Sevilla.

Na superficie da pedra, cunhas medidas aproximadas de 80 x 40 centímetros, obsérvanse dous homes montados en cadanseu cabalo. Sobre o ventre dos cuadrúpedes, coas catro patas e o rabo perfectamente marcados e mirando un cara o outro, vense senllas espadas gravadas. Os cabaleiros miran cara o observador da peza, carecen de extremidades inferiores, apreciándose nidiamente o tronco do que saen os brazos extendidos en cruz, cos dedos das mans claramente definidos, e cabeza redonda co nariz e os ollos esculpidos. Sobre o peito dun dos xinetes vese un círculo cruzado por catro liñas, e debaixo do brazo esquerdo un cadrado cunha aspa. Completan o panel outro animal (un can?), unha espada e outros símbolos de difícil interpretación, ademais da data citada.

Sen outros datos ao meu dispor, documenteino no meu blog onosopatrimonio e logo neste do noso colectivo.

Sorprendentemente, recoñezo, non volvín a interesarme pola peza ata o día 18 de novembro de 2015 (uns vinte anos despois!), grazas a unha chamada de Francisco Albo, de La Voz de Galicia, quen me preguntou sobre ela.

Dous días despois, para emendar a neglixencia, lisquei cedo para Salcedo, con tan boa sorte que dei coas persoas adecuadas que sabían toda a historia. O meu principal informante foi don José Rivera que ten a casa xusto pegada á do lugar de procedencia da pedra orixinal coas gravuras.

A historia que me contou defire substancialmente dos escasos datos que posuía. Don José díxome que a pedra apareceu no ano 1951, nos alicerces dun antigo curral cando o estaban a derrubar. Os gravados miraban cara o interior e estaban do revés. Durante un tempo estivo tirada no sitio, ata que ao ano seguinte foi reaproveitada na fachada principal da casa cando foi arranxada. O albanel, para "conmemorar" a restauración da vivenda, gravoulle a data de 1952. Alí permaneceu ata arredor do ano setenta en que os propietarios a venderon por unhas 15.000 pesetas. E de alí, para O Cebreiro, para a hospedaría de San Xiraldo de Aurillac que é onde eu a vira.

 

Cando lle preguntei a don José se sabía onde fora a parar o orixinal, contestoume que era o que se atopaba no Cebreiro, feito que puído comprobar no ano 1998 cando foi á romaría do Santo Milagre. Non tiña dúbida ningunha, como amigo e veciño dos propietarios da casa (coñecida como Casa dos Currais), axudara a derrubar o antigo curral que, segundo el, tiña centos de anos. O mesmo me asegurou outra veciña que tamén a vira cando a atoparon e despois no Cebreiro. Don José Rivera contoume que cando trasladaran a pedra para a fachada, o albanel, ademais de gravar a data, "retocara" as gravuras para realzalas.

 

Para aclarar definitivamente o misterio, o día 28 do mesmo mes, Suso, un veciño de Barxamaior, acompañounos a Sergio Fernández e a min para falar cos actuais propietarios quen nos confirmaron que se trataba da peza que viñera de Salcedo. Contáronnos que o comprador fora o seu tío, don Elías Valiña Sampedro, o Cura do Cebreiro, que xunto con Chamoso Lamas impulsou a restauración do poboado e da igrexa do Cebreiro e recuperou o Camiño Francés de Santiago.

A hospedaría pechou, e a pedra coas gravuras, lamentablemente, non está exposta ao público.

Canto a se a peza está completa, descoñecémolo, se ben cremos que era sensiblemente máis grande. Sobre a súa procedencia é imposible sabelo, ata que se atopou no ano 1951 ignorábase a súa existencia. Procedería dalgún dos catro castros que hai na parroquia de Salcedo: Domiz, O Pereiro, A Roda do Castro ou Beirán? O que si dá a impresión é que a pedra foi primeiro cortada, preparada e logo gravada. Non se trataría, polo tanto, duns motivos realizados nunha pedra que formara parte dun afloramento onde adoitaban gravarse os petroglifos galegos. Os motivos de Salcedo difiren substancialmente das representacións ao aire libre da Idade do Bronce en que as esceas de monta son moi esquemáticas; o mesmo acontece coas figuras humanas. En troques, nas representacións de Salcedo móstranse unhas figuras ben definidas, doadas de identificar. A frontalidade das figuras dos cabaleiros con cabeza redonda, onde destacan os ollos globulados, seméllanse moito ás representación das cabezas do Noroeste, así como o círculo insculpido sobre un dos persoeiros que podería facernos pensar nun escudo tipo caetra. Nos petroglifos galegos, as armas (espadas neste caso) sempre aparecen soas ou empuñadas. Polo tanto habería que desbotar a súa pertenza a un período anterior ao século I a.C.

Pero, e se o círculo non é a representación dun escudo tipo caetra e se trata, como ben me apuntou o arqueólogo André Pena Graña, dunha roda solar? Esta representación dun círculo cos eixos orientados a todos os puntos cardinais é unha evolución do círculo simple dos petroglifos que estivo presente en todas as culturas europeas da Idade do Bronce. A cruz celta tamén é unha evolución cristiá da roda solar. Pero as rodas solares tamén son bastante frecuentes durante o período romano. Por citar algúns exemplos en Galicia, vense rodas solares nas estelas de Recebés (Coirós), Mazarelas (Oza dos Ríos) ou da rúa de Pontevedra de Vigo, datadas arredor do século III d.C.

Pero hai máis. E se ese círculo cos eixos fose un crismón pero sen as letras gregas da abreviatura do nome de Cristo e outros elementos como alfa e omega? Constantino converteuno en emblema do seu exército (dise que despois dun soño). O crismón foi moi importante na iconografía dos templos románicos onde en varios casos só vemos o círculo cos eixos e sen letras. O crismón era un símbolo de protección e de triunfo do cristianismo sobre o paganismo. Por outra banda, debaixo do brazo esquerdo do cabaleiro aparece un cadrado cunha aspa no interior que nos fai pensar na coñecida como Cruz de Santo André que simboliza ao guerreiro invisible.

Atendendo á morfoloxía da peza (foi cortada e preparada para logo facer as figuras) e á perfección dos motivos, podemos desbotar que se trate dunha representación da Idade do Bronce, é dicir, non é un petroglifo. Uns cabaleiros-guerreiros galaicos? É moita a tentación pero se así fose trataríase dunha peza, atrévome a dicir que única. 

A pesares da deteriorización da peza nalgunhas partes e nos "arranxos" do albanel, vese que se atopa en bastante bo estado, apreciándose a "intervención" só nos cabalos pero non nas cabezas, non observándose un desgaste significativo polo que é probable que non estivera exposta aos axentes meteorolóxicos.

Na Idade Media, este tipo de representacións (homes a cabalo) son abondosas, e se lle engadimos o crismón e a cruz de Santo André, a súa adscrición románica sería bastante clara, quizais do século XI ou principios do XII como apunta Pena Graña. Un curto engadido: hai quen mantén que a cruz patada templaria deriva da vella roda do crismón. Na España Sagrada dos PP. Flórez e Risco (1747) cítase un documento do ano 1254 que alude a unha igrexa en Santiorxo, na parroquia de Liñares (A Pobra do Brollón), pertencente aos templarios.

André Pena lembroume que a cruz de Santo André é un símbolo anterior ao cristianismo, como tamén o é a cruz cristiá, polo que cabe a posibilidade de que sexa tardoantiga, non desbotando que puidera ser galaica, mais tamén que se trate da escea dun duelo popular románico.

Está claro que non resulta doado interpretar a escea, certos elementos do programa iconográfico desconcertan o que fai que esta peza, se cabe, sexa aínda máis singular.


A principios do mes de marzo de 2016, dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares dirixímonos ao Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo para que nos dixeran se o relevo de Salcedo figuraba catalogado. A mediados do mes de abril contestáronnos que non, e que "pola súa tipoloxía non ten a consideración de Ben de Interese Cultural".

Aínda que esperabamos a resposta, non deixou de sorprendernos que tendo coñecemento da existencia do relevo, esta singular peza non figure no inventario de bens patrimoniais da Xunta de Galicia.

O mesmo día da resposta solicitamos á Xunta de Galicia a súa inclusión no catálogo e, ao mesmo tempo, enviamos unha carta ao Bispado de Lugo para informalos, por se o descoñecen, que a peza foi mercada por Elías Valiña Sampedro, "O cura do Cebreiro", arredor dos anos setenta do pasado século para engordar o patrimonio da aldea do Cebreiro. Dende aquelas, o relevo sempre permaneceu na hospedaría-hospital de San Xiraldo. Cando morreu don Elías, uns seus familiares montaron alí un mesón que rexentaron ata hai algúns anos e que na actualidade está ocupado polos monxes franciscáns que atenden o santuario. A peza desapareceu do mesón, os familiares de Valiña Sampedro leváronna, "como herencia", canda eles. 

 

Un dos motivos que nos empurrou a solicitar a súa catalogación urxente é para evitar que o relevo "desapareza", tal como xa aconteceu, xunto con outras pezas, co Cristo gótico que presidía o presbiterio (o que hai hoxe é, supostamente, unha copia) e cuxo orixinal, segundo nos fixeron crer (así figura aínda nas páxinas web do Concello de Pedrafita e do Bispado de Lugo) está nun inexistente museo de arte sacra de Madrid. Nin nese ficticio museo nin en ningún outro, mesmo chegaron a asegurar que fora enviado a restaurar no seu momento ao Museo Nacional de Escultura de Valladolid, unha falsedade máis que tamén puidemos comprobar. Cando nos interesamos polo seu paradoiro, pois coma Pilatos, todos se lavaron as mans (que se pasou moito tempo, que se é mellor non remexer no pasado...).


A día de hoxe, novembro de 2017, a interpretación da peza continúa a crear controversia entre os investigadores que están a estudar as fotos que lles mandamos para ver se, dunha vez por todas, Patrimonio a cataloga. Ademais de polas mans dos arqueólogos do Servizo en Lugo, pasou pola Universidade de Santiago e na actualidade están a estudala no Museo do Castro de Viladonga. 

No Colectivo Patrimonio dos Ancares xa tomamos a decisión, se a Xunta de Galicia non cataloga o relevo, imos chegar ata onde sexa preciso, e non só para que pase a formar parte dos bens patrimoniais de Galicia, senón para que se aclare a quen pertence: o conxunto monumental do Cebreiro foi restaurado con cartos públicos, e con cartos públicos se mercaron as pezas para engordar o seu patrimonio. Naqueles anos, no Cebreiro, aconteceron moitas cousas sobre as que se quere correr un tupido veo (Cristo gótico, Virxe do Milagre, etc.), uns por interese e outros por medo.