* Salvemos as Covas de Vale (Baralla)

As covas de Vale, no concello lucense de Baralla, están ameazadas por un proxecto mineiro aprobado no ano 2007 pola Dirección Xeral de Minas da Xunta de Galicia, en connivencia co goberno local. Malia estar catalogadas pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural (que se viu forzada a inventarialas no ano 2017), e polo tanto protexidas, a tramitación do proxecto mineiro segue o seu curso.

Segundo un informe preliminar da Universidade de Santiago do ano 2015, as covas, ubicadas no monte das Labradas, e a súa contorna presentan un grande interese cultural e natural polos seus valores xeolóxicos (a escaseza de afloramentos de rocha calcaria e de sistemas cársticos en Galicia, a presenza de espectaculares formacións de estalagmitas e estalactitas), pola diversidade asociada a este tipo de formacións xeolóxicas e por conter recheos sedimentarios, fundamentais para a reconstrución paleoambiental do Cuaternario galego. Ademais, suxiren a posibilidade de que as covas conteñan restos de gran valor paleontolóxico e arqueolóxico do Plistoceno, mesmo que acollan manifestacións artísticas rupestres de antigos asentamentos humanos. O informe tampouco desbota a existencia doutras covas descoñecidas dentro do espazo afectado.

 

Pola súa parte, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural non realizou nin promoveu ningunha prospección completa que permitise identificar outras cavidades presuntamente existentes no ámbito afectado pola canteira ou que puidese verificar a existencia de restos de valor cultural, incluídos os de carácter artístico. Tampouco ordenou continuar coa investigación preliminar das covas efectuada pola Universidade para coñecer de xeito pleno os restos paleontolóxicos e arqueolóxicos que estas acollen. A Xunta de Galicia só establece como medida cautelar condicionar a autorización da canteira á presentación por parte da empresa promotora (Canpesa S.A.) dun novo proxecto mineiro. Estas disposicións son claramente insuficientes para garantir a integridade das Covas de Vale e do seu patrimonio cultural e natural asociado, por canto non rexeitan a explotación mineira da contorna nin tampouco dispoñen unha prospección sistemática do ámbito da canteira. Ademais, os últimos informes coñecidos de Cultura son ambiguos en canto ás accións a adoptar para a preservación dunha das covas atopadas e tampouco se ten a certifume de que o Concello de Baralla teña vontade en incorporar estes xacemetnos no catálogo municipal.

 

Ata o presente localizamos cinco bocas de entrada a varias covas. Na súa contorna constatouse a presenza de seis hábitats naturais de interese comunitario, polo menos de interese prioritario, especies de flora calcícolas moi escasas no territorio galego e unha especie vulnerable de morcegos. Tamén se detectaron evidencias da utilización das covas como lugar de alimentación e nidificación de varias especies protexidas pola lei.

Dado o risco ao que poideran estar sometidos todos estes valores, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), coa colaboración de Drosera, Mariña Patrimonio, Cultura do País, Colectivo Patrimonio dos Ancares e especialistas involucrados na defensa e protección destas cavidades, lanzamos unha campaña, #SalvemosCovasVale, unha oportunidade para que todas as persoas preocupadas pola preservación do patrimonio común insten á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia a protexer de forma efectiva as Covas de Vale, realizar unha prospección integral destas formacións calcarias e rexeitar novas explotacións mineiras na súa contorna. Tamén se insta ao Concello de Baralla a protexer as covas e a súa contorna natural no Planeamento de Ordenación Municipal.

 

O primeiro acto público foi o día 14 de marzo de 2019 no Vello Cárcere de Lugo, coa presentación de recollida de sinaturas en Change.org e a estrea dun video documental, realizado por Carmen PG Granxeiro, onde se divulgou por vez primeira imaxes recollidas do interior das covas por integrantes de ADEGA e do Colectivo Patrimonio dos Ancares.

 

PARA AXUDAR A SALVAR AS COVAS, agradecemos a colaboración de todas as persoas preocupadas polo noso patrimonio. Basta un só clic para asinar a petición nesta ligazón a change.org.