MÁMOAS, PETROGLIFOS E CASTROS DO CONCELLO DE NAVIA DE SUARNA


MÁMOAS E ANTAS

MÁMOAS DA REBOLEIRA DOS VILARES 
Na aldea de Os Vilares, parroquia de Barcia. 
Necrópole formada por tres mámoas. Dous túmulos están moi alterados polos labores agrícolas. O terceiro ten unhas medidas aproximadas de 14 x 12 metros e unha altura de 70 centimetros. 

NECRÓPOLE DOS MONTES DO RESTELO 
Nos montes do Restelo. A 966 metros de altitude sobre o nivel do mar. 
A necrópole, formada por cinco mámoas, sitúase na confluenza das estradas de Baleira, Becerreá, A Fonsagrada e Navia de Suarna. Tres están no municipio de Baleira e as outras dúas no de Navia de Suarna, na parroquia de Cabanela. Son destas últimas das que achego os datos.
O primeiro enterramento está composto por unha mámoa duns 40 metros de diámetro que agocha no seu interior unha grande anta poligonal con sete esteos na cámara (un deles foi desprazado e atópase no centro desta) e outros catro, cortados e situados a ambos os lados da entrada, que formarían parte dun corredor pouco desenvolvido. Non se conserva a tampa cobertora. Situado nun lugar cuberto de fentos, arbustos e árbores (piñeiros plantados sobre o túmulo), o estado de conservación é lamentable.

O outro enterramento, situado non moi lonxe do anterior, trátase dunha mámoa duns 30 metros de diámetro con cráter de violación. A simple vista semella que carece de cámara funeraria. Debaixo da matogueira que o cubre aprécianse varias pedras que poderían formar parte da coiraza. Na última repoboación forestal plantáronse piñeiros sobre o túmulo.

MÁMOA DA FONTE DAS BIDUEIRAS
En Ferreirúas, parroquia de Cabanela.
Hai unha mámoa que foi case destruída.

NECRÓPOLE MEGALÍTICA DA CAMPA DAS PENAS DE MONTERRÍO
En Ferreirúas, na parroquia de Cabanela, a ambos os lados da estrada local que vai dende o Alto do Restelo á Tumbeadoira.
Necrópole formada por sete enterramentos, dividos entre os lugares de Ferreirúas e Monterrío (A Fonsagrada). A Monterrío pertencerían dous túmulos, entre eles o coñecido como Mámoa da Campa do Gaiteiro. Á parte de Navia de Suarna corresponderían os outros cinco enterramentos. Todas as mámoas están afectadas por camiños, repoboacións forestais, etc. Unha mámoa foi cortada polo trazado da estrada, apreciándose algunha laxa no corte; ten unha dimensións duns 19 metros no eixo N-S e 9 metros no eixo L-O, e un metro de altura. Outra está situada nun terreo de monte baixo, ten unhas dimensións de 14 metros no eixo N-S e de 17 metros no eixo L-O, e unha altura de 0,70 metros.

 

MÁMOA DA CAMPA DO GAITEIRO
Lindeira con Monterrío, na parroquia de San Pedro do Río, concello da Fonsagrada. Pertence á necrópole da Campa das Penas de Monterrío. Túmulo situado nunha penichaira, nunha zona plantada con piñeiros. Está moi alterado e apenas se percibe, achandado polos labores de repoboación forestal.    

ANTA DE FERREIRÚAS 
En Ferreirúas, parroquia de Cabanela.
É o enterramento máis espectacular da necrópole da Campa das Penas, situada á man dereita da estrada que vai dende o Alto do Restelo á Tumbeadoira. Dada a coñecer por Enrique López Fernández no seu Megalitos y mámoas en el Ayntamiento de Fonsagrada, publicado no Boletín do Museo Provincial de Lugo no ano 1992, traballo que foi presentado e lido en Ourense no ano 1986, durante a celebración dos actos que tiveron lugar no decurso dunha homenaxe a Florentino López Cuevillas con motivo do centenario do seu nacemento. Logo de visitala, a descrición de López Fernández segue vixente: "O enterramento, soterrado no túmulo, presenta cámara poligonal, composta por sete ortostatos de  lousa e cuarcita, o maior (refírese ao da cabeceira) cunhas medidas de 1,50 metros e pouco menos os restantes; ao seu carón, un pouco removida, está a tampa de lousa, que mide 1,90 x 1,30 metros. A cámara mide de N a S na base 1,50 m, e 0,90 no alto; de L a O , na base, 1,60 x 1,30 metros arriba, se ben a medida pode ser errónea por estaren roto o ortostato. Dá a impresión de posuír entrada (corredor?) polo SL". O túmulo ten uns 25 metros de diámetro. O día 31 de maio, constatamos, lamentablemente, unha agresión á tampa que foi partida. Ao día seguinte comunicamos o atentado ao Concello de Navia de Suarna e ao Servizo do Patrimonio Cultural. (Ver en Apéndices: Agresión a unhas mámoas en Navia de Suarna).

 

 

MÁMOA DA ARQUELIÑA  
En Freixeiro, parroquia de Cabanela.
Mámoa moi alterada polos labores agrícolas. Está moi achandada, foi cortada por un arado.

MÁMOA DO ALBARDÓN OU DA BANDEIRA
En Freixeiro, parroquia de Cabanela.
Na Serra de Louxas, alterada pola repoboación forestal. Ten uns 23 metros de diámetro e 0,80 de altura. Non se observan estruturas asociadas.

MÁMOA DA SEARA DO CHAO DE CAMPELÍN
En Freixeiro, parroquia de Cabanela.
A mámoa foi cortada pola estrada. O túmulo foi cortado pola metade polo acondicionamento de prados. Está moi aplanado polos labores agrícolas. Ten unha altura duns 40 centímetros.
  
MÁMOA DA CAMPA DO SEARO
En Freixeiro, parroquia de Cabanela. Nunha penichaira a 850 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Mámoa moi alterada, cortada pola estrada só se conserva unha metade. Ten uns 80 centímetros de altura.
 

MÁMOAS DE PEREDELO
En Freixeiro, parroquia de Cabanela.
Necrópole formada por por 3 enterramentos, situada a carón da estrada que vai dende o Alto do Restelo a Louxas, antigo Camiño Real e anteriormente un ramal da vía XIX de época romana.
Necrópole formada por tres mámoas. A mámoa nº 1 foi cortada pola estrada e unha pista, foi achandada polos labores de repoboación forestal; ten uns 40 cm de altura. O túmulo nº 2 tamén está moi alterado pola repoboación forestal; ten unha altura de 1,40 metros. A medorra nº 3 ten unhas medidas aproximadas de 17 metros de diámetro e 0,70 de altura. Sobre ela plantáronse árbores. O día 31 de maio de 2016, integrantes do noso colectivo comprobamos que a necrópole está a utilizarse como vertedoiro do lixo. Xunto unha das mámoas construíron un silo para botar plásticos agrícolas. Ao día seguinte denunciámolo ante o Concello de Navia de Suarna e o Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo. (Ver en Apéndices: Agresión a unhas mámoas en Navia de Suarna).
 

MÁMOAS DO PICO DE GUENCIO 
En Freixeiro, parroquia de Cabanela.
Formada por 4 enterramentos situados nunha penichaira, nunha zona adicada a piñeiros de repoboación. A medorra número 1 ten unhas medidas de 17 metros de diámetro e altura dun metro. Obsérvanse restos de coiraza. O túmulo nº 2 ten unhas medidas aproximadas de 21 x 19 metros e unha altura de 1,5. Conserva restos da coiraza. A mámoa nº 4 é o mellor conservado da necrópole, cunhas medidas de 21 metros de diámetro e 1 de altura. A medorra nº 4 mide 17 metros de diámetro e unha altura dun metro. Unha devasa corta parte da estrutura.

MÁMOA DAS LAXAS OU DO COUTO 
En Freixeiro, parroquia de Cabanela. A 900 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Trátase dunha mámoa situada nun pequeno outeiro que na súa orixe era moito máis grande. Foi practicamente destruída polos labores agrícolas.
 

MÁMOA DA SEARA DO CHAO 
En Freixeiro, parroquia de Cabanela. A 900 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Mámoa situada a poucos metros da estrada que vai dende o Alto do Restelo a Louxas. Túmulo duns 15 metros de diámetro e medio metro de altura. Posúe un pequeno cono de violación. Non se observan restos de cámara.
 

MÁMOAS DO CHAO DO COUSO OU SANTESTEVO
Na Serra de Louxas. En Santestevo, parroquia de Castañedo. Necrópole situada a case 900 metros de altitude sobre o nivel do mar. 
Estaba formada por 2 enterramentos cuxos esteos foron reutilizados na construción dunha casa. Enrique López Fernández (1992) cita unha esfera de pedra e unha pedra discoidal de forma cóncavo-convexa atopados nun dos túmulos. Unha das mámoas foi destruída pola pista que leva a Molmeán. A outra medorra atópase gravemente alterada polos labores agrícolas e polo trazado dunha pista que leva a Molmeán, que corta o túmulo.



A MEDORRA
Na aldea de Coea. Parroquia de Castañedo.
Consultados os veciños de Coea, non tiñan coñecemento da existencia de ningún enterramento megalítico, si do lugar que conserva este evocador topónimo. Faláronme doutros enterramentos lindeiros coa Medorra, no lugar coñecido como O Canto onde, hai aproximadamente quince ou vinte anos, ao arar a terra saíron á luz varias tumbas formadas por laxes e cubertas con tampa con esqueletos no interior.
 

MÁMOA DA PEDRA DA ACHEDEGA
En Folgueiras.
Situada nunha chaira de ladeira da Serra do Chao de Val Grande. Moi alterada polos labores agrícolas, apenas se distingue.

A MEDORRA
Na parroquia de Moía. 

ARQUELA DA TUMBA
En Sinada, parroquia de Mosteiro, a 840 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Mámoa situada nun terreo adicado a pasto dende o que se divisa unha ampla panorámica, coñecida tamén como Tesín da Arqueta. Ten un diámetro duns 25 metros. Canto á súa altura, na actualidade non pasa do medio metro; todo semella indicar que debido ao traballo agrícola perdeu boa parte da masa tumular, feito que tampouco permite saber si posuía coiraza pétrea. Afectada parcialmente por un camiño.
 


MÁMOA DO COTO DA MESTRA
En Sinada, parroquia de Mosteiro.
Trátase dun túmulo moi arrasado situado en terras de cultivo. Moi alterado polos labores agrícolas. O alzado é duns 40 centímetros.

MÁMOA DO MONTE DA FARRAPA
En Sinada, parroquia de Mosteiro
Mámoa moi arrasada, duns 13 metros de diámetro e un metro de altura, situada na parte alta dun outeiro da dorsal da Valiña.
 

MÁMOAS DO MONTE MEIROI
Nas proximidades do Monte do Coto, aldea de Sinada, parroquia de Mosteiro.
Necrópole formada por catro enterramentos. Sobre unha mámoa número, situada nun terreo adicado a pasto, levantouse un muíño de vento artesanal, unha caseta de bloques e un panel con pranchas solares, actuacións que a alteraron gravemente. Ten unhas medidas duns 30 metros de diámetro. Outra medorra ten uns 14 metros no eixo N-S e 12 no eixo L-O, e unha altura de 0,70 metros. Unha terceira mámoa ten unha medidas aproximadas de 20 metros de diámetro e un metro de altura, nun estado de conservación bastante bo. O cuarto túmulo ten unhas medidas de 21 x 19 metros e altura dun metro. Está moi alterado polos labores agrícolas.
 


 

MÁMOAS DO PICO DAS VALIÑAS 
Na Serra de Louxas. En Liñares, parroquia de Queizán.
Necrópole situada nunha penichaira adicada a prados, formada por tres enterramentos fortemente alterados polos labores agrícolas.

MÁMOAS DO REDONDAL OU DA POZA DOS GRILOS
Nos montes do Redondal. En Liñares, parroquia de Queizán.
Un túmulo, duns 18 metros de diámetro e un metros de altura, foi case destruído desmonte que corta o túmulo plantado de piñeiros. Ten cráter de violación central. Unha segunda mámoa, situada nunha pradaría, ten unhas medidas aproximadas de 15 x 12 metros e unha altura de 0,50 metros.


MÁMOAS DO MOURAL
Na Serra de Louxas. En Meixamo, parroquia de Queizán.
Necrópole situada nunha penichaira, formada por dúas mámoas practicamente destruídas polos labores agrícolas. A medorras apenas son perceptibles por atoparse moi achandadas.

TESO DAS MADROÑAS
Na aldea de Robledo, parroquia de Son.
Despois de peitear o lugar, non atopamos ningún enterramento. Pode que se había algunha mámoa fora achandada polos labores agrícolas. 

PETROGLIFOS 

PETROGLIFOS DA PENA DOS CUBELOS 
A principios do mes de setembro de 2016, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares localizamos máis petroglifos na comarca. Foi na coñecida como Pena dos Cubelos, un monte que se atopa a 1.202 metros de altitude. Está dentro dos límites da aldea do Penedo, na parroquia de Vallo, concello de Navia de Suarna, preto do límite co concello de Cervantes. Para achegarnos ata o lugar tivemos en conta o nome do topónimo xa que o étimo cubelo fai alusión a unha forma redonda, atopándoo en Galicia como diminutivo de cova, oco ou burato. Como puidemos comprobar, no presente caso o topónimo non era ambiguo xa que na parte alta do outeiro conseguimos documentar catro coviñas feitas por man humana, distribuídas en dúas penas de xisto, cuns diámetros que oscilan entre os 7 e os 9 centímetros. Polas súas características foron feitos na Idade do Bronce.
 
 

AS FERRADURAS DOS CABALOS
Un veciño de Savane contoume que no antigo camiño que comunicaba Savane con Vilarpandín, no lugar coñecido como A Canceliña, había tres penas que tiñan insculpidas outras tantas figuras con forma de ferradura e varias coviñas de pequeno tamaño. Lembrou que foran destruídas no ano 1969, esnaquizadas por unha máquina que estaba a ampliar o camiño. As ferraduras poderían ser de época medieval, mais as cazoletas quizais foran moi anteriores; en Galiza poden atoparse illadas, formando agrupacións con outras cazoletas e outros motivos. Dado a diversidade onde aparecen, temos que pensar que non teñen un único significado: recipientes para ofrendas, para recoller a choiva que logo sería utilizada nalgún tipo de ritual, calendarios solares, lunares e representación de estrelas, símbolos de carácter sexual feminino relacionado coa fertilidade, etc. No tocante á súa cronoloxía, abranguería dende o Paleolítico ata a Idade Media.

CASTROS

CASTRO DE MERA
Na aldea de Mera, parroquia de Barcia.
Situado na marxe esquerda do ría Navia, a media ladeira sobre un esporón da Serra de Mera. Ppresenta unha planta ovalada dun 85 metros na parte máis longa e de 55 metros na menor. Apareceron muíños de man. Moi alterado. Romanizado.

CASTRO DOS VILARES
Na aldea de Os Vilares, parroquia de Barcia. A 387 metros de altitude sobre o nivel do mar, nun meandro sobre o río Queizán.
Situado nun pequeno outeiro da Serra de Mera, na marxe esquerda do río Queizán, nun terreo de pradarías, monte baixo e carballeira. Cuberto pola matogueira. Un veciño natural de Os Vilares, que dende hai máis de vinte anos vive en Vega de Espinareda (O Bierzo), contoume que tiña un recinto tirando a circular, arrodeado por unha muralla pétrea da que puiden ver parte. 
Segundo a lenda, no castro hai un tesouro.
 

CASTRO DO CANTÓN
Na parroquia de Cabanela, non moi lonxe da cabeceira parroquial. A 710 metros de altitude sobre o nivel do mar. 
Situado no cumio dun pequeno outeiro na marxe esquerda do regueiro de Cabanela. Planta alongada cun só ecinto arrodeado por dous foxos tallados na rocha, separados entre si por parapeitos. Aprécianse restos dunha muralla de lousa. Romanizado. 

Dentro do recinto aínda se poden ver os alicerces do que puido ser unha cabana circular. Os dous veciños que me informaron comentáronme que cando eran nenos aínda se podían ver, ao menos, os muros de dúas estruturas habitacionais; como aconteceu coas pedras do muro defensivo e das vivendas, as laxes foran reaproveitadas na construción de peches de fincas e nas casas da aldea. Comunicase co castro de Cabanela, situado a uns 500 metros de distancia.

A mediados dos anos cincoenta do pasado século, un veciño atopou un anel de ouro. Ao parecer, polas mesmas datas, chegou á aldea un descoñecido que pasou varios días escavando no castro, canda el traía un libro, disque escrito en portugués, que falaba dun tesouro alí agochado. Ignórase se o atopou.

CASTRO DE CABANELA
Na parroquia de Cabanela. A 685 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Situado a 500 metros de distancia do castro do Cantón, nun pequeno outeiro na marxe esquerda do rego de Cabanela. Pouco alterado, presenta unha planta alongada, cun recinto principal de pequenas dimensións. Obsérvanse catro foxos no sector oeste, tallados na rocha. Restos de muralla que circunda o recinto principal. Ten unhas medidas aproximadas de 110 metros no eixo máis longo e de 80 metros no menor. Romanizado.
Un veciño de Cabanela, que leva máis de cincoenta anos en Cataluña, contoume que cando era pequeno ía con outros nenos a xogar a un acubillo que había no castro. Nunha das paredes había escritas unhas letras que destruíu un home de Galegos cunha maza porque dicía que era a chave para atopar un tesouro, e non quería que ninguén o atopara, só el que escribira as letras nunha folla.


CHAO DO CASTRO
En Busto, parroquia de Cabanela. A 773 metros de altitude sobre o nivel do mar.
A media ladeira nun esporón, entre o rego das Agras e o rego de Busto. Ten unha planta alongada delimitada por dous foxos.
Os veciños contan que, ao parecer, hai unha fonte que agocha un tesouro, mais, polo de agora, ninguén a atopou.
 

CASTRO DE FERREIRÚAS
Na aldea das Ferreirúas. Parroquia de Cabanela. 

CASTRO DO CASTELO
Na parroquia de Castañedo. 

CASTRO DE COEA
Na aldea de Coea, parroquia de Castañedo.
Aínda que me falaron dun castro aquí situado, ningún dos veciños de Coea tiña coñecemento sobre un asentamento deste tipo, sequera sobre a existencia do topónimo. Si me falaron, en troques, doutros xacementos e dalgunhas lendas que reproduzo na nosa páxina Patrimonio da comarca dos Ancares.
Malia o anterior, a comezos do mes de outono de 2013, un veciño de Valdeferreiros (Asturias), si me amosou un outeiro que asegurou era un castro e que pertencía a terras de Coea. Non o visitei, mais si lle tirei unha foto que reproduzo a continuación. Continuarei sobre a pista.
Se ben non é obxecto deste traballo, coido de interese traer aquí a orixe do emperador romano Teodosio I o Grande (347-395). A maior parte dos autores sitúan o seu nacemento en Coca (Segovia), mais non faltan os que o trasladan a Galiza. Benito Vicetto identifica Coca coa parroquia de San Salvador de Coea, en Castro de Rei, Amor Meilán inclínase pola Coea de Navia de Suarna.


CASTRO DE FOLGUEIRAS
Na parroquia de Folgueiras. Situado non moi lonxe da igrexa parroquial, a 622 metros de altitude sobre o nivel do mar.
No cumio dun outeiro dun esporón da Serra do Chao do Val Grande. Presenta unha planta ovalada cun único recinto, protexido por dous foxos escavados na rocha e pola forte pendente. A continuación dos foxos unha muralla arrodea o recinto. Romanizado. Un camiño cortou parcialmente un foxo. 


TESO DO CASTRO OU CASTRO DE PIN
Entre as parroquias de Galegos e Pin. A 681 metros de altitude sobre o nivel do mar. 
No cumio dun pequeno outeiro, na marxe dereita do río Mazaira, nun lugar dominante. Presenta unha planta practicamente circular cun recinto principal de considerables dimensións. Dous foxos arrodéanno polo Oeste e Surleste, a continuación dos que se dispón unha muralla que dá paso ao recinto; esta muralla podería ter un torreón. Apenas está alterado.
 

Ademais de polo desnivel do terreo, está arrodeado por un parapeito de pedra e terra; polo NO está protexido tamén por un foxo escavado na rocha. Divísase unha panorámica espectacular.

CASTRO DE MOÍA
Na parroquia de Moía. 

CASTRO DO COEDO DA LEGÚA
En Molmeán, parroquia de Mosteiro. 
Situado no cumio dun outeiro cuberto por monte baixo e algúns carballos. Presenta unha planta alongada cun recinto principal de pequenas dimensións e un secundario de grandes dimensións, delimitado por dous foxos. Pouco alterado.

 

CASTRO DE COEDO
En Pacio, parroquia de Mosteiro.
Ninguén soubo informarme deste posible asentamento, todos me remiten ao castro de Coedo da Legúa. 

CASTRO DE SINADA
Na aldea de Sinada, parroquia de Mosteiro. No monte da Valiña, a 730 metros de altitude, na marxe esquerda do río Vilares. Presenta forma ovoidal, cunhas medidas aproximadas de 200 metros na parte máis longa e de 130 metros na menor. Romanizado. Moi alterado, adícase a praderías e leiras, con zonas de árbores.

CASTRO DE EMBERNALLAS
Na aldea de Embernallas, parroquia de Muñís, a 325 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Situado nun meandro do río Navia, nun terreo con afloramentos de lousa. Agás un amoreamento de pedras de lousa de bo tamaño que en época moderna se utilizaron para construír unha cabana, non se observan outro tipo de estruturas defensivas ou habitacionais. Nas inmediacións atopei escouras de mineral de ferro. Ademais das vistas sobre o Navia, tamén se pode admirar unha pequena fervenza.


CASTRO DE LARXENTES
Na aldea de Larxentes, parroquia de Muñís. A 628 metros de altitude sobre o nivel do mar. 
Situado nun esporón dominando un tramo da bacía do regueiro de Larxentes. Numerosos afloramentos de rochas. Vense tres foxos consecutivos sobre a rocha polo Norte, e catro foxos polo sur. Un parapeiro foi parcialmente destruído por un cortalumes. Varios aterrazamentos. A pesares das xestas e carqueixas que inzan o xacemento obsérvanse restos de construcións feitas con lousas de bo tamaño. Romanizado. 


CASTRO DE VILARANTÓN
En Vilarantón, na parroquia de Muñís.
Atópase sobre un esporón do monte de Vilarantón, entre o río Navia e o regueiro de Larxentes. Romanizado. Cuberto por carballos e monte baixo. Pouco alterado.

CASTRO DE PENAMIL
Na parroquia de Penamil. A 470 metros de altitude sobre o nivel do mar.

A forte humanización impide delimitar o castro con exactitude. Situado nun pequeno outeiro na aldea de Penamil, tería unhas medidas aproximadas de 60 metros no eixo máis longo e 55 metros no menor. Sobre el construíuse a igrexa, o cemiterio, vivendas e un camiño, ademais de estar adicado a labores agrícolas. Aínda se poden ver restos de murallas, feitas de pedra e terra e dun foxo. As pedras foron reutilizadas en distintas construcións.

Ao redor do castro existe unha lenda que di que o lugar foi asulagado por un terrible diluvio, choveu tanto que o río Navia, que discorre a unha altitude 100 metros máis baixa, subiu tanto o seu caudal que arrastrou ata Penamil as pedras que hoxe se ven no castro.

O CASTRÍN DE MÉIXAMO
En Méixamo, parroquia de Queizán.
Situado nun pequeno outeiro dun esporón en interfluvio na marxe esquerda do río Queizán e o regueiro da Figueira. Cuberto por monte baixo. Cuberto por monte baixo.

COROLA DO CASTRO OU CASTRO DE LIÑARES
Na aldea de Liñares, parroquia de Queizán. A 804 metros de altitude sobre o nivel do mar. Situado a media ladeira nun esporón da Serra do Redondal, na marxe esquerda do río Queizán, nunha zona de prados, monte baixo e árbores. Presenta unha planta practicamente circular, cun recinto principal e dous secundarios. Romanizado. Moi alterado polos traballos agrícolas.

CASTRO DE AIGAS
No lugar das Aigas. Parroquia de Rao.
Érguese xunto a estrada que baixa á aldea de Aigas, na serra de Riamonte, na divisoria de augas do río Rao e o rego de Riamonte. Ocupa unha pequena plataforma con planta alongada.

A mesta matogueira impide ver se polo acceso, coñecido como o Chao do Castro, tiña algún tipo de defensa, aínda que si se aprecia parte do que puído ser un foxo.
Segundo me contou a propietaria duha leira próxima ao castro, nos anos corenta ou cincoenta do pasado século XX, mentres traballaban a terra para sementar patacas, atoparon un forno circular e restos de carbón.
 

No verán do ano 2013, debido a un incendio que asolou a parroquia de Rao, entre outros lugares os montes próximos á aldea das Aigas, o castro foi practicamente destruído polas máquinas encargadas de facer os cortalumes. Visitado o lugar, non acabo de explicarme a que veu facer un cortalumes sobre o castro xa que comeza e remata sobre el, sen continuidade. Máis información en Apéndices, Adeus ao castro das Aigas deste mesmo blogue.

CASTRO DE MEDA OU DO CHAO DA MEDA
En Meda, parroquia de Rao. A 568 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Nun esporón terminal da Serra de Barreiro, na marxe dereita do río Rao, no cume dun pequeno outeiro con afloramentos rochosos, en terreos adicados a cultivo e monte baixo. Romanizado.

MURIAS
Aldea de Murias, parroquia de Rao.

No mes de agosto de 2011 achegueime a Murias, parroquia de Rao, para informarme dun posible enterramento megalítico que logo non resultou ser tal. José de Vilarín, o meu informante, díxome que hai anos atopou un muíño no monte Treitoiro e que un veciño dera con outros no lugar coñecido como As Pereiras. Tamén se atoparon, ao parecer, restos cerámicos.

José conduciume á casa do veciño onde puiden ver varios anacos de muíños circulares, unha pedra que debía servir para machucar o gran e fragmentos doutras pedras que, por estaren partidas, non logrei identificar.

CASTRO DE PREBELLO
En Prebello, parroquia de Rao.
Situado a mdia ladeira sobre un esporón da Serra de barreiro, na marxe dereita do río Rao. Ten planta alongada. Romanizado. Moi alterado polos labores agrícolas.
  
CHAO DO CASTRO OU CARAMELÓN
Na parroquia da Ribeira.
Situado a media ladeira da Serra do Chao da Lagúa, na marxe dereita do río Navia. De pequenas dimensións posúe un recinto principal e un secundario a xeito de terraza. Consérvase parte dun foxo. Romanizado. Moi alterado.

CASTRO DE SANTA MARIÑA
En Santa Mariña, parroquia de Ribón.
Situado nun pequeno esporón na marxe dereita do río de Cantorcia, nun terreo adicado a pradarías e horta. Amplo dominio visual sobre a contorna, agás polo Leste. Restos dun pequeno foxo. Romanizado. Moi alterado pola actividade agrícola e pola aldea de Santa Mariña.  Aínda que está catalogado como tal, dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares temos dúbidas de que se trate dun castro. O día 27 de marzo de 2016 localizamos nunha parte derruída do muro perimetral un anaco cerámico decorado, un anaco de tégula e unha moeda romana, posiblemente do emperador Crispo, datada arredor do 320 d.C. (Ver a entrada neste mesmo blog: Unha moeda romana en Navia de Suarna. E algo máis..., e o apartado adicado á Romanización).


PENEDO DO CASTRO
En Cantorcia, na parroquia de Ribón. A 368 metros de altitude sobre o nivel do mar, á esquerda da estrada local que vai dende A Pobra de Navia ata Moía, preto da coñecida como A Ponte do Castro ubicada pouco antes da estrada que pola dereita sobe ata a aldea de Cantorcia.

Situado nunha pequena península de lousa arrodeada polo río de Moía e o regueiro de Cantorcia. De forma alongada, ten unhas medidas aproximadas de 140 metros de longo e 50 metros na parte máis ancha. A mesta matogueira non impide ver os restos dun parapeito e un foxo que o delimita polo oeste, a parte que dá cara o camiño e o río, a parte máis vulnerable e por onde, posiblemente, estaría o acceso ao recinto. No interior obsérvanse pequenos afloramentos de lousa, mais non indicios de estruturas habitacionais. Encaixado nunha depresión entre montañas, a comunicación visual sobre a contorna é moi limitada.

OS CASTROS OU CASTRO DE VIRIGO OU SAVANE
Entre as aldeas de Savane (Ribón) e Virigo (Vilarpandín). A 699 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Situaedo nun outeiro da Serra de Virigo, na marxe esquerda do rego de Vilarpandín, cun amplo dominio visual. Presenta unha planta alongada cun recinto principal de grandes dimensións. Ten dous foxos escavados na rocha. Bastante alterado polos labores agrícolas e forestais.



CASTRO DAS CASAS DO RÍO
Na aldea das Casas do Río, parroquia de Son. A 424 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Érguese nun esporón con afloramentos rochosos formado por un meandro do río Ser, cuberto de monte baixo. Vnse tres foxos consecutivos. Romanizado. Comunícase visualmente co castro de Robledo.

CASTRO DE ROBLEDO
Na aldea de Robledo, parroquia de Son. A 543 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Situado sobre o río Ser, á dereita da estrada que baixa cara as Casas do Río. Nun promonotorio rochoso presenta forma irregular, protexido en case todo o seu perímetro polo desnivel do terreo, agás polo NL, a única parte accesible, onde se aprecia un corte no terreo a xeito de foxo. Non se aprecian restos de murallas nin de estruturas habitacionais. Comunícase visualmente co castro das Casas do Río.
 

CASTRO DE VILELA OU TESO DO CASTRO
Na aldea de Vilela. Parroquia de Son
Situado no cumio dun outeiro, en interfluvio, dominando a confluenza do regueiro de Vilela e o rego de Cerredo. Presenta unha planta ovalada cun recinto principal de pequenas dimensións e tres foxos. Romanizado. 

CASTRO DE ACEVEDO OU OS CASTROS
En Acevedo, parroquia de Vilarpandín.
Situado nun esporón na marxe dereita do regueiro de Vilarpandín, na Serra do Chao de Drada, en interfluvio. Presenta unha planta ovalada cun único recinto. Aprécianse dous foxos. Romanizado.

 
Xabier Moure
Mámoas e castros do concello de Navia de Suarna