OUTROS SITIOS ARQUEOLÓXICOS

 
A PENA CASTELO 

A Pena Castelo atópase na parroquia de Rao (Navia de Suarna). Situada a 793 metros de altitude sobre o nivel do mar, domina un pequeno val regado polo río Rao. No tocante ao topónimo non hai acordo canto ao porqué de tal nome: un primitivo castro, unha torre ou castelo medieval ou que, pola forma que debuxan as penas que a coroan, semella unha fortaleza.
Visitado o lugar axiña se aprecia que a formación rochosa é practicamente inaccesible, agás polo lado que mira cara o antigo camiño, hoxe en día asfaltada estrada local, que comunica Galicia con León. A súa configuración non se aproxima, en principio, a un castro se ben, a pesares da matogueira que cubre o sitio, vense un par de muros, o que semellan os alicerces do que puído ser unha construción habitacional, un parapeito de terra e pedras e quizais uns aterrazamentos artificiais, todos protexendo a parte máis vulnerable xa que o resto está defendido polo forte desnivel do terreo. A única referencia que coñecemos sobre a existencia dun posible asentamento achéganolo a tradición e a lenda. Asegúrase que nun momento non precisado da Idade Media (polo de agora non existe documento escrito que testemuñe tal feito), había un castelo que foi asaltado e destruído, disque o lugar onde os atacantes emprazaron os canóns quedou ermo para sempre pola gran cantidade de pólvora utilizada para dobregar aos defensores, que por queimar queimou ata as pedras.
A media ladeira do monte hai, ao menos, unha cova (vese dende a estrada) que, contan, vai dar ao río. O que si resulta bastante claro é que as estruturas construtivas non formaron parte de muros divisorios de herdades nin doutro tipo de construcións, unha albariza ou un cortín, por exemplo.
O señor Nemesio, un home na fronteira dos noventa anos de idade e veciño de Laxo, contounos que xunto o río, ao pé da Pena Castelo, hai varias penedas que non chaman máis a atención que outras moitas que se ven pola contorna. Mais existe unha, lambida pola auga, que posúe unha característica que a fai distinta: ten gravada unha serpe. Entre os veciños corría a historia de que alí había un tesouro, mais, a pesares das horas gastadas na súa procura, ninguén daba con el. En tempos dun avó do señor Nemesio, un verán de mediados do século XIX, a seca fixo que o río Rao minguara considerablemente o seu caudal ata límites nunca vistos, circunstancia que aproveitou un home da aldea para examinar de cerca a Pena da Serpe. A rocha, ademais da gravura, non amosaba, a simple vista, ningún elemento que denunciara algún indicio que levara ao devecido tesouro. Cando, farto de buscar, se dispoñía a abandonar o empreño, notou como algo se movía baixo os seus pés. Mirou cara o chan e observou que estaba apoiado sobre unha lousa perfectamente cadrada, feitura, cavilou, na que pouco tiña que ver acción da natureza. Levantou a lousa, colleu o sacho que levaba canda el e comezou a cavar na branda terra que, para que non lle estorbara, ía botando ao río. O corazón deulle un volco cando, despois de varias horas de inútil esforzo, o sacho petou con algo duro. Mais a esperanza axiña se esvaeu, non se trataba dun deses arcóns dos que falaban as lendas, era, simplemente, unha dura rocha imposible de fender. A noite botábase enriba cando, desanimado, entrou na súa casa. Canso, puxo as botas xunto a lareira para que secaran e sentou nun banco. Coa mirada fixa no lume pensou como se deixara enganar por un fato de andrómenas: os tesouros, simplemente, non existían, e menos nun lugar tan afastado. A quen se lle ía ocorrer agochar un tesouro en Laxo? Unhas "cousas" brillantes tintinearon sobre as botas. Muxicas que foxen do lume? Ergueuse, non fose que aviveceran e llas queimaran, os tempos non estaban para tirar cos cartos. Inclinouse para collelas e así quedou, como entalecido. Co resplandor da lareira as botas adquiriron tal brillo que semellaban de ouro. Ouro? Sen pensalo dúas veces, colleu o sacho, un saco e o candil e regresou á Pena da Serpe. Foi entón, ao enfocar o profundo burato que fixera cando se decatou da realidade: a lousa que actuaba como tampa cubría unha arca de pedra. De xeonllos, frotou a arca coas mans que, ao achegalas ao candil, resplandecían: a terra que con tanto afán guindara cara o río, era ouro! Sábese, rematou o señor Nemesio, que o home conseguiu recuperar algún po de ouro polo que lle deron dezasete mil reás.


O MARCO DE XUNQUIÑAS
 
Atópase á beira da pista asfaltada que vai dende a Braña do Pandozarco ata o límite coa provincia de León. Aínda que na cartografía oficial consta como Marco de Xunquiñas ou do Pozo, os veciños, tanto de Murias (Rao-Navia de Suarna), Poso (O Pando-Cervantes) e de Balouta e Suárbol, na provincia de León, coñécenno como Marco do Camín ou de Xunquiñas (este último topónimo dá nome a un monte e a un regueiro). Mais a esta denominación xeral hai que facer un engadido xa que algúns habitantes de Poso tamén se refiren a el como Marco de Xunquiñas ou de Poso, de aí que o cualificativo de "Pozo" sexa unha deturpación do nome da aldea. 
Trátase dun monolito de granito que sobresae do chan 1,55 metros que delimita o monte da Cespedosa, en Cervantes, e o monte de Murias, en Navia de Suarna, e polo tanto os dous concellos galegos.
Como confirmación de que o nome que figura na cartografía está errado, ademais das testemuñas dos veciños, podemos botar man da documentación escrita. O amigo de Murias, José Fernández ("José de Vilarín"), gran coñecedor da zona e que garda unha ristra importantísima de documentos, facilitounos unha escritura datada no ano 1788 (rexistrada no ano 1838) que fala do Marco de Xunquiñas, tal como xa o reflectían os Interrogatorios do Catastro de Ensenada do ano 1752. Por outra banda, O Marco do Pozo (quizais lle deba o nome ao sitio coñecido como Pozo do Tesouro) delimita na actualidade as provincias de Lugo e de León, mais ata non hai moito marcaba as lindes das aldeas de Poso e Moreira (Cervantes), Murias (Navia de Suarna) e Suárbol, xa en León. Este primitivo fito de granito desapareceu, sendo substituído por outro de cemento.
O Marco de Xunquiñas leva anos anunciando un couto de caza: "Coto N. de Caza" por unha cara, e "Coto de Caza LU 1022_" pola outra, a pesares de estaren prohibido pola Lei.
 


 
TRES POSÍBEIS XACEMENTOS EN MURIAS: AS PEREIRAS, O TREITOIRO E A PENA DE MURIAS

No mes de agos de 2011 achegámonos ata a aldea de Murias, na parroquia de Rao, concello de Navia de Suarna, para informarnos dun posible enterramento megalítico que logo non resultou tal. Foi nesta visita cando o noso informante, José de Vilarín, nos falou duns achados en dous montes próximos á aldea, coñecidos como As Pereiras e O Treitoiro. Cando lle preguntamos de que tipo de achados estaba a falar conduciunos ata a casa dun veciño onde puidemos ver varios anacos de muíños circulares de man, unha pedra que debeu utilizarse para machucar o gran e distintos fragmentos doutras pedras que, por estaren partidas, non logramos identificar. Asegurounos que tiñan aparecido outros materiais, entre eles abundantes anacos cerámicos e escouras de mineral de ferro.
Descoñecemos se neste lugares, situados nun pequeno val entre os ríos de Murias e o seu tributario o Balouta e moi humanizados polos labores agrícolas, houbo algún tipo de asentamento, mais, pola tradición oral que fala de mouros, romanos e tesouros e, sobre todo, polos achádegos citados, moitos deles destruídos ou desaparecidos e unha boa mostra agochados nas casas do lugar, fai pensar que algo houbo.
A pouco máis de 1.300 metros de distancia en liña recta atópase a Pena de Murias, situada a 1.137 metros de altitude sobre o nivel do mar, un penedo de forma cónica con paredes de lousa e covas na base onde todo apunta a que houbo unha explotación mineira, posiblemente coa orixe en época romana. A pena tamén está asociada a varias lendas, unhas que falan de mouros, outra de que existe un burato que si se tira unha pedra soa como se fose metal, e outra máis datada na Primeira Guerra Carlista (1833-1840), cando unha partida que fuxía das forzas liberais, e por medo a que estes se apoderaran do tesouro que levaban, decidiron agochalo nun lugar indeterminado da pena. A Pena de Murias, ademais, atópase a uns 2.500 metros en liña recta do campamento temporal (castra aestiva ou castra hiberna) de A Recacha do que falamos no apartado deste mesmo blogue adicado á época romana.
Non resulta aventurado deducir, polo tanto, que O Treitoiro e As Pereiras poden agochar uns asentamentos relacionados coa explotación de mineral.

 


 
A PENA DO SANTO

O día 21 de xuño de 2014 pola tarde decidín achegámonos ata a Pena do Santo, un monte da parroquia de Dorna, no concello de Cervantes, que se ergue a 1.403 metros de altitude sobre o nivel do mar. O coche só chegou ata un repetidor de televisión situado no monte da Fiosa, a 1.395 metros. 
O ceo, negro, ameazaba trebón. Cos prismáticos enfocamos o obxectivo para calcular a distancia: 1.200 metros, máis ou menos. Nada, un paseíño! Colgamos as mochilas e iniciamos o cómodo descenso ata chegar á valgada que separa os dous montes. Buscamos o camiño que subía cara a pena. Inútil. Foi entón cando nos decatamos de que o antigo camiño fora tragado por un cortalumes. A estas alturas non nos sorprendeu a desfeita, nada novo baixo o sol, pensamos, é o noso triste sino. En fin... Levantamos a vista e bufamos, a empinadísima pendente duns 500 metros que nos separaba da cima ían rematar co repousado paseo. Sen alzar os ollos do chan comezamos a subida, que digo subida, escalada!
Xa preto, atopámonos con outro atranco: a alta e espesa matogueira non amosaba nin un diminuto buratiño que nos permitira acadar o obxectivo final. Unha cartela do Tecor anunciaba o seu depredatorio feudo. Mais xa estaba alí, así que non era cuestión de recuar.
Despois de bucear uns trinta metros entre xestas e carqueixas, chegamos.
O primeiro que fixemos, como de costume, foi botar unha ollada ao lugar, na procura de algo que me chamara a atención, neste caso unha pena. Mais nada, só pequenos afloramentos de xisto e lousa. Reparamos, entón, no piar e a base cúbica de formigón do Vértice Xeodésico levantado o día 1 de agosto de 1980. Unha morea de pedras esnaquizadas alfombraban o sitio. Non tiñamos dúbidas, o vértice érguerase sobre a lendaria pena! Sorprendidos? Pois como no caso dos cortalumes que arrasan castros, mámoas ou petroglifos. Máis do mesmo. Na prancha de metal cravada no vértice lemos: "Instituto Geográfico. Vértice Geodésico. La destrucción de esta señal está penada por la ley". Paradoxos!
Por se acaso, seguindo o ritual habitual, peiteamos o lugar paseniñamente. E a busca deu o seu froito. Nunha laxe partida situada na morea que arrodeaba a base do vértice vimos unha especie de gravuras. En efecto, despois de limpar a pedra asomaron, gravadas, dúas sinxelas cruces de fasquía relativamente moderna. A viaxe non fora en balde, a tradición e a lenda, unha vez máis, non eran só un conto.
Despois de fincar a lousa coas cruces mirando cara o leste, botámoslle unha ollada á contorna. En primeiro termo, en dirección oeste, a aldea de O Chao e o Teso do Castro; cara o leste A Campa do Barreiro, onde hai pouco menos dun ano documentamos os primeiros petroglifos da comarca dos Ancares; e cara o NO as aldeas de Borzoado, Ardevila, Estremar de Baixo, o monte do Chao da Arquela (así bautizado polo enterramento megalítico destruído hai anos polos labores agrícolas); e, encaixada nun diminuto val formado polo río Quindous, a arruinada igrexa mosteiral de Dorna, disque pertencente aos cabaleiros do Temple, se ben as fontes documentais falan de que eiquí tiveron unha granxa os monxes cistecienses de Carracedo do Bierzo, citándose polo nome actual no seu cartulario dende o ano 1200. No 1203, o rei galego Afonso VIII libera ao "monasterio Sancte Marie de Dorna... de fossadaria et de toto foro et regio fisco".
Suorosos, regresamos ata onde deixaramos o coche, matinando na tradición que deu nome á Pena do Santo. Cóntase que os veciños das aldeas dos arredores acostumaban levar un santo ata o cume cada vez que precisaban da súa axuda (ninguén nos soubo dicir de que santo se trataba). Unha vez na parte máis alta do monte colocábanno sobre a pena (a destruída polo vértice xeodésico), poñíanse en círculo arredor da imaxe e facían as peticións. Finalizado o ritual, baixábanno de novo para a igrexa de Dorna ou, segundo nos dixo un veciño de O Chao, para un mosteiro desaparecido que había en Estremar do que non existen restos nin arqueolóxicos nin escritos. A tradición asegura tamén que, en efecto, había cruces insculpidas na pena onde se "pousaba" o santo, ademais da figura dunha imaxe que, ao parecer, representaba ao santo.
O nome xenérico de Pena do Santo que é como na actualidade se coñece a todo o monte, provén da pena que acollía a lendaria imaxe.
 
 
 

UN MILIARIO REAPROVEITADO EN LIBER, BECERREÁ? 

No adro da igrexa parroquial de Liber, concello de Becerreá, hai unha especie de columna de xisto e lousa que na parte superior ten unha pía de cemento utilizada na actualidade como maceteiro. Ten unha altura de 0,60 metros e un diámetro de 32 cm. A parte inferior da peza foi traballada para facerlle unha base.
Ao vela supuxemos que, en orixe, non se trataba dunha columna que soportara algún tipo de estrutura, senón que debía proceder do interior da igrexa e que actuaría como pé dun altar, pía de auga bendita ou semellante, pero, fose o que fose, só podiamos facer conxecturas.
Uns días despois tivemos a sorte de falar cun veciño de Liber quen nos contou que a pedra estivera, en efecto, no interior da igrexa e que tiña un oco na parte superior (agora tapado polo maceteiro de cemento) que era utilizado, tal como supuxeramos, como pía de auga bendita.
A columna fora sacada da igrexa cando a arranxaran xa hai anos, traballos nos que participou o home, xubilado na actualidade. Tiña escoitado que a pedra a atoparan entre Liber e As Pontes de Gatín, xunto o monte coñecido como Os Cantos. Dicían que, ao menos, medía un metro máis de altura, tiña sección cilindrada e o seu diámetro era maior. Para adaptala como pía, diminuíronlle a altura, fixéronlle unha base para que se suxeitara de pé e practicáronlle un burato na parte superior para depositar a auga bendita. Para moldurar a base tiveron que traballar o resto do cilindro, perdendo gran parte do diámetro orixinal.
O veciño informounos de que nunca escoitara que tivera letras ou algún outro elemento chamativo.
Trataríase dun miliario romano, quizais anepígrafo, situado a carón da Vía XIX que pasaba polo lugar? Pola información proporcionada polo home, había memoria de que era moito máis alto, tiña máis diámetro e a base fora executada posteriormente para adaptala ás funcións sinaladas máis arriba. Lembremos que en Galicia contamos cun gran número de pezas romanas (aras, miliarios...) modificados e reutilizados posteriormente.
De tratarse dun miliario, sería o primeiro documentado na comarca dos Ancares (desbotamos que o que se ergue no medio da ponte das Pontes de Gatín sexa un fito itinerario de época romana).
Mais a nosa curiosidade quizais endexamais se vexa satisfeita, pasando a engordar esta pedra a arca dos enigmas xa que as persoas que coñecían a verdade desapareceron hai anos.
 


UNHA MOEDA ROMANA EN NAVIA DE SUARNA. E MÁIS... 

O día 27 de marzo de 2016 achegámonos de novo ata Santa Mariña, aldea da parroquia de Ribón, no concello de Navia de Suarna, situada a 580 metros de altitude.
A poboación acolle pouco máis de media ducia de edificios, incluída a pequena e modestísima igrexa parroquial co seu cemiterio. Na actualidade só está habitada unha casa cuxos propietarios se adican á actividade agrícola e gandeira. A casa parroquial, en ruínas, un alpendre e unha corte para o gando están construídos sobre un espazo catalogado pola Xunta de Galicia coma un castro.
 

O xacemento está situado no cumio dun esporón, na marxe dereita do regueiro de Cantorcia, cun amplo dominio da contorna e visible tamén dende varios os puntos. Ten forma ovalada, cunhas medidas aproximadas de 80 por 50 metros. A parte interior ten forma de gran túmulo. En todo o seu perímetro estaba arrodeado por un muro de contención de pedra de máis dun metro de altura e outro metro de ancho que podería ter a orixe nos muros (nótese que falamos de muros, non de murallas) do primitivo recinto (hoxe en día só se conserva parte do muro, o resto foi destruído). Apréciase o que puideron ser os restos duns foxos polo oeste e polo leste que en orixe estarían unidos. O lugar está totalmente protexido polas serras de Murias, Vilarpandín, Larxentes e da Pruída. Dende aquí divísase o castro de Virigo, a máis altura, situado a 1.100 metros de distancia en liña recta. O recinto está ocupado, ademais de polas construcións anteditas, por terreos adicados á agricultura.
Despois de solicitar o permiso de Luis, o actual propietario, para entrar nos terreos, peiteamos o sitio na procura dalgún resto material xa que cremos que non se trata dun castro da Idade do Ferro, senón que o lugar, ou máis ben as inmediacións, foron utilizadas polos romanos para o control da actividade mineira da zona. Moi cerca daquí está a coñecida como A Cova da Pena da Moura, un abrigo de cuarcita situado a media ladeira no monte de Ribón, usada como galería de prospección de ouro. No concello de Navia de Suarna localízanse arredor de 50 explotacións auríferas o que indica a importancia que esta zona tiña para os romanos. A maioría dos 31 castros documentados no concello son de época romana ou foron ocupados polos romanos posteriormente. 
A pesares de preguntar en varias ocasións e este mesmo día a veciños de Ribón e a Luis, nunca escoitaran falar de que se atoparan estruturas habitacionais ou doutro tipo no xacemento, si tiñan oído que algunha vez apareceran pedras "raras" pero non souberon identificalas. Despois de inspeccionar, sen resultado, o interior do recinto, arado nunha boa extensión, arrodeamos o muro pola parte de fóra, observando varios tramos que co tempo se foron derrubando. Foi nun deses derrubes cando recollimos entre as pedras escouras de mineral de ferro que se utilizaba para eliminar os residuos na fundición do metal. Na mesma zona atopamos un anaco decorado dun recipiente de terra sigillata, cerámica romana de cor vermella que se diferencia da cerámica común porque está cuberta por unha especie de verniz; elaborábase a partir de moldes e mantivo a súa produción dende o século I d. C. En Galicia atópase en abundancia nos xacementos baixoimperiais (o Baixo Imperio esténdexe dende o ano 284 ata a caída do Imperio romano de Occidente no 476).
 

A poucos metros, noutro derrube, recollimos un anaco de tégula (tella) romana e unha peza que resultou ser o achado estrela do día: unha moeda que ao principio confundimos cun anaquiño de lousa. Pero non, era unha moeda. Retiramos a terra con suavidade pero decidimos chegar á casa para limpala, aínda que os trazos que presentaba xa nos alertou de que se trataba dunha moeda romana. Entre outras pedras demos cunha copa de vidro á que lle falta o pé e dúas follas de fouces oxidadas e moi deterioradas das que descoñecemos a data de fabricación.
 

A MOEDA

Ao chegar á casa, despois de limpala só con auga para non danar a superficie, puxémonos a indagar nos seus elementos figurativos e nas inscricións. A moeda, de bronce, ten unhas medidas duns 17 milímetros e un peso de 4 gramos. Aínda que incompleta, conseguimos averiguar algúns datos. No anverso presenta un busto laureado do César mirando cara a dereita. Tamén lemos parte do nome do emperador, posiblemente Crispo, seguido da inscrición NOB (que significa nobilísimo) e que iría seguido na parte rota pola letra C ou CAES (César). No reverso figura a lenda CAESARVM NOSTRORVM, e unha coroa de loureiro coa inscrición VOT, coa letra V debaixo. VOT seguido dun numeral, V neste caso, indica o número de anos que o emperador prometeu (fixo votos) de fidelidade. A lenda VOT utilizárona a maioría dos emperadores, votos que realizaban con motivo de acontecementos importantes: vodas imperiais, vitorias do exército, solicitudes de saúde, etc. A letra V (quinquennalia, igual a 5) é o maior número de anos que levaba gobernando. Se figura un X (decennalia) serían 10 anos; se XX (vicennalia), 20 anos. A moeda podemos datala arredor do ano 320 d. C.
 

Cremos que é a primeira moeda romana atopada en Navia de Suarna. Na comarca dos Ancares sabemos dalgunha na Condomiña (Baralla), nas proximidades das Pontes de Gatín (Becerreá) e no castro de Santa María (Cervantes). Fálase doutras moedas atopadas en castros por buscadores furtivos pero das que non existen outras noticiais ademais da oral.

Caio Flavio Xulio Crispo era o fillo primoxénito de Constantino I o Grande e de Minervina. Naceu no ano 305 e morreu no 326. Foi nomeado César polo seu pai no ano 317. No 326 foi acusado de seducir á segunda muller de Constantino, Fausta, polo que o pai mandou axustizalo (uns meses despois tamén mandou executar a Fausta). Constantino I rematou coas persecucións aos cristianos, se ben o seu culto continuou a ser para as divindades romanas.
 

Ademais dos castros romanos ou romanizados, no concello de Navia de Suarna temos outros asentamentos utilizados polos invasores. O máis coñecido é o campamento temporal da Recacha, situado na parroquia de Rao, no límite de Galicia, Asturias e León. Hai algúns anos localizamos unha casa na aldea de Murias que garda varios muíños de man e restos cerámicos romanos procedentes dos montes coñecidos como O Treitoiro e As Pereiras, non moi lonxe da Recacha e de varias explotacións mineiras.
 

Os achados xa foron postos en coñecemento do Concello de Navia de Suarna e do Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia en Lugo. O día 29 de marzo depositamos todas as pezas no Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga para o seu estudo e custodia.

UN CASTRO, UN ASENTAMENTO ROMANO, OU OUTRA COUSA? 

Nas liñas precedentes deixamos entrever as nosas dúbidas canto a que o xacemento de Santa Mariña fose en orixe un castro ou un asentamento romano. En que fundamentamos esta hipótese? Mire por onde se mire, o xácigo de Santa Mariña forma un enorme túmulo (a xeito das mámoas, pero en xigante, co seu enorme anel peristalítico incluído), se lle quitáramos as pedras do muro de "contención" pasaría totalmente desapercibido, semellaríanos unha pequena elevación do terreo como outras tantas que podemos ver por Galicia onde pace o gando ou se plantan cereais. Cando o vimos por primeira vez hai anos, a nosa cabeza voou cara a Roda de Reinante, en Barreiros (catalogado en principio coma un castro), con muro arredor e foxo e que escavacións recentes están a demostrar que se podería tratar dun lugar onde se xuntaba a sociedade prehistórica para reunións de tipo político, social ou relixioso, a semellanza dos henge das Illas Británicas. Pero no que máis teimamos foi no túmulo funerario e ritual de Coeses, en Lugo, case destruído polo Ministerio de Fomento para construír unha estrada o que nos privou de acadar unha información valiosísima. Debemos ter en conta que o túmulo de Santa Mariña ten unha altura mínima, na actualidade, de dous metros, pero debemos considerar que ao longo dos séculos foi moi rebaixado, tanto polas construcións como polos labores agrícolas polo que a súa altura tiña que ser, por forza, moito maior. Se así fose, o sitio arqueolóxico de Santa Mariña de Ribón estaría entre os 4.000 e 4.500 anos de antigüidade. Sería, ademais, un achado excepcional se nos atemos á escaseza deste tipo de estruturas. 

Polo de pronto non nos resta máis ca esperar e facer os posibles para que nalgún momento se acometan os traballos arqueolóxicos para saírmos de dúbidas. 
 


ALTAR PREHISTÓRICO NA CAMPA DO BARREIRO?

Cando documentamos os primeiros petroglifos na comarca galega dos Ancares, situados nos Montes de Robledo, concello de Cervantes, non nos pasou desapercibidas unhas pedras que hai na Campa do Barreiro (a poucos centos de metros das gravuras), unha penichaira localizada a uns 1.100 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Nos Ancares recibe o nome de campa un campo pero de extensión máis ampla, ubicada nunha planicie. A abrupta orografía do terreo obrigou aos seus habitantes a buscar uns lugares aptos para levar o gando e sementar os cereais, actuando moitas veces, ao igual que as brañas e as alzadas, como asentamentos temporais dende finais da primavera ata finais do verán (aínda se poden ver as ruínas das cabanas que utilizaban).   
Como comentamos ao principio, axiña reparamos nunhas rochas que destacaban, solitarias, case no centro da campa. Pero máis que as pedras en si, o que nos chamou a atención foi a súa forma. En efecto, miraramos dende onde miraramos, o primeiro que nos veu á cabeza foi a figura dun "altar". 
Como xa caía o día e aínda tiñamos unha boa camiñada ata onde deixaramos o coche, limitámonos a botarlle unha rápida ollada e a tirar unhas cantas fotos: noutra ocasión xa lle adicaríamos máis tempo. Mais esas, quedámonos con algúns detalles que paso a enumerar:
1. Se pola campa hai esparexidos algúns afloramentos rochosos, só neste, situado no centro, presenta a particularidade de teren forma de "mesa" ou de "altar", cuxa tampa (temos case a certidume) foi colocada por man humana, aproveitando unhas penas chantadas no chan e paralelas entre si para pousala.
2. Debido á irregularidade das penas "fincadas" que actúan como soporte, e para manter a horizontalidade da que fai de mesa, calzáronna con pedras de pequeno tamaño.
3. Na parte superior da tampa hai unha pía que semella artificial. Polo de agora descoñecemos se pode haber algún motivo insculpido xa que o lique cubre a rocha.
4. Por de debaixo,  o chan terreiro ten forma cóncava, pode que producido pola acción dos animais ou das persoas que utilizaron o sitio para acubillarse ou, se cadra, porque tivo outras funcións.
5. Dende a lonxanía apréciase nidiamente un pequeno promontorio de terra, practicamente circular, que arrodea as rochas, a semellanza dun túmulo.
6. Dende a campa, o único lugar chairo da contorna, obsérvase unha ampla panorámica, ademais de seren visible dende lonxe.
7. Ademais da pena con petroglifos (coviñas) que localizamos nas inmediacións, a uns cincoenta metros atópase a Fonte dos Namorados da que, segundo a lenda, cómpre beber tres veces para conseguir o favor da persoa amada. E hai máis, xunto o "altar" unha moura encantou a un xastre.
Cousas da natureza? Coidamos que non. Terá algo que ver coa sociedade que gravou os petroglifos? En Campo Redondo, onde localizamos outras gravuras, estas atópanse insculpidas nun rocha granítica situada, coma no presente caso, no mesmo centro da campa, visible dende lonxe tamén semella un altar.