* Novo libro do noso colectivo

Editado pola Deputación Provincial de Lugo, con prólogo do seu presidente, no mes de xuño de 2021 saíu do prelo o libro "Pedras con lenda" escrito polos integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares Pilar Carpente Leira, José Ángel Fernández Revaldería e Xabier Moure.

Para facer este libro identificamos 1.250 lugares da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, formada polos concellos de Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna, que os nosos antepasados bautizaron cun nome. Para elo consultamos distinta documentación, dende a máis antiga, procedente do mosteiro de Penamaior (Becerreá), do desaparecido mosteiro de San Salvador de Cancelada (Cervantes) e da Casa de Altamira (Navia de Suarna), pasando por preitos, compras, ventas, os Interrogatorios do Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII, a cartografía antiga e actual e, sobre todo, a transmisión oral. No traballo citamos máis de 500, e relacionadas con historias, ritos e tradicións, sempre coas pedras como centro dos relatos, máis de 300. En total revisamos máis de 1.200 documentos que, ademais das pedras, achegáronnos outra información de interese. Tamén se insiren varias fotografías.

O motivo que nos levou a facer este libro é o de tentar preservar e recuperar esta enorme riqueza toponímica arredor das pedras e as historias, lendas, ritos e tradicións que ao longo dos séculos se foron tecendo ao seu redor. Porque para os galegos en xeral, e dos Ancares en particular, as pedras son algo máis ca un mineral: Falan e agochan secretos e misterios. Non é unha esaxeración afirmar que con cada persoa que morre ou abandona o campo, coa apertura dunha nova estrada, pista ou cortalumes, coas plantacións indiscriminadas de árbores alóctonas ou coa galopante despoboación desaparece unha parte da nosa historia. De feito, dos 500 nomes que achegamos no libro, ao menos do 25 por cento xa non queda memoria entre a xente. De todas e todos depende que esa riqueza non queda relegada ao esquecemento.

Durante o mes de xullo de 2021 fixemos a presentación nos tres concellos obxecto do traballo. O día 3 na Casa da Cultura de Becerreá, o 10 na Casa da Cultura de Cervantes, e o 17 na Casa do Concello de Navia de Suarna. Ás persoas asistentes agasallámolas cun exemplar.


APÉNDICES

> Sinalización de bens patrimoniais da comarca
> Nin zoelas en Becerreá, nin Desoncos nas Nogais
> Agresión á Cova dos Cousos (Becerreá)
 
> SINALIZACIÓN DE BENS PATRIMONIAIS DA COMARCA

Faise realidade a proposta que dende a Anpa do CPI de Cervantes e o Colectivo Patrimonio dos Ancares fixemos ao órgano rector da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses para sinalizar, nunha primeira fase, oito bens patrimoniais dos concellos de Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna. Instalaranse oito paneis informativos nas pontes de Cruzul e Gatín (Becerreá), mámoas da Pena dos Mouros e Oural, e petroglifos da Campa do Barreiro (Cervantes), dolmen de Ferreirúas e castro do Teso do Castro ou de Pin (Navia de Suarna). Tamén se colocaron sinais de dirección e indicativas. En todos os xacementos realizaranse periodicamente labores de limpeza. Para o vindeiro ano xa temos confeccionada a proposta para sinalizar máis bens.






 
 
> NIN ZOELAS EN BECERREÁ, NIN DESONCOS NAS NOGAIS
 
Resulta bastante frecuente atoparnos con referencias á parroquia de Ouselle, no concello de Becerreá, como a capital do antigo pobo dos Zoelas (Zoelae en latín), a Ocellum Gallaicorum da Xeografía de Ptolomeo (100-170 d.C.), famosos polo liño que cultivaban e que era moi apreciado en Roma, empregado tanto para a confección de pezas de vestir como para curar feridas. Reforzan esta hipótese coa existencia no municipio do topónimo Liñares, feble exemplo se temos en conta que Liñar, Liñares, Liñariños, etc. témolos por toda a xeografía galega. O mesmo acontece cos Desoncos, unha gens dos zoelas, que algúns, sen base etimolóxica nin arqueolóxica algunha, e só pola fonética (sóalles ben na orella), lévannos para Doncos, no concello das Nogais. Para desenlear o nobelo, nada mellor que unha epígrafe aparecida en Asturica (Astorga).

 

Trátase da coñecida como Táboa de Hospitalidade de Astorga ou Pacto dos Zoelas, dúas inscricións xurídicas reflectidas no mesmo documento en datas distintas, inseridas nunha mesma prancha de bronce de 32 x 24 cm, coroada por un frontón triangular en cuxo interior aparece a data consular. O orixinal atópase no Staaliche Museem de Berlín e unha reprodución no Museo Romano de Astorga. As primeiras referencias que se teñen son as do Corpus Inscriptionum Latinarum (1869), onde indica que procede "de los confines astorganos donde fue llevada a Madrid, antes de mediar el siglo XVII; de Madrid, donde la poseía D. Lorenzo Ramírez de Prado, llevola a Roma Camilo Máximo, patriarca de Jerusalén y allí estuvo en el Museo de Bellorio, hasta que pasó al Real Museo de Berlín, donde se conserva". 

A primeira das inscricións, suscrita no ano 27 d.C., renova un pacto de hospitalidade acordado entre os Desonci/Desoncos e os Tridiavi/Tridiavos, dúas gentilitas do pobo dos Zoelas: "Sendo cónsules Marco Licinio Craso e Lucio Calpurnio Pisón, o 4 das kalendas de maio, a gentilitas dos Desoncos, da gens dos Zoelas, e a gentilitas dos Tridiavos, da mesma gens dos Zoelas, renovaron o seu antigo e vetusto pacto de hospitalidade e todos eles, os uns aos outros, recibíronse na súa fe e clientela e na dos seus fillos e descendentes. Actuaron: Arausa, fillo de Blaceno; Turanio, fillo de Clouto; Dacio, fillo de Elaeso; Magilo, fillo de Clouto; Bodecio, fillo de Burralo; Elaeso, fillo de Clutano, por medio de Avieno, fillo de Pontilo, maxistrado dos Zoelas, feito en Curunda". Na segunda inscrición, do ano 152 d.C., lese: "O 5 dos idus de xullo do ano en que foron cónsules Blabrión e Hómulo a mesma gentilitas dos Desoncos e a gentilitas dos Tridiavos recibiron na mesma clientela e na mesma alianza a Sempronio Perpetuo Orniaco, da gens dos Avolgigoros, a Antonio Arquio da gens dos Visáligos, a Flavio Frontón Zoelas, da gens dos Cabruagénigos. Actuaron: Lucio Domicio Silo e Lucio Flavio Severo, en Asturica".   

Resulta chamativo que este pacto se realice entre dúas partes, a dos Desoncos e a dos Tridiavos, pertencentes á mesma comunidade, os Zoelae, que se comprometen entre si a un acordo, o que deu pé a supoñer que aínda non se comezara a aplicar o esquema administrativo romano con base na Civitas. A segunda inscrición correspóndese co acto de renovación do dito pacto, feito que ten lugar nun ambiente máis romanizado, como así o testemuñan os elementos da onomástica que definen aos interesados que son os mesmos que no caso anterior e que agora actúan en conxunto e realizan pacto con tres individuos concretos, un da gens dos Orniacos e outros dous dos Zoelae. Este pacto non se trata dun acordo entre o poder de Roma e un pobo indíxena, senón que establece un acto de clientela entre gentilitates do Conventus Asturum, ratificado en Asturica Augusta.  

Schulten, Bosch Gimpera, López Cuevillas, Hübner e Monteagudo, entre outros, sitúan aos zoelas cara Bragança, en Portugal (son mencionados no castro de Avelães), tese da que participan as últimas investigacións que amplían a área cara o leste, ata a Terra de Aliste, na provincia de Zamora, e Miranda do Douro. A súa capital, Curunda, onde se asinaron os pactos, estaría entre Bragança e a provincia de Zamora, cuxa área de actuación se ubicaba no Conventus Asturum, con capital en Asturica Augusta (Astorga). Curunda podería ser a citada nunha inscrición atopada nun castro preto de Rabanales de Alcañices (Zamora), e outra en Astorga, lugar onde se atopou a tábula. 

 
Ocellum é un nome prerromano, co significado de cume, monte escarpado, outeiro que, ademais de como topónimo, funciona como epíteto, en ocasións acompañando a unha divindade indíxena como Arentius Ocalaecus ou Arentia Ocelaecca, como acontece coa ara adicada ao Lar Ocaelaego atopada en Vilariño (Sarreaus) e custodiada no Museo Arqueolóxico de Ourense, unha testemuña do sincretismo entre a relixión autóctona (Ocaelaego) e romana (aos Lares) en Galicia, terra onde abundan os topónimos rematados en -ozelo, -ouselle, -oselo... (Arcucelos, Fragoselo, Nocelo, Ouselle...). Ademais do Ocellum Gallaicorum citado por Ptolomeo, o Itinerario de Antonino (redactado entre o 196 e o 217) e o Anónimo de Rávena (do século VII, que manexou documentación de séculos anteriores) citan un Ocellum Duri ou Octoduron, identificado durante moito tempo, non sen polémica, coa cidade de Zamora, un poboado vetón documentado por Estrabón (64 a.C.-19/25 d.C.) no Libro III da súa Xeografía, e por Plinio o Vello (23-79 d.C.) que o describe na súa Naturalis Historia. Posteriormente apareceron outras posibles ubicacións dentro da provincia de Zamora, como Almaraz de Duero e Villalazán. No Itinerario de Antonino menciónase unha calzada dividida en dous tramos: o de Augusta Emerita (Mérida) e Caesaraugusta (Zaragoza) e de Asturica Augusta (Astorga) e Caesaraugusta (Zaragoza). Na punta de intersección das dúas vías atoparíase Oceloduri. Octo- é un deus celta, pero hai autores que opinan que o prefixo ocelo- significa, como apuntamos máis arriba, monte escarpado, outeiro, que tamén se atopa na toponimia. Por outra parte, a palabra Ocelus empregábase como teonimia de Marte en Xermania e na Bretaña. A denominación posterior oceloduri, proveniente de octoduron, é unha corrupción que transforma octo- por ocelo-, co sufixo (durum) que aparece en varios topónimos ao longo dos pobos prerromanos de Europa e que podería significar "forte no promontorio".

 

 

Se ben é certo que en Ouselle está o castro da Croa, a identificación da parroquia con Ocellum débese, unicamente, ao topónimo. O licenciado Molina, na súa Descripción del Reino de Galicia... (1550), tamén di que o lugar onde asenta o castelo de Monterrei é de época romana, chamándoo Ocelum. No castro asturiano do Chao de San Martín (Grandas de Salime, Asturias) apareceu un vaso de cerámica común descuberto nun contexto do século I d.C. que amosa un grafito coa inscrición: "Copiam [.] vriflavienses salvtem ocelae felicieter", que podemos traducir como "Os buroflavienses desexan sorte en abundancia aos de Ocela", o que, segundo algúns investigadores, levarían a Ocellum Gallaicorum para o citado castro; a capitalidade dos buroflavienses identíficase coa Pobra do Burón (A Fonsagrada).

 

 

Por outra parte, García de la Riega, en Galicia Antigua. Discusiones acerca de su geografía y de su historia (1904), di que, aínda que hai quen identifican aos Desoncos co Doncos das Nogais, trátase dun erro debido á analoxía de ambas as dúas voces, pois os Desoncos pertencían á xente dos zoelas (así o demostra o Pacto citado), mentres que Doncos era localidade dos Seurros. Pero este mesmo autor, tamén de forma errada, lévaos para Duancos, parroquia do concello de Castro de Rei.  

A comarca actual dos Ancares estaría habitada polos Seurros Transminienses (para uns unha subdivisión interna dos Seurros, e para outros un pobo distinto), cos núcleos urbanos de Aquae Quintiae (Baños de Guntín) e quizais Timalinus (Baralla), e polos Susarros que ocuparían as montañas do Courel e do Cebreiro, con capital no Castellum Alobrigiaeco (tabulae do Courel). Polo norte terían como veciños aos Egovarros Namarinos que habitarían no Val do Masma e na Serra de Meira, polo sur aos Lemavos cuxa capital, Dactonium, ergueríase, probablemente, no monte de San Vicente do Pino, en Monforte, e polo oeste os Cóporos aos que Ptolomeo lles asigna as localidades de Iria Flavia e Lucus Augusti, que abranguerían, polo tanto, un amplo territorio. Os Seurri son mencionados por Ptolomeo (non deben confundirse co populus galaico dos Seurbi, mencionados por Plinio, pertencentes ao conventus bracarensis), e así constan nas testemuñas epigráficas: "Reburrus Ari Seurus (castello) Narelia" (Hübner, 1869), "Tridiae Modesti f(iliae) Seurr(a)e Transm(iniensi) exs (castello) Serante" (Année Epigraphique), "Q(uintius) Varius Reburri f(ilius) Maternus Seurrus Transmini(ensis)" (Arias Vilas, Le Roux e Tranoy, 1979), "Flaci interciso Seuroru(m) [?]itc Susicus" (Arias Vilas, Le Roux e Tranoy, 1979). 


Segundo E. R. Luján, no seu Pueblos celtas y no celtas de la Galicia Antigua: Fuentes literarias frente a fuentes epigráficas, a etimoloxía do etnónimo Seurri é escura, mais presenta un sufixo -u(r)rus que se atopa nun conxunto de etnónimos da Galicia occidental e Asturias; di que non semella que poida tratarse dunha formación celta.  

Canto aos Susarros, aparecen citados en varias epígrafes, ao que hai que sumar, segundo Correa (2002), a lenda Susarros/Susarres que se atopa en moedas visigodas coa lenda Arros/Arres [...] castellanos Paemeiobrigenses ex gente susarrorum [...] (Aannée Epigraphique), Tillegus Ambati f(ilius) Susarrus (castello) Aiobrigiaeco et Clotus Clutami f(ilius)... Susarru(s) domo Curunniace (Hübner, 1869). O citado Luján di que non resulta posible establecer a etimoloxía do etnónimo, aínda que eiquí semella de raigame celta. 
 
> AGRESIÓN Á COVA DOS COUSOS (BECERREÁ)
 
O día 2 de xuño de 2020, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares achegámonos ata a Cova dos Cousos, en Becerreá, para comprobar o seu estado coa finalidade de solicitar das distintas administracións públicas (Xunta de Galicia e Concello) que se acometan os traballos arqueolóxicos para determinar a antigüidade dos distintos períodos de ocupación.

Lamentablemente, levamos unha desagradable sorpresa ao comprobar que a boca da cova foi utilizada ao longo dos anos para despositar unha enorme cantidade de lixo o que impide practicamente o acceso ao interior.

 

Nos anos trinta do pasado século XX, o mestre do Cereixal, en Becerreá, don Gonzalo Martín March, e o estudante Blas Ferreiro, atoparon anacos de hasta de animais, ósos humanos e varias pezas metálicas, entre outras unha maza e un puñal de antenas de bronce que foi publicado polo historiador Ángel del Castillo no Boletín da Real Academia Galega no ano 1936, e que datou entre o 700-500 antes de Cristo. Mesmo existen referencias da presenza de pinturas rupestres.

 

Entre as decenas de covas existentes na comarca dos Ancares, esta de Furco, xunto coas de Valdavara, tamén en Becerreá, son as únicas onde se ten documentado a presenza humana na prehistoria o que as fan especialmente interesantes. Ademais, a cova está catalogada por Patrimonio dende o ano 1991 polo que goza de protección.

A principios do ano 2000, a Consellería de Industria ditou unha resolución pola que fixo pública a declaración de impacto ambiental do proxecto da canteira de Furco onde se localizan varias covas, establecéndose unha serie de cautelas arqueolóxicas como o control de voaduras, prohibición de explanacións e amoreamentos, etc. A explotación desta canteira xa provocou no seu momento a destrución total dun dos castros máis espectaculares, pola súa tipoloxía, da comarca dos Ancares, polas fotos do voo americano dos anos 1956-57 sabemos que era de forma elíptica, cunha lonxitude de 170 metros e unha anchura máxima de 75, apreciándose unhas potentísimas murallas.

 
 

Xa preparamos un informe dirixido á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e ao Concello de Becerreá para que se proceda á retirada do lixo, solicitándolle tamén que se acometan os traballos arqueolóxicos para estudala e poñela en valor.
 

MOVÉMONOS POLA VÍA ROMANA XIX

Dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares iniciamos unha campaña para dar a coñecer e valorizar a vía romana XIX ao seu paso pola comarca dos Ancares. Inaugurada no ano 11 d. C., é a máis antiga das tres vías principais documentadas en Galicia que unían as capitais dos tres conventos xurídicos da Gallaecia romana: Bracara Augusta (Braga), Lucus Augusti (Lugo) e Asturica Augusta (Astorga).

 

Como primeiro paso imos presentar aos concellos de Baralla, Becerreá e Cervantes a nosa proposta de revalorización. Despois poremos en marcha unha serie de iniciativas para dala a coñecer, comezando o día 26 de agosto cunha andaina entre O Comeal e Doiras, dentro dos actos da Festa da Involución Educativa, pola defensa do ensino público de calidade na Montaña, organizadaa dende hai anos pola Anpa do CPI de Cervantes, onde contaremos cun experto no tema. A principios do mes de setembro farase unha marcha ciclo-turística. Tamén confeccionamos uns dípticos e temos programadas varias charlas informativas.

Toda a información sobre esta vía e a época romana nos Ancares pódese consultar nas entradas deste blog:

  
A continuación achegamos os mapas co itinerario entre O Comeal (entrada na Galicia actual) e Lugo. Distribuídos en cinco etapas, foron modificados por nós a partir de Rodríguez Colmenero e Álvarez Asorey, publicados no seu traballo Vía romana XIX. Unha viaxe dende Lugo aos Ancares, seguindo as pegadas de Roma (2008). Tamén estamos a confeccionar os mapas coas vías secundarias que, partindo da principal, discorrían por outras zonas: Dende O Comeal, pasando por Riamonte e Vilaspasantes ata o Fabal; e dende Baralla, pasando por Covas e a Ponte de Carracedo. Tamén comezamos a traballar sobre un ramal que discorría polo concello de Navia de Suarna.

Ao principio de cada etapa indicamos as modificacións e engadidos que plasmamos nos mapas, ademais doutros datos de interese sobre os xacementos situados a carón ou nas proximidades da vía, entre outros, os castros e as explotacións mineiras o que subliña a importancia desta ruta que comunicaba e controlaba os principais núcleos mineiros.

PRIMEIRA ETAPA: ALTO DO COMEAL - DOIRAS

Neste tramo engadimos no mapa os castros e as explotacións mineiras de época romana próximos á vía. Tamén o campamento temporal da Cortiñas dos Mouros, lindeiro co Bierzo. No Comeal localizouse un Agger orixinario da calzada de 100 metros de lonxitude ben conservado e catalogado por Patrimonio.

 

SEGUNDA ETAPA: DOIRAS - AS PONTES DE GATÍN

Indicamos os castros e as explotacións mineiras que abeiraban a vía. En documentos do pazo do Fabal figura, a partir do século XVI, entre outros nomes o de vía romana. A maiores achegamos o xacemento do Teso do Castelo onde localizamos dúas moedas, unha de época romana, anacos dun recipiente con po de ouro e restos de muros. No concello das Nogais, no límite con Cervantes e Becerreá (moi cerca das Pontes de Gatín), documentamos os restos dunha posible vila, recollendo parte dun muíño circular e abundante tégula, cremos que pertencente a unha sepultura. Rodríguez Colmenero e Álvarez Asorey sitúan nas Pontes de Gatín a mansión citada no Itinerario de Antonino de Ponte Neviae. No medio da ponte érguese un monolito, pode que reutilizado, cunha inscrición de tempos de Carlos III.

 

TERCEIRA ETAPA: AS PONTES DE GATÍN - TIMALINO

Ademais dos castros situados nas inmediacións da vía, incluímos un xacemento que foi destruído cando as obras da A6 no ano 1999. Trátase do asentamento do Enciñal, en Cadoalla, onde saíron á luz varias estruturas habitacionais e outros materiais de época romana; o camiño que pasaba ao seu carón aínda se denomina como Camín da Antiga. Na finca Vilarín, en Ouselle (que erradamente adoita identificarse coa capitalidade dos zoelas), onde Rodríguez Colmenero e Álvarez Asorey sitúan unha Mutatio, apareceu un baixorrelevo do século I-II d. C. que foi reutilizado na construción do forno dunha olería do século III. Como se pode ver no mapa, os mesmos autores ubican a mansión de Timalinus na Pena; nós cremos que estaría no Agro da Pedreda (A Condomiña) onde no 1932, cando a construción da estrada entre Baralla e O Cádavo, saíron á luz columnas, ladrillos, tégulas, fragmentos cerámicos, anacos de mosaico e moedas (temos localizadas varias pezas en distintos lugares de Baralla e Becerreá). En Carballedo apareceu o fragmento dunha ara romana, desaparecida. No ano 1906, o párroco de Penarrubia descubriu unha ara aos Lares en Papín, custodiada no Museo Provincial de Lugo.

 

CUARTA ETAPA: TIMALINO - TÓRDEA

Completamos o mapa cos castros e as explotacións auríferas próximos á vía. No lugar da Torre, en Tórdea, atopáronse restos de tella e cerámica romana. No interior da igrexa de San Tomé de Tórdea, na capela absidial, consérvanse dous anacos de miliarios anepígrafes, e outros dous nas inmediacións, un deles nunha casa particular.

 

QUINTA ETAPA: TÓRDEA - LUGO

Engadimos os castros. Nas proximidades da ermida das Virtudes apareceu unha ara votiva a Mercurio que foi estudada pola museóloga e conservadora do Museo Diocesán Catedralicio de Lugo, Carolina Casal Chico. En Arxemil e Castrillón documéntanse varios miliarios, un adicado a Adriano. En Franqueán localizouse outro adicado a Marco Aurelio Caro. Xunto a igrexa parroquial de Franqueán apareceu unha necrópole de inhumación formada por sepulcros construídos con laxas de pedra fincadas no chan, con base horizontal de tégulas. A ponte medieval dos Galiñeiros é de orixe romana.


https://www.elprogreso.es/articulo/a-montana/patrimonio-ancares-pondra-valor-via-xix/201807051413461321777.html


http://www.xornaldelugo.com/ciclistas-amateurs-percorren-a-via-romana-xix-cunha-ruta-btt/

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/2018/12/05/deputacion-quere-potenciar-via-romana-xix-ao-seu-paso-polos-ancares/00031544043334205648813.htm


VI FESTA DA INVOLUCIÓN EDUCATIVA 2018

O día 26 de agosto de 2018 celebramos a VI Festa da Involución Educativa organizada polo CPI de Cervantes, o CDR Ancares e o Colectivo Patrimonio dos Ancares, e coa colaboración da Fundación Xosé Soto de Fión, propietaria do castelo de Doiras. 

 

A xornada comezou ás 10:30 horas cun percorrido duns 10 quilómetros por un tramo da vía romana XIX entre O Comeal e Doiras.

 


 

Xa no castelo de Doiras, deuse unha charla explicativa sobre a vía dende a súa entrada en Galicia ata Lugo, así como dos elementos patrimoniais (castros, minas auríferas, mansións, epígrafes, etc.) que aínda se conservan ao redor desta vía, a máis antiga das tres que discorrían por Galicia, inaugurada no ano 11 d.C. Aos presentes agasallóuselles co libro escrito polo profesor Antonio Rodríguez Colmenero e o arqueólogo Rubén D. Álvarez Asorey: Vía romana XIX, unha viaxe dende Lugo aos Ancares, seguindo as pegadas de Roma. 

Despois do xantar, actuación no patio de armas do castelo de Doiras do mago Antonciño e música de Son de Cores e Os Xardois. 

 

A xornada discorreu nun ambiente lúdico-festivo, reivindicando a defensa do ensino público na Montaña. Aos actos asistiron os alcaldes de Cervantes e de Balboa (O Bierzo) quen amosaron toda a súa disposición para a posta en valor do patrimonio común como é o caso da vía romana XIX e o campamento temporal de época romana da Cortiña dos Mouros.
 
I XORNADAS DE ARQUEOLOXÍA E HISTORIA DE ANCARES

Organizadas polos Concellos de Balboa e Vega de Valcarce (O Bierzo-León), o Concello de Cervantes (Lugo), a Anpa do CPI de Cervantes e o Colectivo Patrimonio dos Ancares, e coa colaboración da Deputación Provincial de Lugo, a Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e o IES de Becerreá, os días 4 e 5 de maio de 2019 tiveron lugar as "I Xornadas de Arqueoloxía e Historia de Ancares". Esta primeira edición versou sobre "A vía romana XIX e a Época Romana de Ancares" que se celebrou en dous escenarios.

 


O sábado día 4 foi na Casa da Cultura de San Román de Cervantes. Pola mañá, despois da presentación das xornadas a cargo de Xabier Moure, do Colectivo Patrimonio dos Ancares, o profesor Antonio Rodríguez Colmenero, unha das maiores autoridades na Época Romana en Galicia, pronunciou unha charla baixo o título “Estado da rede viaria romana no noroeste peninsular: estado da cuestión”. A continuación, alumnas do IES de Becerreá presentaron unha exposición do proxecto “Vía romana XIX onde amosaron uns aparellos, feitos polos alumnos, utilizados polos romanos na construción das vías romanas e outras pezas da época. Acto seguido, o arqueólogo da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, D. Rubén D. Álvarez Asorey, falou sobre as “Características e traza da vía romana XIX do Itinerario de Antonino”.

   

 


Despois de xantar en San Román de Cervantes, os asistentes partimos para o castro de Santa María, onde o arqueólogo e director de Terra Arqueos, Luis F. López González falalou, no mesmo asentamento, das “Campañas arqueolóxicas no castro mineiro de Santa María de Cervantes”. No pasado mes de outubro, a Anpa do CPI de Cervantes e o Colectivo Patrimonio dos Ancares solicitámoslle á Xunta de Galicia a súa declaración como Ben de Interese Cultural. No mes de decembro saíu publicada a proposta de declaración no Diario Oficial de Galicia, e no mes de febreiro no Boletín Oficial do Estado polo que a súa declaración como BIC é inminente. Dos preto de 1.300 castros documentados na provincia de Lugo, só gozan desta distinción o de Fazouro, en Foz, e o de Viladonga, en Castro de Rei. 

 


Neste primeiro día a afluencia superou todas as nosas espectativas, con máis de 80 participantes. 

O domingo día 5, a xornada comezou cunha andaina por uns tramos espectaculares da Vía romana XIX, guiada por Rodríguez Colmenero e Álvarez Asorey, entre O Comeal (Cervantes) e A Braña (Vega de Valcarce-O Bierzo). Rematada a camiñada, os asistentes (preto de 100 persoas) dirixímonos ata Balboa (O Bierzo), onde xantamos.


Pola tarde, en La Casa de las Gentes de Balboa, o arqueólogo da Junta de Castilla y León, Julio Vidal, falou dos “Campamentos temporais de época romana”. A continuación, o arqueólogo do Instituto Leonés de Cultura, Jesús Celis, pronunciou unha charla sobre os “Castros do Bierzo”. Ás oito da tarde clausuráronse as xornadas. 

 


Estas xornadas tiveron a particularidade de contar coa participación dos tres concellos que forman a comarca natural dos Ancares, dous do Bierzo (León), e outro da parte galega. En Galicia, o único tramo (agger) da Vía Romana XIX catalogado pola Xunta de Galicia ata Lugo atópase no Comeal (Cervantes). Na parte do Bierzo, en A Braña (Vega de Valcarce), se ben xa se documentara unha potente plataforma da vía, uns lumes acontecidos no ano 2018 sacaron á luz un impresionante tramo de varios centos de metros practicamente inalterado ao longo de 2.000 anos. Ademais, nas inmediacións apareceu gran cantidade de tégula romana o que fai pensar que podemos estar ante unha mutatio (establecemento nas vías romanas para descansar, cambiar os cabalos, etc.).

 


A Vía Romana XIX unía as capitais dos conventos xurídicos de Asturica Augusta (Astorga) e Lucus Augusti (Lugo), é a máis antiga das tres vías principais que artellaban Galicia (xunto coa XVIII e XX), inaugurada no ano 11 despois de Cristo, que ademais das dúas capitais citadas comunicaban tamén coa do convento xurídico de Bracara Augusta (Braga).
  
 

Nesta zona dos Ancares, nas proximidades da Vía XIX, documéntanse máis de 50 explotacións mineiras, varios castros romanizados, e dous espectaculares campamentos temporais do exército romano: o da Serra da Casiña, en Balboa, e o da Cortiña dos Mouros, entre Balboa e Cervantes. 

Na última reunión celebrada entre os Concellos de Cervantes, Balboa e Vega de Valcarce, a Anpa do CPI de Cervantes, e o Colectivo Patrimonio dos Ancares, acordouse poñer en valor e potenciar esta fundamental vía de comunicación e convertela nun atractivo arqueolóxico de primeira orde, ademais doutros bens patrimoniais que se atopan ao longo do seu percorrido. 

A Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Cervantes editaron 5.000 folletos con información e mapas co percorrido da vía entre O Comeal (Cervantes) e As Pontes de Gatín (Becerreá).


https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/2019/04/13/hallan-posible-posada-romana-via-xix-os-ancares/0003_201904L13C4991.htm
 

https://www.elprogreso.es/articulo/a-montana/incendios-2017-sacan-luz-tramo-via-xix-cervantes/201905052010521374666.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/2019/05/06/caminando-pola-via-xix-ancares/00031557134896793959163.htm

DÍA DO LIBRO 2019

Un ano máis, o 23 de maio celebramos en San Román de Cervantes o Día do Libro. Cun salón do edificio de servizos múltiples a tope, as persoas asistentes foron agasalladas co libro Vía romana XIX, unha viaxe dende Lugo aos Ancares, seguindo as pegadas de Roma, de Rodríguez Colmenero e Álvarez Asorey, co emotivo discurso Cervantes, o paraíso que non está perdido, pronunciado por Helena Villar Janeiro, e co noso libro, recén saído do prelo, Cervantes, un concello con historia.

 

EN BICI POLA VÍA ROMANA XIX

O día 14 de setembro de 2019, as amigas e os amigos da Agrupación Deportiva Bike Stop fixeron, por segundo ano consecutivo, unha ruta de 100 quilómetros pola Vía Romana XIX, entre O Comeal (Cervantes) e Lugo. Dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares agradecémoslle o seu desinteresado traballo para dinamizar e poñer en valor esta bimilenaria vía de comunicación.


https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/lugo/2019/09/12/cien-kilometros-via-romana-xix-bicicleta-os-ancares-lugo/00031568314020102504732.htm

POR CERVANTES CON ROXÍN ROXAL

O día 13 de outubro de 2019 tivemos a honra de acompañar á xente da Asociación Roxín Roxal por un tramo da Vía romana XIX, ao castelo de Doiras e ao castro e á igrexa de Santa María do Castro, en Cervantes. Vaia dende eiquí o noso agradecemento ás persoas asistentes que nin a choiva nin a néboa foron quen de arredar. Non nos esquecemos do magnífico labor d@s integrantes de Protección Civil de Cervantes, nin de Ramiro, o párroco de Santa María, que nos emocionou coa defensa destas terras e das súas xentes.






RUTAS POLA VÍA ROMANA NO ANO 2021

Despois do parón imposto pola pandemia, retomamos as andainas para recuperar a Vía XIX que comunicaba as capitais dos conventos xurídicos de época romana de Asturica Augusta (Astorga) e Lucus Augusti (Lugo). O 19 de xuño de 2021 realizaremos o tramo entre Doiras (Cervantes) e As Pontes de Gatín (Becerreá), cun percorrido de 18 quilómetros e unha dificultade media a baixa. En edicións anteriores xa realizamos os tramos entre A Braña (O Bierzo) e O Comeal (Cervantes), e entre O Comeal e Doiras.

Estas actividades están encadradas dentro do que denominamos como "Movémonos pola Vía Romana XIX" que en varias etapas entre os meses de xuño e setembro percorreremos polos concellos de Cervantes, Becerreá, Baralla, Castroverde, O Corgo e Lugo.

As andainas están organizadas pola Anpa do CPI de Cervantes, Amigos do Patrimonio de Castroverde, Arumes do Corgo e Patrimonio dos Ancares. Neste tramo colaboran a Deputación Provincial de Lugo, Concello de Becerreá, Concello de Cervantes, CDR Ancares, Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Rente ao Couce.