MÁMOAS E CASTROS DO CONCELLO DE PEDRAFITA DO CEBREIRO

MÁMOAS E ANTAS 

MONTE DA MEDORRA
Este topónimo atopámolo en Rubiais, parroquia de Zanfoga, a 1.161 metros de altitude. Na actualidade non existen pegadas de mámoa algunha. Quizais o único resto sexa unha pedra que atopamos a uns 75 metros de distancia que puidera corresponder ao esteo dun posible dolmen pero, ao atoparse fóra dun contexto arqueolóxico claro, non podemos afirmalo con seguridade. Nas inmediacións tamén se conservan os microtopónimos de Corgo da Medorra e Rego da Medorra. Non se coñece folclore.

 
A TORRE
Na aldea de A Torre, parroquia de Lousada. Só temos unha referencia oral, pero no sitio indicado non atopamos restos.
 
AS PRIMEIRAS MÁMOAS DE PEDRAFITA DO CEBREIRO 
O día 16 de setembro de 2020, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares documentamos dúas mámoas no concello de Pedrafita do Cebreiro, unha no límite co Bierzo (León). A primeria foi no monte Riba do Santo, a 1.350 metros de altitude, xusto no límite entre a parroquia do Cebreiro e La Laguna, no concello berciano de Veiga de Valcarce. De forma tirando a ovalada, ten unhas medidas de 15 por 12 metros, e unha altura de un metro. No centro obsérvase un pequeno cráter de violación. Foi alterada por unha plantación de piñeiros. 
 
A segunda mámoa localizámola na parroquia de Pacios, a 1.175 metros de altitude, no monte co evocativo nome de A Medorra, clara alusión a un primitivo enterramento. Cuberta pola maleza, ten uns 16 metros de diámetro e unha altura de 1,20 metros. Nun monte situado a uns 350 metros de distancia había outra mámoa que, debido aos traballos agrícolas desapareceu hai uns 70 anos.
 
 
 
 


PETROGLIFOS

O RELEVO DE SALCEDO, NO CEBREIRO, INTERPRETADO ERRONEAMENTE COMO UN PETROGLIFO 
 
Toda a información sobre esta peza no noso blog:

https://arqueoloxiadosancares.blogspot.com/2011/01/o-cebreiro-entre-historia-e-o-mito.html

 

 
 
CASTROS 

CASTRO DA TORRE
Na parroquia de Lousada. A 1.046 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Ocupa a parte final dun esporón do río Lor que se adapta á orografía do terreo. Apréciase unha dobre muralla circunvalada por un foxo, tamén dobre. Conserva restos duns muros que puideron pertencer a unha torre de vixiancia. Ten unhas medidas aproximadas de 150 metros no eixo máis grande e de 90 metros no menor. 
 


CASTRO DE CERRACÍN
Situado a 934 metros de altitude, entre as aldeas de Santalla, na parroquia de Lousada, e dos Casares, na parroquia de Zanfoga, sobre o río Lor e o rego das Forcas. Presenta varios aterramentos. Xunto coas murallas dos socalcos que arrodean o castro, o sistema defensivo complétase con dous foxos. A impenetrable matogueira e a mesta arboreda non permite saber se no interior agocha algún tipo de elemento construtivo. A 40 metros do castro da Chan da Pena.
Ao pé do castro hai unha cova onde, segundo a lenda, está agochado un tear de ouro.

 


CASTRO DE CHAN DA PENA OU DA CHAN DO CASTRO
Na aldea de Santalla, na parroquia de Lousada, a 829 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Érguese nun esporón de xisto sobre o río Lor. O esporón está illado do resto do monte por un foxo na parte NO. O resto do recinto está protexido por boas defensas naturais. De difícil acceso, está cuberto pola matogueira. A 430 metros do castro de Cerracín.
Segundo os veciños, a muralla que o arrodeaba foi construída polos mouros.

 


CASTRO DE VILELA
Na parroquia de Lousada. Recibe o nome pola aldea limítrofe de Vilela, no concello de Folgoso do Courel. A 994 metros de altitude.
Bastante alterado polos camiños de acceso ás fincas inmediatas. Situado sobre un outeiro alongado que domina o val do río Lor. Consta dun pequeno recinto ou antecastro e un recinto pirncipal no que se distribúe o espazo en distintos niveis, cunha pequena explanada no cume e un segundo nivel de dimensións máis amplas cara o noroeste que se adapta á morfoloxía do terreo. Delimitado no noroeste por unha serie de foxos realizados mediante forza hidráulica, no norte por talude natural e reforzado por aterrazamentos. Polo sureste remata nun forte aterrazamento disposto a xeito de bastión.

 


CASTRO DE LOUZARELA
Na parroquia de Louzarela. A 1.036 metros de altitude, sobre o río Louzarela.
Moi alterado polo núcleo de poboación de Louzarela, presenta un recinto protexido por un terraplén. Polo sur ten un parapeito. 

 


CASTRO DO PICO DA ESCRITA OU TRALOCASTRO
Na parroquia de Pacios, na estrada que vai de Pacios a Seixo. A 1.114 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Ocupa un outeiro calizo, non moi lonxe dun curso de auga. Ten unhas medidas aproximadas de 120 metros no eixo máis longo e de 70 no menor. Polo sur apréciase o que puido ser un parapeito e un foxo, hoxe en día ocupado por un camiño que circunvala o castro. O resto do asentamento está defendido polo desnivel do terreo.
Peiteado o castro polo miúdo, na procura dalgunha pedra cunha inscrición ou con gravuras, polo de agora non atopamos nada que nos puidera dar unha pista sobre o microtopónimo "Escrita". Os afloramentos que hai na parte máis alta foron utilizados para extraer pedra para os peches das fincas.

 


CASTRO DO CASTRILLÓN
O día 8 de xaneiro de 2020 os do Colectivo Patrimonio dos Ancares documentamos un novo castro no concello de Pedrafita do Cebreiro. A súa localización foi grazas á etimóloga Dolores González quen nos informou da existencia do microtopónimo O Castrillón, entre as aldeas de Padornelo e Sabugos. Está situado a unha altitude de 1.230 metros, e a uns 350 metros do Camiño Francés de Santiago. Achegados ata o sitio puidemos comprobar que se trata dun castro de forma ovalada cunhas medidas aproximadas de 115 por 75 metros, protexido polo norte polo regueiro da Grovia e polo sur-este por potentes terrapléns e o pronunciado desnivel do terreo. Pola cara oeste, debido a que o asentamento foi utilizado para os labores agrícolas, perdeu parte do sistema defensivo. 
 
Este castro do Castrillón é o situado máis ao norte do municipio. A pouco máis de 200 metros temos o topónimo O Tombelo, pode que unha variante de tumba, alusión a un enterramento do período Neolítico. Aínda que non atopamos restos, informáronnos que no sitio había, ao menos, dúas mámoas que foron destruídas ao facer un tendido eléctrico de alta tensión e polos labores agrícolas. Xa llo comunicamos a Patrimonio para que proceda á súa catalogación.  
CASTRO DO PAREDÓN OU DA PENA DAS ABELLAS
En Riocereixa de Riba, parroquia de Riocereixa. A 999 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Situado sobre un outeiro calizo que domina o val do río Lor. De forma ovalada, ten unhas medidas aproximadas de 130 metros no eixo máis longo e de 80 metros no menor. Unha potente muralla de pedra e terra arrodea todo o recinto, facendo a función de socalco o que incrementa a verticalidade natural. As defensas complétanse cun foxo polo SL e o desnivel do terreo. 
A croa adicouse a pasto e o resto está ocupado por monte baixo e rebolos. Foi alterado pola estrada local a Riocereixa e por un camiño que bordea parcialmente o xacemento. O castro foi romanizado.
A uns 100 metros en liña recta atópase a corta de prospección de época romana de Tras das Torres, e a uns 500 metros a Cova  da Tara.

 


CASTRO DAS TORRES OU DE SAN PEDRO
Situado entre as aldeas de San Pedro e de Riocereixa de Baixo, na parroquia de Riocereixa, a 1.000 metros de altitude.
Trátase dun asentamento duns 105 por 77 metros que ocupa un pequeno outeiro xistoso por riba do regueiro do Faro e adaptado ao terreo, construíndose aterrazamentos para conseguir unha pequena superficie horizontal para erguer as vivendas. Os socalcos actúan como límite da muralla defensiva. Polo oeste ten dous foxos escavados na rocha. Inzado pola matogueira.
Unhas veciñas contáronnos que uns furtivos, dotados cun detector de metais, atoparon varias moedas, ao parecer de época romana. Tamén nos falaron dunha lenda que di que no lugar os mouros soterraron unhas virxes de ouro.

 


CASTRO DO IGREXARIO
Na parroquia de Zanfoga, preto do regueiro Brañadas.
Moi alterado por terras de cultivo, a igrexa e o cemiterio.




Colectivo Patrimonio dos Ancares
Mámoas e castros do concello de Pedrafita do Cebreiro